Carlos Quiroga gaña o XXV Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

“O xurado do XXV Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais nomeou como gañadora a obra titulada A costela galega de Eça de Queirós, de José Carlos Quiroga Díaz, por tratarse dun ensaio formalmente ben estruturado, con rigor científico e destinado a un público amplo de Galiza e Portugal, que demostra a raíz galega de Eça de Queirós, con abundante documentación tanto administrativa como histórica. No deseño desa xenealoxía tamén se fai un pormenorizado retrato das relacións comerciais, culturais, sociais e humanas entre o sur de Galiza e o norte de Portugal entre os séculos XVII e XIX, cuestionando mesmo a idea de fronteira.
Concede tamén os seguintes accésits, con dereito á publicación:
· Da ría ás Rías Baixas. Paisaxe, turismo e territorio, primeiro accésit de Breixo Martins Rodal, polo seu rigor científico e porque senta as bases para posíbeis investigacións futuras.
· O Corpus Christi de Allariz, segundo accésit de Juan Antonio Seara Ferro, polo tratamento de documentación inédita que realiza sobre esta temática.”

Lugo: “Nós e Vicente Risco. 100 anos de pensamento”

“O ocultismo na vida e na obra de Vicente Risco”, con Félix Castro Vicente

Desde a Televisión de Galicia:
“O escritor, investigador musical e etnógrafo ourensán Félix Castro Vicente profunda na relación de vicente Risco co mundo do ocultismo e no Arquivo de Memoria Histórica de Salamanca, atopou algunhas das epístolas que este mantivo con Manuel Treviño, quen fora o fundador da Rama Teosófica madrileña. Tamén da conexión co Grupo Marco Aurelio de Pontevedra. Todo reunido na obra O ocultismo na obra de Vicente Risco. Do doutor Alveiros á Porta da Palla, co que acadou o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais. A entrevista pode verse aquí.”

As Fundacións Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao e Otero Pedrayo reciben o Premio Otero Pedrayo 2020 en homenaxe á Xeración Nós

Desde a Xunta de Galicia:
“As fundacións Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao e Otero Pedrayo son os gañadores da edición dos Premios Otero Pedrayo 2020, que recoñecen o seu papel de difusión do legado dos principais persoeiros da Xeración Nós. Así se decidiu hoxe na reunión do xurado na que participaron de xeito telemático o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Ademais, fixéronse dúas mencións, unha ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (centro museístico do Estado e de xestión autonómica), e outra ao Concello de Cambados.
A entrega do Premio Otero Pedrayo será o 30 de outubro en Ourense, se a situación sanitaria o permite. Está promovido pola Xunta de Galicia e as catro deputacións provinciais. Instaurouse en 1977, converténdose no premio cultural máis lonxevo de Galicia, e ten como obxectivo perpetuar e honrar a memoria de Otero Pedrayo, recoñecer o labor de contribución eminente á cultura e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.”