Desde Galicia Confidencial:
“O novo Premio Nacional das Letras, Manuel Rivas, asegura que a lingua está “a pasar unha época crítica” na que se utiliza “para pavimentar o odio”. O escritor considera que desde a literatura débese contribuír a “manter o sentido das palabras” porque serve para “ver o que non está ben visto porque está oculto, camuflado, escondido ou porque incomoda”.
Rivas explica que a literatura ten un dobre sentido, porque pode utilizarse para “descontar aquilo que non se quere ver”, pero para el os seres humanos somos “seres moi estraños e non hai nada como a literatura para aproximarche a esa estrañeza”. Ademais, o narrador e poeta defende a súa lingua, o galego, e expón que se atopa en “un proceso de extinción”, polo que “a literatura é máis necesaria que nunca para revertelo”.
O autor atópase na Feira de Sevilla para presentar a súa última novela, Tras do ceo. Foi alí onde coñeceu a noticia: “En plena treboada sevillana chamoume o que pensaba que era un primo bromista dicindo que gañara, pero era o ministro de Cultura. Foi unha treboada creativa”. Á súa vez, asegura que a primeira persoa en saber que recibira o galardón foi a súa muller, Isabel, porque considera que é “un premio compartido, sen ela o traballo de escritor non sería posible”.
Rivas confesou que o primeiro no que pensou ao gañar o premio foi na súa infancia. “Situeime na casa dos meus pais, en Elviña (A Coruña), cando empecei a soñar con ser escritor”, relata o autor: “O meu pai sempre volvía empapado do traballo e dicíame ‘busca un traballo onde non te molles’. E eu empecei a facer xornalismo pensando que non me ía a mollar, pero non estiven acertado.Cos 50.000 euros do galardón o autor espera tapar pingueiras, porque explica que “como bo galego” sempre lle persegue “unha pingueira”.
O xurado do premio Nacional das Letras premiou a Manuel Rivas pola súa “pluma que, sen adoutrinamento, axita conciencias”, algo que non sabe se é certo. “Houbo días nos que pensaba que a literatura podía influír na sociedade”, conta o escritor, que admite que agora o que pensa é que o primeiro compromiso do escritor “é escribir e non desapegarse da vida” pero que non descarta que as letras poidan influír na mirada.
Rivas asegura que a experiencia de escribir cambia o seu propio sentido ao “ver cousas que antes non vía e percibir cousas que antes non vía”. “Ti non podes ser libre se a xente que está á túa ao redor está a ser oprimida. A liberdade ten unha dimensión solidaria, o facer o que che dá a gana non é liberdade, é pisar. Todo isto para o meu ten que ver coa literatura”, explica o escritor.
Manuel Rivas lembra o seu primeiro premio como poeta aos 17 anos, o Premio de Poesía Nova de O Facho, co que foi feliz porque puido comprarse “un pantalón de pana e unha camisa de felpa, de cadros”. O autor asegura que todos os premios que viñeron despois son galardóns aos que non se presentou senón polos que lle elixiron, polo que di que non vai “estar pendente do seguinte”.
“Para escribir tes que estar espido, sen contemplacións”, explica Rivas, pero tamén agradece o recoñecemento: “Hai un poema que me gusta moito de René Char que di ‘No meu país danse as grazas'”.”
Arquivos da etiqueta: Galicia Confidencial
Luís Álvarez Pousa: “O problema das redes sociais é saber se a información producida por elas é fiable”
Entrevista de Moncho Mariño a Luís Álvarez Pousa en Galicia Confidencial:
“(…) – Galicia Confidencial (GC): No teu libro apuntas á “industria da informacíón” nun contexto como o actual onde conviven medios “tradicionais” e as novas plataformas online. Estase producindo un traspaso desde os medios “tradicionais” ás novas empresas?
– Luís Álvarez Pousa (LAP): A industria da información deberase entender desde o punto de vista de que a información está producida por empresas cun obxectivo, ter beneficios, como calquera outro tipo de empresa. As novas tecnoloxías trouxeron novas plataformas como Amazon, Google ou Facebook ou Twitter que entraron no campo da produción de información cos mesmos obxectivos de carácter económico. Así pois, tamén forman parte da industria da información. (…)
– GC: Hoxe está en boca da maioría o fenómeno da Intelixencia Artificial, mesmo hai científicos que traballaron neste campo avisando do perigo para a emisión de información que pode ter a IA. Ves a IA como un perigo e mesmo unha fonte de desinformación?
– LAP: Digamos que a Intelixencia Artificial, o mesmo que cando falabamos no seu momento do fenómeno internet, vai ser boa ou mala dependendo de como se utiliza. Potencialmente, e relacionado co mundo da información, é un perigo a falta de regulación sobre ela en diferentes campos sobre os que se pode aplicar. No caso da información, paréceme moito máis grave que non estea regulada por lei, pois isto incentiva o que a IA está sendo xa, aquilo denominado postverdade. É dicir, a facilidade dos novos mecanismos tecnolóxicos, neste caso da IA, que poidan funcionar recreando mundos virtuais á marxe da mente humana. Se estamos xa nun xogo de postverdades no sentido de que todo aquilo facilitador da emoción é o máis consistente e por tanto, debemos esquecer poder vivir coa verdade e buscando a verdade das cousas, coa IA dentro dos medios de comunicación podemos estar multiplicando esa falsa realidade. Á parte, esa falsa realidade pode chegar a nós sen darnos de conta, sen sabermos que é ficción e que é real. Por tanto, estaremos nas mans das máquinas e estaremos malvivindo.
– GC: Os gobernos, sobre todo nos países occidentais, teñen suficiente poder para frear tanto os conglomerados como oligopolios empresariais detrás de grandes medios?
– LAP: Os gobernos teñen o poder que lles dá a sociedade aos poderes públicos para lexislaren en calquera sector onde estea en xogo a calidade da democracia e dos bens públicos. Mais eses poderes públicos durante moito tempo facilitaron que hoxe en día, dentro do mundo da comunicación, se formasen grandes conglomerados de empresariais con poderes ás veces maiores que o dos mesmos estados e iso é un perigo moi grande. Son grandes corporacións infiltradas por poderes económicos e de carácter financeiro que reduplican ese poder. Por exemplo, nos consellos de administración de moitos medios actuais en España están presentes como accionistas e con capacidade para impoñer unha liña editorial, representantes de bancos entre outros, por tanto, considero que os gobernos teñen por diante unha tarefa difícil. Mais chegou un momento en que é tan visible ese contrapoder externo á propia dinámica democrática é á propia vida política que é necesario paralo. Para iso, os gobernos deberan facer aquilo que a cidadanía lles damos a oportunidade de facer, regular ese campo. (…)”
A xornalista Mar Mato recibe o XX Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego
Desde Galicia Confidencial:
“A xornalista Mar Mato foi galardoada este martes co XX Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego polo seu artigo Réquiem por un sombreiro publicado no Faro de Vigo.
A xornalista recibiu este martes en Vigo o galardón, nun acto no que estivo acompañada polos finalistas Manuel Varela e Begoña R. Sotelino; o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet; ou director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar; así como os integrantes do xurado.
En concreto, tal e como sinalou Afundación nun comunicado, integraron o xurado Víctor Freixanes, presidente e vogais como Fina Casalderrey, María Varela, Gloria Rodríguez López ou Xosé Carlos Caneiro.
A Obra Social de Abanca incidiu en que “con cada edición deste galardón” que convoca, contribúe a dinamizar o panorama cultural de Galicia. “E iso para nós significa materializar o compromiso adquirido para impulsar o coñecemento a través da cultura, especialmente nun ano no que Francisco Fernández del Riego é dobremente conmemorado: co Día das Letras Galegas e con este premio, que recoñece cada ano o labor, a favor das letras, a cultura e do progreso a través de ambas.”
O sector editorial aguanta posicións ante a pandemia: “hai oportunidades para saír reforzados desta crise”
Artigo de Iago Codesido en Galicia Confidencial:
“(…) Aínda cos palitativos impulsados polo Goberno, o 2020 quedará como un ano negro para boa parte do tecido produtivo galego, e, en particular, para aqueles sectores directamente golpeados polas restricións sanitarias: hostalaría, turismo, etc. Neste aspecto, o caso das editoriais eríxese como un exemplo atípico, porque o dano foi de segunda man. As principais editoras de Galicia recoñecen ter pasado -se ben con certos matices- un ano malo, e orixe hai que buscala, din, no peche imposto ás librarías.
O papel das librarías é, de feito, o único factor constante no caos que supuxo o 2020 para o sector. Co aninovo aínda no retrovisor, as conclusións das principais editoriais galegas resultan borrosas: sobe o interese polo libro á vez que baixa a facturación, a compra online gaña forza, pero tamén a adquisición de proximidade… neste barullo, as editoras só se poñen de acordo no fracaso da campaña de primavera, que coincidiu cos meses do confinamento.
“Foi un parón de 3 meses”, resume Henrique Alvarellos, cabeza da editorial homónima e presidente da Asociación Galega de Editoras. Alvarellos, como a maioría do sector, decidiu aprazar as publicacións previstas para a primavera ante a evidencia de que, co peche das librarías –e os colexios–, non ían ter saída. O mesmo fixeron en Galaxia e Xerais para “non condenar á irrelevancia” a eses títulos, en palabras de Fran Alonso, director da última.
A seca que asfixiu o sector nos meses de reclusión chegaría á súa fin co verán. O desconfinamento de xullo abriu de novo as portas das librarías, e o curso de novidades literarias volveu fluír; iso si, cun caudal máis ben baixo. As presentacións, principal motor para moitos destes títulos novidosos, quedaron reducidas a actos moi puntuais. “Coas limitacións non pode haber máis de 5 ou 10 persoas, co cal é un esforzo e un risco que non paga a pena”, valora Alonso.
Aínda coas librarías a medio gas, a repunta da segunda metade do ano serviu para salvar os mobles. Dende a AGE cuantifican a baixada da facturación nun “15 ou 20%” con respecto ao anterior. As cifras son malas pero dan pé a unha sensación de alivio. “Antes do verán pensabamos que ía ser moitísimo máis grave”, explica Alvarellos. As restricións da corentena perfílanse así como o grande golpe ao sector editorial, circunstancia coa que se amosa moi crítico Afonso Ribas, director de Laiovento. “Non había razón para pechar as librarías cando os quioscos, nos que tamén vendían libros, seguían abertos”, subliña.
Non todas as editoriais galegas viviron esta épica en dous actos perfilada pola cesura do desconfinamento. As casas cun grao de especialización maior transitaron os seus propios camiños, máis proveitosos. En Hugin e Munin, selo dedicado exclusivamente a traducir obras da alta literatura estranxeira, non ocultan que 2020 foi un ano incluso bo. “Tamén tivemos esa paraxe forzada no trimestre do confinamento, pero, ao final, rematamos cunhas vendas superiores ao 2019”, explica o seu fundador Alejandro Tobar.
Parello foi o caso de Através, única empresa de Galicia que edita cunha normativa reintegracionista. No prelo da AGAL vencellan os bos resultados do ano pasado ao recoñecemento recibido por Carvalho Calero –pai das teses lusistas– no Día das Letras Galegas. “Se comparamos con 2019, os meses que seguiron á pandemia foron moito mellor que outras veces”, explica Teresa Crisanta, codirectora.
Queda claro que non todo no ano editorial da pandemia foi malo. A crise, co seu caos inherente, trouxo tamén un abano de oportunidades, que emerxeron no desorde á espera de seren aproveitadas por alguén con visión empresarial. A maior parte destas potencialidades sitúanse no mercado online, proveitoso nivel de vendas pero como escenario para novas estratexias de promoción.
Neste último aspecto destacan as iniciativas impulsadas por Xerais ou a propia Através, que están a probar sorte con presentacións en streaming. O auténtico salto, porén, produciuse no eido da facturación, en moitos casos disparada nos meses do confinamento. Hugin e Munin, que viña de estrear web “o mesmo día que nos confinaron”, logrou elevar un 400% a súa facturación online, segundo datos do seu fundador.
O incremento, se ben quizais máis suavizado, foi unha constante no conxunto do sector, de acordo con Alvarellos. Con todo, explican, o salto cuantitativo experimentado nos meses de reclusión segue a ser insuficiente para compensar a caída da actividade presencial. “A venda online e electrónica de libro galego é case testemuñal, unha cousa moi residual”, explica Francisco Castro, director de Galaxia.
Aínda que o ano 2021 –polo menos ata a ansiada inmunidade de grupo– se prevé igualmente duro, sobre as editoras galegas cae unha raiola de esperanza que abre a porta a un futuro máis proveitoso. Á parte das posibilidades achegadas polo soporte online, o conxunto de editores consultados conveñen que a pandemia, cos seus tempos mortos, obrigou a enfrontar unha reflexión colectiva da que, sinalan, a lectura sae reforzada.
“Teño a impresión de que a cultura foi unha balsa estupenda para un momento así”, reflexiona Alejandro Tobar a respecto dos días máis duros do confinamento. No sector editorial ven este “retorno ao libro”, en palabras de Alvarellos, como un dos factores que permitiron recuperar parte das cifras perdidas nos meses do verán. “Penso que o sector editorial foi o menos danado dentro do sector cultural”, destaca ao fío Afonso Ribas.
O obxectivo dos editores galegos, pois, pasar por facer desta faísca unha fogueira para non ceder o terreo conquistado nos longos e vertixinosos meses da covid. Máxime ás portas dun 2021 que se presenta como unha travesía polo deserto capaz de poñer a proba os proxectos máis sólidos. Alvarellos, presidente da AGE, pono en claro cun chamamento a todo sector: “temos que ser capaz de consolidar todo o gañado na pandemia”.”
Afonso Ribas, de Laiovento: “Os que non aceptaban a normativa da RAG eran perseguidos con saña”
Entrevista a Afonso Ribas en Galicia Confidencial:
“O sector editorial de Galicia pechou o ano 2020 nun delicado equilibrio financeiro pola situación pandémica vivida dende marzo. Aínda que non todo son sombras no eido, as principais casas galegas recoñecen que o ano entrante –cando menos ata a chegada da inmunidade de grupo– promete ser tan duro como o que queda atrás, marcado por un descenso histórico na facturación.
Neste contexto, un dos principais prelos do país vén de reivindicar o seu papel no sector e a sociedade aproveitando a efeméride do seu nacemento. Trátase da editora Laiovento, que en realidade naceu no ano 1990 pero, como explica o seu coordinador Afonso Ribas, non publicou ata marzo do 91. Prosas de combate e maldizer, de Xosé Manuel Beiras -cofundador, por outro lado, da editora- iniciaría así un catálogo de case 500 obras sobre as que hoxe os responsables botan a vista atrás con satisfacción.
Laiovento nace nunha circunstancia de cambio no seo da literatura galega e cun obxectivo claro: apoiar a “construción do país” con todos os medios ao seu alcance. “Procuramos non desviarnos nunca dese obxectivo inicial”, explica Ribas. Tres décadas despois, a editora pode presumir de ter sido pioneira na exploración das marxes do sistema literario: dende o comezo naceu enfocada a aqueles xéneros con menor aceptación no sistema –ensaio e teatro–, que o seu editor segue a considerar “centrais” para esa construción nacional.
Ribas, que evita tratar de “negocio” o facer editorial, subliña o carácter à rebours que, dende os primeiros pasos, tomou a editora. Moito antes de que a AGAL fose recoñecida oficialmente como editora, Laiovento xa daba cabida aos autores que renegaban da normativa hoxe imperante. “Naquel momento, todo o que non fora escrito na normativa ILG-RAG non tiña onde ser publicado. Os que non a aceptaban eran marxinados con saña”, explica Ribas.
Baixo esta premisa a contrapelo, a editora fixo do xénero ensaístico a súa punta de lanza. En palabras do seu coordinador, a importancia do ensaio en Laiovento vén definido polo papel do xénero á hora “de facer pensar sobre o país, de reflexionar sobre o que fomos, o que somos e o que queremos ser”. Tamén por isto destacan no seu catálogo histórico ducias de obras de autores estranxeiros, que, moito antes do nacemento de iniciativas como Hugin e Munin, eran traducidas ao galego por Laiovento. “Non nos podemos illar”, explica a este respecto Ribas.
Xunto co ensaio, o xénero dramático conforma outro dos pés sobre os que se asenta o facer de Laiovento. Para o seu coordinador, o papel do teatro na construción nacional non ten lugar a dúbidas. “Como di Xesús Pisón, sen teatro non hai nación, hai rabaño”, subliña. Ribas destaca o cariz “directo” na relación entre público e obra que se dá no teatro. “Polo seu carácter subversivo, ao poder non lle interesa o teatro. Por iso o Centro Dramático Galego estivo moitos anos en mans de Pilatos”.”
Suso Díaz: Lingua de versos
Suso Díaz iniciou unha colaboración poética diaria en forma de haiku no Galicia Confidencial, onde ten intención de achegar un haiku cada día, na sección Lingua de versos.
“Literatura en galego, por que non hai máis lectores na nosa lingua?”
Artigo de Moncho Mariño en Galicia Confidencial:
“Catro autores mostran o seu parecer sobre a escritura en galego, sobre a escasa presenza do libro en galego entre a xente máis nova e algúns motivos sobre este fenómeno. Apuntan que o descenso de falantes está incidindo non só na lectura no noso idioma, senón que algúns tópicos sobre a literatura galega pesan moito no momento de ler autores na nosa lingua.
A creación escrita en galego viu aumentar o seu número de autores e autoras nos últimos decenios. Con todo, o fenómeno é inverso en canto á receptividade da súa obra entre o público potencial a quen van dirixidas as súas obras. O número de lectores e lectoras en galego diminúe fronte a unha cantidade de títulos que sobordan a capacidade de “absorción” de lectura en Galicia.
Marica Campo, autora de narrativa e poesía analiza a situación desde unha perspectiva de volume. “Se se fai unha estatística a base de vendas, pode parecer que as cousas van moi ben, e iso é porque nos institutos e colexios se poñen libros de lectura obrigatoria”. O que dimensionaría a aceptación do libro en galego sería que “a xente mercase libros por propia vontade, mais isto lle pasa tanto ao libro galego como en español”. Mais tamén considera a autora do Incio que “agora predominan as novas tecnoloxías que, se se usasen ben, mesmo darían un novo xeito de ler”.
O escritor e teórico Mario Regueira vai á cuestión das lecturas dentro do ensino obrigatorio e no secundario, apuntando que “non estou a favor da obrigatoriedade sobre determinadas lecturas, ofrecería un abano de posibilidades para que os estudantes escollan”. Regueira apunta ademais que “a relación entre literatura e pedagoxía foi unha moeda de dúas caras, puido predeterminar a algunhas persoas a non leren en galego de adulto”.
Carlos Meixide, autor entre outras de títulos como Cans, Ons e Inge e Robbie, pon o acento en que “o libro en galego pode dar valor e limitar, mais o idioma non é condicionante para a xente nova se é que lle gusta o tema”. O que desde logo ten claro Meixide é que “o idioma non é limitante, o que si é limitante é o acceso a competir co castelán”. Samuel Solleiro, tradutor, novelista e poeta ten claro que a obrigatoriedade das lecturas no ensino “non é o que fai que haxa menos lectores”.
“As editoras en galego case fan traballo de ONGs porque expoñen moito do que teñen case de maneira voluntarista, mais hai algúns matices como que as editoras máis pequenas apostan por xente nova, as maiores quizais son as que apostan máis polos autores máis coñecidos” di Marica Campo sobre as empresas editoras. Sobre o número de títulos e lectores, Campo cre que se debera facer unha simple análise “a literatura debera ir paralela á lingua, porque se analizamos, cantos galegos somos?, cantos galegos len?, e cantos galegos len en galego?”. Quizais isto fixo que a publicación en galego sufra un fenómeno de “elefantiase”.
Unha alternativa é a autoedición en caso de non poder chegar cos escritos propios ás editoras convencionais. Este é o caso de Carlos Meixide que decidiu apostar por unha fórmula que “é homologable á edición máis tradicional”. Aínda así, Meixide recoñece que “é complicado mais é a miña principal ocupación”. Onde reside a fortaleza para a edición propia? Segundo Meixide “en manter unha periodicidade, de primeiras editara traballos que tiña gardados, agora toca traballar máis, por tanto, esixe unha certa capacidade de produción”.
Actualmente o abano de títulos e autores que aparecen en Galicia, a posibilidade de aparecer entre rostros tanto consagrados como recentes, pode parecer unha misión case imposible. “Claro que animo a escribir, mais tamén digo que non é doado vivir da escrita, mesmo autores xa consagrados en galego dicían cando comezaban que xa tiñan claro que non poderían vivir da literatura”, di Marica Campo.
“Hai casos en que non se fideliza o autor” di Mario Regueira, que engade “o abandono da lectura en galego por parte de adultos puido deberse tamén a que a crítica literaria en galego decepcionou a moitas persoas”. Nese sentido lembra que a literatura galega “sempre foi relacionada con temas identitarios e con imaxinarios xa superados”. É por iso que Regueira ve necesario fomentar novos autores e xéneros como a novela negra.
“Se é por unha cuestión económica de non ser que o combines con outros traballos, pois é difícil, mais non é o meu caso, teño outros traballos e non pensei en vivir da creación” di Samuel Solleiro. Sobre como é a experiencia de ver o teu traballo editado, Solleiro declara que “nunha editora minoritaria o trato é bo, coas grandes entras xa noutra maneira de facer as cousas”. “Realmente non penso se terá saída, escribo por darme ese gusto”.
Non obstante, para algúns creadores, como Carlos Meixide, existe unha certa ignorancia sobre autores e autoras galegas porque “os medios galegos non teñen sensibilidade cara os autores en galego”. “As preferencias son as dos autores e autoras consagradas xa en castelán”.
A edición e publicación para autores e autoras en galego está polo de agora nun momento complicado segundo os mesmos creadores. A aposta por novos xéneros, mellorar o acceso á creación e o fomento da lectura en galego sen que estea vinculada á obrigatoriedade curricular, poderían ser fórmulas atractivas a novas e novos lectores.”
Eli Ríos: “Cando adquirín unha mirada crítica deixei de ler obras de señores”
Entrevista de Uxía Iglesias a Eli Ríos en Galicia Confidencial:
“(…) – Galicia Confidencial (GC): A túa escrita é claramente feminista. É unha necesidade? Poderías concibilo doutro xeito?
– Eli Ríos (ER): Non creo que sexa unha necesidade. Ser feminista non é algo que escollas. Non podes dicir: ‘pois vou ser feminista de nove a nove e media’. É unha mirada, é unha forma de estar na vida, eu son feminista as 24 h da vida e en todos os aspectos da miña vida. É algo natural. A miña ten que ser unha escrita feminista porque é o que eu son. (…)
– GC: E no teu caso, cales foron e son os teus referentes?
– ER: O que lin no instituto foron sempre obras de señores. Medrei pensando que as mulleres non escribiamos. Eu vía a Rosalía, a única señora, e era unha Rosalía que sempre estaba chorando e queixándose de todo, e claro, a min interesábame ben pouco. Pero de repente comezas a facer todo este proceso, que leva o seu tempo… Raio! Somos a metade da poboación, estatisticamente é imposible que as mulleres non escribamos. Comezas a investigar, cousa que non é facil porque non está accesible, e descubres a Ursula K. Le Guin, descubres a Agatha Christie na novela negra… ‘Como non me deron a coñecer isto antes?’ Regresas outra vez sobre Rosalía e decátaste de que é a primeira feminista da nosa historia, de que está reivindicando a loita das mulleres e as nosas raíces.
No momento no que adquirín unha mirada crítica deixei de ler obras de señores, porque non me interesa. É sempre o mesmo, teñen catro clichés e non saen de aí. Interésame moito máis o que fan as mulleres porque escriben desde as marxes, dende unha posición de non privilexio. A partir de aí é dende onde se contan cousas que a min me interesan. Xela Arias, por exemplo, esa muller que di ‘intempériome‘. Como non a estudamos nos institutos? Como non chegamos á súa literatura? Paréceme aberrante. Todas as mulleres que escribiron antes ca a nosa xeración foron abrindo portas: María Xosé Queizán, María Vitoria Moreno, Xohana Torres, a inmensa Begoña Caamaño. Todas elas son mulleres que nos facilitaron o camiño e nos ofreceron referentes ás autoras de hoxe. Non seriamos nada sen o traballo das compañeiras. (…)
– GC: E como está de saúde o mundo literario?
– ER: Eu traballo nas marxes, con mulleres. Nesas marxes o sistema literario é vizosísimo. Estanse facendo traducións feministas, textos que rompen con todo o anterior, xa sexa na forma e no contido. O resto? Non me interesa o sistema literario que fala sempre do mesmo. Creo que hai un mercantilismo atroz que vai acabar con nós, que nos vai autoconsumir. Estámoslle prestando moitísima atención ás campañas de marketing, e un dos que máis funciona é o do feminismo. Ti poslle a un libro a etiqueta de feminismo e parece que xa está todo feito, cando o contido está dicindo exactamente o mesmo: hai un señor que me explica cousas. Ese mercantilismo, ese sacar produtos porque si, vai acabar con nós, converteranos nun panfleto. Precisamente nas persoas que están creando nas marxes está o futuro da literatura galega. (…)”
Lois Pérez: “Podes pedir en galego cervexas e outras bebidas en Portugal, Brasil, Cabo Verde e mesmo en Sanjenjo”
Entrevista a Lois Pérez en Galicia Confidencial:
“(…) – Galicia Confidencial (GC): Que representa para ti gañar este premio?
– Lois Pérez (LP): Pra min representa unha ledicia e un bonito espellismo: o de recibir un premio de poesía e albergar a dubidosa ilusión de que eu fose poeta; tamén, a de gozar do apoio da xente que me aprecia e que me votou (ben polo afecto, ben pola poesía; ou incluso malia a miña poesía!) así como ser lido polas comunidades educativas das Escolas de Idiomas galegas e portuguesas; xa era premio abondo figurar de finalista canda outras poetas que admiro enormemente.
– GC: Como valoras a situación actual da poesía en Galiza?
– LP: Penso que hai unha visibilización moi importante de novos talentos, en especial das mulleres, que sempre estiveron aí, pero que non sempre tiveron a oportunidade de visibilizar a súa obra como acontece agora. No tocante á situación actual, vivimos nun país desfeito por demasiados gobernos do Partido Popular… E a poesía nace da dor, en parte. Nese senso, sobran motivos pra buscarmos versos, pra protestar ou pra soñar outro país posíbel e necesario. Así e todo, non aspiro a cambiar o mundo, confórmome con cambiar o meu mundo. Resumo: a poesía é un arma cargada de futuro, o carallo é que o futuro é do Banco Santander Central Hispano.
– GC: Que fortalezas atopas no uso do galego como escritor?
– LP: Fundamentalmente que reflicte sen filtros o que eu penso, e penso sempre en galego; non é unha garantía pero en chinés sáeme peor. E unha lingua é tamén un xeito de nomear a realidade e nós facémolo en galego. Tamén podes pedir cervexas e outras bebidas espiritosas propias dun escritor sen problemas en Portugal ou no Brasil, no Mozambique ou Cabo Verde, probabelmente incluso en Sanjenjo. E acontecen achádegos lingüísticos froito do diálogo inter-incultural: en Portimão, na Taberna da Maré -onda o Restaurante Dona Barca- pedín un “café sozinho” e a camareira preguntou: “sozinho mesmo?” E eu díxenlle: “sozinho mesmo… Case abandonado”. (…)”
Suso de Toro recupera “a fe na literatura” pero critica un mundo onde “hai só futbolistas e políticos”
Desde Galicia Confidencial:
“Suso de Toro presentou a súa nova obra, Fóra de si, nas instalacións do IES Rosalía de Castro en Santiago de Compostela, centro onde hai oito anos se entregou ao mundo do ensino tras abandonar a súa carreira no mundo da literatura, na que chegou a perder a fe, e onde recibiu o premio San Clemente por Tic Tac.
Nun panorama mediático no que a cultura parece non ter un sitio e onde “hai só futbolistas e políticos”, o autor empezou a cuestionar “o sentido da vida como escritor”, nun momento no que a crise económica afectou a todos os sectores, con diversos cambios e no que os escritores practicamente “desapareceron da vida social”.
De Toro retomou a súa carreira narrativa, aínda que o fai sen un plan e polo mero pracer “como lector e escritor” e con varios proxectos en mente que lle fixeron recuperar a “ilusión” por escribir e que lle levou a esta nova obra que, en palabras do editor Manuel Bragado, está repleta de “ADN Taurino” e de moito de si mesmo. “Creo que si e dáme medo”, sinalou respecto diso o propio Suso de Toro.
Fóra de si ofrece unha historia sen narrador, contada a través das voces dos seus protagonistas, e na que están presentes os temas recorrentes na narrativa de Suso de Toro, como as relacións entre irmáns e entre pais e fillos, o paso a cidade ao campo, e unha investigación familiar que leva ao protagonista a “un descenso ao pasado, ao Hades, ao país dos nosos maiores”.
A obra preséntanos ao neurocirurxián Ricardo Marzoa, que está sobrepasado tanto na súa vida laboral como familiar, co seu pai enfermo, e estala, soñando e imaxinando cunha nova vida, e buscando unha catarse e unha “resurrección” que lle permita cambiar o seu día a día. Tamén se plasma a “construción” e a “crise da masculinidade”, segundo sinalou o autor, ademais dunha dialéctica implícita sobre o feminino, as relacións familiares, e a construción/destrución da persoa, que se reflicte na propia portada do libro.
A profesora Rosa López Gato, presente no acto, incidiu en que a novela conta con tres características propias da súa narrativa, como son os rexistros menos académicos e máis propios da oralidade, a tendencia ao fragmentarismo e a súa proximidade ao texto dramático, e os personaxes que lembran a outras das súas obras, como os irmáns (en alusión a Land Rover).
Así, preséntanos unha historia sobre a vida e a alma e un home que “termina fóra de si” e descende para lograr unha “resurrección”. “Unha novela que nos fai reflexionar sobre a vida que levamos”, sinalou. Nesta liña, o profesor Alberto Sacido aplaudiu esta historia “de crise e tamén de rexurdimento” na que un home “tenta escapar dun destino” dirixido pola relación co seu pai e a súa contorna, na que o autor “busca atopar o seu lugar”.
Manuel Bragado destacou, pola súa banda, que a obra “ten moito de refundación” tras 30 anos da publicación de Land Rover, incidindo na importancia de Suso de Toro como un dos autores referenciales da narrativa galega “das últimas tres décadas”. “Unha reflexión sobre a posibilidade de refundar a propia vida tras saldar contas co pasado”.
Ubaldo Rueda, director do IES Rosalía, agradeceu o papel do escritor como profesor neste centro antes de xubilarse, onde foi un “excelente” docente e “un entrañable compañeiro” que se esforzou en crear “un ambiente educativo”.”