Héctor Cajaraville: conferencia “Florencio Delgado Gurriarán: polos vieiros da saudade”

O 12 de maio, ás 19:00 horas, na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, terá lugar unha charla-coloquio con Héctor Cajaraville arredor da obra de Florencio Delgado Gurriarán, con entrada libre até completar a capacidade do salón de actos.

Compostela: Xornadas Gálix. Desfacendo a Raia VIII. Poesía cargada de futuro para futuras xeracións

Lionel Rexes gaña o premio de novela Lueiro Rey con A montaña do poeta

Desde La Voz de Galicia:
“Era a segunda vez que se presentaba ao Premio de novela curta en galego Manuel Lueiro Rey, e volveuno a gañar. En 2016 fíxoo con A raíña das velutinas; agora, no 2021, coa obra A montaña do poeta. Unha hora despois de coñecer a feliz noticia, Lionel Rexes explicaba a este diario que se trata dunha historia inspirada en feitos do pasado cunha trama que transcorre na actualidade. O punto de partida é unha casa abandonada de Alfoz que daquela frecuentaba o poeta Noriega Varela e na que, casualidades da vida, Rexes foi atopar un ciclomotor que lle roubaran hai uns anos. O relato pronto cobrará forma de libro grazas a este premio literario. A edición da novela é parte do premio. A outra son tres mil euros que o Concello do Grove entregaralle ao gañador nun acto que se desenvolverá no consistorio, se a pandemia o permite.
O fallo do Lueiro Rei fíxose público esta tarde, logo de reunirse o xurado formado por Armando Requeixo Cuba, Ánxela Rodríguez Rodríguez, Carmen Ferreira Boo, Manuel Antonio Piñeiro Fernández e Héctor Cajaraville Araújo.”

Héctor Cajaraville, editor: “Con estes Cadernos persoais podemos descubrir con que ollos vía Lois Pereiro todo o que se atopaba na vida”

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O libro Cadernos persoais recolle textos de cinco blocs escritos desde 1989 a 1993 e dunha axenda de Lois Pereiro. Entre as notas hai reflexións, relatos, poemas, citas literarias ou anécdotas das viaxes do poeta. Ás anotacións de Lois Pereiro engádense contornas de Fernando Saco e Inés Pereiro, compañeiros de viaxe e tamén os seus últimos versos escritos. A entrevista pode verse aquí.”

Chan da Pólvora e o Ateneo de Monforte réndenlle homenaxe a Lois Pereiro no seu 25 cabodano

Chan da Pólvora lembra o luns 24 de maio o 25 aniversario da morte de Lois Pereiro e homenaxeamos o autor na súa cidade natal [Monforte de Lemos] coa presentación de Cadernos persoais, un conxunto de diarios inéditos que acaba de aparecer na colección Cova da Lontra da editorial. A homenaxe, que se celebra a partir das oito da tarde nun acto coorganizado polo Ateneo Casino de Monforte, contará coa presenza de Xosé Manuel Pereiro, Inés Pereiro e Héctor Cajaraville, encargado de realizar a edición e as notas do volume.

Compostela: actividades destacadas dos 20 e 21 de xuño na Feira do Libro 2020

O 21 de xuño finaliza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este fin de semana:

Sábado 20
12:00 h. Claudia Castro asina Galicia, o país das marabillas, ilustrado por Emanuel Lomeña, publicado por Galaxia.
13:00 h. Paula Carballeira asina Carabela, ilustrado por Abi Castillo, publicado por Galaxia.
18:00 h. Marcos Viso asina O meu baleiro, publicado por Hércules de Edicións.
19:00 h. Manuel Monge asina Os restos do franquismo en Galiza, publicado por Laiovento.
20:00 h. Berta Dávila asina Carrusel, publicado por Galaxia.

Domingo 21
13:00 h. Héctor Cajaraville asina Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso, publicado por Xerais.
18:00 h. Juan Bello Sánchez asina Casa, traducido por Berta Dávila, e publicado por Tulipa.
19:00 h. Rosa Enríquez asina Vacastras, publicado por Urutau.
20:00 h. Carlos Meixide asina Camiño de paixóns, publicado por Galaxia.

Compostela: A escrita e a fala na rede

Con motivo das Letras Galegas, ante a imposibilidade de poder realizar actividades culturais no interior da libraría, presentámosvos “A Escrita e a Fala na rede”, unha homenaxe a Ricardo Carvalho Calero, unha viaxe a través da súa obra da man de Henrique Rabuñal, Pilar García Negro e Héctor Cajaraville, transmitido en directo a través da conta en Facebook da Libraría.
– Xoves 14 ás 19:00: encontro con Henrique Rabuñal, autor de Ricardo Carvalho Calero. O Anxo da Terra (Ed. Galaxia).
– Venres 15 ás 19:00: encontro con María Pilar García Negro, autora de Ricardo Carvalho Calero: A Ciencia ao Servizo da Nación (Ed. Laiovento).
– Sábado 16 ás 12:00: encontro con Héctor Cajaraville, autor de Ricardo Carvalho Calero. A Pegada do Compromiso (Ed. Xerais).