Luz Darriba gaña o premio no Certame de Relatos sobre a Igualdade

Desde Sermos Galiza:
“A artista Luz Darriba gañou o primeiro premio do Certame de Relatos pola Igualdade, que no mediodía se deu a coñecer no Pazo de San Sadurniño, nun certame no que Pitusa Arias se alzou co segundo premio por un relato “cargado de sensibilidade, que toca os cinco sentidos e que reflicte en pouco máis dun folio a sensación de indefensión dunha nena”, segundo explicaron as integrantes do xurado, que tamén indicaron que “a decisión foi moi axustada pola calidade impresionante dos relatos presentados”.
En categoria xuvenil premiáronse os traballos de Carla Leire e Lorena Freixeiro, mentres que en infantil seleccionáronse os de Educación Primaria do Colexio Monte Caxado das Pontes e o de Iria Cendán, que tamén se entregaron nunha gala na que asemade participou Helena Villar Janeiro presentando un poemario.”

Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (III)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse deste xeito no CEP Pilar Maestu Sierra, A Pobra do Caramiñal:
“Durante a semana previa tiveron unha actividade titulada Rosalía do A ao Z, que culminou o luns 24 cun recitado colectivo de poemas e varias presentacións informáticas.”

E no IES Félix Muriel de Rianxo:
“Un día parecíanos pouco, así que acordamos dedicarlle varios días á autora de Cantares. Este ano, no día que se cumpría o 177 aniversario do seu nacemento enchemos o centro con poemas dela, coas súas obras, con poemas que o alumnado fixo para ela, con recreación de poemas seus… con antoloxías poéticas coma a que presentamos no artigo anterior…
Todo comezou no local do ENDL co alumnado rotulando os anuncios que logo colgariamos polo centro. Mais tamén houbo traballo previo entre o alumnado que reescribiu a Rosalía… Poemas de Cantares e de Follas foron reinterpretados polo alumnado cunha estética máis “actual”. E así encheron a cafetaría, de xeito que a xente que foi tomar café hoxe puido ler as súas creacións.
Mais non facía falta ir tomar un café para saber de Rosalía hoxe no Félix Muriel… Con entrar no centro xa se podía ver a mesa coa bibliografía e mais o taboleiro informativo..
E o xoves 27 Helena Villar Janeiro imparte unha charla-conferencia para alumnado de 2º e 3º da ESO sobre a autora. Ese día escoitaremos ao alumnado que leva semanas ensaiando poemas seus musicados…”

A escritora que dá aulas de galego nas redes sociais

Desde Sermos Galiza:
“O seu é un dos nomes coñecidos da literatura galega. Unha ampla e valorada obra e unha traxectoria longa como profesora fan que o de Helena Villar Janeiro forme parte xa da nosa historia literaria. A escritora sorpréndenos agora impartindo aulas de galego en facebook.
Non son consellos ou indicacións. Son aulas en soporte dixital preparadas para as condicións especiais das redes sociais. O curso comezou hai pouco, cando a polémica do “polbo” chegou á Academia. Despois de asistir ao balbordo producido, Helena Villar considerou que aí non estaba o problema e decidiu contribuír a promover a calidade da lingua desde a súa casa na aldea, apegada ao ordenador e cun público cada día maior que asiste á grande actividade da escritora na rede.
“Pensei que a grande preocupación que teñen os falantes é o vocabulario que, ao fin e ao cabo, é o menos interesante porque se resolve co dicionario. Pola contra, non vexo que se lle dea relevancia á desfeita cos pronomes, poño por caso, ou á fonética”, comeza a explicar Helena Villar do momento inicial no que regresou ao seu oficio comezando precisamente polo que máis lle preocupaba: os pronomes.
Villar Janeiro é tamén pedagoga e iso percíbese na calidade dos apuntamentos e nos exercizos prácticos que propón. Mesmo hai xa algúns ensinantes que queren empregar a metodoloxía de Helena traspasada ás aulas. “Cómpre secuenciar, coñecer o soporte e traballar os materiais. Estou a facer un grande esforzo coa programación. Agora vou facer exercicios, case como se ensinara unha lingua estranxeira porque a xente ten que tomar conciencia da necesidade de traballar tamén a nosa lingua. Non todo vale”, defende Helena Villar, magoada cos “despropósitos” que le e escoita cada día.
Sorpréndelle agora a repercusión que as súas aulas dixitais están a ter no facebook. Comezou dirixíndose a tres ou catro persoas e cada vez son máis as que se unen á escola de lingua de Helena Villar. Comentan, dan indicacións, preguntan dúbidas e propoñen temas. Eis as posibilidades das redes sociais, espazo que a escritora manexa con destreza e no que leva tempo xa ofrecendo os seus artigos, as súas receitas, consellos literarios, opinións e tamén a morea de fotografías artísticas que esta muller de moitas facianas creativas comezou a facer públicas hai pouco tempo.
“Non vale estar colocando mal os pronomes toda a vida. Iso non pasaría con ningunha outra lingua. Quero contribuír a crear conciencia de que podemos mellorar o uso do galego”, insiste Helena Villar que comezará en breve a traballar cos paradigmas, dando modelos para a construción correcta das frases. (…)”

Becerreá: actividades do 25 aniversario da A. C. A Pipa

Cuestionario Proust: Helena Villar Janeiro

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Helena Villar Janeiro:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A amabilidade e a tolerancia.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A lealdade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que sexan honestas e non me traizoen.
4.– A súa principal eiva?
– “Teño medo dunha cousa que vive e que non se ve”.
5.– A súa ocupación favorita?
– Saír ao campo provista dun cestiño no tempo dos cogomelos. En calquera época andar cunha cámara tratando de atopar algo orixinal que fotografar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Para min vivir en paz e co cariño dos meus. Para a sociedade, un estado xusto.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A perda dun ser querido.
8.– Que lle gustaría ser?
– A soprano que sempre crin levar dentro.
9.– En que país desexaría vivir?
– A pesar de que sufro vendo o que nel hai de anómalo, en Galicia.
10.– A súa cor favorita?
– Azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A rosa.
12.– O paxaro que prefire?
– Polo canto, o xílgaro. Pola beleza, o paporrubio.
13.– A súa devoción na prosa?
– Cervantes e Cunqueiro.
14.– E na poesía?
– Rosalía e Juan Ramón.
15.- Un libro?
Follas novas.
16.– Un heroe de ficción?
– Non me interesan os heroes de papel.
17.– Unha heroína?
– Tampouco a heroínas.
18.– A súa música favorita?
– O Requiem de Mozart.
19.– Na pintura?
– Van Gogh.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Martin Luther King.
21.– O seu nome favorito?
– Helena, por unha tradición familiar que se conserva.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O chafardeo maledicente.
23.– O que máis odia?
– A inxustiza.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Francisco Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Dominar a emotividade.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Na miña casa e rodeada dos meus.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-O bo humor.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A presunción se non é prepotente. A xente necesita autoestima.
30.– Un lema na súa vida?
– Ánimo, que todo podería ser peor.”