O martes 7 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraria Pedreira (Rúa do Home Santo, 55), en Santiago e Compostela, preséntase Ferro Caaveiro, o arquitecto rebelde da catedral, banda deseñada cun texto do xornalista Henrique Sanfiz e deseños do debuxante Carlos Sardiña, coa presenza dos seus autores, nun acto organizado pola A. C. O Galo.
Arquivos da etiqueta: Henrique Sanfiz
Obras gañadoras dos Premios AELG 2015
Estas son as obras gañadoras dos Premios AELG 2015, que premian as mellores obras editadas en 2014, e que se veñen de fallar na Gala das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega:
– Blog literario
Caderno da crítica, de Ramón Nicolás [https://cadernodacritica.wordpress.com/]
– Ensaio
Galiza, um povo sentimental? Género, política e cultura no imaginário nacional galego, de Helena Miguélez-Carballeira (Através Editora)
– Literatura Infanto-Xuvenil
Penúltimas tendencias, de Carlos Negro (Edicións Xerais de Galicia)
– Xornalismo Cultural
Montse Dopico
– Narrativa
A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz (Edicións Xerais de Galicia)
– Poesía
A distancia do tambor, de Eva Veiga (Espiral Maior)
– Teatro
Obras completas. Volume IV, de Roberto Vidal Bolaño (Edicións Positivas)
– Tradución
A Divina Comedia, de Dante Alighieri, en tradución de Darío Xohán Cabana (Edicións da Curuxa)
Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros tres galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG, que tamén se entregaron na Gala das Letras:
– O premio Mestres e Mestras da Memoria, que chegou á súa terceira edición, que se concedeu a Josefa Arias Castelo, de Vilalba, e a Emilio Pérez Álvarez, “Emilio do Pando”, do concello da Fonsagrada, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional.
– O Premio AELG Institucións 2015, que se concede a aquelas entidades que contribuísen á divulgación da lingua e cultura galega e que este ano, pola súa defensa dos dereitos profesionais dos/as xornalistas, por ter o idioma galego e o xornalismo cultural como prioridade, e por promover os valores éticos na escrita xornalística, foi concedido ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; e polo seu empeño en que Galiza teña uns medios de comunicación galegos e en galego e, por tanto, pola súa contribución ao proceso de normalización lingüística e cultural, á Asociación de Medios en Galego. Recolleron o premio Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e Henrique Sanfiz, presidente da Asociación de Medios en Galego.
– E máis o Premio AELG 2015 Escritor Galego Universal, que na súa décima edición recolleu o escritor brasileiro Luiz Ruffato; este galardón que xa recibiron Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge e Bernardo Atxaga, e co que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca aqueles autores e autoras que unen á excelencia literaria o compromiso ético que os converte en referentes na defensa da dignidade nacional e humana.
No transcurso da Gala das Letras a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega entregou tamén o seu recoñecemento anual “Os Bos e Xenerosos”, que chegou este ano á súa duodécima edición e que supón un acto de recoñecemento dunha figura ou colectivo que, pola súa dilatada actividade de intervención social, contribuíse á difusión da nosa cultura. Neste caso, pola súa contribución en diversos eidos do Xornalismo, sempre á altura das necesidades do seu tempo e, particularmente, por poñer os alicerces para termos uns medios de comunicación galegos e en galego, foron nomeados Bos/Boas e Xenerosos/as Xosé María García Palmeiro, Margarita Ledo Andión, Manuel Lombao e Tareixa Navaza.
A Gala das Letras contou coa actuación musical “Os sons esquecidos”, a cargo de Abraham Cupeiro e Iago González.
O Consello Directivo da AELG fixo constar os parabéns máis sinceros aos compañeiros e compañeiras de oficio hoxe premiados nesta Gala das Letras, felicitación e aplauso que fai extensivo a todos os autores e autoras finalistas, e mais os propostos na primeira quenda de votacións, cuxo labor creativo conxunto merece tamén o público recoñecemento, pois todo el se converte nunha globalidade creadora, copartícipe testemuño necesario, ano a ano, dunha sementeira literaria que agroma para orgullo da sociedade galega desde a vindicación irrenunciábel da súa ferramenta máis prezada: a lingua galega en perpetua construción de futuro lexítimo.
Co apoio da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Concello de Lugo e a colaboración do Círculo de las Artes.
XI Simposio O libro e a lectura nos medios, o xoves 20 de novembro
A edición número once do Simposio anual O libro e a lectura, unha iniciativa da Asociación Galega de Editores organizada por vez primeira no 2003, terá lugar o 20 de novembro no auditorio do Consello da Cultura Galega. O prazo de inscrición estará aberto até o 17 de novembro. O libro e a lectura nos medios será o tema baixo o cal 14 relatores expoñerán as súas propostas e experiencias relacionadas coa realidade actual dos medios e a súa aportación e atención á lectura e o libro, cernes do coñecemento e a cultura. A entidade organizadora conta coa colaboración de CEDRO, a Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega.
Este é o programa:
A Coruña: actos literarios destacados na Feira do Libro para o día 2
O venres 2 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados para ese día:
Venres 2
– 13:00 h. Presentación do libro Depor Vida, dos xornalistas Rosabel Candal e Xerardo Porto, editado por Son Radiofusión e a Asociación de Amizade coa Radio Local. Participarán no acto os autores e Henrique Sanfiz, de Radiofusión.
– 18:00 h. Tucho Calvo asina libros na caseta da Libraría Couceiro (da Praza do Libro).
– 18:30 h. Francisco X. Fernández Naval asina na caseta de Librería Arenas.
– 19:00 h. Presentación do libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás, publicado por Xerais. Xunto co autor, participarán no acto Luís Ferreiro, Mercedes Queixas, Luís Ferreiro e Manuel Bragado.
– 20:00 h. Presentación do libro Bagoa de Lúa, de Sabela González, publicado por Galaxia. No acto participa, xunto á autora, Francisco Castro.
– 20:00 h. Luís García Soto asina na caseta da Libraría Couceiro (da Praza do Libro).
– 20:00 h. Firma de Antón Riveiro Coello na caseta de Libraría Pedreira.
– 21:00 h. A noite no deserto. Un diálogo sobre a novela e a construción da memoria, con Chisco Fernández Naval, autor de A noite branca, publicado por Xerais, e Antón Riveiro Coello, autor de Laura no deserto, publicado por Galaxia. O moderador será Xerardo Agrafoxo.
A Coruña: mesa redonda sobre A situación da prensa en galego
O xoves 15 de marzo, ás 20:30 horas, no salón de actos da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar unha mesa redonda baixo o título A situación da prensa en galego, coa participación de Xosé Ramón Freixeiro (Sermos Galiza), Henrique Sanfiz (secretario de Radiofusión), Xurxo Salgado (Galicia Confidencial), Filipe Díez (Praza pública) e Alfonso Riveiro (L-V).