A Coruña: actividades en torno ao Día das Letras Galegas 2018

“O Concello da Coruña rende homenaxe nas Letras Galegas á escritora María Victoria Moreno cunha programación “que pon en valor a cultura de proximidade”. (…)
A partires do luns 14, e até o sábado 19, o goberno local promoverá unha serie de iniciativas que inclúen a lectura pública da obra de Moreno desde o balcón do Pazo de María Pita, un concerto no Campo da Leña con grupos galegos, diversas propostas abertas a todos os públicos nas bibliotecas municipais e unha programación específica elaborada, en común, coas librarías de proximidade da Coruña. (…)”
Aquí pode descargarse a programación completa. (…)
Ás iniciativas que se desenvolverán durante toda a semana nas librarías súmase tamén a lectura pública colectiva, desde o propio balcón do Pazo Municipal de María Pita, da obra da autora homenaxeada nesta edición.  (…) A proposta, tal e como recordou Sande, comezará ás 12.00 horas deste xoves desde o balcón, “sempre que as condicións meteorolóxicas así o permitan. Se non é posible, trasladarase, como o ano pasado, ao salón de Plenos”, explicou o edil. As persoas que queiran intervir na lectura poderán facelo, previa inscrición, a través do correo concellaria.cultura@coruna.es
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento tamén salientou as actividades que a rede de Bibliotecas Municipais está a realizar durante todo o mes para o fomento da lectura en galego, “e que referendan o seu carácter de excelencia e de compromiso coa promoción da cultura”. Así, do luns 14 ao sábado 19, todos os centros ofrecerán préstamo ilimitado de materiais en galego, ademais de acoller, na súa meirande parte, mostras bibliográficas que renden homenaxe á María Victoria Moreno así como outras autoras e autores de referencia da literatura galega.
Xa o día 15, a biblioteca dos Rosales acollerá un encontro -a partires das 18.30 horas -coa escritora Emma Pedreira, que vén de gañar o IV Premio Internacional de Poesía Jovellanos coa súa obra Lista da compra da viúva, que presentará o vindeiro martes. As actividades abertas á veciñanza completaranse co concurso #selfieLetrasGAL, unha proposta a través da cal as Bibliotecas Municipais convidan á cidadanía a compartir a súa lectura favorita en galego na rede social Instagram, a través dos cancelos #recomendamosBMC e #selfieLetrasGal -e etiquetando ás bibliotecas na foto, co perfil @bibcoruna-, e que dará a posibilidade de gañar un lote de libros. As bases completas da iniciativa pódense consultar no web www.coruna.gal/bibliotecas.
Ademais, a biblioteca do Centro Ágora está a promover o ciclo Eloxio da Diversidade, dentro da liña de traballo cos centros de ensinanza na súa área de influencia e que inclúe unha ampla programación arredor da efeméride. Desde o 9 maio, e até o día 29, preto de 200 mozas e mozos de bacharelato, ESO, e de ciclos formativos participarán, activamente, en actividades que inclúen visitas á Real Academia Galega, ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña e da Deputación, ou ao Teatro Colón -nun evento teatralizado e protagonizado pola figura de María Casares-, entre outros espazos.
Tamén durante a noite do mércores 16, o Campo da Leña acollerá un concerto especial co gallo do Día das Letras Galegas, que contará coa participación de diversos grupos de orixe galega, “con música crítica e aspectos máis que interesantes”, segundo apuntou Sande. Así, ás 22.00 horas, O Leo i Arremecághona subiranse ao escenario, para dar paso, contra ás 23.15 horas, á banda The Tetas Van. Finalmente, Terbutalina pechará a sesión cunha actuación que comezará contra ás 00.15 horas da noite.”

Inma António Souto: “O teatro é de todas e debemos defendelo como as pensións, a sanidade ou a educación”

Entrevista Alberto Ramos a Inma António Souto en Praza (foto CC BY-SA Praza Pública):
“O pasado martes 27 de febreiro, coincidindo co Día Mundial do Teatro, a nova Academia Galega do Teatro (AGT) presentou o seu Programa básico para o teatro galego, unha serie de 21 puntos esencias que abordar no futuro. Nesta relacións de propostas, atópanse necesidades como a ampliación, tanto cualitativa coma cuantitativamente, do apoio institucional ás compañías profesionais; a adscrición da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) á universidade, a creación de compañías residentes nos teatros de titularidade pública, a reestruturación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ou a reforma do Centro Dramático Galego para que a institución conte cunha autonomía xurídica. Ademais, a AGT anunciou a organización dun gran congreso en 2020 e fixo un chamamento para que todas as entidades do sector se impliquen. O obxectivo do encontro será a creación dun plan estratéxico do teatro para a década 2020-2030. Entrevistamos a Imma António, presidenta dunha academia que de momento conta con 28 membros, entre os que se inclúen nomes da escena como son Manuel Lourenzo, Luma Gómez, Eduardo Alonso, Rosa Álvarez, Manuel Guede, Inma López Silva, Xúlio Lago, Gustavo Pernas ou Manuel Vieites.
– Praza (P): Que é a Academia Galega do Teatro?
– Inma António Souto (IAS): A Academia Galega de Teatro é un proxecto de futuro. A presentación que fixemos o Día Mundial do Teatro levaba por nome Tendo presente o futuro. Ese nome xa é toda unha declaración de principios e intencións. Somos un grupo de profesionais de diferentes oficios teatrais que vimos a necesidade de buscar espazos de debate, de reflexión, de encontro. Sobre todo neste momento tan estraño socialmente onde os valores da cultura e da arte parecen estar completamente devaluados por parte da sociedade e sobre todo por parte das administracións e os medios de comunicación. Nós consideramos o teatro como un servizo público e un dereito. Esta é unha academia de barricada na defensa, pero tamén no estudo e no feito de querer compartir, que é como se medra realmente.
– P: Neste 2018 cúmprense 40 anos de teatro profesional en Galicia. Neste tempo creáronse compañías privadas, entidades como a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) ou Escena Galega, institucións públicas como Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem) ou a súa substituta a Axencias Galega das Industrias Culturais (Agadic), festivais como o de Ribadavia ou o FITO Carballo… Por que a Academia Galega non xurdiu até este momento e por que agora resulta necesaria?
– IAS: A maior parte da xente fundadora somos xente que leva moito tempo traballando dende e para o asociacionismo en distintos ámbitos. Vimos a necesidade de crear unha entidade, non tanto sindical ou laboral, senón máis de estudo e posta en valor do noso patrimonio. Vimos que había un oco que cumpría cubrir por este empeño que temos de que o noso teatro sexa un feito normalizado e cada vez sexa máis de todos e todas.
– P: E o teatro é un feito normalizado? Pregúntoo porque se vemos a lista de propostas que presentan, poderíase asinar hai corenta anos, hai trinta ou hai dez, non si?
– IAS: Si. No propio acto, Antonio Simón facía referencia ao primeiro encontro profesional celebrado en Ferrol en 1988. Eu lembro que naquela altura discutiamos asuntos que están agora neste documento que elaboramos como unha relación de puntos básicos. A verdade, podemos dicir que eses 21 puntos son o abecedario. Hai que dicir, tamén, que nestes 40 anos, fomos construíndo estruturas, tecidos, profesión. Pero a crise foi demoledora, especialmente para o sector cultural. O que construímos en moito tempo, destruíuse rapidamente. E agora, aprendendo da experiencia, queremos seguir construíndo, pero cunhas bases que non sexan tan fráxiles. E tamén queremos inculcar na sociedade que a cultura é de todas e debemos defendela como as pensións, a sanidade pública ou a educación.
– P: Neses 21 puntos hai referencias a institucións que existen ou que existiron, pero que se perderon. Primeiro comezamos coa Agadic. Piden a súa reforma e reestruturación. Parece mesmo que botan de menos o Inaem.
– IAS: Non é que o botemos de menos, é que sinxelamente das experiencias apréndese. E que pasa coas construcións de determinadas estruturas? Pois que co tempo vemos se son eficaces ou non. Creo que gran parte da profesión comparte a idea de que a eficacia da Agadic pode e debe ser bastante mellor. (…)”

Compostela: Filocafé con Inma López Silva

O domingo 4 de marzo, de 18:30 a 20:00 horas, na cafetaría do CGAC (Rúa Valle Inclán, 2), en Santiago de Compostela, terá lugar un novo Filocafé, coa presenza de Inma López Silva. A entrada será libre e gratuíta. Os filocafés son conversas públicas enfocadas desde un punto de vista filosófico nas que poden participar todas as persoas interesadas en intercambiar inquietudes ou puntos de vista desde calquera área ou nivel de coñecemento.

Premio Maruxa Villanueva para Eduardo R. Cunha, “Tatán”

Desde Erregueté:
“Eduardo Alberte Rodríguez Cunha ‘”Tatán” resultou gañador da edición deste ano do premio Maruxa Villanueva. Un xurado composto por Afonso Becerra, Carlos Biscaínho, Comba Campoy, Inma López Silva e Roberto Pascual decidiu outorgar o premio ao veterano fundador da histórica compañía Tanxarina.
Dende a súa fundación en 1983, Tanxarina converteuse nun referente imprescindible do teatro de títeres dentro e fóra de Galicia, combinando a manipulación de monecos con traballo actoral, música e animacións diversas.
Tatán, ademais dun recoñecido e histórico profesional, foi o impulsor dos primeros festivais de títeres de Galicia –nomeadamente o de Redondela, do que foi director durante varios anos– e un incansable loitador pola dignificación do oficio de titiriteiro. Tamén é un precursor, no noso país, na defensa do teatro de monicreques para adultos.
O concello de Padrón outorga o premio Maruxa Villanueva dende o ano 2001 e, entre os gañadores, atópanse María Barcala, Gustavo Pernas, Mónica Camaño, Luísa Merelas, Xose Manuel Olveira “Pico”, Roberto Vidal Bolaño, Susana Dans… e outros moitos referentes da escena galega.”

Inma López Silva representa a literatura galega no Festival Literario de Hyderabad

Desde Fervenzas Literarias:
“A escritora compostelá Inma López Silva representou á literatura galega no Festival Literario de Hyderabad, un evento que se desenvolveu no sur da India entre os días 26 e 28 de xaneiro, e onde o estado español foi o convidado desta edición.
O Festival Literario de Hyderabad é un evento anual, multidisciplinar e multilingüe que atrae a centos de creadores de India e do estranxeiro. Creado en 2010, o festival tense consolidado como unha das citas literarias máis relevantes do país, cun programa que inclúe charlas, mesas redondas, obradoiros, presentacións de libros, exposicións e eventos culturais dirixidos tanto ao público especialista como ao xeral.
Organizado polo “Hyderabad Literary Trust” en colaboración co Goberno de Telangana e o apoio de varias institucións culturais, o festival acolleu como invitado de honra en 2018 ao estado español. O programa está comisariado por Alexandra Büchler (“Literatures across frontiers”) e Davis López-del Amo (“Axencia Literaria Sinicus”). Ata Hyderabad foron representantes de varias literaturas, acompañando á galega López Silva estarán o catalán Alejandro Palomas, o euscaldún Harkaitz Cano, a leonesa Ana Cristina Herreros ou a madrileña Mercedes Cebrián, entre outras.
Co gallo de aproveitar a presenza na India destes profesionais, moitos destes escritores participan posteriormente noutros festivais e eventos literarios como o festival KALAM en Calcuta, o Kerala Literary Festival, un obradoiro de autores infantís na Fundación Vani Prakashan e actividades en Universidades de Delhi e do Instituto Cervantes desa cidade.”

Xosé Constenla gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2017

Desde Galaxia:
“A obra O colapso territorial en Galiza. Unha lectura dende o espazo da construción social do país, de Xosé Constenla Vega, resultou hoxe gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2017, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa.
O ensaio premiado nesta edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano, amosa unha fonda elaboración teórica que logra demostrar a necesidade dunha lectura xeográfica da realidade que xera unha proposta politica con futuro. A vontade de transcendencia da obra demostra a posibilidade de reinterpretar Galicia desde unha perspectiva esperanzadora e, sobre todo, útil para a intervención no territorio.
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Dolores Vilavedra Fernández, Luís Alonso Girgado, Manuel Núñez Singala, Inma López Silva e Carlos Lema, como secretario con voz e voto, salientou a calidade dos orixinais presentados, así como a variedade de temas tratados neles.
Licenciado e Doutor en Xeografía pola Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Constenla Vega é técnico especialista en Sistemas de Información Xeográfica (2006). Foi profesor de Xeografía na Universidade da Coruña, na Universidade Carlos III de Madrid e investigador no Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA). Traballou durante 8 anos como xeógrafo na Área de Urbanismo e Ordenación do Territorio de IDOM. Na actualidade é profesor da Universidade de Vigo na área de Didáctica das Ciencias Sociais e tamén na Universidade de León na Área de Xeografía Humana. (…)”

Unha obra de Ernesto Is sobre María Casares gaña o Premio Rafael Dieste de Teatro da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“A obra Despois das ondas de Ernesto Is é a gañadora do XVII Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña. A obra leva de novo á escena á grande actriz galega exiliada en París, María Casares.
Un xurado composto por Inma López Silva, Carlos Paulo Martínez Pereiro, Paula Carballeira, Eva F. Ferreira e Manuel Núñez Singala, coa vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei como presidenta e a xefa de servizo da área, Mercedes Fernández Albalat como secretaria, decidiu elixir como gañadora da XVII edición do Premio de Teatro Rafael Dieste á obra Despois das ondas da que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Ernesto Is. O texto de Ernesto Is impúxose na deliberación do xurado, por maioría, ás 47 obras presentadas.
A obra Despois das ondas leva de novo a escena a figura da actriz María Casares, unha das grandes figuras do teatro europeo, exiliada en Francia e nacida na Coruña (1922). O xurado estimou que a obra ofrece “moitas posibilidades de representación e gran liberdade na posta en escena”.
Destaca tamén que o texto gañador “mestura realidade e ficción e propón unha transformación dramática da realidade”. Ademais, a obra ten tamén o valor de recuperación da memoria histórica a través da figura dunha grande actriz do exilio.
O premio consiste en 6.500 € ademais da publicación da obra e a posta en escena.
O autor, Ernesto Is, (Ernesto Suárez Is, Gijón, Asturias, 1988) é titulado en arte dramática pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) na especialidade de Dramaturxia e traballa como profesor de teatro e dramaturgo. Traballou tamén no ámbito do audiovisual como operador de cámara, produtor, guionista e editor de vídeo e son. (…)”

A Coruña: Simposio Carlos Casares. Letras Galegas 2017, do 21 ao 23 de novembro