O
mércores 24 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, Inma López Silva presenta o seu novo libro, Tinta, publicado en Galaxia. No acto estará acompañada por Víctor F. Freixanes e Cándido Pazó.
Arquivos da etiqueta: Inma López Silva
Fene: ciclo de faladoiros cos gañadores/as do Premio Blanco Amor de Narrativa
A
Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Fene, que organiza este ano a XXX edición do Premio de Novela Longa Blanco Amor, promove, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, un ciclo de faladoiros con algúns dos gañadores/as de anteriores edicións. Na escolma de autores/as procurouse garantir a presenza daqueles escritores que gañaron nas edicións do Premio organizadas por concellos da comarca.
Nestes faladoiros, sempre ás 19:00 h. e na Casa da Cultura do Concello de Fene, tanto o condutor/a como o público participante dialogarán co/coa autor/a gañador/a do Premio Blanco Amor sobre a obra do autor/a e nomeadamente da obra coa que gañou o Premio.
O primeiro destes faladoiros, conducido por Mercedes Queixas, terá lugar o vindeiro xoves, 20 de setembro ás 19:00 h. na Casa da Cultura de Fene e contará coa participación de Víctor F. Freixanes, gañador do Blanco Amor organizado polo concello de Mugardos en 1982, coa novela O triángulo inscrito na circunferencia.
Inma López Silva: “O poder revolucionario da palabra escrita”
Entrevista
de Ramón Nicolás a Inma López Silva, publicada orixinalmente en Qué leer, e traducida ao galego no seu blogue, Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Nas súas propostas narrativas hai moita ironía e unha mirada á memoria para fabular…
– Inma López Silva (ILS): A memoria, creo, é o espazo natural da narrativa. Contamos porque a nosa linguaxe ten a potestade de servir de espello retrovisor do mundo. Situar as miñas novelas nunha perspectiva memorística (aínda que sexa sobre a actualidade) é situalas no contexto natural do relato, algo que, ademais, se ve intensificado pola utilidade literaria dos temas situables na memoria, así como polo interese crítico e intelectual dese ámbito. En canto á ironía…, non a busco, pero deposítase no que escribo…
– RN: Ao tempo, o protagonismo feminino e certa anglofilia alicerzan a súa estética narrativa…
– ILS: O protagonismo feminino é, na maior parte dos casos, unha decisión consciente: quixen dar voz, sobre todo en Memoria de cidades sen luz e Concubinas, a voces silenciadas da Historia, e de aí que optase por centrar o relato no punto de vista de mulleres que dan a súa versión dos feitos, convertendo en posible historicamente o que en realidade é ficción. Noutros casos, esa presenza feminina débese a que me sinto cómoda nunha narrativa que xoga á confusión entre escritora e narradora, vida e relato (New York, New York). Esa certa anglofilia forma parte da vida que só son capaz de expresar como ficción, igual que a miña francofilia máis teatral.
– RN: Que se pode encontrar en Tinta?
– ILS: Tinta son seis relatos escritos entre 2000 e 2010. Entre os relatos existen elementos que os relacionan entre si e co resto dos meus libros. A tendencia ao protagonismo feminino e á utilización da memoria son dúas delas. Certa vocación de compromiso tamén está presente, igual que o xermolo inicial de obras anteriores. Tinta supón, ademais, pechar un ciclo literario, aínda cos ollos postos en inquietudes que están máis presentes no que escribo actualmente. (…)”.
Parlamento das Letras: Inma López Silva
Entrevista
de Armando Requeixo a Inma López Silva, no seu blogue Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Inma López Silva (ILS): Fáltalle unha verdadeira proxección exterior. Sóbranlle inercias tradicionalistas e concepcións esclerotizadas sobre o que é a literatura e o rol da escritora na súa sociedade. E sóbralle, tamén, un certo fedor a rancio, estruturalmente masculino de máis. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– ILS: Tendo en conta que estamos nun presente en crise (tanto económica coma institucional), valoro especialmente o esforzo que están facendo as nosas editoriais e libreiros por manter isto que custou tanto construír e que a miña xeración de artistas e intelectuais ten a responsabilidade de manter. Por iso tamén valoro especialmente a variedade e a frescura que está a proceder dos sectores máis alternativos dunha literatura que está tentando non definirse de xeito estritamente filolóxico. Unha vez máis, ollemos o teatro, que nos dá leccións. (…)”
Ribadavia: Xornada de Crítica e Teatro, o xoves 26 de xullo
En
Ribadavia reuniranse os nomes máis sobranceiros da crítica teatral nos nosos medios de comunicación e debaterán cos artistas escénicos sobre aspectos vencellados aos xéneros, á actividade profesional, á relación cos medios de comunicación ou, en definitiva, o propio exercicio da crítica.
No marco da Xornada de Crítica organizada pola Sección de Crítica da AELG, quixemos nesta ocasión atender a crítica teatral a través da reunión de críticxs e artistas das artes escénicas. Así, tratarase de reflexionar sobre a presenza e ausencia da crítica nun ámbito artístico heteroxéneo e dinámico, onde se reflicten coma en ningún outro espazo cultural as particularidades dun contexto emerxente como é o galego.
– Coordinada por Inma López Silva e Roberto Pascual.
– Lugar: Ribadavia (Mostra Internacional de Teatro) Salón de actos do Concello. Praza Maior.
– Data: Xoves, 26 de xullo de 2012.
– Hora: 10:00 h.
Apertura da sesión: Presentación da xornada e estado da cuestión, por Roberto Pascual e Inma López Silva.
O gran ausente da crítica: teatro para a infancia e a mocidade
– Montse Pena Presas (Investigadora USC).
– Paula Carballeira (Escritora, actriz).
– Gonçalo Guerreiro (Elefante Elegante).
– Modera: Blanca-Ana Roig (Profesora USC).
Teatro e literatura dramática ante a crítica
– Dolores Vilavedra (Profesora USC).
– Santiago Cortegoso (Actor, director e dramaturgo).
– Francisco Pillado (Editor).
– Modera: Roi Vidal Ponte (Director de escena).
A crítica teatral nos medios de comunicación
– Mónica Caamaño (Plataforma das Artes Escénicas).
– Comba Campoy (Xornalista).
– Ana Romaní (Radio Galega).
– Camilo Franco (La Voz de Galicia).
– Manuel Xestoso (Revista Galega de Teatro).
– Modera: Inma López Silva (Revista Tempos Novos).
– 13:30 h. Clausura e acto de entrega do Premio de Honra Abrente a Francisco Pillado Maior.
Quiosco: Revista Galega de Teatro, 71
“No
marco da programación da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia presentouse o número 71 da Revista Galega de Teatro. Esta publicacion editada pola asociación cultural Entre Bambalinas mantense fiel ás súas seccións habituais. Así, no último volume, Inma López Silva entrevista a Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego, para falar do teatro institucional; inclúese o texto O principio de Arquímedes, de Josep Maria Miró Coromina (Premi Born del Cercle Artístic de Menorca) na sección para difundir a dramaturxia en galego; así como críticas dos espectáculos Kamouraska, de Inversa Teatro e Malena llena eres de gracia, de Compañía das Marías, xunto coas crónicas das Mostras de Teatro Universitario de Vigo e Ourense, o ALT 2012 e a Feira Europea de Teatro para Nenos e Nenas de Xixón.” Vía Cultura Galega.
Inma López Silva: “Moitos relatos son a raíz dalgunhas novelas miñas”
Entrevista
a Inma López Silva en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Por que decidiu reunir estes relatos nun só volume [Tinta]?
– Inma López Silva (ILS): O motivo inicial foi que as historias estaban moi dispersas, quería xuntalas e salvalas desa especie de dispersión. Pero unha vez que fun traballando nelas, dinme conta que tamén había certo motivo de evolución.
– LVG: ¿Non existe ningunha relación que vincule as historias?
– ILS: A priori son historias non relacionadas entre si, pero que teñen algúns puntos de concomitancia. Por exemplo, os temas que reaparecen constantemente. A comedia delirante, os relatos de amor, a memoria dende a distancia, a memoria histórica… sempre mesturada coa idea do amor e coa idea de morte que tanto nos gusta aos escritores.
– LVG: ¿Cal é o seu favorito?
– ILS: Quizás o último, Caso Torneiro, porque o escribín cando estaba xa un pouco farta do académico. Foi un relato a modo de informe académico con notas a pé de páxina. Rinme moito con ese relato a primeira vez que lin o libro.
– LVG: ¿Algunha sorpresa?
– ILS: Si. Hai moito protagonismo feminino, e tamén sobre a memoria. Ademais, moitos son raíz dalgunhas novelas miñas, como un relato referente a María Casares que me inspiraría en Memoria de cidades sen luz.”
Vigo: presentación de Tinta, de Inma López Silva
O
mércores 11 de xullo, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, Inma López Silva presenta o seu novo libro de relatos, Tinta, publicado en Galaxia. No acto estará acompañada por Carlos Lema e Xesús Alonso Montero. Reportaxe posterior en Galaxia.
Vigo: concerto en homenaxe a Celso Emilio Ferreiro
O
martes 26 de xuño, ás 20:00 horas, no Teatro do Centro Cultural Novacaixagalicia (Rúa Policarpo Sanz, 13) de Vigo, e con entrada de balde, a Consellería de Cultura e Educación organiza un concerto en homenaxe a Celso Emilio Ferreiro dentro do programa de actividades para conmemorar o centenario do nacemento do escritor. Yolanda Castaño presenta o acto, no que se alternarán recitados de textos do escritor e poemas musicados, nas voces de Iolanda Zúñiga, Inma López Silva, Rexina Vega, Ataque Escampe, Coke Céspedes, Patricia Moon, Frans Banfield ou Davide. Tamén participará o catedrático Xesús Alonso Montero.
Santiago: homenaxe a Isaac Díaz Pardo
O
mércores 15 de febreiro, ás 19:30 horas, terá lugar unha homenaxe a Isaac Díaz Pardo no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela. No acto, presentado por Xosé Ramón Fandiño, intervirán Rosa Aneiros, Inma López Silva, Charo Portela e Luz Pozo. Posteriormente proxectarase un vídeo realizado por Xaime Fandiño, e Luís Soto fará unha homenaxe musical.
