Arquivos da etiqueta: Lois Pereiro
Vilaboa, Culleredo: presentación de A palabra exacta, de Antón Lopo
O mércores 1 de xuño, ás 20:00 horas, na Biblioteca de Poesía Uxío Novoneyra (Pazo de Vila Melania – Vilaboa, Culleredo), preséntase o libro A palabra exacta. Biografía de Lois Pereiro, de Antón Lopo, publicado en Galaxia. No acto interveñen Celestino Poza e o propio autor.
Monforte: presentación de A palabra exacta, de Antón Lopo
O luns 30 de maio, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Monforte, o escritor e xornalista Antón Lopo presenta o seu libro A palabra exacta. Biografía de Lois Pereiro, publicado en Galaxia.
Carral: entrega do premio de poesía Concello de Carral a Emma Pedreira, e presentación de As crebas, de Miro Villar
O venres
27 de maio, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Carral, entregarase o premio da 13ª edición do Certame de Poesía Concello de Carral a Emma Pedreira, polo seu Libro das mentiras, e preséntase o poemario gañador da anterior edición, As crebas, de Miro Villar, publicado en Espiral Maior. Pechará o acto unha actuación poético-musical de Iulius XIII, con poemas de Eli Ríos, Lois Pereiro e Emma Pedreira.
Marcos Calveiro: “Lois era un santo, todos falan ben del”
Entrevista a Marcos Calveiro en La Región, desde Xerais:
“- La Región (LR): E como e a ese Lois do quel lle falaron?
– Marcos Calveiro (MC): Era un santo, un santo en vida. De verdade, todo o mundo fala moi ben del nas súas lembranzas. A memoria a constrúe un na súa cabeza, é algo moi mentireiro, pero os ollos da xente non minten. Todo o mundo falaba del coma un ser excepcional, xeneroso, boa persoa, encantador e moi retranqueiro. (…)
– LR: Os epítetos de poeta maldito, poeta punk.., quedan confirmados ou hai que ir máis aló do mito Lois Pereiro?
– MC: O malditismo é moi relativo. Era un poeta que estaba en boca de moita xente nova, que comezabamos a escribir en galego e nos gustaba a literatura galega, como alguén de referencia. Iso de maldito vai máis ben unido ao fatalismo da súa vida. E o que ten de punk, pois tamén é moi relativo. Foi punk porque naquel momento había punk. Pero logo deixou de selo e coidaba moito a súa apariencia. Era un dandy, coma Baudelaire.
– LR: Está o Lois poeta, o Lois prosista, o Lois guionista, o letrista. Con quen se queda?
– MC: Todos nos quedamos co Lois poeta. Poesía última de amor e enfermidade é un libro de poesía obscena no sentido de que el se abre e conta a súa historia toda, o amor, a súa relación cos demais, coa súa adicción. Pero logo ten un texto como Modesta proposición que se adianta a panfletos dos que se está falando agora, como o Indignádevos!. A novela (Náufragos no paradiso) dun tipo que non se estilaba moito na literatura galega. É unha novela máis de estirpe europea, moi influenciada por Thomas Bernhard. Algúns dos párrafos mellores de Lois están na novela. Prosa poética, con imaxes moi potentes, expresionistas. Todo o mundo o asocia aos poemas e ao famoso Narcisismo que cantou Radio Océano (o grupo de música do seu irmán). Son poemas nos que se nota a pegada das linguas que dominaba e da música, do rock. É moi contemporáneo.
– LR: Todo iso marcou aos escritores que viñeron despois, como é no seu caso?
– MC: Creo que si. É unha referencia da cidade, do mundo urbano e das súas propias referencias, que son cultísimas.”
Manuel Rivas: “O home que dixo o indicible”
Vivir un soño repetido. Libro homenaxe da AELG a Lois Pereiro
Con motivo do Día das Letras Galegas a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega edita un libro electrónico coas colaboracións dos seus asociados e asociadas, Vivir un soño repetido. Os participantes son: Francisco Álvarez-Koki, Ana Arias Saavedra, Afonso Becerra de Becerreá, Concha Blanco, Lino Braxe, Ramón Caride, Arturo Casas, Francisco Castro, Marta Dacosta, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Rosa Enríquez, Estíbaliz Espinosa, Alfredo Ferreiro, Salvador García-Bodaño, Álvaro Lago, María Xosé Lamas, Rafael Lema, Siro López, Lourdes Maceiras, Tati Mancebo, Verónica Martínez Delgado, Rosa Méndez Fonte, Carlos Negro, Lucía Novas, Toño Núñez, Olga Patiño, Claudio Pato, Ana María Pérez Cerviño, David Pobra, Xavier Queipo, Baldo Ramos, Mario Regueira, Cesáreo Sánchez, Xavier Seoane, Chelo Suárez, Alberte Suras, Xulio L. Valcárcel, Diana Varela Puñal, Xosé Vázquez Pintor e Helena Villar.
As colaboracións, inéditas e orixinais, responden a un duplo formato:
* Poemas inéditos inspirados en Lois Pereiro (incluíndo versións elaboradas)
* Obra gráfica (ilustración, fotografía, poesía experimental, etc.) inspirada en poemas de Lois Pereiro.
Da conxunción de todas as achegas nace este libro electrónico en formato epub de descarga gratuíta accesíbel no apartado de publicacións da web da AELG.
Para visualizar o libro no computador recomendamos o software gratuíto Calibre, que se pode descargar aquí.
Reseñado en Culturagalega.org e Fervenzas Literarias.
Madrid: mesa redonda Lois Pereiro: Nas libres coordenadas do futuro
O xoves 19 de maio, ás 19:30 horas, na Sala Ramón Gómez de la Serna do Círculo de Bellas Artes de Madrid, terá lugar unha mesa redonda titulada Lois Pereiro: Nas libres coordenadas do futuro, coa participación de Alfonso Armada, Fermín Bouza, Mercedes Monmany, Antón Patiño e Xosé Manuel Pereiro.
“Versos para casa”
Lugo: actividades do martes 17 de maio na Feira do Libro
Comeza a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior), que abre o martes 17, con horario de 11:30 a 14:30 h. e de 17:00 a 21:00 h. O programa completo pódese consultar aquí.
As actividades máis destacadas do martes 17 son as seguintes:
– 18:30 h. Recital poético: Poetas de Lugo arredor de Lois Pereiro. Participan Xavier Rodríguez Barrio, Marica Campo, Isidro Novo, Xerardo Quintiá, Xosé Miranda e Manuel Xosé Neira.
– 19.45 h. Inauguración oficial. Actuación dun grupo de música tradicional galega, homenaxe da Federación de Libreiros de Galicia á Libraría La Voz de la Verdad polo centenario da súa fundación, e pregón inaugural a cargo da escritora e académica Margarita Ledo Andión.