Arquivos da etiqueta: Lorena López López (Lorena Souto)
Lorena Souto: “O título do meu libro comeza cunha pregunta: Son aínda invisíbeis as narradoras?”
Entrevista de Antón Escuredo a Lorena Souto en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Atopou resposta no seu traballo das razóns da invisibilidade da escrita das narradoras galegas que colocou como título da obra?
– Lorena Souto (LS): O título do libro comeza cunha pregunta. Son aínda invisíbeis as narradoras? Afortunadamente, a situación mudou con respecto á década dos 80 e dos 90, algunhas delas reciben recoñecementos como premios e teñen un grande éxito de público, malia que tamén é certo que queda moito para acadar a paridade, tanto a nivel numérico como no referido a outras cuestións.
Porén, o que pretendo aquí é mirar máis aló. Aínda que as autoras van gañando espazo, o libro trata sobre aqueles ángulos onde non chega esa luz. Interesábame ver que propostas fican na sombra, a cales lles custa máis entrar no campo literario, cales xeran desconforto e, sobre todo, por que.
– ND: Cal é a razón de que escollese singularmente estas catro autoras e non outras do panorama actual da literatura galega?
– LS: Centreime nas traxectorias destas catro escritoras porque en ocasións atoparon dificultades para publicar ou porque as súas propostas xeraron friccións no ámbito literario por diferentes motivos.
O estudo das súas obras resultoume revelador á hora de analizar dinámicas de campo arredor da produción das narradoras. A escolla non é, obviamente, exhaustiva, mais si que resulta representativa de certas marxes e puntos cegos que seguen a existir no proceso de visibilización das autoras.
No ensaio céntrome nalgúns elementos que poden atoparse nas súas novelas e que poucas veces foron abordados. Algúns deles son a escrita vangardista, a crítica feminista e de esquerdas ao discurso nacional ou a escolla da norma reintegracionista, ademais do tratamento de subxéneros como a ficción científica ou a novela gótica.
– ND: No limiar, a profesora da Universitat de Barcelona, Helena González, sinala que as catro autoras que vostede estuda neste libro “partillan un foco claro na ideoloxia”. Cal considera que é a razón desta característica?
– LS: En realidade as catro teñen proxectos e escritas moi diferentes e imaxino que tampouco compartirán a mesma maneira de pensar. No traballo das catro identifico unha perspectiva feminista, pero os seus enfoques son diversos, é dicir, que esa perspectiva se materializa na literatura que fan de xeitos moi diferentes, e non sempre obvia.
– ND: Cre que a resistencia cultural actual na literatura na Galiza ten nome de muller?
– LS: Só as mulleres escriben cunha perspectiva resistente? Todas as mulleres que escriben fano cun enfoque que poidamos considerar resistente? Resistente a que? Podemos dicir que escribir nunha lingua minorizada como o galego xa é resistir. Que as mulleres comezaran a gañar espazo nun eido e o patriarcado llelo negara tamén se pode entender así.
Porén, o libro que agora publica Através Editora pretende pensar matices, analizar os puntos de fricción e diverxencia; fuxir das uniformizacións e dos estereotipos. Preocúpanme especialmente aqueles que aparecen como espellismos de liberación e que poden acabar estreitándonos o universo de posíbeis.”
Tabela dos libros. Xuño de 2022
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a última Tabela dos Libros deste curso, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”
A Coruña: recital de Lorena Souto e Arvis Virguls no Ciclo Poetas Di(n)versos
Compostela: presentación de Antese, de Arancha Nogueira
Lorena Souto: A representación da menstruación na literatura galega
Conferencia: Vampiras na literatura galega, por Lorena López López
“É a escrita un oficio que se aprende? Desde Tecedeiras ensinan a contar historias”
Artigo de Irene Pin en Nós Diario:
“Aínda que non tende a considerarse de tal maneira, a arte de escribir é un oficio que tamén cómpre aprender. Ou esa é a crenza, fronte á convencional mitificación do talento, coa que nace a iniciativa Tecedeiras, un grupo que ofrece obradoiros de escrita creativa online da man de profesionais vencelladas á literatura desde distintos eidos, ademais do de autoras literarias: Eduardo Estévez, Lorena Souto e Mario Regueira.
As tres compañeiras xa traballaran xuntas nalgúns obradoiros ou noutros proxectos. Durante o confinamento, descubriron o dixital tamén como un bo espazo para desenvolver estas funcións, malia as reticencias iniciais que confesa Souto. Todo veu de man de Estévez, que impartía un curso nas Pontes que se seguiu reunindo por videoconferencia desde o encerro, partillando opinións sobre os textos sen o coordinador, que de entrada quixo fuxir destas fórmulas de virtualidade crecente. Mais un día uniuse e ficou abraiado co ben que funcionaba. Daquela, convidou a Souto e Regueira para que visen como acontecía.
Aínda que as Tecedeiras son defensoras do contacto directo, a tecnoloxía ten certos puntos a favor. Permite, por exemplo, que acceda calquera persoa, sen restrición xeográfica e con máis flexibilidade horaria. Con todo, segundo se vaian dando as circunstancias non descartan puxar tamén polo modelo presencial, con máximo de 15 persoas.
Os obradoiros, explica Souto, consisten en “aprender facendo”, a través da reflexión sobre as estratexias que funcionan a nivel literario. Neste senso, é moi importante a discusión dos textos en conxunto, pois danse “lecturas razoadas que permiten identificar eses mecanismos”, afirma a poeta. Segundo di Estévez, funcionan coa premisa “os textos primeiro”. “Nós non damos teoría”, asegura, senón que promoven accións reflexivas. A escrita como “proceso solitario” atopa neste formato a compaña e o feedback de quen opina intentando “entender como funciona o texto”, acrecenta, nunca ficando no “gosto / non gosto”.
Para Souto trátase de “fomentar o razoamento a través da escrita”, algo especialmente viábel con ese “lectorado emocionado” que partilla a paixón pola palabra, co que a pesar da gran disparidade de perfís se crea un “ambiente de confianza”. De tal maneira, constrúese un espazo que permite “contrastar o texto”, explica Estévez. “Canta máis diversidade, máis puntos de vista”, o que enriquece enormemente a discusión porque “non hai unha reacción unívoca”, argumenta Souto. “Ademais dáse unha escoita entre xeracións moi atenta, algo que non acontece noutros espazos”, engade Estévez. Así, “máis alá do literario, é un proceso social”, asevera o escritor.
A profesión de escritor ou escritora non é, cando menos para elas, unha cuestión de talento, ter tempo e sentarse diante do folio en branco ou do procesador de textos. É tamén unha disciplina que se pode aprender, idea que se atopa moito máis asentada noutros países, que mesmo incorporan a escrita creativa con frecuencia nos plans de estudos, algo que Souto viu de primeira man no Reino Unido. Igualmente, na Arxentina, onde naceu Estévez, estes formatos son máis habituais e estiveron de facto nas súas orixes no mundo literario, nas reunións informais na casa do coordinador do grupo que constituían un “espazo de resistencia durante a ditadura”.
Así, Estévez acredita firmemente que “o escritor non nace, faise”, consciente de que a este aforismo non responde á percepción maioritaria na sociedade. “É curioso, porque non llo exiximos a outras artes como a pintura. Non te vas converter sen máis en Shakespeare ou Chus Pato, nesa mitificación esquécese a aprendizaxe”, di Souto.
Por que se desenvolven estas dinámicas é unha cuestión sobre a que só se atreven a elucubrar. “Parece que ao escritor, especialmente nun sistema como o noso, se lle presume un compromiso que parte da militancia”, reflexiona Estévez. Así, mencionan anécdotas de recitais musicados nos que a persoa intérprete cobra pero a poeta non, porque se entende ese “halo de vocación”, que nunha disciplina moi vencellada á autoexpresión “parece emanar dun talento interior”, comenta Souto.
Coa diversidade instaurada como bandeira, afirman as Tecedeiras que cando imparten os obradoiros nunca están de acordo en nada, e iso, para alén de causar divertimento entre as participantes, tamén resulta enriquecedor. “Non hai verdades absolutas, senón lecturas. E estratexias e recursos”, insiste Souto. E logo, cada lector é un mundo. Por iso, o importante é ter ferramentas para avanzar nunha aprendizaxe continua.”











