“As editoras comezan a desvelar as súas cartas para o que resta do ano, con propostas ambiciosas. Deste xeito, Xerais anuncia a vindeira apertura da Biblioteca Dixital Xerais, unha tenda on line que permitirá o acceso de balde a material descatalogado e a ebooks, dos cales a firma adianta o lanzamento de 5 títulos. Canda a isto, os diccionarios xurídico e de primaria, así como un volume dedicado á xeografía de Galicia son as grandes apostas en obras de referencia. A nivel literario, sairá unha compilación de todos os relatos de Manuel Rivas, así como novidades de Agustín Fernández Paz, Fran Alonso, Pere Tobaruela, Luís Rei Núñez, María Xosé Queizán e Xavier Queipo entre outros. Desde Galaxia, pola súa banda, anuncian as novas propostas de Antón Riveiro Coello e Bieito Iglesias como autores galegos. A nivel de tradución, esta editora continuará a edición de 1Q84 de Haruki Murakami, e lanzará A verdade sobre Marie, de Jean-Philippe Toussaint, e C, de Tom McCarthy. Tamén Xerais incrementa o seu catálogo de títulos foráneaos coa segunda novela de Cornelia Funke. Detéctase tamén un maior interese das editoras tradicionais pola banda deseñada. Rinoceronte abre con Persépole, de Marjane Satrapi, a súa liña de BD, e Galaxia inicia unha serie de novela gráfica con Nómades, unha obra de Xosé Tomás. De novo Rinoceronte aposta por formatos anovadores coa presentación dunha colección de audiolibros en formato CD, con títulos como Seda de Alessandro Baricco ou A casa de Mango Street de Sandra Cisneros”. Vía Cultura Galega.
Arquivos da etiqueta: Luís Rei Núñez
Cambados: actos arredor da figura de Maruja Mallo
O venres 1 de abril, a partir das 20:00 h., no Centro Comarcal Exposalnés (Paseo da Calzada) de Cambados, terá lugar a proxección do documental Maruja Mallo. Metade anxo, metade marisco, realizado por Filmanova con guión de Antón Patiño e dirección de Antón Reixa, e a presentación do libro Maruja Mallo: de prometedora pioneira a artista universal, de Carlos Nuevo Cal e Emílio Xosé Ínsua, gañador do Premio de Ensaio Ánxel Fole e editado pola Fundación Caixa Galicia. No acto intervirán Luís Rei, Antón Reixa e os autores do libro.
Ourense: Auria, actividades do día 14
Dentro das
actividades de Auria, que se desenvolve no Xardín do Posío de Ourense, o xoves 14 de outubro prosegue a Feira do Libro, en horarios de 17:00 a 22:00 h. No programa literario destacan os seguintes actos:
19:00 h. Mesa redonda: Biografías, da realidade á historia literaria, tras o encontro e sinatura de libros con José Luis Corral Lafuente. Na mesa participan Darío Xohán Cabana, Luís Rei Núñez, Vicente Araguas e Xoán Bernárdez Vilar, moderados por Ramón Pernas.
O programa completo pódese descargar aquí: Programa de Auria, Semana de Literatura Histórica.
A Coruña: “A imaxe reinventada”, por Luís Rei Núñez e Marcos Calveiro
O xoves 13 de maio, ás 20:00 no Macuf (Avda. de Arteixo, 171, A Coruña), Marcos Calveiro e Luís Rei Núñez ofrecerán “A imaxe reinventada”, dentro do ciclo de conferencias literarias “Mestres de papel”.
«Luís Rei Núñez e Marcos Calveiro tenderon unha ponte entre literatura e pintura e literatura e cine a partir do laborioso traballo de reconstrución imaxinaria dunhas vidas que brotan da contemplación duns cadros ou do visionado dunha película, actos ambos que desencadean o feitizo febril da emoción narrativa.» (MACUF)
Marcos Calveiro, Luís Rei Núñez, Fina Casalderrey, An Alfaya e Rosa Aneiros no ciclo “Maestros de papel”
Ciclo de conferencias literarias “Maestros de papel”. Unha ponte de papel entre escritores e escritoras do panorama literario español e galego actual e os seus lectores. Achégate a coñecer en propia voz as reflexións destes mestres de papel e descobre as mensaxes ocultas dos seus libros, a esencia do acto literario e os segredos da arte de crear beleza con palabras.:
Mércores 28 de abril, 20:00 h.: José María Merino: “A alquimia literaria”
Xoves 13 de maio, 20:00 h.: Marcos Calveiro e Luís Rei Núñez: “A imaxe reinventada”
Xoves 10 de xuño, 20:00 h.: Fina Casalderrey, An Alfaya e Rosa Aneiros: “Literatura con voz femenina: ¿una escritura de rebelión no panorama do século XXI?”
Martes 22 de xuño, 20:00 h.: Luis Mateo Díez: “Os fíos condutores da ficción: o azar, a memoria e o esquecemento”
Entrada libre (aforo limitado); aparcadoiro gratuíto; Autobús urbano nº 11.
Muros: presentación da novela Monte Louro
Mañá venres, 27 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa de Cultura de Muros (Estrada Miraflores s/nº) terá lugar a presentación de Monte Louro, a novela de Luís Rei Núñez gañadora do Premio Blanco Amor 2009. Acompañarán ao autor no acto Laura Eiras (concelleira de Cultura do concello de Muros), Concha Martínez Mayo e Manuel Bragado. Esta presentación coincide coa chegada da segunda edición de Monte Louro ás librarías.
Feira do Libro de Vigo: programa do luns 13 de xullo
18.00 Contacontos con música: O grupo musical Mamá Cabra interpreta a súa obra: Todos os animais ao caixón.
19.30 A Associaçao de Amizade Galiza-Portugal presenta o libro Galiza: Língua e sociedade (XIV Ensaios), de Luis V. Aracil, J. Conill e outros autores, publicado pola Academia Galega da Língua Portuguesa. O acto estará moderado por Alessandro Banhos Campo e participaron no mesmo Ângelo Cristovao Angueira e Miguel Cupeiro Frade, coautores do libro.
20.00 O escritor Isaac Otero asinará exemplares do seu libro de poesía Nupcias de las palabras.
20.30 O escritor Luis Rei Núñez, asinará exemplares do seu libro Monte Louro (Premio Blanco Amor 2009), publicado por Edicións Xerais de Galicia.
20.30 Vida y obra de Louis Braille. Conferencia impartida polo Director do Centro de Recursos da ONCE en Pontevedra, José Ángel Abraldes Rodeyro, co gallo do nacemento do inventor do sistema de lectura para invidentes.
Pontevedra: presentación de Monte Louro, Premio Blanco Amor 2009
Mañá xoves preséntase en Pontevedra o libro Monte Louro de Luís Rei Núñez, Premio Blanco Amor 2009. O acto, que contará coa intervención de Armando Requeixo, Manuel Bragado e Luís Rei Núñez, comezará ás 20,00 horas na sede da Fundación Caixa Galicia, Edificio Café Moderno de Pontevedra.
Adeus ao programa Libro aberto da TVG
Reproducimos polo seu interese a carta de despedida que acaba de enviarnos o responsábel do programa, Luís Rei Núñez:
Amigos do programa Libro aberto:
Nestes días estase completando o proceso de renovación do equipo directivo da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, e os novos responsables da Galega tomaron a decisión de suprimir o Servizo de Cultura, creado en outubro de 2005.
Está por ver a continuidade de programas que nestes anos foron consolidándose na grella, como Miraxes, Planeta cine, Alalá, Onda curta ou Ben falado!. De momento, o primeiro que desaparece é Libro aberto, cuxa última emisión será a da noite do 24 de xuño.
Dado que ese programa de Libro aberto xa está gravado e non hai nel ningunha despedida dos seus seguidores e amigos, xa que a decisión nos foi comunicada con posterioridade, quero aproveitar o medio polo que habitualmente nos comunicamos para despedirme e agradecervos a vosa atención e interese.
Se en anos anteriores a pausa era só durante o tempo de verán, sabendo que volveriamos en setembro, esta vez, lamentablemente, descoñecemos se será un adeus para sempre, perdendo esta canle pública o espazo que durante catro anos acudiu puntualmente á súa cita semanal cos amantes dos libros e da literatura.
Foron 127 emisións, con máis de duascentas entrevistas a autores galegos (como Fernández Paz, Manuel Rivas, Marina Mayoral ou Luz Pozo Garza), e de fóra (como Bernardo Atxaga, Ferreira Gullar, Eduardo Galeano ou Luis Sepúlveda); con presenza en feiras como as de Guadalajara (México) ou Bolonia; con monográficos como os de Brais Pinto, Xosé María Castroviejo ou Ramiro Fonte; e, por que non dicilo, con recoñecementos como o Premio Fernández del Riego dos editores galegos e cunha audiencia que (sempre que a emisión foi os mércores ás doce e media da noite) triplicou a dos programas similares doutras canles públicas.
Lonxe de calquera sectarismo, prestando atención ás novidades da nosa ampla oferta editorial, e achegándonos a clubes de lectores e librerías de toda Galicia, Libro aberto acolleu autores de todos os xéneros e xeracións, que tiveron no espazo unha ventá inmellorable para conseguir a necesaria visibilidade na sociedade para a que traballan.
Desde o convencemento de que pechar para sempre un espazo dedicado ós libros sería un gravísimo paso atrás, despídome de vós formulando o desexo de que en setembro, e como á volta dos tres veráns anteriores, a Televisión de Galicia volva deixar que a literatura atope un moi necesario espazo nas súas emisións.
Un saúdo afectuoso,
Luís Rei Núñez
Director de Libro aberto