Luís Seoane: unha carta no seu trixésimo sexto cabodano

DesdeLuís Seoane 2 Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Hai trinta e seis anos falecía na Coruña Luís Seoane. Particularmente, sen chegar a coñecelo nunca, aínda que si tratei brevemente no Grove á súa compañeira, Maruxa Seoane, entendino sempre como unha figura clave na historia máis recente de Galicia.  Ao mesmo tempo aumentou o meu interese na súa obra, entre outras razóns, pola vinculación admirativa que o uniu a Manuel Lueiro Rey, quen foi o responsable de organizar -no cine “O Marino” do Grove- a primeira e grande homenaxe aos poucos días do seu falecemento e á que acudiron, como se pode advertir no cartel da dereita, unha numerosa representación da intelectualidade galega do momento a carón da presenza destacable de Rafael Alberti. Anos despois recolleríanse nun volume editado nas Ediciós do Castro algunhas desas intervencións.
Para evocar a súa figura reproduzo aquí una carta -foime imposible dar cun manuscrito autógrafo de Seoane pois adoitaba escribir case sempre a máquina e penso que foi das persoas que abrazou o xénero epistolar con máis intensidade, sobre todo por mor do seu exilio- dirixida a Ramón Piñeiro o 11 de febreiro de 1958. O seu contido,  ao meu xuízo, resulta ben  significativo pois transparenta tanto o seu pensamento como a perenne fidelización aos seus principios. A carta, que reproduzo abaixo, extráioa do interesante epistolario que publicou o Consello da Cultura Galega  e pode consultarse no seu orixinal premendo aquí.
“Sr. D.
Ramón Piñeiro
Santiago de Compostela
Meu querido amigo:
Agradézoche moito as frases garimosas inxustificadas polas que siguen, que me adicas na primeira parte da tua carta que acabo de recibir, pois estiven fora dista cidade unhas semáns. Mais non podo ademitir en silenzo as da derradeira parte, eistranamente inxénua, de dita carta, na que te refires ao editorialista de G. E., e nas que usas, ademáis dun lenguaxe que non corresponde, uns conceptos trabucados e alonxados no meu caso da realidade.
1) O que chamas tí a confusión “arte-literatura-loita de clases-revolución”, no ten ren que ver coa posición estética nin política do “pueril” editorialista de G. E., é decir miña, a que te refires. Si algunha vez tiveses perdido tempo ollando o que fixen no terreo da pintura ou escribindo, tes que ter ollado que non é fácil clasificarme, nin desexo que me clasifiquen ledamente no meu traballo, e pódese notar que non descoñezo as tentativas estéticas que poidan ser unha novedade nos días que vivo, eisperimentando nalgunhas delas cando me pareceron serias. Falarme a mín desa confusión de fai vinte ou trinta anos e simplemente por non ter dialogado nin por carta endexamáis conmigo, nin térese tomado a molestia de ollar o que fago. Esa posición que tí tes por confusa e rematada descoñecendo a sua vitalidade aitual, gústenos ou non, sigue levantando polémicas, continúa sendo respetábel e non “puro anacronismo” como tí dís. Supoño que non terás por rematado xa a Sartre e aos seus meditando –e facéndoa– nunha literatura, (nin aos realistas norteamericáns, nin aos neorrealistas italiás), sumerxida en aición.
2) A xusticia social como tema ten de encher aínda moitas páxinas, unhas boas, e outras coma tí dís “propaganda”, sin que perdan novedade. A sua novedade ten polo menos os séculos do Novo Testamento e namentras eisista dalgún xeito a inxusticia non ten de transformarse en tema de cabaleiría. Algunhas das mellores páxinas da nosa literatura do xix nasceron con ese tema. En canto ós fins a que te refires, “o servicio de fins distintos”, no meu caso o servicio ten un nome, Galicia, e os fins un programa, o que nos fixo irmáns que tí deberas non esquencer, e que pola tua carta pensaría que estás esquecendo. Calquer outro nome que lle poñas ó meu servicio e aos meus fins sería coincidente co que lle poder pór a policía, por exemplo; e tí, estou seguro, non eres capaz deso. (…)”

O Consello da Cultura Galega abre as cartas de Luís Seoane

Desde Sermos Galiza:
“(…) A correspondencia que publica agora en rede o Consello da Cultura Galega mostra as cartas de ou a Seoane nunha comunicación establecida con máis de 200 persoas. Francisco Fernández del Riego con 284, Domingo García Sabell con 85, Armando Zegrí con 72 ou Ramón Piñeiro con 69 son os interlocutores con maior número de cartas no seu epistolario. Os temas máis recorrentes deixan á vista tamén a traxectoria de Luís Seoane labrada ás dúas beiras do océano. Centro Galego de Bos Aires, Editorial Galaxia, Galicia Emigrante, Galería Bonino, Cadernos Grial, La Nación, Revista Galicia, La Noche, Museo Carlos Maside, Sargadelos son os asuntos dos que máis fala o creador galego.
As cartas foron dixitalizadas, editadas e contextualizadas por un equipo de documentalistas e filólogos e permite realizar buscas por temas ou nomes a través do conxunto destes escritos que Seoane elaborou para a comunicación persoal sen vontade de seren publicados mais que dan grande información sobre a súa figura e o acontecer intelectual do seu tempo. De cada unha das cartas pódese acceder ao orixinal -manuscrito ou a máquina- e tamén a súa versión dixitalizada. O traballo inclúe unha ficha de identificación persoal das duascentas persoas que se escriben con Seoane. A colección ampliarase nos vindeiros meses con cartas relacionadas co grupo de Sargadelos e as amizades do exilio, entre outras. (…)”

O que vén en 2014 (efemérides literarias), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Non é difícil conxecturar que boa parte da actualidade cultural do 2014 estará ocupada por dous escritores que, sen dúbida, suscitarán unha abondosa atención mediática en forma de actualización e posta ao día da súa obra literaria. Eles son Xosé María Díaz Castro e Eduardo Blanco-Amor, mais talvez non sería desaxeitado atender aniversarios e datas simbólicas doutras voces, igualmente significativas para a nosa cultura.
Son dúas as circunstancias que este 2014 ofrece en relación ao poeta de Guitiriz. Por un lado a celebración, o 19 de febreiro, do centenario do seu nacemento e, polo outro,  a decisión da Real Academia Galega para que protagonice o Día das Letras Galegas.
Díaz Castro ben merecía este recoñecemento, malia ser un autor dun único libro publicado en vida ou mesmo talvez por esa mesma razón pois Nimbos é deses poemarios que honran e dan brillo a unha literatura. O mesmo ocorreu con autores que faleceron cun único libro publicado, véxase De catro a catro de Manuel Antonio, Fírgoas de Manuel Luís Acuña ou Proel de Luís Amado Carballo. Neste ronsel é onde, ao meu xuízo, cómpre situar a Díaz Castro: o que quixo dicir deixóunolo nun excelente poemario e logo calou, ou gardou silencio. É evidente que este ano traeranos necesarias biografías, a edición do resto da súa obra literaria que sospeito abondosa e interesante e outras iniciativas. Benvido, pois, este 2014, ano Díaz Castro para a cultura galega.
Tamén a RAG dispón xa diversas actividades que se vincularán co 35 aniversario da morte do autor de A esmorga; o mesmo aniversario, por certo, que lle corresponde a Celso Emilio Ferreiro ou Luís Seoane.
Respecto a Eduardo Blanco-Amor xa se programan tanto a celebración dun plenario extraordinario na cidade de Ourense como un simposio que afonde en diversos aspectos da súa produción literaria. O perfil do escritor ourensán cómpre evocalo sempre, entre outras causas porque viviu moitos anos como un outsider, ignorado e maltratado tantas veces polo oficialismo. Gústame esta homenaxe porque posibilitará outra nova ollada á súa biografía –insuperable a que nos deixou Gonzalo Allegue co título EBA diante dun xuíz ausente– e, asemade, á súa obra.
Descoñezo se algunha institución pública ou asociación privada planifica algunha actividade ao fío das posibles celebracións que as circunstancias cronolóxicas fan cadrar, mais así debía ser. Entre elas salienta a do cincuenta aniversario do falecemento tanto do político sadense Ramón Suárez Picallo, que viviu axitadamente entre Galicia e América toda a súa vida, como do político e arquitecto vigués Manuel Gómez Román, que desenvolveu un labor aínda hoxe escasamente recoñecido tanto no ámbito do Partido Galeguista como, anos despois, na resistencia cultural no franquismo no seo da editorial Galaxia e da Fundación Penzol.
Por último, tamén este 2014 cumpriría cen anos o mestre, político e ensaísta Avelino Pousa Antelo, falecido hai tan só ano e medio, que foi presidente da Fundación Castelao durante moito anos e exemplar modelo de fidelidade ao seu país e á súa lingua. Neste mesmo grupo cumpriría citar a Celestino Fernández de la Vega, outro ilustre tradutor e ensaísta, especialmente coñecido polo seu intemporal O segredo do humor (1963) e mais a Ramón de Valenzuela, quizais unha das voces narrativas máis precisadas de difusión e revisión, tamén pola dificultade de atopar libros clave como Non agardei por ninguén ou Era tempo de apandar…, obras que non deben faltar para este 2014.

Este artigo publicouse nas páxinas do suplemento Culturas de La Voz de Galicia, o 4 de xaneiro de 2013, baixo o título de O ano de Díaz Castro e Blanco Amor.

P. D. Dous días despois da publicación infórmanme que neste 2014 hai 110 que naceu Arturo Cuadrado e cen anos do escritor murgardés Xosé Rubia Barcia. Deixo constancia aquí deles. Grazas.”

Lugo: presentación do libro Emigrante dun país soñado. Luís Seoane entre Galicia e Arxentina

O mércores 29 de febreiro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase o libro Emigrante dun país soñado. Luís Seoane entre Galicia e Arxentina, editado polo Consello da Cultura Galega. Na presentación intervirán Ramón Villares, Benxamín Casal e Claudio Rodríguez Fer. Crónica posterior en El Progreso.

Pontevedra: presentación de Héroes de Galiza e de España e Poemas alumeados, libros de artista sobre poemas de Luís Seoane

O xoves 15 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Michelena (Rúa Alameda, 8) de Pontevedra, preséntanse os libros de artista Héroes de Galiza e de España e Poemas alumeados, que recollen poemas de Luís Seoane con debuxos de artistas plásticos contemporáneos, publicado por Figurandorecuerdos Edicións). No acto intervirán Paula Fernández Bañuelos, Domingos Antom Garcia Fernandes e Rosa Espiñeira Pan.

Celanova: presentación de Poemas alumeados, de Luís Seoane

O venres 25 de febreiro, ás 19:00 h., na Casa dos Poetas (R/ Curros Enríquez, 37) de Celanova, preséntase o libro de artista Poemas alumeados, que recolle poemas de Luís Seoane con debuxos de artistas plásticos contemporáneos, publicado por Figurandorecuerdos Edicións), que conta coa edición de Rosa Espiñeira e limiar de Xosé Luís Méndez Ferrín.

A Coruña: Homenaxe da Real Academia Galega a Luís Seoane no seu centenario

O sábado Cartaz_Seoane_Cemiterio_0118 de decembro, no Cemiterio de Santo Amaro da Coruña, a partir das 12:30 h., e con acceso libre, levarase a cabo unha homenaxe pública da Real Academia Galega a Luís Seoane no seu centenario e a todos os galegos ilustres soterrados neste cemiterio. Toda a información neste arquivo .pdf: Homenaxe da RAG a Seoane e galegos ilustres en San Amaro. O acto está organizado en colaboración coa Concellaría de Cultura e a Fundación Caixa Galicia.
Pola tarde, ás 19:30 h., na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande) da mesma cidade, desenvolverase unha mesa redonda sobre “Cen anos de Luís Seoane”, coa participación de José Luis Méndez López, Xosé Luís Méndez Ferrín e Xosé Luís Axeitos.
Nova recollida en Galicia Hoxe, Xornal, El País e La Voz de Galicia.