Unha placa sinala a casa onde naceu o poeta Lois Pereiro

Desde Fervenzas Literarias:
“O concello de Monforte de Lemos rendeu o 30 de setembro unha nova homenaxe a Lois Pereiro: poeta, escritor e Fillo Predilecto da cidade.
Ao mediodía descubriuse unha placa na casa onde naceu Lois Pereiro, na rúa Ourense nº 39. Na citada placa figura a súa data de nacemento e un breve poema (Estou vivindo un sono repetido/nas noites dos que me seguen querendo), destacándose que foi poeta e escritor honrado co Día das Letras Galegas, e que é Fillo Predilecto de Monforte.
Ao acto, emotivo, familiar e sinxelo, asistiron as autoridades municipais, a nai do poeta, o seu irmán -o xornalista Xosé Manuel Pereiro- e o escritor Manuel Rivas.

26365fc69a0812abe9a6acc59df2e9ae_M

Xavier Queipo: “Sempre procurei a experimentación, na vida persoal e na literatura”

EntrevistaXavier Queipo de César Lorenzo Gil a Xavier Queipo en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): O relato de viaxes, especialmente a Asia, é unha constante na súa obra que se repite neste volume [55]. Explíqueme un pouco de onde vén ese interese.
– Xavier Queipo (XQ): Na vida de cada un de nós hai experiencias marcantes. Eu multiplico os meus cinco sentidos canónicos co que eu considero os cinco puntos cardinais do escritor, é dicir:
Primeiro observar con atención –que vai alén de ver–, logo escoitar diálogos acamados en varios estratos (por exemplo nunha festa, nun autobús, na rúa) para mesturalos como material para a escrita. Por suposto soñar (así conseguimos un arquivo de imaxes fantásticas, de secuencias temporais inauditas no tempo real. Tamén ler, e moi en particular, reler en voz alta, para que a lectura deixe un pouso especial. Sobre ese pouso é doado integrar as propias ideas sincopadas. E finalmente, reflexionar até dotar de estrutura un texto, que logo xa se escribe de xeito automático.
Hai varias desas experiencias na miña vida e as máis das veces escribo precisamente delas utilizando esa combinación de sentidos e esas coordenadas. Os veráns na aldea, as longas tempadas de vida no mar en condicións extremas, a experiencia como médico e máis en particular a experiencia nun sanatorio psiquiátrico, a primeira viaxe a Asia, máis en concreto á selva, ao pouco de rematados os estudos de bioloxía, os amores difíciles e a exclusión social, a emigración forzada por mor desa exclusión, o traballo nun contexto multicultural e multilingüístico… Se conto estas cousas é para indicar que, en gran medida, a miña escrita parte, xa non tanto na temática senón no xeito de contar as cousas, do vivido, do soñado, do experimentado… todo peneirado pola aventura magnífica de escribir nunha mestura de realidade e ficción, que se mesturan coma dous gases sen que saibamos onde comeza un e onde remata o outro. (…)
– B: Outra ponla de 55 é a literatura científica. Debe ser pola propia orientación profesional dos escritores galegos pero non abondan mostras deste xénero. Que dificultades encontra? E que potencialidades?
– XQ: Esa visión das pólas é curiosa, pois dalgún xeito leva aparellada a idea de que todo o libro forma parte dun tronco único, o que acae ben coa miña idea de cosmogonía en formación. Eu teño unha formación científica, que acarrexa unha práctica cotiá do método hipotético-dedutivo, propio das ciencias. Mais tamén teño unha formación literaria construída, se cadra, dun xeito máis ecléctico, como adoita acontecer cando un é autodidacta. A estas características habería que sumar a formación sentimental e artística por simpatía, ao levar case 30 anos de parella dun artista, a formación de funcionario dunha institución internacional, que leva xunguidas certas doses de conciliación, capacidade de negociación, diplomacia, mestura de argumentos técnicos e políticos no discurso. A “escritura científica” é o resultado desa amálgama, onde agroman regularmente termos científicos que forman parte do meu discurso diario. Eu falo así e, por exemplo, á simulación de morte chámolle tanatocrese, e á morriña do inverno diapausa, mais iso forma parte do meu xeito de ser e de falar e non debería soar como algo imposto ou metido a presión no texto senón que forma parte da miña linguaxe cotiá, onde é fundamental medir as palabras, ter claros os conceptos. O mesmo acontece coa mestura doutras linguas. No meu contorno fálase así, e cando non che sae unha palabra nunha lingua usas doutra lingua e continúas así a falar con naturalidade. As potencialidades desa mestura son enormes, en particular para construír un estilo propio, recoñecíbel, en permanente evolución, coma se se tratase dun big-bang lingüístico. (…)
– B: Neste tempo no mercado literario coma en calquera outro mercado, utilízanse etiquetas para vender mellor os produtos. De aí o de literatura africana, feminina, nórdica ou homosexual. Como valora este sistema. A orientación sexual ou a procedencia xeográfica inflúe tan decisivamente sobre a obra artística?
– XQ: As estratexias comerciais supoño que son lexítimas, pois o traballo dos editores é vender libros. Non parece que no noso sistema literario estean producindo grandes resultados, pois non só baixan as vendas, senón o interese pola nosa literatura. Non digo que os nosos editores non saiban vender libros, mais coido que as súas estratexias comerciais non son de éxito. Se cadra isto ten que ver cunha limitación crecente dos recursos publicitarios ou co encistamento nunhas rutinas que non acaen ben cos tempos que vivimos. En Galicia, agás algunhas excepcións notables (Agustín Fernández Paz, Manuel Rivas, Diego Ameixeiras, Xurxo Souto), a única estratexia que funciona é a dos premios ou o carácter mediático dos autores. Iso ten que ver, probabelmente, co tamaño do noso sistema literario, non coa calidade da escrita, que está a vivir un momento doce. As etiquetas son se cadra necesarias dende o punto de vista do vendedor, mais a min como autor e como lector non me interesan en absoluto. Ao fío disto, gustaríame dicir que un dos mellores agasallos que me fixeron nos últimos tempos foi este artigo de Carlos Negro, no que falaba de “literatura sen necesidade de ningún adxectivo”. Nesa categoría, “sen necesidade de ningún adxectivo”, é onde me sinto cómodo. (…)”

Manuel Rivas alerta da «situación de emerxencia» do galego ao recoller o premio Casa dos Poetas

DesdeManuel Rivas Sermos Galiza e La Voz de Galicia:
“Recibía a XXX edición do Premio Celanova Casa dos Poetas e aproveitou a ocasión para demandar unha alianza pola lingua, de “esquerda e dereita, nacionalistas ou non” co fin de crear un “hábitat” coas condicións precisas para garantir o seu futuro. A defensa dunha nova alianza social de Manuel Rivas devén da súa análise da situación da lingua galega que, segundo entende, está nunha situación de “emerxencia” en risco de autodestrución polo que chamou “bioperversidade”. “Rescatar a lingua de pleno dereito, que non sexa un refugallo”, reclamou Rivas no acto de recollida do premio, no seu berro por un “novo Rexurdimento”.
Botou man o escritor e xornalista do título de Celso Emilio, Onde o mundo se chama Celanova, para defender o “local universal” e manifestou sentirse da xeración de Curros, un “librepensador, republicano federal e xornalista valente”.
Compartiu Manuel Rivas o premio co tamén escritor e músico Xurxo Souto, encargado do discurso no que comparou a Rivas con Manuel María e Otero Pedrayo. “Rivas expresa o que todos estabamos a sentir e ninguén se atrevía a contar”, sinalou Souto, para quen a palabra do autor de Os comedores de patacas é “a rebelión da realidade”. Situou a Rivas nas Encrobas, a bordo do Xurelo ou nas mobilizacións de Nunca Máis para mostrar a face de “xornalista valente” que o escritor dixo admirar en Curros Enríquez.”

Manuel Rivas doa parte da súa biblioteca persoal para a Biblioteca Municipal de Vimianzo

DesdeManuel Rivas Que pasa na Costa:
“(…) O escritor Manuel Rivas e Isabel López Mariño doarán parte da súa biblioteca persoal ao Concello de Vimianzo.
O vindeiro xoves, día 4 de setembro Manuel Rivas desenvolverá na Biblioteca Pública Municipal un acto con rapaces e rapazas no que os achegará a súa obra infantil.
No transcurso deste acto o escritor coruñés, con casa en Vimianzo dende fai máis dunha década, entregaralle á Biblioteca Pública Municipal de Vimianzo parte da súa biblioteca persoal.
Diante desta doazón, que estará a disposición de toda a veciñanza, o Concello quere expresarlle ao autor o seu máis sincero agradecemento, xa que é un orgullo que un autor do prestixio de Rivas colabore co Concello de Vimianzo doando parte da súa biblioteca persoal.”

A Coruña: actos literarios destacados do venres 1 na Feira do Libro

OFederación de Librarias de Galicia venres 1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados nese día:

18:00 h. Agustín Fernández Paz asina libros na caseta da Libraría Pedreira.
19:00 h. Presentación do libro A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz, publicado por Xerais. Xunto co autor, participan no acto Mª Xesús Fernández e Manuel Bragado.
20:00 h. Presentación do Manifesto O galego: na fronterira da extinción? Organizado pola Revista Luzes e Edicións Xerais. Presenta o acto Iago Martínez Durán e participan no mesmo Manuel Rivas, Manuel Bragado, Xosé Ramón Ferreiro Mato, Valentina Formoso e Miguel Moreira. Repichoca final de Xurxo Souto e Os Diplomáticos.
20:00 h. Francisco Castiñeira asinará exemplares da súa obra Podería falar de nubes na caseta da Libraría Cartabón.
21:00 h. Presentación do libro Silencio habitado, da escritora Olga Patiño, publicado por Pigmalión. Xunto coa autora, participan no acto Luz Pozo Garza, José Carpenter e Antonino Nieto Rodríguez. Haberá acompañamento musical a cargo de Xosé Taboada e Martín Marticorena.
21:00 h. O escritor e xornalista Manuel Rivas asinará exemplares dos seus libros.

A Fundación Curros Enríquez recoñece a Manuel Rivas co XXX premio Celanova, Casa dos Poetas

DesdeManuel Rivas 2 Galicia Hoxe:
“A Fundación Curros Enríquez acordou este venres, por unanimidade, concederlle o XXX premio Celanova, Casa dos Poetas ao xornalista e escritor Manolo Rivas, “polo seu longo e frutífero labor creativo, tanto nun como noutro campo, ambos os dous tan significados tamén na biografía de Curros Enríquez”.
Considera a fundación que “non hai ningún outro escritor na historia de Galicia que contribuíra tanto á internacionalización da literatura galega, ao conseguir publicar a súa obra nas máis prestixiosas editoriais europeas”.
Así mesmo, os patróns da fundación entenden que, tanto “pola indiscutible calidade do seu traballo creativo”, que foi levado ao cinema, como pola súa propia condición de xornalista “de prestixio” e de formador de opinión, contribuíu dunha forma “fundamental” non só a visualizar senón tamén a valorizar o idioma.
O XXX premio Celanova, Casa dos Poetas será entregado o domingo 7 de setembro en Celanvoa, como é habitual, nunha xornada que tamén servirá para recordar novamente a Celso Emilio Ferreiro con motivo do 35 aniversario da súa morte.”

A Consellería de Cultura e Educación amplía o portal web da literatura galega en inglés con cinco novos escritores

Desde a Consellería de Cultura:
“A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de ampliar o portal web da literatura galega en inglés con cinco novos escritores e escritoras. Co obxectivo de seguir promovendo a proxección internacional das letras galegas a través da rede, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad incorporou ao Portico of Galician Literature unha mostra en inglés de obras de Diego Ameixeiras, Rosa Aneiros, Elena Gallego Abad, Xavier Queipo e Anxos Sumai.
Dime algo sucio, Ámote Leo A. Destino Xalundes, Dragal I: A herdanza do dragón, Papaventos e Así nacen as baleas son, respectivamente, os últimos títulos aos que se pode acceder desde este portal, a través dunha breve sinopse en inglés de cada obra e mais dunha mostra de 40 páxinas traducidas a esta lingua de cada unha delas.
En 2013, o portal exterior da literatura galega tamén integrou fragmentos de obras de novos escritores, co fin de ampliar o seu catálogo con extractos textuais de Suso de Toro, Xavier Alcalá, Teresa Moure ou Antón Riveiro. Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Miguel-Anxo Murado, Anxo Rei Ballesteros e Manuel Rivas completan a relación de autores deste portal das letras galegas en inglés. (…)”

Cuestionario Proust: Modesto Fraga

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Modesto Fraga:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A constancia, a perseveranza.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Sen dúbida, a lealdade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Principalmente tres cousas: comprensión, lealdade e xenerosidade.
4.– A súa principal eiva?
– Son bastante testudo.
5.– A súa ocupación favorita?
– Estar coa familia, escribir, ler, aprender cada día cousas novas…
6.– O seu ideal de felicidade?
– Pechar algún día a cuadratura do meu círculo vital. Seguindo os consellos do poeta cubano José Martí, xa escribín o libro, xa plantei a árbore…, así que agora ese ideal de felicidade está cada vez máis preto. Haberá que poñerse…
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder ás persoas que quero.
8.– Que lle gustaría ser?
– Gustaríame ser alguén que tivese o suficiente poder para lograr unha sociedade máis xusta e humanitaria, sen discriminacións nin abusos.
9.– En que país desexaría vivir?
– Vivo felizmente no país dos meus ancestros, Galicia, e síntome orgulloso de pertencer a unha resistente estirpe milenaria. “Eles somos nós”, que diría o poeta Anxo Angueira.
10.– A súa cor favorita?
– Verde.
11.– A flor que máis lle gusta?
– O caravel, polo que representa simbolicamente para os dereitos e liberdades.
12.– O paxaro que prefire?
– De neno encantábanme os verderolos, os xirís de cabeza negra, os xílgaros. Hoxe en día gústanme todos.
13.– A súa devoción na prosa?
Xosé Neira Vilas, Manuel Rivas, Gabriel García Márquez, Agustín Fernández Paz e moitos máis….
14.– E na poesía?
– É imposible nomealos todos: Miguel Hernández, Pablo Neruda, Quevedo, Cabanillas, Méndez Ferrín, Manuel Álvarez Torneiro, Xavier Seoane, Rafa Villar, Olga Novo…
15.– Un libro?
– Vou dicir cinco: El rayo que no cesa, Cien años de soledad, Memorias dun neno labrego, Con pólvora e magnolias, Non hai noite tan longa.
16.– Un heroe de ficción?
– Asterix.
17.– Unha heroína?
– Penélope.
18.– A súa música favorita?
– Berrogüetto, Luar na Lubre, ACadaCanto, Sés, Joaquín Sabina e os grandes da música clásica: Puccini, Bach…
19.– Na pintura?
– Velázquez, Miró, Picasso. Dos nosos, Urbano Lugrís, Isaac Díaz Pardo, Quessada, Nolo Suárez…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– As mulleres deste país (labregas, viúvas de vivos e mortos…) que, contra vento e marea, foron quen de saír adiante, malia as adversidades.
21.– O seu nome favorito?
– Rosalía.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A intolerancia, a soberbia.
23.– O que máis odia?
– A prepotencia, o abuso de poder, as ditaduras.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler, Stalin e Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– A Revolución dos Cravos.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Ter a capacidade de comprender todas as linguas do mundo.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Na casa, rodeado dos meus seres queridos.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A felicidade. Son moi feliz e afortunado coa vida que teño.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– En ocasións, o mal xenio, o “pronto” dalgunhas persoas.
30.– Un lema na súa vida?
– O esforzo sempre ten a súa recompensa.”

Santiago: actividades destacadas do mércores 30 de abril na Feira do Libro

O mércores 30 de abril continúa a Feira do Libro de Santiago (no Parque da Alameda), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:

17:30 h. Presentación do libro Nunha presa de terra, do escritor Paco Castro Alvaredo, publicado por Laiovento. Ao remate do acto, actuará a coral Solfa do barrio santiagués das Fontiñas.
19:00 h. Presentación do libro Penúltimas tendencias, do escritor Carlos Negro, publicado por Xerais. Xunto co autor, participarán no acto Montse Pena Presas e Manuel Bragado.
19:00 h. Na caseta da Libraría Pedreira, Rosa Aneiros asinará exemplares dos seus libros.
19:00 h. Manuel Rivas asinará exemplares dos seus libros.
19:30 h. Diego Ameixeiras asinará exemplares do seu libro Matarte lentamente, publicado por Xerais.
20:00 h. Presentación do libro Ámote Leo A estación de tránsito, de Rosa Aneiros, publicado por Xerais.
20:00 h. Elena Gallego Abad asinará exemplares do seu libro Sete Caveiras, publicado por Xerais.