A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 4 e 5 de agosto

O 4 e 5 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 4
18:00 h. Estefanía Padullés presenta Max e Lea. Obradoiro para debuxar un dinosaurio.
18:00 h. Bea Lema asina exemplares de O corpo de Cristo, XII Premio Castelao de Banda Deseñada, publicado pola Deputación da Coruña. Na caseta da Libraría Berbiriana.
19:00 h. Marcelino Fernández Mallo asina O bolseiro de Ingatex, na caseta de Lume.
19:00 h. Xoán Babarro asina O baúl de Domingo Quintas na caseta de Hércules Edicións.
19:00 h. Presentación de Mael. Máis alá da Fraga de Cornanda, de Uxía Meirama e Miguelanxo Prado, publicado por El Patito Editorial.
19:45 h. Presentación de O que sei do silencio, de Andrea Maceiras, publicado por Xerais, en conversa con Manuel Bragado (na carpa de infantil).
20:00 h. Sinatura de Yolanda Castaño na Libraría Azeta.

Domingo 5
13:00 h. Presentación de Patacas e máis patacas. O misterio da Casa Grande, de María Acosta.
19:00 h. Héctor Cajaraville asina Nova Nursia, na caseta de Lume.
19:00 h. Presentación do libro Lingua de Eva e Adán. Sobre poesía e poetas, de Xavier Seoane, publicado por Espiral Maior. Participan Eva Veiga, Xavier Seoane e Miguel Anxo Fernán-Vello.
19:30 h. Paco Nogueiras asina Radio Bule Bule e Brinca vai!, na caseta da Libraría Cartabón.
19:45 h. Negro sobre negro. Conversa de Diego Ameixeiras, autor de A crueldade de abril, publicado por Xerais, e Nieves Abarca, autora de El beso de Tosca.
20:00 h. Xurxo Souto asina na caseta de Lume.
20:30 h. Presentación dos novos títulos da colección Mulleres Bravas da nosa historia, con María Reimóndez, Eli Ríos, Andrea Jamardo e Andrea Barreira.

Presentación de Fóra do normal de María Reimóndez na Feira do Libro de Vigo, por Manuel Bragado

Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Excelente foi a presentación do serán de onte na Feira do Libro de Vigo de Fóra do normal, a novela de María Reimóndez gañadora da primeira edición do Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade. Eric Dopazo e Fran Alonso acompañaron á autora diante de medio cento de persoas que participaron activamente na sesión.
Comezou Fran Alonso lembrando o pasamento de Xabier P. DoCampo, membro do xurado que outorgou o premio a Fóra do normal, ao que cualificou como unha das maiores figuras da literatura galega do noso tempo. A seguir encadrou a novela como «outra obra que continúa o compromiso de Reimóndez coa literatura para construír o mundo, para intervir nel, literatura que quere facer da diferencia normalidade, porque a diferencia é o que caracteriza o mundo». «Do que fala Fóra do normal é da capacidade que temos para recoñecer a diferencia, a nosa propia identidade. Un libro,sobre a identidade transxénero, que pon o valor sobre a anomalía desa diferencia. Ilustrado por Antonio Seijas nos interiores e na cuberta, as súas imaxes que remiten a superheroes e superheroínas, como a propia autora, constitúen o pano de fondo dunha novela que conta a vida de André, un mozo transexual, que vive a súa identidade como un feito problemático, tanto socialmente, sexa no ámbito escolar, no insttuto de Teis, como na súa propia familia, sobre todo pola difícil relación co seu pai». (…)
Continuou a presentación cunha conversa entre Eric Dopazo e autora, no que participou tamén o público, e na que se foron lendo anacos da novela. Dopazo comezou a súa intervención sinalando que «este libro non é só para persoas diversas, é tamen para persoas canónicas ás que convida a reflexionar sobre a súa propia diversidade». Despois de conversar arredor do papel dos superheroes como fío condutor da novela, Dopazo e Reimóndez o fixeron sobre a abordaxe da diversidade en Fóra do normal. Para a autora «a diversidade é fundamental na novela non só referida ao corpo, hai tamén outras diversidades, como a da lingua, dende o punto de vista dialectal; como tamen se propón unha reflexión sobre a linguaxe sexista dende o punto de vista do xénero e das identidades».
Falaron despois dos corpos, das concepcións que temos dos corpos, das identidades e de todas interseccións existentes entre elas. María Reimóndez confesou que «todos os libros, polo menos os meus, están escritos dende a realidade. Nesta novela traballei con personaxes e persoas que coñezo, con referentes próximos, o que é importante para todo o que escribimos. O personaxe de Mucha está construído con moitas das rapazas coas que convivín en Vilalba, rapazas do rural que tampouco encaixan, sendo vistas como brutas ou persoas pouco intelixentes, de forma despectiva, un estereotipo que sempre moito me irritou». (…)”

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 3 de xullo

A terza feira 3 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:30 h. Roteiro con Pedro Feijoo polos lugares recollidos no seu libro Camiñar o Vigo vello, publicado por Xerais. Nesta actividade poderán participar un máximo de 25 persoas por día previa inscrición na Caseta de Secretaría da Feira. Poden participara todas as persoas que presenten un comprobante de compra na feira. A inscrición será por rigorosa orde de chegada.
19:00 h. Presentación de O cociñeiro Martiño e as cenorias desaparecidas, de Iago López, publicado por Xerais.
19:00 h. Jorge Lamas asina exemplares de Historias de Vigo, publicado por Xerais, na caseta de Secretaría.
19:45 h. Presentación de Fóra do normal, de María Reimóndez, publicado por Xerais. No acto participan, xunto á autora, Fran Alonso e Éric Dopazo. Posterior sinatura en Secretaría.
20:30 h. Presentación de María Vinyals. Un talento rebelde, de Isabel Blanco, publicado por Belagua. Participan Carmela Silva, Silvia Cernadas e Edurne Baines. Posteriormente sinaturas en Secretaría.

Xabier P. DoCampo, o escritor amigo

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“(…) A que eu prefiro entre as obras de Xabier é o arrolo que lle escribiu á miña filla cando naceu”, opina emocionada Rosa Aneiros (Meirás, 1976), “detrás desa voz ás veces un pouco brusca coa que amosaba a firmeza das súas conviccións, estaba unha persoa moi sensíbel, moi tenra”. A que ademais lle abriu, lembra, as portas da lectura a través d’O misterio das badaladas (Vía Láctea, 1986) e Cun ollo aberto e outro sen cerrar (Vía Láctea, 1986).
“Tiña eu once anos. E, de súpeto, descubrín que había aquelas historias de cuadrillas de cativos en galego. Por suposto, non era consciente do seu carácter pioneiro”, engade. Así naceu como lectora, e polo tanto como escritora, Aneiros. “Até ser adulta e amiga de Xabier”. E percorrer unha extensa obra -a Galipedia conta 33 libros de narrativa entre 1986 e 2017- da que salienta “unha xoia, O libro das viaxes imaxinarias (Xerais, 2008)”.
“Excelencia literaria” e “superación título após título” son as consideración que expresa, de entrada, o crítico Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971) a respecto dunha escrita, a de Xabier P. DoCampo, “da que non se pode dicir que parise un libro menor”. A súa narrativa, de gran precisión estrutural e querenza por xéneros como a aventura ou o terror fantástico, foi pioneira no vizoso eido da literatura infantil e xuvenil. Aínda que, a dicir de Requeixo, xogaba a difuminar esa fronteira entre idades.
Se cadra porque, para o autor de Cando petan na porta pola noite (Xerais, 1994), non había lectores infantís. Desde logo, non os había infantilizados. “Trataba a mocidade como seres pensantes, con respecto, como persoas intelixentes”, expón María Reimóndez (Lugo, 1975). Escritora tamén dirixida a audiencias non adultas, DoCampo foi fundamental na súa educación sentimental. E profesional.
“Foi o primeiro e único escritor que coñecín na miña infancia. Antes eran só entes mitolóxicos ou xente morta”, relata, “el viñera visitar o cole en Vilalba, onde léramos O misterio das badaladas. Eu daquela xa quería ser escritora e fíxome entender que é importante visitar os nenos e as nenas fóra das cidades”. Eis a vocación activista, tan consubstancial a este militante da renovación pedagóxica -a través de Nova Escola Galega ou en colaboración con Preescolar na casa-, da defensa da lingua galega e da emancipación nacional. “Entregouse á causa da lingua e a literatura deste país”, di Requeixo. Suso de Toro (Santiago de Compostela, 1956), amigo íntimo de DoCampo, é máis concreto e explica os seus desvelos políticos recentes.
“Hai agora tres anos iniciamos a aventura de conseguir un 25 de xullo de unidade”, sinala, “un espazo nacional, un alento compartido. Despois intentamos o da candidatura nacional galega. O seu galeguismo era absoluto. Pero aquilo resultou moi duro para nós. Creo que foi cando enfermou”. Aquela angueira política levounos a falar todos os días. “Até o punto de que me dicía ‘se non me chamas, non durmo”.
Os dous amigos coñecéranse moito antes. De Toro chegara mesmo a pedir permiso ao seu maior -dez anos máis, exactamente- para titular unha novela: Trece badaladas (Xerais, 2002). “Polo Misterio das badaladas, claro. Ademais, tamén usaba o motivo tópico das 13”, di, coa voz case en creba, antes de describir o home “como un neno que se agochaba tras a máscara da barba. Unha persoa sincera e auténtica. Un escritor namorado do seu oficio”.
O rastro dun autor así dificilmente se extingue. A súa obra permanece, máis alá das oscilacións provisionais dos cánones. E permanece tamén a pegada en lectores e lectoras que, ás veces, mesmo metamorfosaron en autores. “Non creo que haxa ninguén que tente seguir a Xabier”, expón Armando Requeixo, “porque sería infrutuoso e mesmo un pouco suicida. Pero si penso que as novas promocións o leron moi ben. Hai aires de familia, e non só polo seu traballo, tamén como interlocutor coa gran literatura universal”.
As redes sociais, ao xeito de novo libro de condolencias, enchéronse de pésames, lembranzas, anécdotas. Alcaldes, deputacións, asociacións gremiais amosaron pesar. Mais houbo sonoras ausencias. Denunciouno a media tarde, vía twitter, o escritor Marcos Calveiro (Vigo, 1968): “Ata Abanca lembrou Xabier. A Xunta e Feixóo non. O noso irmao estaría feliz”. (…)”

María Reimóndez: “Non fai falla ser ‘extraordinaria’ para deixar de mirar para outro lado e intervir. Todas temos ferramentas para a rebelión do día a día”

Entrevista de Montse Dopico a María Reimóndez en Praza:
“(…) – Praza (P): Tanto A música dos seres vivos como As cousas que non queremos oír forman parte do Ciclo dos elementos. Cada novela desta serie desenvolve unha personaxe. Foi desde o principio un proxecto de serie, ou xurdiron o resto das novelas a partir da primeira? Haberá máis?
– María Reimóndez (MR): O ciclo está deseñado como tal desde o principio. Todo tiña que estar predeseñado, esbozado desde o principio, para que o conxunto funcione. Despois en cada novela vou desenvolvendo unha personaxe en particular, pero a historia de fondo, as relacións entre as personaxes, están pensadas desde o inicio. Cada unha das novelas é autocomprensible: pódese facer unha lectura individual de cada novela. Pero quen as lea todas terá outra historia que non coñece quen non o fai. E si, vai continuar. Faltan tres entregas.
– P: Non sei se haberá outra serie tan longa na literatura galega…
– MR: Penso que non a hai, non. Cando naceu este proxecto, eu quería contar a historia de tres personaxes: Gaia, Aurora e Clara. Pero cando comecei a investigar e a facer probas decateime de que era unha historia demasiado complexa para contala nunha soa novela. Ademais, había personaxes, ademais desas tres, das que tamén me interesaba contar máis. Tamén penso que é un proxecto diferente: non é un conxunto de novelas que poden ter relación entre si nin unha saga que continúa dunha novela a outra. É un modo distinto de entender a escrita e tamén a relación coas lectoras, que actúan de cómplices e participan de xeito necesario na construción do relato.
– P: Tanto Aurora, en As cousas que non queremos oír, como MK, en A música dos seres vivos, son arrincadas do lugar no que vivían para emigrar a outro. Aurora vai de Cataluña a Galicia. MK de Támil Nadu a Escocia. No caso de MK, a nai tenta ensinarlle a esquecer a súa cultura. No de Aurora, é ela quen renega do rural, do lugar de orixe da familia. Supoño que pode representar a experiencia de moitas crianzas de familias migrantes mais, por que escolliches ese conflito, crucial nos dous libros, -o do alleamento-?
– MR: En todas as novelas do Ciclo dos elementos está presente a identidade, a xestión das identidades non hexemónicas. O xermolo do ciclo está aí. No caso de Saínza, a protagonista de Dende o conflito, é unha identidade forxada na súa relación coas periferias do mundo como xornalista de guerra que é. No caso de Gaia, a de En vías de extinción, é pola súa orientación sexual, por ser galego-falante… No caso de MK e Aurora é, si, pola migración, aínda que son migracións distintas, con resultados distintos. Aurora, que pode que non sexa a personaxe máis simpática, non ten os recursos que ten por exemplo Saínza para xestionar a alteridade. Non ten recursos para afrontar a situación, a identidade non hexemónica, en positivo, que é o que fai MK a través da súa arte, da súa música, Saínza a través do xornalismo e Gaia a través da rebeldía. MK é quen de recompoñerse, de aceptarse. Aurora non é quen de superar o conflito identitario que ten. (…)”