Na morte de Isaac

Ás 13:00 horas do día 6 de xaneiro, na capela ardente instalada no Museo do Pobo Galego, as escritoras e escritores Marilar Aleixandre, Eduardo Estévez, Cesáreo Sánchez, Teresa Moure, Carlos Negro e Antía Otero fixeron unha lectura de poemas queridos para Isaac Díaz Pardo. Ademais, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, dirixiu as seguintes palabras:

Querida familia de Isaac, queridos Camilo e Xosé, querida Mimina, querido Isaac:

Vimos as escritoras e os escritores galegos a che entregar hoxe o humilde froito da nosa palabra.

Co corazón mancado vimos a che agradecer tanta vida a nós entregada.

Sempre tiveches as portas da túa casa comunal aberta aos máis novos, sempre foi o noso fogar. Era o tempo no que o silencio arrasaba coma corisco a terra nosa. E ti construías os alicerces do tempo futuro. E fixéchesnos partícipes da encomenda de Castelao de reconstruír o fogar desfeito, de sementar de novo os eidos ermos de silencio.

E acompañámoste no teu traballo colectivo ao que entregaches a túa obra persoal, vital e iluminadora. Para a nosa terra eran anos de escuridade de xisto e desasosego e desmemoria. Traías na palma da mao a palabra fértil, habitada pola ferida memoria dos nosos exiliados, de Castelao, de Lorenzo Varela e de todos os homildados que dicía Luís Seoane.

Eles e ti, rumor de auga nutricia, entraña errante da nosa terra, extenuada de tanto se desangrar dos seus fillos.

Fuches para nós: o amigo entrañado, o irmao maior, o pai na idea que teceu nesta terra o territorio dos soños e da nosa dignidade, para que nesta terra puidésemos tecer a nosa fraterna andaina.

Editaches os nosos libros, cando aínda aprendíamos torpemente o ser do oficio de poeta, de escritor.

Para o albor vas Isaac, para o tempo da clara luz que beberon os teus ollos grandes e solprendidos de rapaz novo na flor da idade sempre.

Para a luz sen tristeza lévasnos da mao túa que pintou e tallou no barro a alma desta terra, sen ti tan orfa.

Neste tempo de tanta miseria vástenos para ser presente e memoria colectiva, futuro.

Na túa obra que é barco co vento da historia no velame, lévasnos.

Hoxe que estás no Pórtico da Gloria da terra nosa, Isaac orgullámonos dos teus froitos para que a terra nosa siga a ser a Terra dos Nosos Soños. Para que siga a ser a Terra Prometida, a Terra dos Bos e Xenerosos.

Nela acollémonos para sempre á túa sombra protectora para que nos guíe e así non nos ofrecer polos camiños do futuro da patria nosa, nin permitir que nos trabuquen o destino, como pobo que vén atravesando os séculos coma inmorrente río de luz”.

Santiago de Compostela, a 6 de xaneiro de 2012

Museo do Pobo Galego

Ao pé de Isaac Díaz Pardo

Ampla reportaxe en El País (Galicia) sobre Isaac Díaz Pardo:
“Como na célebre admonición de O home que disparou a Liberty Valance, cando o feito muda en lenda, hai quen escolle imprimir a lenda. Mais nas idas e vidas, nos contubernios e nos debates, no labor cotián e nas ideas excepcionais, que orixinaron a refundación de Sargadelos, resulta difícil separar a fariña do farelo. As discusións durísimas e os enfados entre os inseparábeis Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane quedaron documentados nun volcánico volume de cartas, publicado por Do Castro en 2004, en que o combate dialéctico e a fidelidade a unha utopía funcionan como motor. Mais unha vida de proxectos en común non colle en ningún papel. Tampouco o relato de como era o día a día ao carón de Díaz Pardo, ese que viviron os seus colaboradores máis achegados durante anos. (…)”.
No mesmo medio, tamén se recollen aportacións sobre a súa figura de Manuel Rivas, Marilar Aleixandre, Pepe Barro ou Xurxo Borrazás.

Armando Requeixo: “A prol dunha educación literaria”

Artigo de Armando Requeixo no seu blog Criticalia:
“Onte e antonte, na controvertida Cidade da Cultura, desenvolvéronse as I Xornadas de Literatura e Ensino baixo o título xeral A Literatura galega nas aulas: os camiños do entusiasmo. Organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en colaboración coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega (ASPG), estas xornadas reuniron un escolleito grupo de didactas, estudosos, creadores e críticos literarios que, organizados en diversas mesas redondas, analizaron diferentes aspectos relacionados co presente e o posible futuro da nosa literatura nos centros educativos.
A conferencia inaugural da xuntanza correu a cargo do escritor Xosé Miranda quen, co seu oficio e saber característicos, disertou con construtiva retranca sobre Que vén sendo iso de ensinar literatura?, ofrecendo unhas moi útiles Instrucións de uso para docentes nos biosbardos.
A mesa redonda que seguiu estivo coordinada por Mercedes Queixas Zas e nela participaron o narrador Antón Riveiro Coello, o poeta Xavier Seoane e mais a estudosa Pilar Ponte Patiño quen, dende ancos complementarios, abordaron o complexo tema A literatura galega nas aulas do século XXI centrándose nas que cada un deles crían podían ser axeitadas Estratexias de sedución coas que atraer o alumnado e facer agromar nel o pracer da lectura.
Para rematar coas actividades deste primeiro día Queixas Zas levou a cabo unha suxestiva Presentación do Espazo didáctico virtual da AELG na que deu noticia do grande número de recursos que a asociación ofrece ao profesorado na súa web, na que é posible atopar unidades didácticas, obradoiros literarios, roteiros e outros materiais de grande proveito para o traballo nos centros.
A xornada sabatina principiou cunha mesa centrada nos Tópicos, prexuízos e puntos de fuga que tiven o pracer de moderar e na que participaron a ensaísta e especialista en bibliotecas escolares Pilar Sampedro Martínez, o profesor e narrador Manuel Lourenzo González (recentísimo gañador do Premio Blanco Amor) e mais o escritor e editor Fran Alonso. Todos tres achegaron unha moi ampla panorámica sobre do tema proposto e, amais de combater os numerosos lugares comúns cos que tantas veces se simplifican as cuestións referidas a este asunto, foron respondendo tamén múltiples interrogantes e expoñendo cales podían ser as actitudes coas que afrontar os retos que se abren para o seu futuro.
A mesa coa que se pechou a mañá tiña designado como coordinador o escritor Marcos Calveiro e como relatores convidados o profesor R. Nicolás, o narrador e teórico do feito literario infantoxuvenil Xabier P. Docampo e mais a escritora Marilar Aleixandre. Os catro articularon intervencións nas que se ocuparon dos Itinerarios lectores durante a adolescencia e, sobre todo, dos Criterios de selección dos mesmos, deténdose en espiñentos temas como, poño por caso, a importancia da educación en valores á hora da selección de títulos para o alumnado ou a (in)conveniencia de tratar certos tabús nas obras literarias que a este se destinan.
A quenda da tarde comezou cunha nova mesa redonda, desta volta a propósito do tema Os ‘irmáns pequenos’ no universo da aula: a poesía, o teatro e a literatura de tradición oral. Coordinados polo escritor Carlos Negro —quen fixo de cada un deles unha magnífica presentación en verso—, a dramaturga Teresa González Costa, o poeta Antonio García Teijeiro e mais o narrador e investigador Antonio Reigosa ocupáronse, respectivamente, do papel que o teatro, a poesía e a literatura de raiceira e tradición popular podían (e deberían) xogar nas aulas, equilibrando, así, a súa presenza coa escrita narrativa, xénero preferente para o traballo do profesorado.
Como despedida das xornadas, a mesa A escola e outras literaturas: álbum ilustrado, novela gráfica e banda deseñada, moderada por F. Castro, reuniu as profesoras Gracia Santorum e Ánxeles Abelleira e mais o artista gráfico e ilustrador Jacobo Fernández Serrano para reflexionar sobre as posibilidades que o mundo do cómic e outras fórmulas visotextuais ofrecen no proceso de aprendizaxe do noso alumnado.
O considerable número de asistentes (que se achegou ao centenar), así como a intensa participación nos debates que se suscitaron tras cada unha das mesas redondas entre o público e os relatores dan fe do interese certo que estas I Xornadas de Literatura e Ensino, meritoriamente organizadas pola AELG coa colaboración da AS-PG, espertaron entre a comunidade educativa, polo que haberá que facer votos para que nos vindeiros anos a iniciativa se consolide.

María Xosé Queizán, Premio Voz da Liberdade 2011, outorgado polo Centro PEN de Galicia

“O xurado cualificador do Premio Voz de Liberdade 2011, outorgado polo Centro PEN de Galicia e de carácter bienal, integrado por Luís González Tosar, Miro Villar, Inma López Silva, Marilar Aleixandre, Manuel Outeiriño, Román Raña e Manuel Guede, decidiu conceder este galardón, na súa quinta edición, por unanimidade, á escritora viguesa María Xosé Queizán. Entre outros méritos, o xurado considerou, “a súa traxectoria independente e firme, tanto na defensa da liberdade de expresión coma na dos dereitos das mulleres desde a década dos sesenta ata a actualidade. María Xosé Queizán, cunha obra de referencia na narrativa, na poesía, no ensaio e no teatro, destaca tamén polo seu labor de tradutora e por manter, ao longo de 28 anos, a revista Festa da palabra silenciada, verdadeira voz da escrita feminina e exemplo de pluralidade e proxección exterior da literatura galega”. O xurado fai constar, asimesmo, que María Xosé Queizán impulsou, xunto con outros 22 escritores e escritoras, o primeiro intento de creación do PEN Clube de Galicia, asistindo á asemblea constitutiva celebrada en Santiago o 7 de abril de 1977 e suscribindo a incorporación ao PEN Internacional. (…) A entrega do Voz de Liberdade 2011, unha peza escultórica da autoría do ourensán Xosé Cid, terá lugar no transcurso dunha actividade literaria aberta, na que a glosa da homenaxeada correrá a cargo da Catedrática de Lingua e Literatura Galegas da Universidade de Vigo, Prof. Mª Camiño Noia Campos. O acto terá lugar o sábado 26 de novembro, ás 12:00 horas, na Sala de Conferencias do Centro Social Novacaixagalicia, Praza de Cervantes, de Santiago de Compostela.” Vía Xerais.

I Xornadas de Literatura e Ensino. A Literatura galega nas aulas: os camiños do entusiasmo, o 18 e 19 de novembro

As I Xornadas de Literatura e Ensino. A Literatura galega nas aulas: os camiños do entusiasmo, que terán lugar o venres 18 e sábado 19 de novembro no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia (Monte Gaiás) de Santiago de Compostela, son un curso organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega e o patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia-Xunta de Galicia.
A asistencia é libre. Para o colectivo docente non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario está solicitada a homologación ante a Consellaría de Educación por 10 horas, e a matrícula é preferente para socios/as da AELG e da AS-PG (por orde de inscrición). Para as persoas que nunca traballaran como docentes en centros públicos ou concertados da Consellería de Educación resérvanse 25 prazas.
A matrícula, gratuíta, farase desde o 24 de outubro ao 15 de novembro de 2011 a través da web da AS-PG.

Os obxectivos previstos son:
– Reflexionar sobre a necesaria revisión e actualizar da transmisión didáctica da literatura no ensino obrigatorio e posobrigatorio.
– Valorar a literatura galega, a través da súa historia, como unha ferramenta clave para a adquisición da necesaria competencia lingüística adaptada a cada nivel/etapa educativa.
– Adecuar a diversidade metodolóxica literaria aos novos tempos educativos.
– Achegarse aos contidos didácticos e interactivos que as TIC ofrecen para o profesorado.
– Coñecer o Espazo Didáctico que a AELG ofrece aos profesionais do ensino, en particular, e á sociedade, en xeral.
– Reflexionar sobre os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da literatura.
– Concienciarse da necesidade de estimular creativamente, na escrita, o alumnado.
– Coñecer e analizar as estratexias de sedución que faciliten a descuberta e o achegamento á literatura por parte do público infanto-xuvenil.
– Partillar e debater directamente sobre orientacións e estratexias de achegamento literario para a infancia e mocidade xunto con escritores e escritoras da literatura galega.

Pode descargarse aquí o programa, que está composto polas seguintes actividades:

VENRES 18 DE NOVEMBRO

16:30 h. Conferencia inaugural: Que vén sendo iso de ensinar literatura? Instrucións de uso para docentes nos biosbardos, por Xosé Miranda.
17:30 h. Mesa redonda: A literatura galega nas aulas do século XXI: estratexias de sedución. Participan: Antón Riveiro Coello, Xavier Seoane e Pilar Ponte Patiño. Coordina: Mercedes Queixas Zas.
19:00 h. Presentación do Espazo didáctico virtual da AELG, por Mercedes Queixas Zas.

SÁBADO 19 DE NOVEMBRO

10:30 h. Mesa redonda: A literatura infantil e xuvenil en Galicia: tópicos, prexuízos e puntos de fuga. Participan: Pilar Sampedro, Manuel Lourenzo González e Fran Alonso, coordinados por Armando Requeixo.
12:00-12:30 h.. Pausa-café.
12:30 h. Mesa redonda: Itinerarios lectores durante a adolescencia: criterios de selección. Participan: Ramón Nicolás, Marilar Aleixandre e Xabier P. DoCampo, coordinados por Marcos Sánchez Calveiro.
16:30 h. Mesa redonda: Os “irmáns pequenos” no universo da aula: a poesía, o teatro e a literatura de tradición oral. Participan: Antonio García Teijeiro (poesía); Teresa González Costa (teatro) e Antonio Reigosa (literatura oral). Coordina: Carlos Negro.
18:00 h. Mesa redonda: A escola e as outras literaturas: álbum ilustrado, novela gráfica e banda deseñada. Participan: Gracia Santorum, Ánxeles Abelleira e Jacobo Fernández Serrano baixo a coordinación de Francisco Castro.

Crónica posterior en Poesía galega e o blogue de Armando Requeixo, Criticalia.

Vigo: Mesa redonda de narrativa, no VI Ciclo Escritoras/es na Universidade

O xoves 6 de outubro, ás 12:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, comeza o VI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o lema Literatura galega hoxe (alba de gloria ou solpor dos deuses): poesía, narrativa, teatro. Os escritores/as perante a crise, cunha Mesa redonda de narrativa, coa participación de Marilar Aleixandre e Bieito Iglesias, presentados por Camiño Noia. O acto de inauguración contará coa presenza do Secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e da escritora Marta Dacosta en representación da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

VI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, organiza o VI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, que chega á súa sexta edición, desta volta co lema Literatura galega hoxe (alba de gloria ou solpor dos deuses): poesía, narrativa, teatro. Os escritores/as perante a crise. Os/as autores/as falarán da súa obra persoal e as súas expectativas perante a grande crise (galega, española, europea; literaria, social, de comunicación, de visibilidade…, etc.) na que estamos e como saír dela. Os actos celebraranse no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, ás 12:00 horas. O programa é o seguinte:

– Xoves 6 de outubro. Mesa redonda de narrativa. Marilar Aleixandre e Bieito Iglesias. Presenta Camiño Noia.

– Xoves 20 de outubro. Mesa redonda de poesía. Marga do Val e Emma Pedreira. Presenta Anxo Angueira.

– Xoves 3 de novembro. Mesa redonda de teatro. Afonso Becerra e Quico Cadaval. Presenta Manuel Forcadela.

Roteiros literarios por Compostela: Marilar Aleixandre

O martes 28 de xuño, a partir das 20:00 horas, na Porta do Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela, proseguen os Roteiros literarios por Compostela, actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Concellaría de Cultura de Santiago, aos que a cidadanía pode sumarse sen necesidade de anotarse, axudando a coñecer a Compostela literaria da man dos nosos autores e autoras. Está previsto que este Roteiro, da man de Marilar Aleixandre, parta da praza do Obradoiro, seguindo polo casco histórico, para despois cruzar a Alameda e acabar no lavadoiro de Cornes.

Braga: Dia Galaico-Minhoto na Feira do Livro

O sábado 7 de Maio desenvólvese o Dia Galaico-Minhoto na Feira do Livro de Braga, co seguinte programa:
– 15:00 h. Presentación da obra Ayes de mi País, o primeiro e até agora inédito cancioneiro de música popular galega, unha compliación feita por Marcial de Valladares a mediados do século XIX. Editado e presentado por José Luís do Pico Orjais e Isabel Rei Sanmartin.
– 16:00 h. Mesa de escritoras e escritores da Galiza, que darán visibilidade á literatura galega na Feira. Coa presenza de Carlos Quiroga, Séchu Sende, Lucía Novas, Andrea Nunes Brións, Raquel Miragaia, Román Raña, Marilar Aleixandre, Mario Regueira e Marta Dacosta, esta última como representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Coa intervención musical da cantora galega Uxía e o músico brasileiro Sérgio Tannus.
– 20:00 h. Encontro de escritoras e escritores da Galiza e do Minho nunha cea ofrecida pola Feira do Livro e que permitirá estabelecer e estreitar relacións aos dous lados da Raia. Neste encontro participarán os profesores Elias Torres Feijóo pola Universidade de Santiago de Compostela e Carlos Cunha pola Universidade do Minho. Estará amenizado por Uxía e Sérgio Tannus.

– Ás 18:30 h., no Salão Nobre do Edifício dos Congregados, terá lugar unha conferencia-concerto de José Luis do Pico Orjais e Isabel Rei Sanmartin sobre a edición crítica do primeiro e até agora inédito cancioneiro de música popular galega, Ayes de mi País, unha compilación feita por Marcial de Valladares no século XIX e da que interpretarán algúns temas.