Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Na tarde do xoves 26 de febreiro, na Sala A de traballo da Biblioteca Ánxel Casal de Compostela, Carmen Carreiro, Luís Cochón, Mercedes Queixas e servidor xuntamos para decidir cal había ser o poeta distinguido este ano co Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, certame mozo que, secasí, chega xa á súa terceira edición.
Carreiro é a alma deste premio, pois ela foi quen o ideou e quen o anima dende a presidencia da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe de Fornelos de Montes, terra do escritor, que tamén se comprometeu na organización dende o concello, pois é esta a entidade patrocinadora do mesmo coa axuda da Deputación Provincial e mais de Sotelo Blanco, selo que publica as obras gañadoras.
Xunto a ela, que actuou con voz e sen voto, Cochón, Queixas e eu deliberamos por espazo de dúas horas para ir peneirando entre os trinta e nove títulos que se presentaron nesta convocatoria, unha cifra que confirma a boa saúde do certame, no que se contou con poemarios de estimable altura.
Logo das correspondentes cribas, rematamos por escoller o orixinal presentado a concurso baixo o título As cicatrices do Sol e o pseudónimo Dylan Dog, curiosa máscara (remite a un famoso cómic italiano de Tiziano Sclavi considerado de culto entre os amantes do Fumetto Nero) tras da que, aberta a plica, resultou agocharse Luís Valle, poeta lucense cunha traxectoria importante que o levou a obter no 2008 o Premio de Poesía Caixanova coa obra A caída e no 2010 o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón con Fedor, aos que sumou ultimamente Caderno do mendigo, publicado por Barbantesa no 2012.
As cicatrices do Sol sorprendeunos pola forza simbólica dos seus textos. Hai nel un elaborado urdido no que van tecéndose fías dun a outro poema que remiten a conceptos clave que cómpre decodificar axeitadamente para a comprensión do conxunto: as raíces, os anxos, as espiñas, os cervos, os corvos e as pombas ou as babas e os caracois son algunhas presenzas que proporcionan a este territorio lírico unha consistencia significante alén do aparencial.
Gustou, tamén, a orixinalidade da imaxinería que sostén o poema, posuidor dunha singular dicción que moitas veces relanza os versos cara a unha entidade dialóxica intermedia á que a voz poética dirixe proclamas. Alentan as composicións nunha atmosfera oracular, mesmo por veces non dubidan en internarse nos eidos do profético, alzando a palabra para revelar verdades superiores que se enxergan ocultas e que desvelan a súa epifanía facendo que a plenitude solar disipe océanos de sombra. (…)”
Arquivos da etiqueta: Mercedes Queixas
#EuSonRosalía fai sentir en Bonaval as moitas razóns para sermos “rosalías”
Artigo de Carme Vidal en Sermos Galiza:
““Coma todos os anos reivindicamos que este lugar sexa laico e de uso público, con accesibilidade para que os nosos e as nosas escolares poidan vir a lle traer flores”, comezou o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, na apertura dun acto no que reivindicou o dereito do alumnado de todo o pais a visitar este lugar que é símbolo onde mora quen, transgresora, soubo derrotar a desesperanza quen, en palabras de Curros, leva a estrela na fronte, a quen é guía aínda hoxe para o noso devir”, dixo o presidente da AELG.
“Debemos deixar que Rosalía fale por voz de cada unha de nós”, dixo Rosalía Fernández Rial no manifesto da homenaxe central que a AELG lle rendeu, un ano máis, en San Domingos de Bonaval. A outra Rosalía, a de Carballo, recoñeceu a pertenza a unha mesma comunidade poética e manifestouse Rosalía, a outra, por “compartir a identidade”, nesa vontade na que se recoñecía a filosofía da iniciativa que neste ano promoveu a AELG e que levou á rede moreas de razóns para sermos Rosalías.
“A súa obra transcende o seu tempo e dálle voz a aquilo que nos define aos galegos coma construtores dunha cultura nun idioma”, dixo Cesáreo e, desa condición, inundouse o acto de Bonaval, de expoñer ás condicións rosaliáns das persoas que desexan, en especial desde a literatura, un mundo de igualdade e xustiza.
Moitas Rosalías rularon pola rede nestes días e unhas cantas colleron o micro en Bonaval para faceren escoitar os seus versos, coas reivindicacións de hoxe, pola nosa lingua, contra a emigración, coas persoas desafiuzadas e as obrigadas a emigrar, as que manteñen o “atrevemento” de continuar a escribiren en galego. A voz de Rosalía sentiuse así próxima, coa actualidade dos temas dos que ela falou e que continúan a estaren infelizmente presentes.
Mercedes Queixas, Isabel Kerdudo, Viki Rivadulla, Paula Carballeira, Mónica Caamaño, Ledicia Costas ou Xurxo Souto -que impresionou cantando a capela un dos seus poemas- foron algunhas das voces que trouxeron á beira do Panteón de Galegos Ilustres os versos de Rosalía na homenaxe central da AELG polo seu aniversario que se fai o vindeiro 24 de febreiro. E os poemas de Rosalía cadraban con cada unha das reivindicacións, desta maneira, Isabel Kerdudo lembrou ás persoas desafiuzadas e obrigadas a emigrar, Ledicia Costas recoñeceuse Rosalía no feminismo e no orgullo da lingua ou Mercedes Queixas no atrevemento de escribir en galego, entre outras razóns para reclamar que continuamos herdando da poeta.
A coral Solfa e Uxía puxeron música ao acto. “Unha Rosalía rebelde, revuldeira, telúrica, comprometida coa súa terra, a Rosalía vixente que hoxe nos trae aquí”, foi a que reclamou Uxía na intervención musical na que estreou unha nova canción que interpretou coa arpa de Clara Pino.
“Coñecer a Rosalía é coñecer a historia do propio país. Recatala da manipulación, do ocultamento, que sexa coñecida e valorada significará que é un pobo que se coñece a si mesmo, que sabe cales son as causas que non lle permiten vivir do propio traballo na propia Terra que este pobo humanizou para poder recibir dela os propios alimentos unha terra abenzoada pola fertilidade, un mar de fartura do que vén o pan que de xeito rebordantemente humano ela cantou”, reivindicou Cesáreo Sánchez, á fronte dunha AELG que ten na data de nacemento de Rosalía unha das principais conmemoracións do ano e defende que sexa convertido na grande celebración literaria tanto no ámbito escolar como no social e institucional. O acto rematou cunha ofrenda floral e a interpretación conxunta do himno galego.”
Compostela: acto central de #EuSonRosalía, no Panteón de Galegos Ilustres
Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
Actuación da Coral da Asociación cultural e musical Solfa.
Lectura do Manifesto da AELG.
•Rosalía Fernández Rial, vogal da AELG.
Lectura de poemas rosalianos:
•Xosé Iglesias: “O mar castiga bravamente as penas”
•Viki Rivadulla: “Tecín soia a miña tea”
•Mónica Caamaño: “A xusticia pola man”
•Fran Barcia: “Nosa Señora da Barca”
•Xosé Mª Lema: “Nosa Señora da Barca”
•Ledicia Costas: Fragmento do prólogo de Follas Novas
•Fernando Patricio: “¡Mar!, cas túas augas sin fondo”
•Paula Carballeira: “Soia”
•Isabel Vaquero: “Miña casiña, meu lar”
•Xurxo Souto: “Mentres eu peno”
•Isabelle Kerdudo: “¡Pra a Habana!”
•Andrés Collantes: “Sin Niño”
•Mercedes Queixas: “Tal como as nubes”
Actuación da Coral da Asociación cultural e musical Solfa:
Actuación de Uxía.
Ofrenda floral.
Compostela: a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra a súa asemblea xeral de 2015
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrará mañá sábado día 14 de febreiro a súa Asemblea Xeral de Socios/as, ás 11:30 h. en primeira convocatoria e 11:45 h. en segunda convocatoria, no Salón de Actos do compostelán Museo do Pobo Galego.
Ao final da Asemblea, previsto para as 13:15 h., e no mesmo salón de actos, o Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias e a Secretaria xeral, Mercedes Queixas Zas, ofrecerán unha rolda de prensa para dar conta de, entre outros aspectos:
• Os pronunciamentos da Asemblea sobre as vindeiras actividades da entidade.
• Os nomes das entidades que recibirán o Premio AELG 2015 “Institucións”, o Premio “Os Bos e Xenerosos 2015” e mais o nome do Escritor/a Galego/a Universal 2015, galardóns que se entregarán na Gala das Letras que terá lugar o 9 de maio na cidade de Lugo.
• O nome do/a “Escritor/a na súa Terra – Letra E”, homenaxe que este ano chega á súa vixésimo primeira edición.
• O programa de actividades do vindeiro Día de Rosalía de Castro.
Compostela: II Xornadas de Lingua e Literatura Galegas no Ensino, os 6 e 7 de marzo
Compostela: presentación de Rastros con enrugas, de Xoán Carlos Domínguez Alberte
Lugo: xornada pública Fagamos contas. 35 anos de autonomía: Como nos foi?
Finou Francisco Carballo, Bo e Xeneroso
A Asociacion de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quere facer público o seu pesar pola morte do escritor Francisco Carballo, nomeado no ano 2012 Bo e Xeneroso pola Asemblea de Socios e Socias.
A concesión deste premio quixo ser recoñecemento, tal e como consta na acta lida pola Secretaria Xeral, Mercedes Queixas, «ao exemplo de firme e irrenunciábel compromiso ético coa historia de Galiza, personificado en don Francisco Carballo, quen, ao longo de máis de corenta anos participou, coa súa investigación histórica e a súa imprescindíbel reescrita, xunto ao seu activismo, en dotar de contidos vertebradores a realidade social e cultural de Galiza, o que o converte hoxe nunha figura referencial para a cultura e a sociedade galega no seu conxunto. O seu diálogo constante cos lectores, a través do ensaio e do incansábel colaborar en medios xornalísticos, en especial A Nosa Terra, da que foi membro fundador en 1977, ofrécenos claves e miraxes superadoras de cegueiras e deformacións ao redor da historia dos vencidos.»
Palabras de agradecemento a un traballo incansábel de construción da nación que o Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, recompilou para Francisco Carballo e para todas as persoas que o arrouparon neste acto celebrado no Museo do Pobo Galego:
Homenaxeamos hoxe un Bo e Xeneroso, un dos que día a día e en cada tempo histórico de vagariño fundan a nación, como nos lembra o noso himno nacional.
Reunímonos hoxe aquí en homenaxe a un dos homes que constrúen á par que contan e fan a luz sobre a nosa memoria colectiva. Un dos que, de alma xenerosa, entregan á terra dos galegos e das galegas a bondade do seu traballo, do seu coñecemento, coa fortaleza da humildade como valor inmenso.
Dinos o Profesor Francisco Carballo:
«Galiza é a miña patria. Nela acumúlanse sentimentos familiares e de pertenza a un colectivo. É a miña referencia: a terra nai en si e a súa cultura.»
Desde esta referencia aproxímase ao noso ser colectivo. É un historiador que nos di:
«Precisamos liberarnos dunha historia imposta e coñecer a propia historia de Galiza.»
Francisco Carballo foi fillo do humanismo e da Ilustración. Dela deixou dito que os ilustrados reivindicaron Galiza como reino de cultura e lingua propias, e levouno a afirmar que moitos galegos están colonizados ou asimilados. «Ora ben, outros galegos non o estamos. Sería fonte de vida e de ilusión darse de conta de que (os galegos e galegas) son un astro por si mesmos.»
Na nosa memoria sempre.
Os seus restos mortais serán soterrados en Salamanca a segunda feira, 1 de decembro, segundo informa Sermos Galiza.
Arteixo: Cuadrante de sombras, recital con poesía e música
O sábado 22 de novembro, ás 21:00 horas, na Taberna-Café-Museo A Baiuca (Travesía de Arteixo, 213, frente ao concello) de Arteixo, terá lugar Cuadrante de sombras, un acto presentado por Paco Souto onde acompañarán poeticamente o Transfusión oceánica de Xosé Iglesias (publicado pola A. C. Caldeirón), Xosé Abeledo, Iolanda Aldrei, María José Fernández López, Alfredo Ferreiro, Modesto Fraga, Xurxo Gago, Mercedes Leobalde, Tati Mancebo, Miguel Mato, Juan Alberto Moure, Serafín Mourelle, Rodrigo Osorio, Marité Prieto, Mercedes Queixas, Teresa Ramiro, Viki Rivadulla, X. H. Rivadulla Corcón, Paco de Tano e Ramiro Torres. Tamén participará musicalmente Bieito Romero e amigos músicos.
Crónica videográfica das IV Xornadas de Literatura e Ensino: mesa redonda O pensamento escríbese con -As (o ensaio no século XXI)
O sábado 18 de outubro, no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia, tiveron lugar as IV Xornadas de Literatura e Ensino, baixo o título A Xeración Nós-outr@s, organizadas pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Esta á e crónica videográfica do acto, onde se poden ver as seguintes intervencións:
– Presentación da mesa redonda O pensamento escríbese con -As (o ensaio no século XXI), con Mercedes Queixas.
– Intervención de Rebeca Baceiredo.
– Intervención de Montse Dopico. Tamén pode consultarse a versión escrita aquí.
– Intervención de María Reimóndez.
– Coloquio da mesa redonda O pensamento escríbese con -As (o ensaio no século XXI). Con Rebeca Baceiredo, Montse Dopico e María Reimóndez.