Muxía: actos do 50 aniversario do pasamento de Gonzalo López Abente

Actos do Día de Rosalía para o venres 22

O CEIP de Prácticas de Ourense celebrará o Día de Rosalía o 22, venres. Ao subir do recreo conectaranse todos os altofalantes das aulas, e os 678 alumnos e alumnas escoitarán un poema musicado interpretado por un mestra en prácticas, para logo o alumnado voluntario de 2º e 3º ciclos de Primaria ir polas aulas dos máis pequenos recitando e cantando poemas da nosa autora.
O CPR Cardenal Cisneros de Ourense organiza ás 12:00 unha lectura de Cantares Gallegos nas distintas linguas maternas dos alumnos do centro, aproveitando a interculturalidade do mesmo: galego, castelán, inglés, francés, wolof, portugués, rumano, árabe.
Na cidade de Lugo oito centros de ensino (IES Lucus Augusti, IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, IES Ánxel Fole, IES Xoán Montes, Colexio Maristas, Colexio San Xosé, CPR Fingoi e Colexio Divino Maestro) organizan un recitado no Parque de Rosalía, ás 12:00 horas, no que participan un total de 80 alumnas e alumnos en compañía de Marica Campo e Darío Xohán Cabana. O acto rematará cunha ofrenda floral.
En San Sadurniño a homenaxe desenvolverase en dúas quendas entre as 12:00 e as 14:00 horas. Nela participarán alumnos e profesores de Educación infantil e Primaria do C. P. I. San Sadurniño, que lerán a viva voz poemas de Rosalía Castro no salón de actos da casa da Cultura. No acto tamén estará a poeta María Lado, quen fará unha intervención a medio camiño entre o literario e a animación á lectura. Ademais o Concello obsequiará aos máis pequenos con libros que tratan sobre a figura e a obra de Rosalía.
En Cabana de Bergantiños, os alumnos e as alumnas de 5º e 6º de Primaria do CPI As Revoltas farán a súa particular interpretación do poema Fun un domingo, que será recollida nun vídeo.
Na Coruña, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda promove un maratón de leitura para nenos e nenas sobre textos de Rosalía, entre as 17:30 e as 20:00 horas, e unha charla ao remate do mesmo a cargo de Miguel Mato, quen falará da autora.

Ponteceso: convocatoria para participar en recital de poesía contra a mina de Corcoesto

Estase organizando un recital de poesía contra a contaminante mina de Corcoesto (Cabana de Bergantiños) que se baralla para o día 11 de Agosto. Contaremos coa presenza musical do amigo Serxio Moreira ao piano e buscamos un ou varios pintores que se animen a facer un cadro en directo.
De momento a nómina de autores é a seguinte: Paco Souto, Xosé Lois Cabanas, Miguel Mato e Óscar de Souto. Así que velaí, se podedes e queredes participar no recital, quedades convidados.
Será en Ponteceso, probabelmente na casa dos veciños do Couto. Podes comunicar o teu interese en participar no correo electrónico: pacosouto@hotmail.com. Sería fantástico que fixerades un poema ad hoc.

O Couto, Ponteceso: actos literarios do venres 18 de maio, no Festiletras

Festiletras, o festival literario que cada ano se celebra no Couto (Ponteceso) arredor do Día das Letras chega ao seu 30 aniversario. E faino cun programa que se prolongará desde o día 16 ao 20 deste mes e que inclúe máis de trinta actos entre concertos, actuacións teatrais, presentacións literarias, maxia ou contacontos. Destacamos nomeadamente os actos do venres 18 de maio:

10:00-11:30 h.
* Na Escola Infantil A Galiña Azul (Ponteceso): animación literaria a cargo das fadas pondalianas (Bergantiños, Baltar e Rouriz) e Silvia Losada.
* No CEIP As Forcadas (Corme): animación literaria a cargo de Xoán Babarro arredor da novela O dragón de Gondomil. Concurso de Galeoke animado polo colectivo Tinta de Lura.
* No CEIP Eduardo Pondal (Ponteceso): animación literaria a cargo de Ana María Fernández arredor de Rosalía de Castro. Do A ó Z. Concurso de Galeoke animado polo colectivo Tinta de Lura.
* Na Fundación Eduardo Pondal (salón de actos). Con presenza de Xelucho Abella Chouciño (Gundar e o cabalo de oito patas), animación musical a cargo de Gloria Mosquera de Mamá Cabra e o acordeonista
Diego Maceiras e animación literaria do CD interactivo Gundar e o cabalo de oito patas a cargo de Tinta de Lura para alumnado do CRA Nosa Señora do Faro.
* No IES de Ponteceso: intervención literaria de Miguel A. Mato Fondo (Xope de Lilaina) e Xabier P. Docampo (O libro das viaxes imaxinarias) con alumnado de primeiro de Bacharelato.
12:00 h. Na Casa dos Veciños (Salón de Actos):
* Inauguración da exposición Querido Balbino coa presenza do seu autor: Xosé Neira Vilas.
* Escenificación de Balbino a cargo de Tamara Lema.
* Proxección audiovisual permanente Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda con Monte Branco.
12:45 h. Na Casa dos Veciños (Os Soportais):
* Inauguración da placa a cinco escritores: Xelucho Abella Chouciño, Miguel Anxo Mato Fondo, Xabier P. Docampo, Xoán Babarro e Ana María Fernández coa interpretación musical do Himno Galego a cargo
dos gaiteiros do Centro Coreográfico Galego.
13:00 h. Na Casa dos Veciños:
* Palabras de Xosé Neira Vilas e escenificación das Memorias dun neno labrego a cargo de Cándido Pazó para alumnado do IES de Ponteceso.
14:30 h. No Restaurante Miramar (Valarés):
* Xantar literario cos escritores homenaxeados.
* Sobremesa literaria coa presentación dos libros máis novos de Xabier P. Docampo (Mans), Xosé Neira Vilas (Cartas de Neira Vilas a Valentín Paz Andrade e a Celso Emilio Ferreiro), Xoán Babarro (Macarrón de narices) e Ana María Fernández (Páxinas de carricanta)
* Animación musical a cargo dos gaiteiros do Centro Coreográfico Galego.
22:00 h. Na Casa dos Veciños (Salón de Actos. Donativo para Escola de Verán 2.00 € por adulto):
* A Noite dos Poetas. Presenta a xornalista pontecesá Lorena Pose e anunciará a axenda sonora da Costa da Morte.
* Xurxo Souto, Lectura do Manifesto da regueifa.
* Luís O Caruncho e Benito Lobareiras.
* Joan Garriga.

A Coruña: recitado poético en homenaxe a Antón Avilés de Tamarancos e ao Día Internacional da Poesía

O mércores 21 de marzo, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos) da Coruña, terá lugar un recitado poético organizado pola A. C. Alexandre Bóveda co que se conmemora o Día Internacional da Poesía e tamén homenaxear a Antón Avilés de Taramancos. No acto participan, entre outros, Miguel Mato, Henrique Rabunhal, Olga Patiño, Lino Braxe, Dores Tembrás, Xulio López Valcarcel, Diana Varela, Xoán Abeleira ou Xosé Manuel García.