Muxía: presentación de As crebas, de Miro Villar

O venres 19 de agosto, ás 21:00 horas, na Praza do Cabo da Vila de Muxía (en caso de choiva, a cita trasladaríase ao Salón de Actos), preséntase o libro As crebas, de Miro Villar, publicado en Espiral Maior e premiado co XIII Premio de Poesía Concello de Carral. No acto participan, acompañando ao autor, Félix Porto, Xosé Henrique Rivadulla Corcón e Alexandre Nerium.

Acto conmemorativo do 50º aniversario do pasamento de Aquilino Iglesia Alvariño, o sábado 30 de xullo

O sábado 30 de xullo, ás 12:30 horas, no Cemiterio de Boisaca (diante da campa onde está soterrado o poeta) de Santiago de Compostela, terá lugar un acto conmeorativo do 50º aniversario do pasamento de Aquilino Iglesia Alvariño, organizado polo Centro PEN de Galicia, en colaboración co Concello de Santiago, Secretaría Xeral de Política Lingüística e Consellería de Cultura e Turismo, co seguinte programa:
– Palabras de presentación a cargo de Luís González Tosar (escritor e presidente do PEN Galicia).
– Intervencións de:
* Luciano Rodríguez. O pó dos días de Aquilino.
* Xurxo Martínez González. Pervivencia da poesía de Iglesia Alvariño.
* Xosé Luís Méndez Ferrín (Presidente da Real Academia Galega).
– Recital de poemas a cargo de: Miro Villar, Bieito Iglesias e Salvador García-Bodaño.
– Palabras de agradecemento de Aquilino Iglesia Ferreirós (fillo do homenaxeado).
– Ofrenda floral e interpretación da Marcha do Antigo Reino de Galicia.

Crónica posterior en Galiciaé.

As manías d@s escritor@s de noso (II), no blog Trafegando Ronseis

Continuación do artigo no blog Trafegando Ronseis: As manías d@s escritor@s de noso (II):
“Celso Emilio Ferreiro: Antes de escribir o poema xa o elaboraba con anterioridade mentalmente e de xeito concienciudo. A súa muller era sempre a súa primeira lectora e crítica (a pedra para constatar a realidade, a emoción que pode espertar).
Yolanda Castaño: Con silencio total, pechada e con luz artificial, acode primeiro á súa cabeza antes de deixar pegadas no papel.
Antón Riveiro Coello: Merca cadernos en branco que logo non utiliza e asina sempre cun bolígrafo vermello. Un pouco de licor café axúdalle a enfeitizar as musas.
Elena Gallego Abad: Cando está en pleno proceso creativo non le outras literaturas, aínda que si se documenta moito para os seus escritos. Cociñar é o xeito que ten para desbloquearse.
Manuel Núñez Singala: Non fala do seu traballo ata telo rematado. Cambiou o caderniño e un cabo de lapis polo iPhone: sempre anda a anotar para non esquecer as ocorrencias.
María Canosa: A orde é fundamental para poder efectuar este labor que nos ocupa, algo que adoita realizar descalza e cunha vela porque lle relaxa mirar a lapa. Prefire escribir con lapis, e sempre a man.
Miro Villar: Nunca se pon á escrita de noite e faino en papel necesariamente. Adoita traballar intermitentemente e repousar a súa creación literaria.
Marta Dacosta: Acostuma utilizar as mesmas ferramentas, un vello caderno cheo de folios soltos e un bolígrafo agora extraviado. Obrígase asemade a utilizalas cando menos unha vez ao mes.
Antón Fortes: Utiliza uns pequenos cadernos de 10 por 15 centímetros nos que escribe cun Pilot de tinta líquida negra con letra minúscula (o propio autor asegura que é “de formiga”).
Marica Campo: Cómprelle a soidade e escoitar música de violonchelo, preferentemente Mischa Maisky ou Jacqueline du Pré.”

Antoloxía de autores galegos na revista electrónica BigBridge, a cargo de F. R. Lavandeira

‘A revista electrónica estadounidense BigBridge ven de publicar no seu nº 15 unha pequena antoloxía de autores e autoras das letras galegas. O coordinador da escolma, o rianxeiro Fernando Ramón Lavandeira Suárez, subliña que “o obxectivo era dar a coñecer algo da nosa literatura actual a un público non moi -por non dicir nada- afeito a ela, como é o estadounidense”. BigBridge amosa unha escolma de once autores contemporáneos, como Miro Villar, María do Cebreiro, Inma López Silva ou Anxos Sumai, tanto en prosa como en verso. Por cada un dos autores o lector da revista pode consultar unha biografía, unha autopoética e unha selección da súa obra. As traducións corresponderon ao propio Lavandeira cara o castelán e de Terri Carrión para o inglés.’ Vía Fervenzas Literarias.

Carril: presentación de Tamén navegar

O sábado 2 de xullo, ás 19:00 h., dentro do X Encontro de Embarcacións Tradicionais en Carril, preséntase o poemario Tamén navegar, antoloxía de poesía galega dedicada á carpintería de ribeira e ás embarcacións tradicionais, en edición a cargo de Francisco X. Fernández Naval, e publicado en Toxosoutos. Ao rematar o acto haberá un recital poético no que intervirán Marta Dacosta, Miro Villar, Ramón Caride, Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, Henrique Rivadulla Corcón, Carlos Arias e Cesáreo Sánchez.

Miro Villar: ‘O naufraxio dos afectos’

Entrevista a Miro Villar en Galicia Hoxe:
‘(…) Ao seu ver, a “mercantilización do mundo literario está a chegar, ao meu pesar, ao mundo da poesía”. Exemplifícao con dous escritores que veñen de participar no Litvi, o encontro de literatura de viaxes que se está a celebrar en Compostela. “Que un autor como Antonio Gala teña unha lexión de seguidores máis grande que Julio Llamazares é algo que sorprende. A mercantilización do mundo literario acaba por desvirtuar o feito literario”, asegura. (…)
Mais logo de baixar aos infernos dos recordos e das perdas, o poeta reúne esas crebas para volver cunha mensaxe positiva: “cómpre volver á vida”. “Todo flúe no libro. Pero logo dunha primeira lectura pensei que podería quedar un pouso melancólico. Por iso quixen facer unha chamada á esperanza, para tratar de combater a derrota da nostalxia. Coma se as crebas cobrasen nova vida. Do mesmo xeito que aqueles que as recollen á beira do mar as utilizan como combustible. Toda creba, ao final, é un refugallo que se reutiliza”, explica Villar.
Aínda que a primeira vista, o poemario de Miro Villar está escrito en verso libre, en realidade, son un conxunto de sonetos. “O libro ten un truco: son 31 sonetos brancos en alexandrinos pero dispostos como prosa poética por unha razón estética: quería experimentar co que visualmente é o poema en prosa e demostrar que o soneto ten moita vixencia”, explica o autor.
Villar está convencido de que o soneto “está desprestixiado” hoxe en día. De feito, na súa opinión, “se este libro aparecese nas mans do xurado do premio na súa forma orixinaria, seguro que habería algunha razón para non ser premiado”, asegura.
Para o escritor de Cee, a clave está en “dotar o soneto de contidos máis acordes coa contemporaneidade, modernizalo porque ten un ritmo propio que neste libro, pola súa disposición, está disimulado pero moita xente xa o observou despois de lelo”, apunta o autor de Gameleiros.’

Santiago: presentación de As crebas, de Miro Villar

O mércores 22 de xuño, ás 20:00 h., na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela, preséntase o libro As crebas, de Miro Villar, publicado en Espiral Maior. No acto, acompañando ao autor, estarán Miguel Anxo Fernán Vello, Francisco X. Fernández Naval e Francisco Fernández Rei.

Carral: entrega do premio de poesía Concello de Carral a Emma Pedreira, e presentación de As crebas, de Miro Villar

O venres 27 de maio, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Carral, entregarase o premio da 13ª edición do Certame de Poesía Concello de Carral a Emma Pedreira, polo seu Libro das mentiras, e preséntase o poemario gañador da anterior edición, As crebas, de Miro Villar, publicado en Espiral Maior. Pechará o acto unha actuación poético-musical de Iulius XIII, con poemas de Eli Ríos, Lois Pereiro e Emma Pedreira.

Emma Pedreira gaña o XIV Certame de Poesía Concello de Carral, con Libro das mentiras

Emma Pedreira, coa súa obra Libro das mentiras resultou gañadora do Concurso de Poesía Concello de Carral do 2011. O xurado resalta da obra gañadora a súa orixinalidade, facendo un diálogo e reescritura dos contos tradicionais infantís; a súa expresividade, cunha gran brillantez das figuras literarias e un gran equilibrio entre contido e continente, un ton auténtico e fluído, resultando no seu conxunto un libro unitario de corte novidoso, intelixente e reflexivo. O xurado, formado polos poetas Miro Villar, Xulio López Valcárcel e Olga Patiño, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, María Xosé García Fariña, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez, quixo resaltar tamén a dificultade coa que contou na deliberación, xa que o nivel literario demostrado nas 53 obras presentadas foi moi alto. Desde a Concellería de Cultura maniféstase a satisfacción de ter batido o record de participación na presente edición, o que ven demostrar o prestixio que lle conceden os escritores a este certame. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. O acto de entrega do premio terá lugar o 27 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2011.