Antoloxía de autores galegos na revista electrónica BigBridge, a cargo de F. R. Lavandeira

‘A revista electrónica estadounidense BigBridge ven de publicar no seu nº 15 unha pequena antoloxía de autores e autoras das letras galegas. O coordinador da escolma, o rianxeiro Fernando Ramón Lavandeira Suárez, subliña que “o obxectivo era dar a coñecer algo da nosa literatura actual a un público non moi -por non dicir nada- afeito a ela, como é o estadounidense”. BigBridge amosa unha escolma de once autores contemporáneos, como Miro Villar, María do Cebreiro, Inma López Silva ou Anxos Sumai, tanto en prosa como en verso. Por cada un dos autores o lector da revista pode consultar unha biografía, unha autopoética e unha selección da súa obra. As traducións corresponderon ao propio Lavandeira cara o castelán e de Terri Carrión para o inglés.’ Vía Fervenzas Literarias.

Carril: presentación de Tamén navegar

O sábado 2 de xullo, ás 19:00 h., dentro do X Encontro de Embarcacións Tradicionais en Carril, preséntase o poemario Tamén navegar, antoloxía de poesía galega dedicada á carpintería de ribeira e ás embarcacións tradicionais, en edición a cargo de Francisco X. Fernández Naval, e publicado en Toxosoutos. Ao rematar o acto haberá un recital poético no que intervirán Marta Dacosta, Miro Villar, Ramón Caride, Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, Henrique Rivadulla Corcón, Carlos Arias e Cesáreo Sánchez.

Miro Villar: ‘O naufraxio dos afectos’

Entrevista a Miro Villar en Galicia Hoxe:
‘(…) Ao seu ver, a “mercantilización do mundo literario está a chegar, ao meu pesar, ao mundo da poesía”. Exemplifícao con dous escritores que veñen de participar no Litvi, o encontro de literatura de viaxes que se está a celebrar en Compostela. “Que un autor como Antonio Gala teña unha lexión de seguidores máis grande que Julio Llamazares é algo que sorprende. A mercantilización do mundo literario acaba por desvirtuar o feito literario”, asegura. (…)
Mais logo de baixar aos infernos dos recordos e das perdas, o poeta reúne esas crebas para volver cunha mensaxe positiva: “cómpre volver á vida”. “Todo flúe no libro. Pero logo dunha primeira lectura pensei que podería quedar un pouso melancólico. Por iso quixen facer unha chamada á esperanza, para tratar de combater a derrota da nostalxia. Coma se as crebas cobrasen nova vida. Do mesmo xeito que aqueles que as recollen á beira do mar as utilizan como combustible. Toda creba, ao final, é un refugallo que se reutiliza”, explica Villar.
Aínda que a primeira vista, o poemario de Miro Villar está escrito en verso libre, en realidade, son un conxunto de sonetos. “O libro ten un truco: son 31 sonetos brancos en alexandrinos pero dispostos como prosa poética por unha razón estética: quería experimentar co que visualmente é o poema en prosa e demostrar que o soneto ten moita vixencia”, explica o autor.
Villar está convencido de que o soneto “está desprestixiado” hoxe en día. De feito, na súa opinión, “se este libro aparecese nas mans do xurado do premio na súa forma orixinaria, seguro que habería algunha razón para non ser premiado”, asegura.
Para o escritor de Cee, a clave está en “dotar o soneto de contidos máis acordes coa contemporaneidade, modernizalo porque ten un ritmo propio que neste libro, pola súa disposición, está disimulado pero moita xente xa o observou despois de lelo”, apunta o autor de Gameleiros.’

Santiago: presentación de As crebas, de Miro Villar

O mércores 22 de xuño, ás 20:00 h., na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela, preséntase o libro As crebas, de Miro Villar, publicado en Espiral Maior. No acto, acompañando ao autor, estarán Miguel Anxo Fernán Vello, Francisco X. Fernández Naval e Francisco Fernández Rei.

Carral: entrega do premio de poesía Concello de Carral a Emma Pedreira, e presentación de As crebas, de Miro Villar

O venres 27 de maio, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Carral, entregarase o premio da 13ª edición do Certame de Poesía Concello de Carral a Emma Pedreira, polo seu Libro das mentiras, e preséntase o poemario gañador da anterior edición, As crebas, de Miro Villar, publicado en Espiral Maior. Pechará o acto unha actuación poético-musical de Iulius XIII, con poemas de Eli Ríos, Lois Pereiro e Emma Pedreira.

Emma Pedreira gaña o XIV Certame de Poesía Concello de Carral, con Libro das mentiras

Emma Pedreira, coa súa obra Libro das mentiras resultou gañadora do Concurso de Poesía Concello de Carral do 2011. O xurado resalta da obra gañadora a súa orixinalidade, facendo un diálogo e reescritura dos contos tradicionais infantís; a súa expresividade, cunha gran brillantez das figuras literarias e un gran equilibrio entre contido e continente, un ton auténtico e fluído, resultando no seu conxunto un libro unitario de corte novidoso, intelixente e reflexivo. O xurado, formado polos poetas Miro Villar, Xulio López Valcárcel e Olga Patiño, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, María Xosé García Fariña, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez, quixo resaltar tamén a dificultade coa que contou na deliberación, xa que o nivel literario demostrado nas 53 obras presentadas foi moi alto. Desde a Concellería de Cultura maniféstase a satisfacción de ter batido o record de participación na presente edición, o que ven demostrar o prestixio que lle conceden os escritores a este certame. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. O acto de entrega do premio terá lugar o 27 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2011.

A Coruña: presentación de Ser auga, darse en auga de Bernardino Graña

O venres 18 de marzo, no Centro Social Novacaixagalicia (Avenida da Mariña, esquina Rúa Fama) da Coruña, a partir das 20:30 h., preséntase o libro Ser auga, darse en auga, de Bernardino Graña, publicado na Colección Arte de Trobar do Centro PEN Galicia. No acto intervirán Miro Villar, Xavier Seoane, Estíbaliz Espinosa e o autor. Os asistentes recibirán un exemplar do libro, agasallo de Novacaixagalicia e o Centro PEN Galicia.

Muxía: Acto fundacional da Fundación Gonzalo López Abente

O sábado 29 de xaneiro, ás 11:30 h., no salón de plenos do Concello de Muxía, terá lugar o acto fundacional da Fundación Gonzalo López Abente, que nace co fin de poñer en valor a obra e a figura do escritor Gonzalo López Abente (Muxía 1878-1963), e con vocación de ser un foco de irradiación de actividade cultural para toda a Costa da Morte. Farán a presentación Félix Porto, Alcalde de Muxía e Presidente da Fundación, e X. H. Rivadulla Corcón, Vicepresidente. Logo farase a sinatura da acta fundacional por parte dos representantes das institucións que forman parte do Padroado: Deputación da Coruña, Real Academia Galega, Universidade da Coruña, Universidade de Santiago, Consello da Cultura Galega, Asociación de Escritores en Lingua Galega e PEN Clube de Galicia, tras o que o poeta e escritor Miro Villar, membro da Comisión Executiva da Fundación, fará o laudatorio de López Abente. A continuación os asistentes trasladaranse ao cemiterio para facer unha ofrenda floral -a cargo dos familiares- diante da tumba do poeta nun acto presentado por Xesús Sambade, membro da Comisión Executiva da Fundación, e lectura de poemas de López Abente por: X. H. Rivadulla Corcón, Miro Villar, Luís González Tosar (presidente do PEN Clube de Galicia), Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da AELG) e Xosé Luís Méndez Ferrín (presidente da RAG). Os actos continuarán coa visita á sede da Fundación (Casa das Beiras) onde será interpretado pola Coral Virxe da Barca o himno á Virxe da Barca (obra de López Abente) por primeira vez en galego, xa que nos anos 50 prohibíuselle escribilo en galego, e agora como acto de xustiza fíxose a tradución, rematándose cun ágape de confraternización para os asistentes. Crónica posterior en Galicia Hoxe.

Xosé Alfredo Naz gaña o XXXVI Certame Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo

Xosé Alfredo Naz gañou o premio XXXVI Certame Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo, que outorga a Fundación Pedrón de Ouro en colaboración co Concello de Vilagarcía de Arousa, coa obra O Mal, e tamén obtivo o primeiro accésit con A sombra da curuxa. O segundo accésit foi para Clara Isabel Rodríguez con Retallos da memoria perdida. O xurado do premio, que tivo escoller entre as máis de 60 obras presentadas, estivo formado nesta edición polo presidente do Pedrón de Ouro, Manuel Caamaño, os membros do Padroado David Otero e Xesús Santos Suárez, os escritores Ramón Caride Ogando, Marcos Calveiro e Miro Villar e o responsable de Normalización Lingüística do concello de Vilagarcía, Manuel Campos Sanmartín. A nova foi recollida en La Voz de Galicia e Faro de Vigo.