Cuestionario Proust: Pura Salceda

DesdePura Salceda o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Pura Salceda:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
-O humor.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A bondade.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Que saiban perdoar os meus defectos.
4.– A súa principal eiva?
-A mala memoria (que sempre me mete en enredos).
5.– A súa ocupación favorita?
-Escribir, sen dúbida.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Poder dedicarme e vivir do que me gusta.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Non ter boa saúde.
8.– Que lle gustaría ser?
-O que son. Teño boa opinión de min mesma.
9.– En que país desexaría vivir?
-O principal non é o país senón que sexa nun ambiente dunha grande cidade. Encántame vivir en Barcelona.
10.– A súa cor favorita?
-O azul.
11. – A flor que máis lle gusta?
-A violeta.
12.– O paxaro que prefire?
-Non me gustan moito os paxaros, pero postos a dicir un: o pardal.
13.– A súa devoción na prosa?
-Miquel de Palol, Bolaño, Joyce…
14.– E na poesía?
-Cirlot, Leopoldo Maria Panero, Olga Novo, Vicent Andrés Estellés…
15.– Un libro?
Viaxe ao fin da noite, de Louis-Ferdinand Céline.
16.– Un heroe de ficción?
-Batman.
17.– Unha heroína?
-Como é lóxico, Catwoman.
18.– A súa música favorita?
-Case todos os tipos de música. Por dicir un: bossa nova.
19.– Na pintura?
-A arte abstracta en xeral.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Vicente Ferrer.
21.– O seu nome favorito?
-Aleida.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-A falta de cortesía.
23.– O que máis odia?
-A crueldade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Hai tantos! Poñamos un fácil: Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
-Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Unha enerxía ilimitada para poder facer todo o que teño pendente.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Na cama, sen decatarme.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Coma todo poeta: a melancolía entendida como felicidade e tristeza a partes iguais.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-A desorde.
30.– Un lema na súa vida?
-Vive e deixa vivir.”

Vídeos da VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Sexo e obscenidade na literatura de tradición oral (II)

Abannerviiixlitoral VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Sexo e obscenidade na literatura de tradición oral tivo lugar o sábado 24 de outubro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Lugo (Rúa Ramón Ferreiro, s/n).
Damos a coñecer nesta Axenda os vídeos onde se recollen as intervencións que tiveron lugar ese día. Pódense consultar todos aquí.

– Conferencia de Olga Novo: Na cona da vella non manda ninguén. O vídeo pode verse nesta ligazón.
– Mesa redonda con Olga Novo e Rubén Aramburu: E dálle que dálle! O erotismo como sátira fronte á represión social. O vídeo pódese visualizar aquí.
– Conferencia de José Luis Garrosa: A poética do noxo. Excrementos e outras repugnancias na literatura oral galega, presentado por Isidro Novo. O vídeo pode verse aquí.

Lugo: VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Sexo e obscenidade na literatura de tradición oral, mañá, sábado 24

Abannerviiixlitoral VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Sexo e obscenidade na literatura de tradición oral terá lugar o sábado 24 de outubro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Lugo (Rúa Ramón Ferreiro, s/n). A actividade conta co apoio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.

Aberto o prazo de matrícula, gratuíta e preferente para socios/as da AS-PG e da AELG. Desde o 29/09/2015 até o 22/10/2015.

O profesorado do ensino non universitario e futuros/as ensinantes do ensino non universitario que queiran o certificado homologado pola Consellaría de Educación, terán que facer a matrícula a través da web da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, aquí. E aquí máis información sobre a Xornada.
As persoas que non estean nesas circunstancias ou que non lles interese o certificado homologado, deberán incribirse dirixíndose á secretaría técnica da AELG a través do correo oficina@aelg.org ou o teléfono 981 133 233 (horario de 09:00 a 14:30). Sigue lendo

Lugo: VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Sexo e obscenidade na literatura de tradición oral, o sábado 24 de outubro

Abannerviiixlitoral VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Sexo e obscenidade na literatura de tradición oral terá lugar o sábado 24 de outubro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Lugo (Rúa Ramón Ferreiro, s/n). A actividade conta co apoio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.

Aberto o prazo de matrícula, gratuíta e preferente para socios/as da AS-PG e da AELG. Desde o 29/09/2015 até o 22/10/2015.

O profesorado do ensino non universitario e futuros/as ensinantes do ensino non universitario que queiran o certificado homologado pola Consellaría de Educación, terán que facer a matrícula a través da web da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, aquí. E aquí máis información sobre a Xornada.
As persoas que non estean nesas circunstancias ou que non lles interese o certificado homologado, deberán incribirse dirixíndose á secretaría técnica da AELG a través do correo oficina@aelg.org ou o teléfono 981 133 233 (horario de 09:00 a 14:30). Sigue lendo

Celia Armas: “En Lugo temos grandes figuras e clásicos das letras galegas”

DesdeCelia Armas Sermos Galiza:
“O semanario Sermos Galiza estrea serie esta quinta feira, na súa entrega 166, unha sección especial sobre escritores de Lugo que abrirá cun texto de Pilar García Negro sobre Manuel María. A súa coordinadora, Celia Armas, cóntanos desta iniciativa.
– Sermos Galiza (SG): En que consiste ‘Lugo é Letras’?
– Celia Armas (CA): Trátase dun proxecto que pretende lembrar a autores lugueses co obxectivo de atraer novos leitores a obras que pertencen xa aos nosos clásicos, así como relacionalos coa súa terra natal. Trátase de poñer en valor e facer atractivas estas obras e demostrar que están vixentes.
– SG: Que autores vai incluír?
– CA: Pois esta semana comezamos con Manuel María, dado que estes días celebramos o seu aniversario e será o próximo homenaxeado das Letras, e logo continuaremos con Marica Campo, Olga Novo, Lois Diéguez, Lois Pereiro, Uxío Novoneyra, Luz Pozo, Álvaro Cunqueiro e Darío Xohán Cabana.
– SG: Esta iniciativa terá continuidade e ampliarase a máis escritores?
– CA: Pois agardamos que si, porque loxicamente hai moitos máis e non están todos os que son. Esta é unha primeira serie e tamén nos gustaría que se ampliase ao resto do país. No caso dos autores vivos publicarase unha entrevista e no caso dos falecidos, poderá ser unha recensión ou mesmo unha entrevista imaxinaria. Iso dependerá dos autores que se fagan cargo dos textos: por exemplo, Xosé Manuel Pereiro falará de seu irmán Lois; de Novoneyra tocaralle ao seu fillo homónimo…
– SG: Lugo é un territorio ben vizoso no que a literatura se refire, non?
– CA: Pois a verdade é que tendo en conta o contexto do sistema literario galego e a proporción poboacional, en Lugo temos grandes figuras das letras galegas, tanto pola súa calidade como pola súa importancia.”

Cuestionario Proust: Helena González

DesdeHelena González Fernández o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Helena González:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O entusiasmo emprendedor. Abrir portas. Anoar redes. Lousar prazas. Resistir o baleiramento dos saberes e das prácticas que produce a factoría universitaria e alimenta o fordismo intelectual. Sempre co pensamento crítico atravesando corpos, comunidades, emocións…
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Promover o vínculo valorando a distancia. Pactar o común sen perder pé no lugar propio.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Risa e xogo. Complicidade e discrepancia. Terapia, cando cómpre. E partillar todo o que pasa pola boca e caricia.
4.– A súa principal eiva?
– A constancia, a paciencia, a prudencia… e todas as virtudes marianas.
5.– A súa ocupación favorita?
– Abrirlles rodeira á fascinación e á pregunta, aquí e acolá.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Prendo na felicidade pública de Hannah Arendt que turra polo presente e propicia os cambios. Prendo na “Penélope” de Xohana Torres como se fose unha bandeira ao nordés: “non terás medo”, “eu tamén navegar”.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Sucumbir ao medo (Sara Ahmed, Judith Butler). Esquecer a herdanza e os espazos de liberdade para as mulleres e os corpos (Fina Birulés, Rosi Braidotti). Sachar a penas na horta propia, sen procurar outros lugares de labor, outros horizontes (Marta Segarra). Facer do pasado un coxín confortábel de nostalxia ou proxección intereseira do presente (Encarna Sanahuja, Dolors Molas). Desatender a responsabilidade debida ás voces novas, á xente nova (Elena Losada, Rosa Rius).
8.– Que lle gustaría ser?
– Imposibilitada para formular identidades futuras… vou indo.
9.– En que país desexaría vivir?
– Antes respondería por Manuel Rivas: “aquel que dea boa sombra”. Agora vou pola Ana Romaní de Estremas: “unha urdidume líquida / para este tránsito de caudais”. Ou sexa, aquela comunidade que se rexe polo dereito a decidir, todiño.
10.– A súa cor favorita?
– O branco da cicatriz de Margarita Ledo. O negro de Rosalía de Castro, por Roger Mas e mais a Cobla Sant Jordi. O branco-azul da lámpada de tampóns de Joana Vasconcelos. Os Monocromos de Olga Novo. O laranxa na cuberta de Isué de Mercedes Peón. O violeta, e o verde, e o arco da vella…
11.– A flor que máis lle gusta?
– A do xenxibre, polo rizoma. A da árnica, para a dor.
12.– O paxaro que prefire?
– Entre as aves poetas: Chus Pato. Entre as paxariñas do tempo detido: a da “Cantiga CIII” de Alfonso X. Entre as aves rapaces que voan a gran altura: o cóndor que descende en O navio negreiro de Castro Alves. E ese Ave que me é tan familiar…
13.– A súa devoción na prosa?
– Non gasto devocionarios. Enriba da mesa: Carol Bensimon, Fran Lorenzo, María Reimóndez, Murasaki Shikibu e o epistolario francés de Maria-Mercè Marçal sobre Renée Vivien. E no ordenador: Galeg@s sen fronteiras de José Colmeiro,
14.– E na poesía?
– Nestes tempos éme imprescindíbel o poema á lingua “Lépida e leve”, da Gilka Machado. Enriba da mesa: Luz Campello García, Gonzalo Hermo, Miriam Reyes. E no ordenador: Poétic@ de Fran Alonso.
15.– Un libro?
– Un, só? Agora mesmo: Pretty Deadly, vol. 1, de Emma Ríos e Kelly Sue DeConnick (“queremos máis!”).
16.– Un heroe de ficción?
– A viúva de vivo de Rosalía de Castro, que ao final do libro V de Follas novas tamén decide emigrar. Ou sexa: aquela que abandona a espera e perde o medo. Léase o derradeiro poema.
17.– Unha heroína?
– A mesma.
18.– A súa música favorita?
– Mudo a miúdo. E procuro con ansia a posibilidade do silencio (vivo na cidade, móvome en metro, participo na educación sentimental das veciñas do primeiro andar polo patio de luces). Agora: Satie, Diana Krall, Madredeus, Elis Regina, Arvo Pärt.
19.– Na pintura?
– Os corpos de Claudia Rogge. Os retratos de Andrea Costas. As instalacións de Pipilotti Rist. As cadeiras de Antón Patiño. As colaxes de Rebeka Elizegui. O corazón de Francisco Remiseiro para Método cardiofónico. O naufraxio da memoria de Miguelanxo Prado. O Sinsonte de Víctor Escandell. As flores de Georgia O’Keefe… Sigo?
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Tantísimas nómades nos non-lugares. Nos desertos, nas fronteiras, no bandullo dos caiucos, nos centros de internamento, nos campos, nos barcos en augas internacionais…
21.– O seu nome favorito?
– Esmeralda: xitana en Victor Hugo, vampira labrega en Rosalía de Castro.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O uso de uniformes con naftalina.
23.– O que máis odia?
– Seguindo a Risco, “ascender de porco a marrán”. E seguir sumando nomes e homes ao listado de aportacións decisivas que Galicia fai á historia (carca) de España.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– O señor patriarca na cadeira (trincheira) de veludo. O homicida que é feminicida.
25.– Un feito militar que admire?
– “Que la música militar, / nunca me supo levantar”.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O olfacto do esquío. A xeolocalización da abella. A suavidade branca do croio.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Por vontade propia. Eutanasia. E lonxe, ben lonxe, das factorías do coidado que deshumanicen e amalloen os corpos e a vontade aos protocolos.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Centrifugada.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Indulxencia? Estou incapacitada para este termo eclesiástico, xerárquico, e chantado na lei.
30.– Un lema na súa vida?
– Un, só? “Nosoutras decidimos”.”