Arquivos da etiqueta: Outono aquí
A Coruña: presentación de Outono aquí, de Mario Regueira
O 28 de setembro, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña, Mario Regueira presenta a súa novela Outono aquí, editada por Menino Morreu. As persoas interesadas en asistir á presentación poden anotarse aquí.
Bilbao: presentación da tradución de Outono aquí, de Mario Regueira
O luns 24 de marzo, ás 20:00 horas, na ANTI-Liburudenda (Dos de Mayo, 2) de Bilbao, Mario Regueira presenta Las hojas muertas, a tradución publicada por Pulp Books de Outono aquí. No acto, o autor estará acompañado por Íñigo Astiz e Arsenio Iglesias Pazos.
Libros finalistas dos Premios da Edición 2012
Desde a Asociación Galega de Editores:
“O vindeiro 15 de marzo a cidade de Vigo acollerá a VIII Noite da Edición 2012, que se celebrará no restaurante Mar de Vigo. Os Premios da Edición, convocados pola Asociación Galega de Editores, pretenden recoñecer e distinguir a excelencia do traballo editorial realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2012 en Galicia. As distincións, sen dotación económica, distribúense en dez categorías diferenciadas, que premiarán distintos aspectos da produción literaria.
As candidaturas foron presentadas polos membros asociados da AGE, ata un máximo de tres por categoría, tralo que pasaron unha primeira fase de votación realizada polos socios, na que deberon votar a un máximo de dúas obras por categoría agás as obras editadas por eles.
As obras finalistas están xa na fase do Xurado, composto por cinco profesionais do ámbito do libro e os medios. O fallo será dado a coñecer na mesma velada de entrega, o 15 de Marzo en Vigo.
FINALISTAS
PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE FICCIÓN 2012
– Outono aquí, de Mario Regueira, editado por Sotelo Blanco.
– Morgana en Esmelle, Begoña Caamaño, editado por Galaxia.
– As voces baixas, de Manuel Rivas, editado por Xerais.
PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE POESÍA OU TEATRO NO ANO 2012
– Ruído de fondo, de Daniel Salgado, editado por Xerais.
– Tigres de ternura, de Claudio Rodríguez Fer, editado por Toxosoutos.
– O silencio, de Mario Regueira, editado por Xerais.
– Breizh, de Miro Villar, editado por Toxosoutos.
– Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro, editado por Kalandraka.
– Fase de trema, de Lorena Souto, editado por Espiral Maior.
PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE NON FICCIÓN NO ANO 2012
– Os señores da mentira, de José Carlos Bermejo Barrera, editado por Lóstrego.
– Herdeiros pola forza, de Manuel Gago e Xurxo Ayán, editado por 2.0 Editora.
– Compendio de herbas máxicas, de Montse Rubio, editado por Baía Edicións.
– O carballo, de Calros Silvar, editado por Baía Edicións.
– Como falar e escribir en galego correctamente e con fluidez, de Carlos Callón, editado por Xerais.
– O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz.
PREMIO LOIS TOBÍO Á TRADUCIÓN NO ANO 2012
– Diario de inverno, traducido por Eva Almazán, editado por Galaxia.
– Miguel Strogoff, traducido por Ánxela Gracián, editado por Baía Edicións.
– Alén da fronteira. Sete poetas vascos, traducido por Isaac Xubín, editado por Kalandraka Editora.
PREMIO ISAAC DÍAZ PARDO AO LIBRO ILUSTRADO DO ANO 2012
– Paxaro de mar e vento, ilustrado por Xosé Cobas, editado por Biblos.
– Compendio de herbas máxicas, ilustrado por Montse Rubio, editado por Baía Edicións.
– Almanaque musical, ilustrado por David Pintor, editado por Kalandraka Editora.
– O carballo, ilustrado por Calros Silvar, editado por Baía Edicións.
– Oso atrapabolboretas, de Susanna Isern & Marjorie Pourche, editado por OQO Editora
– Verdedades, ilustrado por Xosé Tomás, editado por Biblos.
– Cartas de inverno, ilustrado por Antonio Seixas, editado por Xerais.
PREMIO NEIRA VILAS AO MELLOR LIBRO INFANTIL E XUVENIL DO ANO 2012
– Paxaro de mar e vento, de Tucho Calvo, editado por Biblos.
– O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas, editado por Xerais.
– A verdadeira historia da mosca da tele, de María Solar, editado por Galaxia.
– Titiricircus, de Miguel Borines, Tatán, Tanxarina, editado por Kalandraka Editora
– Carabuñas, de Charlotte Pardi, e editado por OQO Editora.
– María Fumaça, de Uxía Senlle, editado por Galaxia.
– A punta de pistola, de Fran Alonso, editado por Xerais.
– Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, editado por Xerais.
PREMIO XOSEFA IGLESIAS VILLAVERDE AO MELLOR LIBRO EDUCATIVO DO ANO 2012
– Peixes. Cociña infantil, de varios autores, editado por Ouvirmos.
– Inventario ilustrado de animais, de Virginie Aalakjidi, editado por Kalandraka.
– Rosa caramelo, de Adela Turín, editado por Kalandraka.
– O carballo, de Carlos Silvar, editado por Baía Edicións.
PREMIO ROSALÍA DE CASTRO Á INICIATIVA EDITORIAL DO ANO 2012
– Colección Xornalistas, de 2.0 Editora; OQO Filmes, de OQO Editora, Galaxia Tales, de Editorial Galaxia; e John Balan, un yanqui en la Corte de Breogán, de Teófilo Edicións.
PREMIO XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ AO AUTOR/AUTORA OU COLECTIVO DE AUTORES EN LINGUA GALEGA NO 2012
– Manuel Gago, Xornalistas de Galicia (VVAA), Fina Casalderrey e Marcos Calveiro.”
Ferrol: presentación de Outono aquí, de Mario Regueira, na Feira do Libro
O sábado 21 de abril continúa a Feira do Libro de Ferrol (no Cantón de Molíns), onde, a partir das 19:00 horas, Mario Regueira falará sobre a súa novela Outono aquí, publicada en Sotelo Blanco, gañadora do último premio Lueiro Rei. No acto estará acompañado por Verónica Martínez Delgado.
Vigo: presentación de Outono aquí, de Mario Regueira
O xoves 12 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase a novela Outono aquí, de Mario Regueira, publicada en Sotelo Blanco, gañadora do Premio Manuel Lueiro Rei de novela curta no 2011. No acto, acompañando ao autor, participará María Lado.
Santiago: presentación de Outono aquí, de Mario Regueira
O venres 23 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a novela Outono aquí, de Mario Regueira, publicada en Sotelo Blanco, gañadora do Premio Manuel Lueiro Rei de novela curta no 2011. No acto, acompañando ao autor, participan Marilar Aleixandre e Ánxela Gracián.
Dolores Vilavedra: De memoria e memorias
Artigo de Dolores Vilavedra en El País:
“(…) Mario Regueira ensaia en Outono aquí ese xénero escorregadío que é a novela curta. Mais tanto ten neste caso: a densidade da escrita tece moitos vimbios nun cesto de aparencia enganosamente modesta mais de contido ricaz. Temas aparentemente abstractos como a memoria ou a loita por atopar a propia identidade vertébranse de xeito fluído cunha trama ben enxebre, que mestura herdanzas, liortas veciñais e violencia; no trasfondo, a alienación por mor da desvertebración das formas tradicionais de vida, rurais ou urbanas. Personaxes anódinos, que pelexan por seren eles mesmos e que atopan, sobrevivindo no cotián, a súa grandeza. O comezo da novela, fortemente climático, sementa a inquedanza e permite xa intuír a potencia narrativa que o texto agocha. (…)
Volta Rexina Vega, demostrando aos escépticos que quere ser algo máis ca unha escritora ocasional. En Dark butterfly aposta por un rexistro ben distinto, aínda que seguimos a identificar a mesma vontade literaria, parello afán de atopar voz propia e singular no actual concerto narrativo. Vega asómase agora ao mundo da esquizofrenia, ensaia a escritura como terapia, como áncora de salvación, como botella ao mar. Optando polo collage de modelos discursivos como fórmula semiotizadora para a alienación da protagonista, Vega convídanos a unha viaxe cuxa fin podemos adiviñar mais non por iso menos impactante. Descenso aos infernos pautado por alustres de esperanza, con algunha concesión ao tópico (a absenta, o ambiente da escola de Artes e Oficios), o conxunto resulta desoladamente convincente. (…)”
Mario Regueira gaña o Premio de Novela Curta Lueiro Rey, con Outono aquí
O sábado 10 de setembro, e convocado polo Concello do Grove e a Editorial Sotelo Blanco, deuse a coñecer a obra gañadora do Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta 2011. O xurado, composto por Armando Requeixo, Manuel Quintáns, Francisco Martínez Bouzas, Ánxela Gracián e mais Chelo Suárez, esta última en calidade de gañadora da anterior convocatoria do galardón, decidiu, por unanimidade, outorgar o premio á novela presentada baixo o título Outono aquí, que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría do narrador, poeta e ensaísta ferrolán Mario Regueira. Nesta obra (que estará nas librerías previsiblemente contra finais de ano) Regueira narra a historia dun reencontro entre dous irmáns orfos. Un deles —o maior, famoso cantante que vive na cidade belga de Gante— sofre unha enfermidade grave e, logo dunha delicada operación, vese obrigado a gardar unha moi longa convalecencia encamado, así que opta por retomar o contacto co seu irmán menor —operario que mora nunha cidade galega—, co que hai anos que non ten maior relación, e decide chamalo cabo si. O que segue despois é unha intensa trama onde o papel da rememoración dos tempos da infancia e mocidade pasadas se entremestura coas complexas vivencias do presente, nas que o amor, a fidelidade e a xenerosidade alternan co odio, o rancor e a incomprensión creando un fresco de paixóns sostido por uns personaxes magnificamente perfilados e de grande fondura psicolóxica.