Entrevista
a Paco Martín en Xornal:
“- Xornal (X): Que significa recibir a homenaxe dos compañeiros de oficio? Estas cousas sentan ben ou dan vertixe?
– Paco Martín (PM): Realmente sentar, sentan ben. Está claro que estas cousas chegan a unha certa ideade: moitas destas homenaxes dánse máis por vello que por outros méritos. Pero eu recibina con moitísimo agrado e moi satisfeito.
– X: Falar de Paco Martín é falar de Ramón Lamote, unha mítica personaxe da literatura infantil e xuvenil. Se se publicase aquel libro hoxe, nestes tempos de audiovisual e de ordenadores, tería tanto éxito entre os rapaces?
– PM: Poñerse a argallar na máquina do tempo non é doado. A verdade é que non sei moi ben como sería hoxe, pero penso que unha cousa non significa a desaparición da outra. Pode ser que hoxe haxa elementos audiovisuais que substitúen a palabra impresa de sempre, pero a xente lle segue a gustar ler e tamén lle segue a gustar o participar na historia que se conta. Ti lembrarás que Tolkien nunca quería que ilustrasen os seus libros, el prefería que o lector fose parte do que sucede nun libro. Se un está lendo que unha personaxe pasa polas beiras dun río, ten que imaxinar ese río e tamén as árbores, as vacas que están por aló e todo o que hai ao seu redor. Así un está a ser parte activa do que está lendo, mentres que nunha película na que se ve a alguén camiñando por diante dun río, xa ten o río, a paisaxe, os prados e as vacas. Nunha película está todo dado e particípase menos, pero coido que o desexo de participar na historia é eterno, vai durar sempre. Xa sexa a través da letra impresa ou da tinta dixital, os libros seguirán vivindo. (…)
– X: Nos últimos meses falouse moito da renovación da RAG e sobre o número de mulleres, pero tamén houbo quen apuntou que a literatura infantoxuvenil non está representada. Cre que iso debería mudar pola importancia do xénero?
– PM: Non son ninguén para dicirlle á Academia que ten que facer ou que non ten que facer. Unha Academia que, por certo, non é só da lingua. Se me preguntas se hai poucas mulleres na Academia, dígoche que si. Debería haber máis e non porque teña que haber unha cota, que iso me parece unha estupidez. Hai moitas mulleres máis que poden estar na Academia. Se me preguntas se Agustín ou Xabier deben estar na Academia, digo que si. Pero deberían estar por escritores, non por escritores de literatura infantil e xuvenil.
– X: Hai un ano e medio asinou, xunto o resto de Premios Nacionais galegos, unha carta pedindo a dimisión do conselleiro Varela por aquilo de que a cultura galega estaba “ensimismada”. Volvería asinar hoxe esa mesma carta?
– PM: Volvería asinala sen dúbidas, pero penso que habería que escribila en termos máis virulentos. Non se mellorou nada, só imos empeorando en todo. Iso está á vista de todo. As autoridades que deben traballar pola cultura non teñen interese. Desempeñan este traballo como poderían facer calquera outro. A nosa obriga, de todos os galegos, non só dos escritores, é esixir como se esixiu nesa carta que as autoridades culturais e educativas se comporten e cumpran coa súa responsabilidade co pobo. Penso que hai desinterese. Unha proba diso é que a maioría dos políticos falan ou escriben un galego espantoso. Son xente moi pouco interesada precisamente no que lles dá de comer. Penso que hai que loitar e desenmascarar todas as falacias que hai coa lingua.”
Arquivos da etiqueta: Paco Martín
Paco Martín: “Soamente me presentei a un premio”
Entrevista
a Paco Martín en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): ¿Como sentan os premios tras 40 anos publicando?
– Paco Martín (PM): Non teño o costume de presentarme, supoño que por medo a que non mos dean. Soamente me presentei a un, o de Barco de Vapor, pero sentan ben porque os recoñecementos que os compañeiros e os veciños lle fan a un, nunca chegan tarde.
– LVG: O Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil foi o que máis sona lle deu. ¿Un autor ten premios preferidos?
– PM: Non. Cada premio ten a importancia que ten, aínda que a ese téñolle un certo cariño por unha razón fóra do propio premio: nunca un libro en galego levara un premio nacional, e faime sentir un pouco pai dun certo recoñecemento ao meu idioma.
– LVG: ¿Cara onde avanzará a literatura infantil nesta cultura do audiovisual?
– PM: Como toda a literatura, imaxino que acabará en formato dixital, pero sempre haberá quen necesite mover a imaxinación e participar máis directamente na historia que está lendo.
– LVG: ¿A infantil é unha especialidade da literatura?
– PM: Salvando os primeiros niveis, é literatura a secas.”
Paco Martín: “Só se poñen atrancos”
Entrevista
a Paco Martín en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): A AELG e outros colectivos criticaron a ausencia de escritores en lingua galega no Litvi…
– Paco Martín (PM): Entendo que os escritores non seremos xente especialmente recomendable en ningún lado. Pero se non o somos os galegos tampouco o son os casteláns. Non sei por que teñen que escollelos. Inténtase vender un produto que nada ten que ver con Galicia botando man de cousas rimbombantes, de palabras que soan moito ou incluso botando man de algo tan sagrado como é liberdade, utilizándoa da forma máis espúrea. Se empezamos por mancar o ensino, se somos capaces de aturar iso e de que a ninguén lle remorda a conciencia, ou que se deixen levar por persoas que non teñen nada que ver nin autoridade para opinar sobre determinadas cousas…
– GH: Está habendo un retroceso a nivel cultural en Galicia?
– PM: Estao habendo, si. Todo funciona a nivel educativo. Están atacando o ensino directamente. Se formas unha ou dúas xeracións de incultos a este nivel, gañaches a partida. O outro día lin na prensa que Galicia Bilingüe lle mandou unha carta ao alcalde electo de Lugo para que cumprise a lei e respectase o castelán. Eu non sei se esa asociación lle mandou tamén unha carta ao Paco Vázquez para que respectase a lei… Se se lle permite a unha asociación deste tipo presionar a unha corporación municipal electa polos cidadáns, que país é este? É curioso que esta xente teña acceso directo á Consellería de Educación ou Cultura e en cambio, a Asociación de Escritores ou a Academia Galega non poden. Iso cóntalo fóra e non che cren.
– GH: Como contrarrestar iso?
– PM: Os medios de comunicación teñen moito que facer. Acórdome cando eramos novos, mestres e nos sentabamos para organizarnos, eu sempre insistía en que os que utilizamos o galego temos que ser os mellores, os que mellor traballemos, temos que esforzarnos para que a sociedade vexa que somos os que lle interesa á sociedade e que a sociedade se una. Iso teñen que facelo os medios de comunicación, senón temos unha batalla perdida. Eu o tempo que me quede heino seguir loitando.”
‘A xeración Lamote ou cando a LIX galega se fixo por fin maior’
Artigo
de Iago Martínez en Xornal:
“Hai traxectos que se asocian a unha lectura e quedan aí para sempre. A Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) pasoulle cando marchou a Gernika en 1976. Ensinante antes que Premio Nacional de Literatura, o vilalbés pagou no País Vasco unha das peaxes –”feliz”, matiza– que impoñía a carreira docente. Naquel tren que o levaba para alá, recorda agora, ía lendo No cadeixo, un dos primeiros títulos de Paco Martín (Lugo, 1940). Aínda quedaban moitos anos para que Fernández Paz debutase como narrador e moitos máis para que Manuel Bragado, vendo unha foto de Xurxo Lobato na que os dous escritores aparecían xunto a Xabier P. DoCampo (Rábade, 1946), os alcumase como a xeración Lamote. Para que existise a “feliz creación” do editor vigués era necesario que Ramón Lamote, o personaxe creado por Paco Martín en 1985, se instalase na historiografía como un sinónimo –ou metáfora– da maioría de idade da literatura infantil e xuvenil galega. Nun tempo no que as comunicacións en Galicia eran africanas, bromea Fernández Paz, a renovación pedagóxica era unha tarefa titánica na que traballaban grupos illados de docentes por todo o país. Nun determinado momento, alguén propuxo sumar eses esforzos e centralizar en Santiago o traballo do que logo sería Nova Escola Galega. Verse periodicamente e organizar o ensino progresista daquel presente, aínda máis largo do que a Transición acabaría consentindo. Así empezaron a tratarse Agustín Fernández Paz e Xabier P. DoCampo, amigos de antes e compañeiros de traballo, con Paco Martín. Para o que ía ser e non foi a Revista Galega de Educación –que sería, pero con outro formato e outros presupostos–, Agustín fíxolle unha longuísima entrevista a Paco Martín. Calquera a atopa agora, resígnase o autor de Cartas de inverno, entre o mundo de casetes que gardan a memoria daquela época no local onde lle fixo sitio en Vigo á súa biblioteca. Son o testemuño, non só da prehistoria da literatura infantil e xuvenil tal e como a coñecemos agora, senón da época en que a renovación pedagóxica intentou tomar as escolas. Das cousas de Ramón Lamote (1985), gravado a lume na memoria infantil de varias xeracións de escolares, ten algo de libro fundacional. Para Agustín Fernández Paz, que tamén acabaría galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, como DoCampo e Martín, obviamente en anos diferentes, é a primeira vez que na literatura galega se ensaia o que máis alá dos Pireneos había tempo que se facía. “Era o que nós descubríramos cando en España se empezaran a editar os libros de Michael Ende, Gianni Rodari, Ursula Wölfel ou Roald Dahl”, recorda agora o autor de Non hai noite tan longa. “Paco Martín fixo en Das cousas de Ramón Lamote unha novela galega pero tamén universal. Era o que buscabamos”. A crítica, non só a académica, e os lectores, acabarían dándolle a razón a ese pálpito, tanto polo número de exemplares vendidos como pola proxección internacional e o prestixio crítico da literatura infantil e xuvenil galega. (…)”
AELG: Homenaxe O escritor na súa terra a Paco Martín (Lugo, 2011)
A
Homenaxe O Escritor na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XVII Edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Paco Martín, que será homenaxeado na súa terra natal, a cidade de Lugo, o sábado 25 de xuño.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de década e media como unha celebración na que a terra de orixe do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica asinada por un/ha recoñecido/a artista galego/a, neste caso Silverio Rivas), a plantación dunha árbore simbólica elixida polo propio autor, a colocación dun monólito conmemorativo e a atribución do nome do homenaxeado/a a un espazo público ou infraestrutura cultural, neste caso a Biblioteca Municipal do barrio da Piringalla, en construción.
O programa de actos é o seguinte:
– 11:30 h. Avenida Ramón Ferreiro (Praza da Horta do Seminario).
Plantación da árbore simbólica do escritor e descubrimento do monólito conmemorativo.
INTERVEÑEN:
• Cesáreo Sánchez Iglesias. Presidente da AELG.
• Mercedes Queixas Zas. Secretaria xeral da AELG.
• Paco Martín.
– 12:30 h. Salón de Plenos do Concello de Lugo.
Acto de entrega da “Letra E” e anuncio da inauguración da Biblioteca do Barrio da Piringalla co nome de Paco Martín.
INTERVEÑEN:
• Alcalde de Lugo.
• Mercedes Queixas Zas. Secretaria Xeral da AELG.
• Cesáreo Sánchez Iglesias. Presidente da AELG.
• Alejandro Tobar: Laudatio.
Entrega da peza escultórica do artista Silverio Rivas.
• Intervención do homenaxeado: resposta á laudatio por parte de Paco Martín.
A Asociación de Escritoras e Escritores convida á cidadanía de Lugo a acompañar ao autor nestes dous actos.
A organización conta co apoio do Concello de Lugo, a Deputación Provincial, a Consellaría de Cultura e o Centro Español de Dereitos Reprográficos.
Repercusións mediáticas posteriores: Galicia Hoxe, El Progreso.
Lugo: Encontro Escritor@s polo territorio
O
sábado 11 de xuño, no Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo, terá lugar o Encontro Escritor@s polo Territorio, convocado por ADEGA, no que os escritores convidan a toda a cidadanía interesada a participar neste encontro, enriquecendo deste xeito o debate, e achegando novas visións dos temas tratados, ofrecendo un lugar de participación para todas aquelas persoas con inquedanzas sobre o territorio que habitan. O programa é o seguinte:
– 09:30 h. Inauguración da xornada, por Virxinia Rodríguez, presidenta de ADEGA e Antón Bao, Vicepresidente 1º da Deputación de Lugo.
– 10:00 h. Mesa de debate: A literatura oral do territorio. Nesta mesa analizarase a literatura e tradición oral, a importancia da súa conservación, a súa defensa e o seu vencellamento ao territorio. Con Ana Carreira e Xoán Ramiro Cuba. Modera: Antonio Reigosa.
– 11:00 h. Coloquio – Debate.
– 11:30 h. Actuación do coro LUGH dirixido por Fernando García Jácome.
– 12:30 h. Mesa de debate: Os nomes do territorio. A Toponimia. Aquí abordarase o tema dos cambios producidos na Toponímia galega; cidades, pobos, parroquias….a súa deturpación e a desfeita cultural que isto supón, desde o punto de vista da Tradición Oral, a Arqueoloxía ou a Historia. Con Xulia Marqués e Gonzalo Navaza. Modera: Xosé Miranda.
– 13:30 h. Coloquio – Debate.
– 16:00 h. Mesa de debate: Cambios no uso da Cidade. Por medio da narración das experiencias vitais de tres escritores pertencentes a diferentes xeracións (1940, 1951, 1975), dos seus recordos do uso da cidade para o xogo o traballo, a vida cotiá, obteremos unha visión do cambio producido no territorio urbano nos últimos 75 anos. Con Paco Martín e María Reimóndez. Modera: Isidro Novo.
– 17:00 h. Coloquio – Debate.
– 17:30 h. Actuación de música galega.
– 18:00 h. Mesa de debate: O meu territorio na miña literatura. A través de diversos autores, faremos un percorrido polas diferentes percepcións que teñen e tiveron das cidades onde se sitúa a súa obra literaria tendo deste xeito unha visión de como se manifestan os cambios das cidades na literatura. Con Pilar García Negro e Adela Figueroa Panisse. Modera: Xurxo Souto.
– 19:00 h. Coloquio – Debate.
– 19:30 h. Conclusións e Clausura do Encontro. Os moderadores; exporán as conclusións de cada unha das mesas de debate. Posteriormente procederase á clausura do Encontro.
Reseña posterior en Galicia Hoxe.
Ferrol: charla coloquio na Feira do Libro sobre Juan Farias, con Fina Casalderrey, Xabier P. DoCampo e Paco Martín
Dentro
do programa da Feira do Libro de Ferrol (no Cantón de Molíns), primeira das Feiras do Libro deste ano en Galicia, o venres 8 de abril, na Carpa onde se ubica a exposición Juan Farias. Un mar de palabras e de imaxes sobre o escritor e ferrolán universal (aberta durante toda a Feira até o domingo 10), terá lugar, ás 19:45 h., a charla coloquio Juan Farias e a literatura infantil en Galicia, na que participarán Fina Casalderrey, Xabier P. DoCampo e Paco Martín.
Paco Martín: ”Terra Chá é a bisbarra do mundo que dá máis escritores por ferrado”
Entrevista
a Paco Martín en El Progreso:
“- El Progreso (EP): Como respiran os libros para nenos en galego? Poden competir con calquera outro idioma?
– Paco Martín (PM): Estou orgulloso de compartir espazo con Xabier, Agustín, Manuel María e Darío, polo de agora, nomes aos que podemos engadir unha chea deles o que dá idea clara de que os libros en galego, tamén os que son para nenos, respiran con idénticos folgos que os de calquera outra fala e non precisan de competicións para demostralo.
– EP: Como valora a literatura galega? Costa saltar fronteiras? Ten o recoñecemento que merece?
– PM: Non é doado facer valoracións de algo que case sempre xoga en campo alleo e moitas veces co árbitro en contra, pero a literatura galega, a que nace en galego, cos altos e baixos normais en toda actividade, mantén un moi digno nivel aínda que, por ser este noso un idioma minorizado por razóns ben coñecidas, en determinados estamentos móvese con moita máis dificultade da que debera. (…)
– EP: Que opina das novas tecnoloxías? Publicaría en dixital ou prefire manter as súas letras nos libros?
– PM: Están aí e é bo que estean. De feito xa asinei algún contrato editorial por se fose o caso. De momento os dous soportes son compatibles…, claro que o meu segue a ser o papel.
– EP: Preoucupado polo galego, que opina da súa situación nas aulas?
– PM: Como ben di Eduardo Galeano, as cousas están tan desastrosamente mal que non nos podemos permitir ser pesimistas. E a ese optimismo forzoso é ao que nos debemos agarrar. A descarada falla de sensibilidade e de respecto que as autoridades académicas, e moitas das outras, están a demostrar agachando a súa pobreza de miras con desculpas nada convincentes por incertas, unidas á teimuda ignorancia dunha parte da sociedade, dificultan en moita medida a boa marcha de algo que debera ser, como noutros lugares é, do máis natural. As novas xeracións teñen a obriga de se facer oír, e con forza… Oxalá!”
Muíño do Rañego, Vilalba: Nun lugar dos soños, homenaxe a Darío Xohán Cabana
O sábado 13 de novembro, a partir das 12:00 h., no Muíño do Rañego de Vilalba, terá lugar a edición do 2010 de Nun lugar dos soños, coa que a Asociación Xermolos e a Irmandade Manuel María homenaxean a figura de Darío Xohán Cabana. Haberá unha táboa redonda coa participación de Xosé Luís Calvo Vidal, Marica Campo, Paco Martín, Yago Rodríguez Yáñez e Xulio Xiz, seguida pola colocación do quinto hectómetro literario no Paseo dos Soños, finalizando cun xantar de irmandade en A Nova Ruta de Vilalba e a posterior actuación musical. Quen queira apuntarse aos actos de homenaxe poden facelo no teléfono 646-413890.
Armando Requeixo gaña o XXIV premio Ánxel Fole co seu ensaio Xosé Díaz Jácome. Poeta e xornalista
O
xurado do premio literario Ánxel Fole, organizado pola Fundación Caixa Galicia e El Progreso, declarou como vencedor da súa XXIV edición a Armando Requeixo polo seu ensaio Xosé Díaz Jácome. Poeta e xornalista. Xosé de Cora, salientou en nome do xurado que “este traballo é unha completa biografía de Díaz Jácome referida a dúas vertentes: a de poeta e a de xornalista”. Engadiu que o texto trata “os aspectos máis salientables dunha vida intensa, que se desenvolveu, a maiores de no seu Mondoñedo natal, en Vigo e en Oviedo, tanto no Faro de Vigo como en La Voz de Asturias, que foron plataforma privilexiada da vida política e social”. Outro integrante do xurado, o escritor Paco Martín, loubou o traballo de documentación realizado por Requeixo antes de detallar que “fai unha biografía completa do autor sobre o que trata, ocúpase tamén da súa obra, para rematar con documentos, fotografías e unha estensa bibliografía de Díaz Jácome e sobre el”. Interesante é, na súa opinión, que se ocupa da parte literaria, “quizais a menos coñecida del, cando forma parte do que Méndez Ferrín chama A Xeración do 36, que son os escritores do seminario de Mondoñedo”. O fillo da figura estudada, Juan Ramón Díaz —que completa o xurado co director en Lugo da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez— reiterou ese vencello do autor estudado coa cidade mariñá e con autores que pasaron por ela, como Cunqueiro, Crecente Vega, Díaz Castro ou Trapero Pardo, “que fundou Vallibria, onde estiveron todos”. Todos eles coincidiron na calidade e a amenidade da escrita de Requeixo, “que pode interesar non soamente aos estudosos da literatura”, apuntou José de Cora. O gañador é un investigador “que ten unha traxectoria contrastada e cumprida de traballo literario”, concluíu.
O profesor e filólogo Armando Requeixo incardinou a Díaz Jácome como “un dos membros da miña tribo”, en referencia a que Díaz Jácome é un dos autores que se moven no seu campo de investigación predilecto: a literatura de Mondoñedo. “Foi un autor ao que tratei en Escritores mindonienses (1998) cunha ficha biográfica e bibliográfica que era a máis ampla ata ese momento, e sobre o que quería volver, polo que a convocatoria deste premio foi unha motivación estupenda”, indicou. Considera básico recuperar a figura de Díaz Jácome, porque foi un autor que “non tivo unha proxección maior porque sempre foi moi humilde e porque lle tocaron unhas circunstancias de época, de coincidir con moitos grandes que non o favoreceron”. Con todo, o premiado co Ánxel Fole reitera que “merecía unha maior atención, e non soamente como xornalista, senón tamén porque foi un poeta notable”. (De El Progreso, onde se pode consultar máis información).