Finalistas da Gala do Libro Galego 2020

A Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) convocan a quinta edición dos Premios Gala do Libro Galego, a celebrar o sábado 9 de maio de 2020 no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde se darán a coñecer as obras gañadoras.
Con estes premios preténdese recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2019 en Galicia. As modalidades Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, Proxecto literario na rede e Xornalismo cultural, recoñecen a traxectoria de varios anos, valorándose, polo tanto, a constancia ao longo do tempo nestes ámbitos.
Estas distincións, sen dotación económica, xorden, en primeira instancia, das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de revisión e posterior fallo por parte dun xurado externo.
A Gala do Libro Galego conta co apoio de CEDRO, da Xunta de Galicia, do Concello de Santiago de Compostela e da Deputación Provincial da Coruña.

FINALISTAS

PREMIOS A OBRAS EDITADAS EN 2019

Ensaio e investigación
– Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane (Editorial Galaxia/Consorcio de Santiago)
– Dentro da literatura, de Suso de Toro (Edicións Xerais de Galicia)
– Educar a través da arte. Cara a unha escola imaxinada, de Vicente BlancoSalvador Cidrás e Rocío Modia (Kalandraka Editora)

Divulgación
– A que cheiran as cores? A esperada guía para coñecer o cerebro, de Juan Casto Rivadulla Fernández (Editorial Galaxia)
– Ferreñas e Rock and Roll, de Laura Romero e Iria Pedreira (Baía Edicións)
– Guadi Galego, pola beira da canción, de Pepe Cunha (Edicións Embora)

Narrativa
– Carrusel, de Berta Dávila (Editorial Galaxia)
– Infamia, de Ledicia Costas (Edicións Xerais de Galicia)
– Os días felices de Benvido Seixas, de Eduard Velasco (Edicións Xerais de Galicia)
– Seique (2ª ed. ampliada), de Susana Sanches Arins (Através Editora)

Infantil
– A tartaruga Amodovou, de Paula Carballeira (Oqueleo)
– Bicos e non balas, de Antonio García Teijeiro (Editorial Galaxia)
– Conexión Macarrón, de Ledicia Costas (Edicións Xerais de Galicia)
– Versos e viceversos, de Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos (Kalandraka Editora)

Xuvenil
– Be Water, de Antía Yáñez (Cuarto de Inverno)
– Irmá paxaro, de Tamara Andrés (Cuarto de Inverno)
– Matilde e o comisario. O asasinato da profesora de xeografía, de PereTobaruela (Edicións Embora)
– Os corpos invisibles, de Emma Pedreira (Edicións Xerais de Galicia)

Libro ilustrado
– Irmá paxaro, de Tamara Andrés, ilustracións de María Montes (Cuarto de Inverno)
– Os camiños do vento, de Xavier Estévez, ilustracións de Xosé Cobas (Edicións Xerais de Galicia)
– Teño dereitos, de Miguel Robledo (Aira Editorial)

Libro de banda deseñada
– A chaira, de Antonio Seijas (Alita Cómics Editorial)
– Aprende banda deseñada con Fiz, de Kiko da Silva (Edicións Xerais de Galicia)
– O bichero IX. Run is life, de Luis Davila (Editorial Luis Davila)

Iniciativa bibliográfica
– Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane (Editorial Galaxia/Consorcio de Santiago)
– Colección Pan de abella, VV. AA. (Apiario)
– Serie Animais Extraordinarios, de Xulio Gutiérrez e Nicolás Fernández (Faktoría K de libros)

Tradución
– Frankenstein ou o Prometeo moderno, de Mary Shelley/Tradución de Samuel Solleiro (Aira Editora)
– O conto da criada, de Margaret Atwood/Tradución de Celia Recarey e Carlos Valdés (Irmás Cartoné)
– O tatuador de Auschwitz, de Heather Morris/Tradución de María Alonso Seisdedos (Edicións Xerais de Galicia)
– Pippi Mediaslongas nos mares do sur, de Astrid Lindgren/Tradución de David A. Álvarez (Kalandraka Editora)

Poesía
– Feliz Idade, de Olga Novo (Kalandraka Editora)
– Irmá paxaro, de Tamara Andrés (Cuarto de Inverno)
– Un libre favor, de Chus Pato (Editorial Galaxia)

Teatro
– Atranco no banco, de Manuel Núñez Singala (Editorial Galaxia)
– Citizen, do Grupo Chévere (Kalandraka Editora)
– Somos os monstros, de Paula Carballeira (Edicións Xerais de Galicia)

Libro mellor editado
– Atlas da Galicia pequeniña, de César Cequeliños e Jorge Campos (Aira Editorial)
– Fosforescencias, de Lupe Gómez/Ilustracións de Anxo Pastor (Alvarellos Editora)
– Irmá paxaro, de Tamara Andrés (Cuarto de Inverno)

PREMIOS A TRAXECTORIAS

Iniciativa cultural ou fomento da lectura
– 21 Días co Galego
– Club de Lectura AA.VV. das Atochas-Monte Alto
– Libraría Chan da Pólvora
– Poemagosto de Allariz

Proxecto literario na rede
– Biosbardia. O país dos libros en galego – César Lorenzo Gil
– Kalandraka TV
– Lecturafilia – Tensi Gesteira

Xornalismo cultural
– Anxo Quintela
– César Lorenzo Gil
– Daniel Salgado
– María Yáñez

Tabela dos libros. Xaneiro de 2020

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a primeira Tabela dos Libros do 2020, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

II Xornadas de Literatura Infantil e Xuvenil e animación á lectura: Contos e cantos de Tradición Oral

As II Xornadas de Literatura Infantil e Xuvenil e animación á lectura: Contos e cantos de Tradición Oral son unha actividade coa que colabora a AELG ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Terán lugar no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña (como chegar).

7 novembro 16:30
Paula Carballeira: Reinventando a tradición oral.

13 novembro 16:30
Bea Campos: Orella pendella: obradoiro para xogar cos ditos de sempre.

Vídeo do acto Xabier P. DoCampo na voz da amizade (A Coruña, 29 de maio)

https://www.youtube.com/watch?v=FUigX24unYE

Actividades da Semana do Libro de Compostela (SELIC) 2019

A Coruña: Homenaxe a Xabier P. DoCampo

A Homenaxe a Xabier P. DoCampo terá lugar o 29 de maio de 2019, unha actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), co patrocinio de Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda (ACAB).

Escritor e mestre, namorado do cinema, guionista e director de programas de radio, contador oral, activista da renovación pedagóxica e da causa da dignidade da lingua galega.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), descubrirá unha placa de homenaxe no portal da que foi última morada do autor, (Praza González Dopeso, 1), na cidade da Coruña, o mércores 29 de maio, ás 18:00 h.

Homenaxe: Na voz da amizade celébrase o 29 de maio no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a partir das 20:30 horas.
Presentada por Yolanda Castaño, haberá lecturas da súa obra, proxección de pezas audiovisuais, a música na voz de Miro Casabella, e a participación de:
– Mesa sobre ensino. Alfonso García Sanmartín, Xavier Senín e Fina Casalderrey.
– Mesa sobre activismo. Suso de Toro, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Bragado.
– Mesa sobre literatura. Paco Martín, María Xesús Fernández, María Canosa e Xosé Cobas.
– Relato. Paula Carballeira.

Nestas actividades, a entrada é libre e gratuíta até completa aforo para todo o público interesado.


Preséntamosvos aquí o artigo escrito por Mª Jesús Fernández, amiga de Xabier, que publicamos no tríptico onde se recollen as actividades desta homenaxe. Titúlase Xabier P. DoCampo, o escritor. Tradición e modernidade.
Do escritor Xabier P. DoCampo dicimos que foi un pioneiro, un dos pais da Moderna Literatura Infantil e Xuvenil de Galicia. Efectivamente, a el, xunto con outros escritores e escritoras da súa xeración, correspondeulle crear unha nova literatura máis acorde cos tempos e cun concepto de infancia que xa non era considerada unha etapa imperfecta de transición, senón un importante momento da vida, con características propias e necesidades específicas.
A esta tarefa dedicouse X. P. DoCampo durante toda a súa vida como escritor, modernizando a tradición e achegando novas temáticas, novos xéneros, novas técnicas narrativas, potenciando a ilustración como parte substancial do relato…
Moitos dos escritores e escritoras que na actualidade forman parte dunha brillante xeración de creadores, así como moitos outros adultos novos, confesan a súa débeda con Xabier, e lembran o feliz momento no que caeu nas súas mans o primeiro libro publicado por este autor: O misterio das badaladas (1986), relato de aventuras onde xa aparecen as características que van ser unha constante nesta e noutras obras  posteriores: Os nenos e nenas protagonistas son decididos, valentes, moi autónomos, non dubidan en correr riscos e afrontar dificultades, e, ó mesmo tempo, viven nun ambiente familiar e social moi semellante ao dos potenciais lectores polo que resulta atractivo e  moi doado identificarse con eles.
A súa primeira achega á incipiente Literatura Xuvenil, supón tamén unha ampliación do corpus temático da Literatura Galega coa incorporación do xénero negro. Amante do cine e dos grandes clásicos policiacos, en A chave das noces (1988) ofrece unha novela moi representativa do xénero: ambiente urbano e marxinal, violencia, misterio, un protagonista que vai perdendo a inocencia…, e tamén unha boa dose de crítica social. Reeditada hai pouco tempo (2019) a novela segue mantendo a súa actualidade e interese.
Xabier P. DoCampo tamén soubo revitalizar a tradición. O libro Cando petan na porta pola noite , Premio Nacional de Literatura Infantil no ano 1996, é unha boa mostra. Aquí se recollen catro contos de medo, o tema máis representativo do relato oral popular, pero non un medo edulcorado para facilitar a lectura dos xoves lectores, senón un medo real,  derivado dos  temores atávicos do subconsciente colectivo. Nestes contos, o principal protagonismo é o da voz narradora que recrea maxistralmente as técnicas e recursos do narrador popular que se dirixe a un público expectante, e que emparella a Xabier P. DoCampo con outros grandes mestres recreadores da literatura popular, como Ánxel Fole.
Ao longo da súa traxectoria literaria, Xabier escribiu moitos outros admirables relatos curtos. Soltos ou recollidos en diferentes libros, a maioría caracterízanse polo uso da fantasía e o humor. Un humor que vén dado polo que se conta, moitas veces situacións disparatadas e absurdas, e tamén pola forma de contar, utilizando axilmente unha linguaxe rica e chea de expresividade. Entre os moitos exemplos que se poderían citar está o libro titulado O armario novo de Rubén (1998)
É ben coñecido o interese deste autor pola ilustración dos libros, non como mero adorno do texto senón como parte consubstancial da mensaxe que se transmite. A súa longa relación creativa e de amizade co ilustrador Xosé Cobas quedou plasmada en un número considerable  de títulos  nos que ambos colaboraron sumando as súas respectivas artes.  Unha mostra representativa son os albumes ilustrados dirixidos a prelectores e primeiros lectores como Nube de neve (2000) ou De cores e de amores (2005) nos que non se poden concibir por separado as palabras de Xabier e as imaxes de Xosé Cobas.
Pero é en dous libros, xa na etapa final, onde a colaboración de Cobas e Docampo acada a súa máxima expresión. Trátase de O libro das viaxes imaxinarias (2008) e A illa de todas as illas (2013) O primeiro, como indica o título, é un caderno de viaxe onde se recollen as notas de un viaxeiro que visita lugares sorprendentes e dá conta do que alí ve e das xentes que os habitan. A fermosa e coidadísima edición conta con profusión de imaxes . O segundo é unha homenaxe que o gran lector que foi Xabier P. DoCampo rende aos clásicos relatos de aventuras que de desenvolven nunha illa: Robinson Crusoe, A illa do tesouro, A illa misteriosa, o señor das moscas…. Aquí, os nenos protagonistas viven a súa propia aventura na que tamén aparecen misteriosamente personaxes daqueles relatos da Literatura Universal. Tanto nun libro como no outro, unha parte importante do relato apoiase nas ilustracións que o complementan.
Aínda que Xabier P. Docampo non publicou en vida ningún libro de poesía, era tamén un poeta notable e varios dos seus poemas figuran en opúsculos conmemorativos, felicitacións de Nadal ou agasallos a amigos. Pero hai dous libros que evidencian  as claras o seu temperamento poético. Un deles é Bolboretas (2004), onde unha voz adolescente tenta explicar as perturbadoras sensacións que por primeira vez experimenta ante a presenza do amor. Tamén nesta ocasión á beleza do libro colaboran as fermosas ilustracións de Cobas. O outro titúlase Mans (2010) e pode considerarse como un longo poema protagonizado polas mans humanas e que complementa a súa expresividade e poder suxestivo coas fotografías que o ilustran e que son obra de DNL.
O libro máis intimista, e tamén o máis persoal, de toda a produción literaria de Xabier P. DoCampo é sen dúbida Catro cartas (2000), onde a voz que se escoita é a do propio autor que utiliza o xénero epistolar para dirixirse a amada, ao fillo, a nai, a Robert Loius Stevenson e aos propios lectores.  Nas cartas conta cales foron os motivos que o impulsaron a converterse en escritor e que relación tivo nesta decisión cada un dos destinatarios.
Para rematar hai que citar a última novela de Xabier dirixida a público lector adulto, A nena do abrigo de astracán ( 2017), Premio da Crítica 2018. Novela coral que ten como protagonista aos habitantes dunha vila galega do interior nos anos inmediatos da posguerra . A voz narradora que escoitamos é a da propia vila que coñece todo o que pasa no pobo, mesmo os pensamentos e sentimentos máis agochados. A novela preséntanos unha sociedade sometida polo abuso de poder onde os poderosos actúan impunemente sustentados no medo e no silencio, un silencio que  transforma a todos en cómplices da maldade. Moi destacable é a importante presenza do cinema que, segundo expresión do propio autor, faise aquí “refuxio da inocencia”.