Bases do XXXVII Certame Nacional Galego de Narracións Breves Premio Modesto R. Figueiredo do 2011

BASES XXXV II CERTAME NACIONAL GALEGO DE NARRACIÓNS BREVES PREMIO MODESTO R. FIGUEIREDO DO ANO 2011

1. Finalidade do premio. A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro, coa colaboración do Concello de Rianxo organiza o Certame Nacional Galego de Narracións Breves baixo o nome de Premio Modesto R. Figueiredo. Este certame organízase coa finalidade de promover a literatura narrativa en lingua galega e homenaxear ao seu artellador, o pontevedrés Modesto R. Figueiredo.
2. Requisitos para participar. Poderán participar todos os autores e autoras de calquera nacionalidade, con unha ou máis obras, sempre que estean escritas en lingua galega, sexan inéditas e non se presentasen antes a ningún outro certame literario.
3. Traballos que se poden presentar. Os traballos deben ter un mínimo de cinco e un máximo de trinta páxinas mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara en follas de tamaño DIN-A4. Non obstante, o Xurado poderá reconsiderar esta base se entendese que a temática ou desenvolvemento lóxico do argumento o precisasen.
4. Tempo e modo de presentación. As persoas que participen deberán enviar os seus traballos por quintuplicado sen remite, ou outra forma de identificación, antes do 20 de novembro de 2011 a algún destes enderezos:
Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. Apdo. de Correos,627. Santiago de Compostela
Concello de Rianxo (Concellería de Cultura), 15920 Rianxo – A Coruña
Para a identificación das persoas premiadas ou para aquelas que o Xurado considere apropiados para publicar, todos os traballos deberán engadir un sobre pechado, cos seus datos (nome, apelidos, enderezo, teléfono ou correo electrónico) e o currículo vitae se o considera oportuno, no exterior do sobre só aparecerá o título ou lema da obra.
(***) Con respecto aos traballos que o Xurado considere merecentes de publicación poderán abrirse as plicas correspondentes para poñerse en contacto cos autores e autoras para que dean o consentimento para publicalos.
5. Premios. A obra gañadora será premiada con 1000 euros. Porén, se o Xurado considera de calidade outras obras, dúas delas poderán obter os segundos premios que serán de 400 euros cada un. Ademais, o Xurado poderá recomendar a publicación daqueles traballos que así o considere (aínda que non conten con premio económico). En todo caso, a publicación destas obras soamente será posíbel co consentimento dos seus autores e autoras.
6. Xurado e decisión. O Xurado estará composto por catro especialistas en crítica literaria designados pola Fundación do Pedrón de Ouro co asesoramento e colaboración das Asociacións de Escritores (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e PEN Clube de Escritores de Galicia) e do Concello de Rianxo. Así, a Fundación do Pedrón de Ouro reservarase os postos de presidente/a, secretario/a e moderador/a (estes dous últimos con voz pero sen voto).
(***) Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.
O Xurado reunirase cara á terceira semana do mes de decembro e dará a coñecer a obra ou obras premiadas coa apertura de plicas diante dos medios de comunicación. Finalmente, ao remate da decisión do Xurado o/a secretario/a redactará a acta que asinarán todos os membros deste.
7. Entrega de premios. Os premios que obteñan as obras seleccionadas entregaranse nun acto organizado polo Concello de Rianxo na segunda quincena de decembro en día e data que se dará a coñecer oportunamente. Os/as autores/as premiados/as terán que recoller persoalmente os seus galardóns.
8. Obxeccións e normas de interese. A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro reservarase o dereito de publicar as obras premiadas na súa primeira edición. O/a autor/a ou autores/as, ao aceptaren estas bases, renuncian voluntariamente aos seus dereitos en favor da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. A partir da seguinte edición, as obras son da total propiedade das súas autoras e autores, que terán a obriga de facer constar que a obra foi premiada no Premio Modesto R. Figueiredo da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. As obras non premiadas seranlles devoltas aos seus autores e autoras se as requiren antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado. Se ninguén as require, serán destruídas.

A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro é a única entidade con capacidade para decidir en última instancia calquera dúbida que puidese suscitar a interpretación das bases deste certame.

O feito de concursar xa obriga as autoras e aos autores a aceptar as bases deste certame.

O Pen Clube de Galicia renova a Luís González Tosar como presidente

“Era a única candidatura presentada e a asamblea do Pen Clube de Galicia aprobouna por unanimidade. O escritor Luis González Tosar foi reelexido como presidente, no que estará acompañado de Úrsula Heinze como vicepresidenta, Miro Villar, como secretario e Bieito Iglesias como tesoureiro. Entre as primeiras medidas, o reelexido presidente reivindicará ante a Consellaría de Cultura a inclusión a comisión do libro, así como buscará apoios para celebrar a cuarta Bienal Internacional do PEN que ten previsto celebrarse en Santiago en xuño de 2012.” Vía Cultura Galega.

Compostela acollerá a IV Bienal Literaria do PEN Clube en 2012

“Escritores de todo o mundo achegaranse a Compostela na primavera de 2012 para participar na IV Bienal Literaria do PEN Clube. A delegación galega desta organización encargarase de organizar este prestixioso encontro, segundo se acordou no recente Congreso Mundial de Escritores que se celebrou en Belgrado. A delegación galega que asistiu a este evento acordou tamén incorporar as nosas letras ao proxecto Diversity que traduce e pon na rede textos de diversas literaturas.” Vía Cultura Galega.

Luís González Tosar: “Hoxe Galicia é unha potencia literaria”

Entrevista a Luís González Tosar en La Voz de Galicia:
“A punto de cumprir o cuarto de século, o Pen Clube de Galicia é un dos centros máis activos nesta organización internacional de escritores. “Hai estados que non teñen a creatividade e a productividade de Galicia, que hoxe é unha potencia literaria”, afirma o seu presidente, Luís González Tosar. El e o tamén escritor Bieito Iglesias representan desde hoxe a Galicia en Belgrado no Congreso Mundial de Escritores.
– La Voz de Galicia (LVG): ¿Cal é o obxectivo do congreso?
– Luís González Tosar (LGT): Vaise aprobar a nova redacción dunha carta internacional sobre a pluralidade lingüística e a necesidade de que, nos casos nos que conviven varias linguas, se protexan as máis desfavorecidas. Sempre se debe dar prioridade á lingua máis débil.
– LVG: ¿Que outros temas abordarán?
– LGT: Imos participar en debates con destacados autores serbios. Alí tamén se ultimarán detalles da próxima edición do festival Free the Word, que se celebrará en Santiago. Teremos invitados de excepción e intentaremos dialogar non só coas culturas minoritarias, senón con todas as literaturas do mundo.
– LVG: ¿Cal é a situación da literatura galega nese contexto internacional?
– LGT: A literatura galega nunca estivo tan ben. O mérito é das novas xeracións que escriben en galego, falan idiomas e traducen. A galega non é unha literatura subvencionada, como pensan algúns, senón que xera riqueza incluso en tempos de crise. Por iso sería un erro que, nos recortes, se lles ocorrese suprimir a Consellería de Cultura ou fusionala. A identidade de Galicia ten como base a cultura propia.”

VENTO LOIS o 12 de maio

A seita loisista, co apoio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Pen Clube de Galicia e a Asociación Galega de Editores, chama a organizar un novo vendaval, que percorra todo o mundo, o día 12 de maio ás 20:00 h.: lectura de textos de Lois, sobre Lois, música, performances, teatro… Se podes argallar ou contribuír a argallar calquera acto, institucional ou persoal, en calquera lugar –bar, praza, monte, praia, recinto cultural- para ese día e esa hora, faino ou, como remataba Lois a súa Modesta proposición: “quen teña tempo, enerxía, e desexe facer algo, que vaia propoñendo algo… (por exemplo)”.

Na web de Lois Pereiro habilítase un espazo para anotar as iniciativas de cada localidade, e así organizar xente, propostas e esforzos. As dúbidas ao enderezo oficial loispereiro2011@gmail.com.

PROPOSTA DE ESCALETA VENTO LOIS (12 de maio de 2011)

1. LECTURA DO MANIFESTO LOISISTA:
Loita, furia, humor… Amén!
Vivimos malos tempos para a reflexión e a resistencia neste imperio zombie de Microsoft mental.
¿E de que parte estaba eu? Da parte dos que intenten dalgún xeito non contribuír a que esa roda opresiva e maldita (unha historia da infamia que xa non nos permite ser inxenuos) continúe a xirar eternamente, perpetuando, cun cíclico cambio de papeis de amos ou escravos, a mesma situación ata que a terra estoupe de noxo e perversión, farta de nós.
Se alguén non o sabía xa é que estaba cego: non queremos ter amos.
Pode que xa nos atopemos a poucos metros da nosa extinción, pero o sentido do humor pervivirá sempre, e o sentido crítico deixa un rastro detrás, con mans, sen elas, cos miolos no cranio ou espallados polo chan. Volveremos á terra, e aos outros elementos primordiais. Como dicía Zeca Afonso: “Camaradas de armas dos catro elementos!…”
Agora aínda teño liberdade de opción para exiliar o meu espírito no Ártico, en Asia ou no Nepal, e teño permiso para que nada humano me sexa alleo. Por iso podo decidir militar na miña propia lingua, “porque me peta e quero e dáme a gaña…”. Moitas culturas crúzanse no meu espírito e no meu corazón non hai fronteiras. Ninguén me impediu nunca ser máis crítico e sarcástico co que eu sinto máis meu, propio e herdado.
Se me permite seguir axudando á defensa que non procura dominar nin agredir, seguirá a ser unha loita compartida por min: da tropa dos vencidos. Terra, Lingua, Cultura, Dereito á diferenza. Mente aberta ao mundo… e nada máis.
Defendámonos, logo, caladamente, con furia, ou con humor tibetano, pero non transixamos cunha soia agresión máis.
Sempre haberá novas vías para resistir, para opoñernos e non ser submisos, como a estratexia humilde e provocadora de Bartleby, o gris e lúcido escribente de Melville, que para non someterse sen máis ás ordes arbitrarias, dicía simplemente, sen ira, pero teimosamente: “Preferiría non facelo”.
A reflexión, as ideas, a creación ou as palabras. A arte e a cultura é sempre o que me salva da tentación da morte e me anima a reiniciar.
A verdadeira poesía nunca minte, por ferinte que sexa. Quen crea algo sen intencións perversas é inocente da súa posible perversión. Bernhard, Beckett, Cioran, Genet, Celan, Valente, Shopenhauer, Pound, Carver, Poe… tiñan razón, temos razón. E tiñan razón Yeats, Dylan Thomas, Eliot, Joyce, Homero, Dante… temos razón tamén a un tempo, como todos os atormentados ou felices pintores da Beleza e das tebras que cohabitan comigo o meu cerebro, discutindo sen pausa dentro da miña alma…
E a verdade é que “na miña vida nunca vin máis que tolos e enfermos” (Bernhard); que “Morrer é ben doado; vivir é o difícil” (Maiakowski) e tamén que “Vivir é fácil. Arduo sobrevivir ao vivido” (Valente).
O obxectivo ha ser sempre un Universo que se expande.
A dor, a escuridade, o mal tamén existen por nós e contra nós, pero axudan a que a beleza e o pracer sexan aínda máis brillantes. Por iso non debemos evitar, para aforrarnos sufrimento, a parte máis escura en cada cousa, porque produce a lucidez e o horror de seu coñecemento.
Aprender é unha vitoria. Dubidar é unha loita continua, e a Crítica nunca hai que desterrala.
Porque se non hai dogmas nin bandeiras que nos guíen estamos obrigados a escoller as cousas e as ideas máis dignas do noso nivel de ética e de xenerosidade, sen o inxenuo optimismo escarmentado, e sen un pesimismo opaco e ben alimentado que nos deteña e nos permita unha indiferente neutralidade falsa.
Xa non imos ser cómplices do que nos indigne ou nos avergoñe. Nada é inmutable. Todo se transforma. Amén.

(Escolma de Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia, de Lois Pereiro)

2. RECITAL: lectura participativa de poemas de Lois.
3. INTERVENCIÓNS: lectura de textos e mensaxes a/sobre Lois.
4. MÚSICA & OUTROS: cancións en directo ou gravadas, escenificacións, performances…

VENTOS CONFIRMADOS

  • LIMOGES: No Instituto Léonard Limosin, ás 10:00 horas, os alumnos de último ano lerán poemas diante unha pequena exposición con fotos, poemas e debuxos no hall do recreo. E, ás 20:00 horas, no Centro Cultural Municipal Jean Moulin, actuación do grupo VACARM (Voyager avec les cheminots amoureux de la résonance des mots = Viaxar cos ferroviarios namorados da resonancia das palabras).
  • MONFORTE: O xoves 12 ás 12:00 h. todos os centros de ensino da vila pararán para realizar lecturas de Lois Pereiro. Ás  20:00 h. no Salón de actos do Centro do Viño terá lugar un recital aberto sobre textos de Lois.
  • NOIA: Os dous institutos da vila sacarán un grupo de alumnos/as á rúa e con xices irán pintando os versos de Lois por toda a vila, para que todo o mundo o poida ler, entre as 12:45 e as 14:35 horas. Trátase dunha iniciativa do EDLG do IES Campo de San Alberto a quen se une o IES Virxe do Mar e que realizaremos coa colaboración do Concello de Noia. Os versos permanecerán nas rúas de Noia ata que as inclemencias do tempo e as pegadas dos transeúntes os vaian levando.
  • MADRID: Galego en Madrid-Espazo das Linguas Ibéricas (proxecto da Xunta de Galicia, Universidad de Alcalá, Instituto Cervantes …) organiza un acto que terá lugar entre as 18:00 e as 21:00 h. no Instituto Homeopático y Hospital San José (Rúa Eloy Gonzalo 3-5). Comezará coa lectura do Manifesto Loisista, seguirá co coloquio Lois Pereiro entre Galicia e Madrid, con María Xesús Nogueira e Luis Luna, continuará cun recital dos estudantes do curso de galego e poetas convidados, e finalizará con arte, música e comida dos propios alumnos.
  • SANTIAGO: A partir das 19:00 h. no Local Sociocultural da Caramoniña, na cima do parque de Bonaval, terá lugar a acción sentimental Aclamación a Pereiro, concerto do Leo, lectura do Manifesto Loisista por Paco Macías, organizado polo Concello de Santiago de Compostela.
  • SADA: Ás 19:00 h., no Centro Municipal da Xuventude de Sada: lectura dun guión biográfico sobre Lois intercalado con poemas do mesmo (as lecturas serán realizadas por integrantes da Asociación, alumnos dos centros de ensino e todo aquel que esta interesado) e posterior lectura de textos de autores locais en galego e/ou sobre a lingua. Organizado polo Concello e a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo.
  • SARRIA: Ás 20:00 h. na Casa da Cultura lectura de poemas de Lois Pereiro.
  • FENE: A partir das 20:00 h. no Casino de Perlío haberá un recital VENTO LOIS a cargo dos e das participantes do obradoiro literario que se desenvolve cada venres, desde hai 10 anos, na Biblioteca Municipal (Museo do Humor). Leranse poemas de lois e mais poemas propios na súa homenaxe.
  • BERGONDO: Ás 20:00 h. no Edificio da Senra, o grupo Eolo Teatro estrea Recitalois, baixo a dirección de Willy Eter.
  • GONDOMAR: A partir das 20:00 h. a Asociación Espazo Lectura celebrará unha lectura de poemas de Lois Pereiro na Cafetaría Rañolas (Rúa Otero Pedrayo, 3), precedida por Gonzalo Navaza, quen lerá o Manifesto Loisista.
  • CARBALLO: Ás 20:00 h., no Pazo da Cultura, lectura do Manifesto Loisista; presentación do libro Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo, de Mercedes Queixas, coa participación da autora e de Francisco Pillado; e lectura compartida de textos e poemas de Lois Pereiro. Organizado pola A. C. Lumieira e a colaboración da Editorial Laiovento e o Concello de Carballo.
  • VIGO: Ás 12:00, no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución, o grupo de investigación GAELT (Grupo de Análise e Estudo da Literatura e da Tradutoloxía) do Departamento de Filoloxía Galega e Latina organiza un recital de poemas de Lois Pereiro e traducións ao inglés, alemán, francés e catalán, proxección de vídeos e música sobre Lois e unha conferencia de Manuel Forcadela, xunto á presentación do libro Que lle podo ofrecer a quen me intente?, monográfico Lois Pereiro publicado en Xerais, e elaborado polo GAELT baixo a coordinación de Anxo Angueira e Teresa Bermúdez. Ás 17:00 h., no Conservatorio Superior de Música (Monte do Castro, s/n.), acto de homenaxe con poemas de Lois e música de David Bellas, por profesores e alumnado da Escola Superior de Arte Dramática e do Conservatorio. A partir das 20:00 h., inauguración da exposición Lois Pereiro. Lírica Punk, no Verbum (Avenida de Samil, 17), onde Ramón Nicolás lerá o Manifesto Loisista e Marcos Calveiro recitará poemas de Lois.
  • RIBEIRA: Ás 20:00 horas, organizado polo Grupo Pinche en colaboración co IES Leliadoura e o Departamento de EF dese centro, o VENTO LOIS zoará desde diversos bares e tabernas baixo o principio “Se mahoma nom vem a montanha, imos levar a montanha a mahoma ainda que seja a caldeiros!”. Os locais serán: Capitán Morgan, A Caverna, Albatros, Ateneo Valle Inclán (Bar Plaza) e A Taberna do Riaso.
  • FERROL: A partir das 20:00 horas,  organizado polo Ateneo Ferrolán, en colaboración co Concello, no Cantón de Molíns (Praza da Constitución): letras colgadas en globos simbolizando o Manifesto Loisista, e que serán botadas ao VENTO, Lectura do Manifesto polo presidente do Ateneo, reparto do mesmo o público asistente na rúa e lectura de poemas.
  • LALÍN: Ás 20:30 h. no IES Ramón Aller, lectura do Manifesto e despois conferencia de Antón Losada, co título: Que foi da Galicia de Lois?. Organizados por A. C. O Naranxo e Queremos Galego Deza.
  • OURENSE: A partir das 20:30 horas, representación de Mundo Lois na Sala Principal do Auditorio Municipal. Ás 12:00 horas funcións escolares para o segundo ciclo da ESO e Bacharelato. Ás 18:00 h., na Livraria Torga, presentación do libro-cd-dvd Oito cancións para oito poemas de Lois Pereiro, coa lectura do Manifesto Loisista e dos oito poemas que forman o traballo, a cargo de Alexandro González, Lino Braxe e Roi Maceda, iniciando a exposición de 9 ilustracións de Pedro Villarejo na mesma libraría até o 10 de xuño. Ás 20:00 horas,  a veciñanza da Ponte Canedo (Ourense) súmase cun acto no Centro Cívico da Ponte (Rúa Euloxio Gómez Franqueira, 43), consistente na lectura do Manifesto Loisista, a proxección do vídeo Declaración, a lectura de poemas do autor a cargo de veciñas e veciños do barrio, xunto á interpretación dunha peza de Bach en directo. Tamén haberá actividades infantís que gardan relación con Lois Pereiro.
  • A CORUÑA: Ás 21:00 h. no Antigo Cárcere Provincial, concerto en homenaxe a Lois de Ulträqäns e Loretta Martin, e recital de Cesáreo Sánchez Iglesias, Xulio López Valcárcel e Antía Otero, nun acto presentado por Manuel Rivas e Xurxo Souto. Ás 19:30 h., no FNAC, Chelo Suárez aproveitará a presentación do seu libro As horas rotas para ler poemas seus en homenaxe a Lois, mentres que, a esa mesma hora, 20:00, no salón de actos da Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés ‘Fantoches Baj’ representará o espectáculo Poesía última de Lois Pereiro; e no Museo de Belas Artes lerase o Manifesto Loisista, proxectaranse varios videopoemas de Pedro Ramos sobre a obra de Lois, e haberá un recital coa participación de Andrés Ibáñez, Olga Patiño, Tiago Acosta, Juan García e Uxía Vázquez. Previamente, a partir das 12:30 horas, o Centro de F. P. Tomás Barros (rúa Ramón María Aller, 10 entrechán), nun acto aberto á participación de quen se queira achegar, lerase o Manifesto Loisista, seguido dunha lectura de poemas de Lois a cargo do alumnado, unha breve brisa biográfica do autor e un furacán musical de melodías domésticas.
  • BETANZOS: Ás 20:30 horas, a  A. C. Eira Vella desenvolverá a homenaxe a Lois coa participación de alumnado do IES Francisco Aguiar lendo poemas  de Lois (percorrerán o propio día 12, de 10:30 a 12:30 h., o casco histórico de Betanzos para capturaren imaxes baixo a inspiración duns poucos textos escollidos da obra de Lois, vinculando a imaxe coa letra) e a proxección dun vídeo do Equipo de Normalización Lingüística do CEIP Vales Villamarín coas voces dos nenos e nenas contando a vida e obra de Lois. A xente de Eira Vella tamén lerá o manifesto e recitará algún poema ou texto.
  • BUEU: Ás 20:30 horas, recital con poesía e música de e sobre Lois no Bar Aturuxo (Rúa Pazos Fontenla, 59).
  • TUI: A partir das 20:30 horas, na Biblioteca Pública Municipal, lectura do Manifesto Loisista, recital de poemas e música ao vivo.
  • ARTEIXO: Ás 20:30 horas, no Café Concerto Bata de Guata (Rúa Xeneral Mosquera Palleiro, 2, xunto ao paseo fluvial), lectura de poemas e música a cargo de Cántigas da Terra, Tati Mancebo e Antón Borrazás.
  • CANGAS: A partir das 22:00 horas, no Pub Canis Lupus (Rúa Ferrol, 22), lectura do manifiesto Loisista e a continuación audición colectiva do CD dos poemas de Lois. Recita O Leo, con música de Alfonso Camarero.
  • PARÍS: O VENTO LOIS chegará o venres 13 de maio de 18:00 a 20:00 h. na sala 1.3 do Instituto Cervantes de París, xa que non foi posible organizalo o día 12. Lerase Manifesto Loisista, recitaranse e comentaranse poemas del, e visionaranse vídeos e imaxes súas, escoitando a súa autobiografía e poemas musicados. Os actos están organizados polo Centro de Estudos Galegos.

Muxía: Acto fundacional da Fundación Gonzalo López Abente

O sábado 29 de xaneiro, ás 11:30 h., no salón de plenos do Concello de Muxía, terá lugar o acto fundacional da Fundación Gonzalo López Abente, que nace co fin de poñer en valor a obra e a figura do escritor Gonzalo López Abente (Muxía 1878-1963), e con vocación de ser un foco de irradiación de actividade cultural para toda a Costa da Morte. Farán a presentación Félix Porto, Alcalde de Muxía e Presidente da Fundación, e X. H. Rivadulla Corcón, Vicepresidente. Logo farase a sinatura da acta fundacional por parte dos representantes das institucións que forman parte do Padroado: Deputación da Coruña, Real Academia Galega, Universidade da Coruña, Universidade de Santiago, Consello da Cultura Galega, Asociación de Escritores en Lingua Galega e PEN Clube de Galicia, tras o que o poeta e escritor Miro Villar, membro da Comisión Executiva da Fundación, fará o laudatorio de López Abente. A continuación os asistentes trasladaranse ao cemiterio para facer unha ofrenda floral -a cargo dos familiares- diante da tumba do poeta nun acto presentado por Xesús Sambade, membro da Comisión Executiva da Fundación, e lectura de poemas de López Abente por: X. H. Rivadulla Corcón, Miro Villar, Luís González Tosar (presidente do PEN Clube de Galicia), Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da AELG) e Xosé Luís Méndez Ferrín (presidente da RAG). Os actos continuarán coa visita á sede da Fundación (Casa das Beiras) onde será interpretado pola Coral Virxe da Barca o himno á Virxe da Barca (obra de López Abente) por primeira vez en galego, xa que nos anos 50 prohibíuselle escribilo en galego, e agora como acto de xustiza fíxose a tradución, rematándose cun ágape de confraternización para os asistentes. Crónica posterior en Galicia Hoxe.

Silvia Álvarez gaña o certame Minicontos de Outono, promovido polo Centro PEN Clube e L-V

No ventre morno do río, unha crúa historia de Silvia Álvarez que agocha moitos segredos, resultou o relato gañador do primeiro premio do certame de Minicontos de Outono, que promoveron o Centro PEN de Galicia e LV-De Luns a Venres e que está dotado con 600 euros libres de impostos. O segundo premio, que ten unha dotación de 300 euros, recaeu en Controladores e calendarios, un texto do mestre pontevedrés José de la Torre Culler que aborda unha temática tan de actualidade como é o recente caos aeroportuario vivido en España. Finalmente, un orixinal e arriscado microtexto de Eugenio M. Alonso, Calcio, foi merecedor do terceiro premio, que está recompensado con 100 euros. Ademáis, as tres pezas recoñecidas serán publicadas nas edicións, tanto impresa como dixital, do xornal gratuíto De Luns a Venres. O xurado do certame, que se reuníu o pasado venres en Compostela no Centro PEN de Galicia, que preside Luís González Tosar, estivo composto polo escritor e xornalista Santiago Jaureguizar, o escritor Bieito Iglesias, a escritora e profesora da UVigo Rexina Vega, a profesora e tradutora Daniela Sotgiu, o director do Centro PEN Galicia, Xabier Castro Martínez, e os xornalistas Diego de Cora e Juan Méndez. Máis información en Galiciaé. Tamén aparece recollida esta nova en Galicia Hoxe, e ampliada posteriormente en Galiciaé.