Compostela: Xornada de formación para docentes arredor da memoria histórica Fai memoria!, o 18 de xaneiro

O VII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro recae en Óscar Reboiras

Desde Galaxia:
“Unha trintena de textos concorreron á sétima edición do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro. A distinción recae neste 2024 en Cando o mundo é azul, da autoría de Óscar Reboiras Loureiro.
Marcos Calveiro, director de edicións de Galaxia; Pilar Sampedro, vogal da A. C. Barbantia; e José Luis Baños, gañador da sexta edición, conformaron o tribunal encargado de tomar a decisión tras analizalas obras presentadas.
En representación do xurado, Calveiro manifesta que o ditame se toma por unanimidade e destaca a “escrita con sinxeleza e sensibilidade” que aborda os temas da diversidade, o amor, a interxeracionalidade e a redención nunha obra apta para un abano moi amplo do público infantil, que interpela directamente a intelixencia do lectorado. A historia estrutúrase arredor das relacións familiares, en que unha nai e seu fillo recuperan a figura dun avó ausente.
Reboiras xa publicou na obra colectiva Liñas compartidas (2019), o ensaio O cronista imposible: a obra periodística de Wenceslao Fernández Flórez (2019) e a novela A agonía das folerpas (2022). Tamén conta con galardóns en distintos certames.
O premio conta cunha dotación económica de 3.000 euros, a publicación na colección Árbore e o repartimento de exemplares entre a rapazada da localidade, tal e como explica a concelleira da Cultura, Patricia Lojo. “Este certame continúa enriquecendo o catálogo de libros en galego para as xeracións máis novas e que así se vaia instaurando o hábito lector na súa rutina diaria”, engade a edil. (…)”

Pilar Sampedro: “Produce emoción entrar nun relato que recupera a memoria silenciada dos perdedores”

Entrevista de Héitor Picallo a Pilar Sampedro en Nós Diario (foto de Arxina):
“A escritora e pedagoga Pilar Sampedro ten elaborado e coordinado varias guías no marco da literatura infantil e xuvenil vinculadas a ámbitos como a igualdade, o medio ambiente, a inclusión e os obxectivos de desenvolvemento sustentábel; todas co obxectivo de demostrar que en galego hai materiais de calidade para o seu tratamento.
– Nós Diario (ND): Por que mergullar na memoria histórica é o propósito da reedición desta guía?
– Pilar Sampedro (PS): Este empeño en elaborar guías de libros infantís en galego de diferentes temáticas responde a unha queixa (ou desculpa) que teño escoitado entre as persoas mediadoras (profesorado, bibliotecarios e bibliotecarias, familias) cando aseguran “disto en galego non hai, ou hai pouco”. Trátase de demostrar que existe produción de calquera tema que se queira buscar, iso si, hai que localizar esas obras, porque existen. De iso se trata, de mostrar a riqueza que hai en galego.
Esta guía de memoria histórica é moi necesaria porque non sempre se trata esta temática nas aulas de Ciencias Sociais ou se fai dun xeito moi distante, mentres que na literatura (igual que noutras artes) a abordaxe é máis próxima, porque se realiza a través dunha historia coa que te identificas e produce emoción ao entrar nun relato que recupera a memoria silenciada dos perdedores que eran os leais á orde democrática, á República. Desde aí podemos entrar na Historia (con maiúsculas) doutra maneira.
– ND: Coméntenos que entidade publica esta obra e cales son os obxectivos dela.
– PS: A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza, que é unha asociación que traballa en todos os concellos da península para iluminar esa realidade que foi ocultada e negada, devolvéndolles a dignidade a aqueles que foron inxustamente represaliados a partir do golpe de Estado de 1936, na ditadura franquista e transición. Recoñecemento e reparación da memoria das vítimas. (…)”

Francisco Antonio Vidal Blanco gaña o Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia 2024

Os dedos e o monstro, de Francisco Antonio Vidal Blanco, acaba de ser recoñecida co Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia 2024, un galardón convocado anualmente pola Fundación Xosé Neira Vilas co apoio da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia co obxectivo de lembrar e honrar a figura de Anisia Miranda.
A obra premiada destaca, fundamentalmente, pola mestría da súa construción dramática e a habilidade na elaboración dos diálogos a través de frases curtas que axilizan o texto e outorgan dinamismo e diversión. Tamén cómpre salientar o feito de poñer en valor a diversidade e a diferenza entre os iguais a través da metáfora dos dedos, polo recurso de tradicións como as adiviñas e a sortes.
O xurado estivo composto polos membros do Padroado da Fundación Xosé Neira Vilas Pilar Sampedro e Miguel Anxo Fernán Vello, xunto con Euloxio R. Ruibal, dramaturgo e membro da Real Academia Galega.
Francisco Antonio Vidal Blanco posúe unha traxectoria literaria consolidada, tendo sido merecedor de premios como o Laudamuco para textos teatrais do concello de Brión no 2022 ou o Avilés de Taramancos de Relatos de Aventuras no 2003. No ámbito do ensaio, son de resaltar as súas achegas á obra de Murguía e conta con diversas novelas publicadas.
O acto de entrega do premio terá lugar o sábado 25 de maio ás 19:00 horas na sede da Fundación Xosé Neira Vilas, en Gres (Vila de Cruces). Ese día presentarase, ademais, o volume premiado na edición anterior: Medo me dá, de Ramón Domínguez Veiga, editado por Embora.”