Propostas con premio: Dos días escuros, de María Carmen Caramés Gorgal, por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Posúe unha traxectoria literaria marcada por conseguir numerosos premios literarios. Unha opción para publicar?
– Carmen Caramés (CC): A primeira vez que me presentei a un certame buscaba o recoñecemento de alguén (que non fosen amizades e familiares) que me indicase que o que eu escribía tiña algún valor literario. Saíume ben e iso animoume a seguir probando sorte. O que máis me satisface dos premios é, sen dúbida, o feito de que xente de moi recoñecido prestixio no ámbito literario, como é a que adoita formar parte dos xurados, considere que eu teño algo que achegar e, certamente, tamén é a opción para autores e autoras descoñecidos coma min poidamos publicar pois é difícil que as editoras aposten por nós. (…)
– RN: Dos días escuros, premio Johán Carballeira, aborda os malos tratos como temática e coido que un asunto reiterado noutras obras da súa autoría. Por que?
– CC: Porque me quedan cousas por dicir, porque me proe a súa dor e quero ser, humildemente, a voz das que calan, das que perdoan máis de sete veces, das que non denuncian, das que non teñen alternativas.
– RN: O título fai referencia, daquela, a situacións derivadas da violencia machista?
– CC: O título quixo reflectir a escuridade, a sombra, o asedio, a soidade, a indefensión das vítimas.
– RN: O xurado apuntou a intensidade do poemario ata acadar finalmente a realidade. Por que esa estrutura?
– CC: Quizais porque pretende partir da mesma orixe, do inicio velado do maltrato pasando logo polo recoñecemento, a asunción e a reflexión ata chegar ao final presentido, un final que non será máis que “a crónica dun suceso lamentable á hora do xantar”. (…)”

Cuestionario Proust: Vanesa Santiago Vázquez

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Vanesa Santiago Vázquez:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A dúbida.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O bo humor.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Sinxelamente, sentirme apreciada. Cos meus máis e os meus menos.
4.– A súa principal eiva?
– Cando a dúbida se torna inseguridade.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler; en verán, a ser posible, a carón do mar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Traballar entre libros, como bibliotecaria, e ter tempo libre para facer todo o que me gusta.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Soa a tópico, pero creo que sería vivir sen ter amado.
8.– Que lle gustaría ser?
– Postos a pedir, física cuántica no Gran Colisor de Hadróns. Alucínanme eses avances que semellan ciencia-ficción.
9.– En que país desexaría vivir?
– Aquí estou moi ben, incluso a pesar das falcatruadas de quen mandan. Non obstante, non me importaría pasar unha tempada polo norte de Europa ou nalgún lugar exótico e remoto de Asia ou África.
10.– A súa cor favorita?
– Gústame o verde, na súa infinda paleta para vestir a terra e o mar.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As camelias das camelias en flor. E tamén a flor das cerdeiras.
12.– O paxaro que prefire?
– Cando era pequena tiven un xílgaro e dende aquela gárdolles un especial agarimo.
13.– A súa devoción na prosa?
– Quizais non pareza moi académico, pero encántame Agatha Christie. Abráiame que en libros que producía practicamente en serie non perdera o fol para manter a atención do lector en case ningún.
14.– E na poesía?
– Neste terreo, xa pasei por diferentes amores. Agora pérdome cos versos de Bernardino Graña, por exemplo. Temos un mar en común.
15.– Un libro?
– Un só? Os Contos orientais, de Marguerite Yourcenar; Las semanas del jardín, escritas por un círculo de lectores (Juan Goytisolo, en realidade) ou Cousas, de Castelao. Pero quedan tantos no tinteiro…
16.– Un heroe de ficción?
– Bastian Balthasar Bux, coprotagonista da Historia Interminable.
17.– Unha heroína?
– Talvez, Éowyn, a única muller da triloxía do Señor dos Aneis que é quen de pasar á acción e non quedar á espera dos acontecementos.
18.– A súa música favorita?
– A de raíz, a que nace do pobo, nas rúas, nas festas, afastada de pazos, teatros ou macroconcertos. E, entre todas, a música galega.
19.– Na pintura?
– Cada época ten o seu aquel. Do que aprendín na escola, gústame Velázquez, con eses claroscuros.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Na vida real os heroes e heroínas adoitan ser anónimos, como eses pais e nais desempregados que buscan o xeito de que os seus fillos non pasen necesidades, os preferentistas que van todos os días a pedirlle ao banco que lles devolvan os seus aforros, ou as persoas que se enfrontan a enfermidades coma o cancro.
21.– O seu nome favorito?
– Porque non hai moitas, vou mencionar Teolinda. É o nome da miña avoa.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Ao principio, non soportaba a quen empregaban as novas tecnoloxías pola rúa e se illaban do mundo: auriculares nas orellas e un móbil na man no que teclear sen mirar ao arredor. Se non escoitas nin miras, o mundo pode atropelarte, ou? Mais agora é xa tan habitual…
23.– O que máis odia?
– Odio é unha palabra moi forte. Diría, mellor que odiar, que desconfío do fanatismo e desa xente que non dubida nunca.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Desprezo é outra palabra igualmente forte. Quizais citaría ao Bruto, que me cae un pouco mal por traizoar ao Xulio César, quen sempre fixo o que lle petou, aínda que era un peixe de coidado e seguramente máis apto a desprezos que o primeiro.
25.– Un feito militar que admire?
– Lembro con certo divertimento aquel informe rimbombante sobre a toma da illa de Perejil, pero de aí a admirar un feito militar… Ao contrario, avogaría pola desaparición dos exércitos.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A constancia. Ás veces ando escasa dela.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De vella. Na miña cama. E que a xente dixera «morreu coma un paxariño».
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– En xeral, son unha persoa tranquila.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que non fan mal a ninguén. Roer nas uñas, chegar tarde aos sitios, escoitar reggaeton… Ben, o do reggaeton non o teño tan claro.
30.– Un lema na súa vida?
– Voume quedar con aquilo de que “nunca choveu que non escampara”.”

Onde o mundo se chama Bernardo Atxaga, por Ramón Nicolás

Con motivo da súa visita a Galiza tras ser premiado como Escritor Galego Universal de 2014, Bernardo Atxaga ofreceu unha conferencia o día 2 de maio, venres, ás 20:00 no Pazo de Mugartegui do Concello de Pontevedra. O día seguinte recolleu o galardón na Gala das Letras que se celebrou tamén ás 20.00 no Teatro Principal da mesma cidade.
Este é o texto da presentación da conferencia do día 2 a cargo de Ramón Nicolás:

“Boa tarde. Preparando esta brevísima intervención decateime que a descuberta da existencia dun escritor eúscaro, que se chamaba Atxaga, produciuse hai por volta de vinte e cinco anos con ocasión de preparar algún tema dunhas oposicións ao ensino. Entre temas que circulaban libremente dei cunha proposta de traballo que amosaba dous poemas confrontados, para analizar, subscritos por un tal Celso Emilio Ferreiro, por un lado, e por Atxaga, probablemente do poemario Etiopía, polo outro, con dúas fotos, ademais, nas que os autores se miraban un ao outro sorrindo. Non conservo aquel texto, nin lembro sequera os poemas concretos, mais si reteño a lembranza exacta daquela fotocopia que, non sei a razón, ficou gravada nos arquivos da memoria. Pasados os anos pregúntome se a aquilo se debería chamar epifanía, se foi un momento cando os astros se alinearon ou se se trata doutra mostra máis do que un amigo meu chama “providencia laica” pois nunca sospeitaría que aqueles dous autores, que se ollaban fronte a fronte, cos seus poemas por baixo, ían ocuparme tanto e tan gozosamente no que estaba por vir; ían posibilitar que gustase máis da literatura, que esta me permitise manter unha actitude na que aínda hai lugar para as descubertas, para o que non se agarda, para a aprendizaxe como lector, como crítico literario, como docente, como persoa: no caso do poeta de Celanova en moitas frontes, no caso de Atxaga en primeira instancia como lector e, con fortuna e mercé á confianza que depositaron no meu traballo dous selos editoriais como son Edicións Xerais de Galicia e Kalandraka, como tradutor. (…)”

O texto completo pode ser consultado aquí.

Onte, onde o mundo se chama Bernardo Atxaga, por Ramón Nicolás

Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Declarouse onte Bernardo Atxaga un siareiro absoluto do título do famoso libro de Celso Emilio Ferreiro, confesando que mesmo chegou a empregalo, con modificacións, nun limiar para unha edición estranxeira dalgunha obra súa e de aí o título deste apuntamento. Con todo, debo comezar por sinalar que supuxo unha fortuna onte poder acompañar a Anxos Rial, concelleira de Cultura de Pontevedra, Mercedes Queixas, secretaria da AELG, e ao escritor vasco, no Pazo de Mugartegui con ocasión dunha conferencia que ditou baixo o título de Reaccións ante unha pedra riscada.
Por veces todo aquilo que atesoura unha obra literaria ou, cando menos parte dela, pode ser revelado nun discurso de pouco máis de media hora. Iso foi o que aconteceu onte cun discurso que contrapuxo, ou confrontou, as interpretacións dos trazos peculiares dunha pedra que se derivarían dunha lectura materialista-científica ou doutra que se derivaría de aplicar unha clave imaxinativa. Polo medio circularon os asombros, os medos, as maxias, os bosques, as pantasmas, as paisaxes da conciencia e a subxectividade para chegar a Rousseau, cando na literatura comeza a rastrexarse algo íntimo e persoal, e concluír nas orixes da escritura, no pranto contido no Gilgamesh onde, por certo, se atravesaba un río que se chamaba Ulla. Velaí, finalmente, como a explicación máis subxectiva dos riscos distintivos que posuía aquela pedra, o que no fondo hai na literatura,  pode ser unha lectura tan válida, ou máis, para enfrontarse á vida como a outra.
Para min, que lera aquela Obaba fascinante en castelán, hai xa vinte e cinco anos, onte supuxo un verdadeiro día de festa. Eskerrik asko, Atxaga. Grazas tamén a Paz Castro polas fotografías: arriba, de dereita a esquerda, Marta Dacosta, Cesáreo Sánchez Iglesias, Bernardo Atxaga, Mercedes Queixas e Antía Otero).”

Gañadoras/es dos Premios AELG 2014

Estes son os gañadores/as dos Premios AELG 2014, que premian as mellores obras editadas en 2013, e que se veñen de fallar na Gala das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o 3 de maio en Pontevedra:

Blog Literario
Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
Ensaio
A revolución non vai ser televisada, de Rebeca Baceiredo (Euseino? Editores).
Literatura Infanto-xuvenil
A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo (Xerais).
Xornalismo Cultural
Carme Vidal.
Narrativa
A lúa da colleita, de Anxos Sumai (Galaxia).
Poesía
Raíz da fenda, de Berta Dávila (Xerais).
Teatro
Obras Completas (Vols. I, II e III), de Roberto Vidal Bolaño (Edicións Positivas).
Tradución
Ulises, de James Joyce, na tradución de Antón Vialle, Eva Almazán, María Alonso Seisdedos e Xavier Queipo (Galaxia).

Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros tres galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG:

  • O premio Mestres e Mestras da Memoria, que se concedeu nesta segunda edición a Elba Requeijo e Xavier Blanco, por toda unha  vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional;
  • O Premio Institucións que se concede a quen contribuíse á divulgación da lingua e cultura galega, e co que a AELG valora tamén o impulso dalgunhas institucións na promoción do teatro:
  • E mais o Premio AELG 2014 Escritor Galego Universal, outorgado pola Asemblea a Bernardo Atxaga, galardón que a distingue como autora que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana.

No transcurso da gala a AELG tamén se entregou a distinción “Bos e Xenerosos”, coa que a  Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega quere recoñecer o esforzo e o compromiso da xente do espectáculo para manter vivos os nosos escenarios nun momento en que os recortes afectan de maneira especial ás programacións culturais. Desta maneira, a AELG premiou representantes de todas os ámbitos da escena galega:

Tamén os Premios da Crítica Galega, entregados por Ramón Nicolás como membro da Sección da Crítica da AELG a Berta Dávila na categoría de poesía por Raíz de fenda e a Anxos Sumai en narrativa por A lúa da colleita.

O Consello Directivo da AELG fixo constar os parabéns máis sinceros aos compañeiros e compañeiras de oficio hoxe premiados nesta Gala das Letras, felicitación e aplauso que fai extensivo a todos os autores e autoras finalistas, e mais os propostos na primeira quenda de votacións, cuxo labor creativo conxunto merece tamén o público recoñecemento, pois todo el se converte nunha globalidade creadora, copartícipe testemuño necesario, ano a ano, dunha sementeira literaria que agroma para orgullo da sociedade galega desde a vindicación irrenunciábel da súa ferramenta máis prezada: a lingua galega en perpetua construción de futuro lexítimo.

Taboleiro do libro galego (XXII), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí a cuarta entrega deste 2014 do Taboleiro do libro galego, que recolle, segundo os datos obtidos de doce librarías consultadas, as novidades editoriais máis vendidas en lingua galega ao longo do mes de abril. O meu agradecemento, nesta ocasión, ás seguintes librarías:  Librouro, Suévia, Carricanta, Casa do Libro (Vigo), Cartabón, O Pontillón, Andel, Aira das Letras, Paz, Trama, Abrente e Lila de Lilith.

NARRATIVA
1º-. A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, Edicións Xerais.
2º-. Sete Caveiras, de Elena Gallego, Edicións Xerais.
3º-. O gardián invisible, de Dolores RedondoEdicións Xerais.
4º-. A voz do vento, de Pemón Bouzas, Edicións Xerais.
5º-. Nunha presa de terrade Paco Castro, Laiovento.

POESÍA
-. Moda galega reloaded, de María Reimóndez, Positivas.
2º-. Penúltimas tendencias, de Carlos Negro, Edicións Xerais.
3º-. Nimbos, de Xosé María Díaz Castro, Galaxia.
4º-. Ningún amante saber conducirde Rosalía Fernández Rial, Positivas.
5º-. Onde nunca é mañá, de Manuel Álvarez Torneiro, Faktoría K.

ENSAIO-TEATRO
-. A alternativa está aquí, de María Reimóndez, Edicións Xerais.
2º-. Politicamente incorreta. Ensaios para um tempo de pressas, de Teresa Moure,  Através.
3º-. Vida e obra de Xosé María Díaz Castro, de Armando Requeixo, Galaxia.
4º-. Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000), de Ana Acuña, Edicións Xerais.

INFANTIL-XUVENIL
-. Ámote, Leo A. Estación de tránsito, de Rosa Aneiros, Edicións Xerais.
-. Recinto gris, de Ledicia Costas, Edicións Xerais.
-. As meigas de Lupa, de María Solar, Edicións Xerais.
-. Dragal IIIde Elena Gallego, Edicións Xerais.

ÁLBUM ILUSTRADO
-. O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
2º-. O Dragón que cambiaba de conto cada vez que esbirraba, de David Aceituno e debuxos de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
3º-. Na cociña de noite, de Maurice Sendak (tradución de X. M. González), Kalandraka.
4º-.  A bolsa da pita, de María Luísa Mosquera, Primera Persona.

LIBROS CD-DVD
-. Pan de millo, de Migallas, ilustracións de Dani Padrón, Kalandraka.
2º-. Toc Toc, de Pablo Díaz, ilustracións de Nuria Díaz, Galaxia.
3º-. Na lingua que eu falo, de Najla Shami e Rosalía de Castro, Editorial Galaxia.

BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. Astérix e os Pictos, René Goscinny (autor), Albert Uderzo (ilustrador), Jean-Yves Ferri (autor), Didier Conrad (ilustrador), Xavier Senín e Isabel Soto López (tradutores), Edicións Xerais.
3º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.

OUTROS
1º-. Luzes, nº 5, abril 2014.”

Cuestionario Proust: Xosé Ramón Pena

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xosé Ramón Pena:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A lealdade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A lealdade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que sexan leais a si mesmas, primeiro, e logo a min.
4.– A súa principal eiva?
– Teño unha tendencia cara á dispersión que, iso si, procuro combater con disciplina.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ademais de «comer, beber e arder», ler, escoitar boa música, ir ao cine e manter unha boa conversa cos amigos.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Unha boa sobremesa coas persoas que quero.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non me considero supersticioso, pero dáme reparo declaralo: a desaparición, ou o enfrentamento, dun/cun ser querido, especialmente dun /cun fillo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Eu mesmo, mellor persoa e mellor deportista.
9.– En que país desexaría vivir?
– Gústame este que me tocou, pero, xa postos, en Italia.
10.– A súa cor favorita?
– Os da bandeira francesa: branco, azul e vermello.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A rosa.
12.– O paxaro que prefire?
– O merlo.
13.– A súa devoción na prosa?
– García Márquez, John Le Carré, Blanco Amor.
14.– E na poesía?
– García Lorca, os trobadores galego-portugueses, Méndez Ferrín.
15.– Un libro?
Luces de bohemia, Crónica de una muerte anunciada, A esmorga.
16.– Un heroe de ficción?
– Tintín.
17.– Unha heroína?
– Sigrid, a noiva do capitán Trueno.
18.– A súa música favorita?
– Rock e bossa nova.
19.– Na pintura?
– Manet. Monet… todos os impresionistas; Gan Goh, Paul Klee.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Garibaldi, Gramsci.
21.– O seu nome favorito?
– Miguel.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A arrogancia.
23.– O que máis odia?
– A arrogancia unida á ignorancia.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Todos os ditadores: Hitler, Franco…
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún en particular: acaso as conquisas de Alexandre.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A simpatía.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Desde logo, non me gustaría morrer. Pero como iso é imposible, morrer de vello, tranquilo, lúcido e indolorosamente: vaia, case unha utopía!
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Unha mestura particular entre o estoicismo e Epicuro. Ou iso creo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A gula, a luxuria (sempre que vaia dirixida a persoas adultas e responsables de si mesmas, claro) e unha moderada tendencia á esaxeración.
30.– Un lema na súa vida?
– O vello adaxio que lle gustaba a Castelao: non lle poñades chatas á obra antes de vela acabada.”

Cuestionario Proust: Carlos Negro

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Carlos Negro:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Ás veces, o escepticismo; outras, o entusiasmo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A intelixencia, a xenerosidade, o sentido do humor.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que compartan unha conversa tranquila arredor dun café.
4.– A súa principal eiva?
– A indecisión e certa tendencia a fecharme en min mesmo, sen querer saber de ninguén.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler, escribir, pasmar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Sentar nunha hamaca á sombra dun carballo e ler un conto de fantasmas.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A de calquera persoa con fill@s: perdelos, velos sufrir ou morrer.
8.– Que lle gustaría ser?
– Un bo mestre para o meu alumnado; e, se cadra, un poeta que deixe algún verso que resista o paso do tempo.
9.– En que país desexaría vivir?
– No país de Nunca Máis e non neste de Éche o que hai.
10.– A súa cor favorita?
– O negro, por estética; o lila, por principios.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Na casa, a orquídea; no monte, a das xestas.
12.– O paxaro que prefire?
– Por motivos literarios, o corvo; pero tamén a pega rabilonga e o paporrubio.
13.– A súa devoción na prosa?
– De Stephen King a Álvaro Cunqueiro hai todo un universo de posibilidades por percorrer; en xeral, toda a literatura fantástica e de terror.
14.– E na poesía?
– Rosalía de Castro, Manuel Antonio, Álvaro Cunqueiro, Anne Sexton, Raymond Carver, Olga Novo… e así ata o infinito.
15.– Un libro?
– Hai tantos! Na infancia, As aventuras de Huckleberry Finn, de Mark Twain; xa de adulto, Mirall trencat (Espello roto), de Mercè Rodoreda.
16.– Un heroe de ficción?
– Conan o Cimmerio, sobre todo na etapa que o debuxaba Barry Windsor-Smith; tamén me cae simpático Spiderman.
17.– Unha heroína?
– Na infancia, Heidi; na adolescencia, Red Sonja. Agora mesmo, todas as mulleres dos poemas de Rosalía de Castro.
18.– A súa música favorita?
– Sempre fun moito de Bruce Springsteen e de Freddie Mercury; agora mesmo, por exemplo, Sés.
19.– Na pintura?
– Laxeiro, Caspar David Friedrich, Edward Hopper, Álvaro Negro…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Todas as persoas que pasan as noites nos hospitais, coidando dos seus ou dos alleos.
21.– O seu nome favorito?
– Os nomes fanos as persoas que os levan. Os favoritos son aqueles que me fan pensar en xente que me dá confianza no futuro e alegría de vivir.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O ruído a todas horas e en todas partes; a mala educación, en xeral.
23.– O que máis odia?
– O fanatismo ideolóxico e relixioso; tamén o machismo e a prepotencia.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera que abuse do poder mediante a violencia, a mentira e a crueldade. Por desgraza, hai onde escoller.
25.– Un feito militar que admire?
– A deserción.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O do ritmo no baile e o do oído na música.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmido na cama, soñando cun día de verán da infancia, quizais na praia de A Lanzada.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Dubitativo, pero tamén ilusionado coas pequenas cousas de cada día.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que se derivan de procesos de aprendizaxe ou de despistes sen mala intención.
30.– Un lema na súa vida?
– Como principio universal, Liberdade, igualdade e fraternidade. A un nivel máis íntimo, vive e deixa vivir.”