Desde a Real Academia Galega (foto da RAG):
“Máis de vinte e cinco especialistas participaron ao longo de tres días no VI Coloquio Luso-Galaico sobre a Saudade, organizado polo Instituto de Filosofia Luso-Brasileira, o Instituto de Filosofia da Universidade do Porto, o Centro Português de Vigo, a Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela a través do Departamento de Filosofía e Antropoloxía, a Universidade Católica Portuguesa, o Movimento Internacional Lusófono e mais a revista Nova Águia.
A edición deste ano serviu de homenaxe a Andrés Torres Queiruga, cuxos estudos teñen profundado en numerosas ocasións na filosofía da saúdade. Este mesmo tema centrou o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, pronunciado en 1980 e dispoñible nesta ligazón.
O Colexio Apóstolo Santiago de Vigo acolleu o sábado varias intervencións sobre o académico. Luís G. Soto e Marcelino Agís Villaverde abordaron distintos aspectos sobre a saudade e o filósofo, Renato Epifânio achegou o relatorio titulado “Repensando o ateísmo: entre Andrés Torres Queiruga e José Marinho” e Rocío Carolo Tosar, “O carácter ontolóxico da saudade: Ramón Piñeiro e Andrés Torres Queiruga”. A intervención do propio homenaxeado púxolle o ramo á xornada, na que tamén se presentou o número da revista Nova Águia dedicado á quinta edición do Coloquio Luso-Galaico sobre a Saudade.”
Arquivos da etiqueta: Ramón Piñeiro
A Coruña: palestra Piñeiro e Castelao, por Xoán Carlos Garrido Couceiro
Antón Baamonde participa no encontro “Carlos Casares, escritor e intelectual público”
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““Unha vez que morre Ramón Piñeiro o galeguismo como proxecto social e político desaparece”. Antón Baamonde participa no Encontro Carlos Casares, escritor e intelectual público coa conferencia ‘Intelectuais e autonomía galega’. Pode escoitarse aquí.”
Víctor F. Freixanes: “A Galicia fáltalle un proxecto político propio que canalice o seu potencial”
Entrevista de Xesús Fraga a Víctor F. Freixanes en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Como naceu este libro [Unha ducia de galegos]?
– Víctor F. Freixanes (VF): Naceu dunha curiosidade persoal e de grupo, no entorno aquel do Burgo das Nacións, en Santiago, onde estabamos un grupo de amigos e xentes moi variadas, preocupados por Galicia e o futuro do país. Apareceran uns libros de conversas de Pániker e Baltasar Porcel e empezamos a preguntarnos, que pasa, ¿Galicia non existe? Isto que chamamos nós o galeguismo, Galicia, a nación, a lingua e a cultura, Castelao e os exiliados, ¿isto non existe? Pensei que podía facer un libro de xornalismo, no que a través dun diálogo case socrático preguntase quen somos, de onde vimos e a onde queremos ir, ordenando cronoloxicamente o relato a través de diversas figuras, do máis vello, Otero Pedrayo -a memoria do século XIX e os vellos fidalgos-, ata a xeración anterior á nosa, a do 68. Quería viaxar a través da lingua e a cultura, porque entendía que podían ser un denominador común que aglutinase rexistros diferentes: eu procuraba unha polifonía, que todo o mundo non emitise no mesmo rexistro ideolóxico ou vivencial, pero que puidesen ser representativos do que estaba pasando niso que chamamos o galeguismo, que era o que nos interesaba naquel momento.
– LVG: E agora, ¿que se acadou e que quedou polo camiño?
– VF: Teño a sensación de que non conseguimos o soño que queríamos. Non o conseguimos. Uns, porque confundimos os desexos coas realidades, e outros, porque non soubemos facer política. Porque hai xente que confunde a política coa relixión, que cren que a política é crer o que non vemos, cando a política é unha ferramenta para ir transformando pouco a pouco a sociedade, coa sociedade ao lado, contigo, non ti a corenta quilómetros alá arriba e que ninguén sabe quen es. Hai moitas persoas, nas que nós, a nosa xeración, tiñamos moita ilusión nelas e que non foron arriba. Pero non se trata de reprochar nada, porque todos somos responsables do mesmo barco. (…)
As conversas con Otero Pedrayo, Paz-Andrade, Seoane, Blanco Amor, Piñeiro, Celso Emilio, Xaime Isla, Xesús Alonso Montero, Beiras, Ferrín, monseñor Araúxo Iglesias e Carlos Casares, nas que se falaba abertamente da traxectoria do galeguismo e o seu futuro, resoaron naquel tempo, igual que hoxe o seu eco. «O libro tivo un éxito grande de entrada entre os círculos do que podíamos chamar o galeguismo, e despois unha curiosidade enorme na sociedade galega que reclamaba a vida democrática. Había unha especie de demanda social de que isto había que cambialo e ao mesmo tempo había unha fame de información: como o cambiamos, cara a onde o cambiamos, quen van ser os axentes do cambio. Aí había un descoñecemento enorme», rememora Freixanes. (…)”
Ars dedicandi: Ramón Piñeiro na RAG
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Van alá vinte e seis anos do pasamento de Ramón Piñeiro, un dos personaxes máis influentes da cultura galega do pasado século.
O pensador de Láncara ingresou na Real Academia Galega o 25 de novembro de 1967 co discurso A lingoaxe i as língoas, que Galaxia imprentou para ese día coa resposta ao mesmo de Domingo García-Sabell. Este último e mais Ricardo Carballo Calero e Xulio Rodríguez Yordi foron os que elevaron a proposta en xullo de 1963 co informe favorable de Antón Fraguas, Francisco Fernández del Riego e Ramón Otero Pedrayo, proposta que foi aprobada por unanimidade o 29 de decembro daquel ano.
O ars dedicandi que reproduzo ―xentileza do amigo Xesús Torres Regueiro, quen o recuperou― é, en realidade, unha dedicatoria colectiva do discurso de ingreso piñeiriano asinada por este mesmo e por bastantes outros académicos e as súas mulleres xustamente na xornada da recepción en Tabernas.
A destinataria da dedicatoria é Luísa Crestar (Betanzos, 1908―A Coruña, 1988), autora do poemario Nas orelas do Mendo (1982), no que incluíu un bo mangado de composicións dedicadas a amigos, entre elas unha “A Ramón Piñeiro, que fai tempo dixo que teño no esprito a ledicia das Mariñas betanceiras”.
Poden lerse no ars dedicandi as sinaturas de Domingo García-Sabell, Sebastián Martínez Risco, Ricardo Carballo Calero, Francisco Vales Villamarín, Fermín Bouza-Brey, Xesús Ferro Couselo, Enrique Chao Espina, Antonio Meijide Pardo, Isidro Parga Pondal, Leandro Carré Alvarellos, Juan Naya Pérez, Ramón Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego, Elena Tormo López, María Josefa Bustamante e Isabel López. (…)”
Armando Requeixo, editor do Epistolario Ramón Piñeiro-Xosé Neira Vilas
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Entrevista a Armando Requeixo, editor do Epistolario Ramón Piñeiro-Xosé Neira Vilas, publicado polo Centro Ramón Piñeiro. Pode verse completa aquí.”
Compostela: Xornadas Ramón Piñeiro e Koldo Mitxelena no seu centenario, os 10 e 11 de decembro
Láncara: entrega do XIV Premio Ramón Piñeiro Facer País a Basilio Losada e mesa redonda sobre Ramón Piñeiro
O sábado 7 de novembro, ás 17:00 horas, en Láncara terá lugar unha mesa redonda na honra de Ramón Piñeiro no centenario do seu nacemento, organizada en colaboración coa Asociación Cultural Val de Láncara. Intervirán os académicos Rosario Álvarez Blanco, Víctor F. Freixanes, Basilio Losada Castro e Xesús Alonso Montero. O tamén académico Henrique Monteagudo actuará como moderador. Previamente, o membro de honra da RAG Basilio Losada recollerá o XIV Premio Ramón Piñeiro López Facer País da Asociación Cultural Val de Láncara.
Andrés Torres Queiruga: “Piñeiro traballou para Galicia cunha dedicación plena e sempre con espírito integrador”
Entrevista a Andrés Torres Queiruga na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Escolleu Ramón Piñeiro: compromiso integral e integrador como título da súa intervención. Por que?
– Andrés Torres Queiruga (ATQ): Non por estar cerca de nós Piñeiro deixa de ser unha figura con auténtico relevo histórico, sobre todo polo seu carácter exemplar, pola dedicación plena coa que traballou para Galicia tanto desde o punto de vista teórico como na articulación práctica para unha realización sociopolítica. E a grandeza de Piñeiro está en que consagrou a súa vida enteiramente a iso, cunha exemplaridade da que creo que hai moi poucos exemplos. Fíxoo con constancia desde moi novo e ata que morre, sempre con ese espírito integrador, de non excluír nin caer nunha concepción estreita de Galicia. (…)
– RAG: E como recorda a ese Piñeiro capaz de atraer tanto a xente nova?
– ATQ: Recordo sobre todo o seu humanismo, a súa curiosidade intelectual. Todo lle interesaba, de todo lle gustaba falar, preguntar, e lembro tamén o respecto polo que falaba con el. Non era un home impositivo, senón que trataba de sacar o que as persoas levan dentro. Era un gran conversador e o seu poder, a palabra e a convicción.
– RAG: Como director literario de Galaxia, foi un dos grandes artífices da reconstrución cultural galega da posguerra, e apostou por levar o galego a todo tipo de xéneros. El mesmo demostrou, en 1951, que a nosa lingua era válida para o ensaio filosófico ao publicar, na Colección Grial, Significado metafísico da saudade.
– ATQ: Exacto, interesáballe que todo se galeguizara, na cultura, na política… E como ensaísta soubo explotar un tema tan difícil como o da saudade. Os portugueses recoñeceron que foi quen de verdade a elevou a rango metafísico, o primeiro en abordar a saudade na súa dimensión máis profunda. (…)”