O Consello da Cultura Galega inaugurou en Sâo Paulo a exposición Valentín Paz-Andrade, unha antena galega no Brasil

“O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, inaugurou na Casa Guilherme de Almeida, en Sâo Paulo (Brasil) a exposición Valentín Paz-Andrade, unha antena galega no Brasil, en colaboración co Governo do Estado de São Paulo e a Secretaria de Cultura paulista. A mostra poderá contemplarse ata o 30 de decembro. A exposición repasa a actividade de Valentín Paz-Andrade (1898-1987), avogado, xornalista, especialista en economía pesqueira, poeta, ensaísta e político activo no compromiso democrático, republicano e galeguista. Figura sobranceira da Galicia do século XX, á quen este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas, foi tamén dos primeiros en tender pontes coa lusofonía, e nomeadamente co Brasil, reivindicando a Guimarães Rosa e Guilherme de Almeida como autores que valorizan a literatura galega. Sobre os contidos da exposición, a biografía de Valentín Paz-Andrade e as relacións entre Galicia e Brasil falou despois na Casa Guilherme de Almeida o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, quen describiu ao autor de Galicia como tarea como “persoa de reflexión pero tamén de acción, unha figura singular no panorama da cultura e da política galegas do século XX, autor dunha inxente e innovadora obra”.” Desde o Consello da Cultura Galega.

Santiago: Ramón Otero Pedrayo, no ciclo Galicia, ceo das letras

O sábado 20 de outubro, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras, que se desenvolven na Biblioteca da Cidade da Cultura, o protagonista será Ramón Otero Pedrayo. O programa é o seguinte:

12:00 h. Relatorio, por Ramón Villares.
13:00 h. Fidalgo (40 minutos). Peza teatral representada pola compañía Casahamlet baseada en diferentes textos de Otero Pedrayo. Interpretada por Manuel Lourenzo e Rubén Espejo, co apoio musical de Brandán Lourenzo.

Presenta: Víctor F. Freixanes, escritor e presidente da Fundación Otero Pedrayo.
Para acceder á actividade é preciso reservar previamente aquí.

Santiago: Encontro Zambrano-Dieste: o legado de dúas figuras insubornables, o 18 de outubro

O xoves 18 de outubro, no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar, Santiago de Compostela), terá lugar o Encontro Zambrano-Dieste: o legado de dúas figuras insubornables, organizado por esta entidade. A recuperación da memoria vén sendo xa un lugar común que deixa de ter sentido se non serve como espazo de transformación. María Zambrano Alarcón (1904-1991), unha das figuras claves da filosofía do século XX, e Rafael Dieste (1899-1981), escritor da xeración do 27, son dúas persoas comprometidas e enraizadas na cultura popular. A súa relación intelectual iníciase na Segunda República e estréitase a través da súa participación nas Misións Pedagóxicas e noutras iniciativas culturais. Pensar as súas relacións e producións é pensar tamén no futuro. Zambrano e Dieste asomen non só o peso da nosa memoria histórica senón tamén a necesidade de repensar as súas motivacións e as súas achegas.
A inscrición é gratuíta. O número de prazas é limitado (100 persoas). As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Entregarase diploma acreditativo de asistencia á xornada. Para obter o diploma é preciso asistir ao 75% das sesións. Dita inscrición pode realizarse aquí. O programa pode descargarse nesta ligazón.
Coordinadores: María Xosé Agra Romero e Ramón Maiz.
Presentan: María Xosé Agra Romero, Ramón Maiz e Ramón Villares.
Relatoras/es: María Xosé Agra Romero, Xosé Luís Axeitos, Arturo Casas, Xosé Díaz Díaz, María Leyra Fernández-Labandera, Ramón Maiz e Carmen Muñoz.

Mudar o xeito no que pensamos a cultura

“Un ambicioso proxecto que ao longo de catro anos achegou ao noso país pensadores de renome internacional. Debates a múltiplas bandas, autores traducidos por vez primeira ao galego e a tentativa de modificar o xeito no que se concibe a idea de cultura no noso país. O Consello da Cultura presentaba o pasado venres un volume de 700 páxinas que fecha a primeira etapa do ciclo O(s) sentido(s) da(s) cultura(s), pero o proxecto continúa. Unha intervención de Félix Duque, a falar sobre O neohumanismo da non cidade abría en febreiro de 2007 este ciclo. Desde entón, un bo feixe de pensadores pasaron pola sede do Consello da Cultura Galega, deixando os seus relatorios e que agora ven a luz nun só volume. Ramón Máiz coordinou este ciclo, que pretende “abordar o concepto de cultura desde a pluralidade no mundo de hoxe. Hai debates moi recentes en Antropoloxía, Socioloxía, a relación de cultura e cidade, a cultura e a nación ou o multiculturalismo”, sinala a resumir algunhas das propostas que se recolleron no encontro. En palabras de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura, a actividade “reflicte un estilo intelectual e un modo de actuar institucional”. (…)” Desde Cultura Galega.

Santiago: Congreso do Bicentenario de Francisco Añón, os 4 e 5 de outubro

O xoves 4 e o venres 5 de outubro, na Cidade da Cultura de Santiago, terá lugar o Congreso do Bicentenario de Francisco Añón, coordinado por Xoán Mariño. O programa previsto é o seguinte:

Xoves, 4 de outubro
16:00 h. Inauguración do congreso.
16:30 h. Intervención de Ramón Villares: A xeración de 1846.
17:15 h. Inauguración da exposición Añón, precursor do Rexurdimento.
18:00 h. Proxección do documental Añón na memoria, de Juan Silva e Óscar Sendón.
19:15 h. Intervención de Gonzalo Navaza: Consideracións sobre a poesía de Añón.
20:00 h. Presentación do libro Poesías galegas de Francisco Añón. Con Xosé Luís Méndez Ferrín.

Venres, 5 de outubro
10:00 h. Roteiro literario pola Compostela do Poeta Añón: Alameda, San Clemente, edificios da Universidade, San Martiño Pinario, Facultade de Historia…
12:00 h. Intervención de Pilar Sampedro: Valor e valores da poesía de Añón.
12:45 h. Intervención de Manuel García Sendón: Añón: creador do programa literario do Rexurdimento.
16:30 h. Intervención de Rosario Álvarez: O Poeta Añón na forxa do galego literario.
17:15 h. Intervención de Xesús Alonso Montero: Añón na literatura galega do Prerrexurdimento.
19:15 h. Presentación do libro Vida e obra de Francisco Añón. Por Ramón Blanco, autor do mesmo, e Víctor Freixanes, editor.
20:00 h. Coloquio.
20:30 h. Clausura.

Desde Certo.

Quiosco: Grial 194

“Ante a proximidade dos 150 anos da publicación de Cantares gallegos, a revista Grial dedícalle o seu número 194 cun monográfico a Rosalía de Castro. Dolores Vilavedra e María do Cebreiro coordinan esta sección con colaboracións internacionais nas que se abordan cuestións como a aculturación en varios personaxes da autora ou a situación das mulleres escritoras nos séculos XVIII e XIX. Canda a isto, Víctor Freixanes asina un artigo de lembranza ao recentemente falecido Xaime Isla Couto, Ramón Villares reflexiona sobre a importancia de Galicia como tarefa de Valentín Paz Andrade. Unha entrevista co escritor Tom McCarthy, e as habituais seccións de crítica e creación son outras dos contidos desta entrega.” Vía Cultura Galega.

Vigo: sesión plenaria extraordinaria da Real Academia Galega

O xoves 17 de maio, ás 12:00 horas, na Fundación Barrié (Rúa Policarpo Sanz, 31) de Vigo, con motivo do Día das Letras Galegas, terá lugar unha sesión plenaria extraordinaria e pública da Real Academia Galega na Fundación Barrié, en Vigo (rúa Policarpo Sanz, 31), coas seguintes intervencións:
– Xavier Vence Deza.
Manuel Rivas Barrós.
Ramón Villares Paz.
– Xosé Ramón Barreiro Fernández.
– Xesús Alonso Montero.
– Pecha o acto o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín.

Santiago: presentación de Canto do pobo disperso, poemario inédito de Valentín Paz Andrade

O Consello da Cultura Galega presentará o xoves 10 de maio, ás 12:00 horas, na Biblioteca da institución, preséntase o poemario Canto do pobo disperso, transcrición e facsímile dun inédito de Valentín Paz Andrade, publicado polo propio Consello da Cultura, que contribúe así á celebración do Día das Letras Galegas coa publicación dunha peza senlleira da figura homenaxeada. A edición estivo ao coidado de María Xesús Lama, profesora da Universidade de Barcelona, e autora do estudo introdutorio. Na rolda de prensa intervirán Ramón Villares, Rosario Álvarez e Alfonso Paz-Andrade.

Vigo: presentación do número 193 da revista Grial

O xoves 3 de maio, ás 20:00 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, preséntase o número 193 da revista Grial, que xira sobre Valentín Paz-Andrade, Isaac Díaz Pardo, emprendedores. Participan Víctor F. Freixanes, Ramón Villares, Uxío Labarta, Fernando Salgado e Alfonso Paz-Andrade.