Conclusións da Asemblea da Sección de Literatura Dramática da AELG 2016

“AAELG Logo 2-2015 asemblea tivo lugar no marco da I Xornada da Sección de Literatura Dramática da AELG.

CONVOCATORIA
No Quiosco Afonso da cidade da Coruña, a 5 de novembro de 2016, ás 12 h. a través de convocatoria aberta ás socias e socios da AELG e a todas as persoas interesadas no ámbito da literatura dramática e as artes escénicas.
Esta convocatoria aberta fíxose vía correo electrónico por parte da secretaría técnica da AELG, correo electrónico por parte do coordinador da Sección de Literatura Dramática a toda a comunidade escolar da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, a DramaturGA-Asociación Galega de Dramaturxia e a uns cincocentos contactos do mundo das artes escénicas. Tamén se difundiu nos medios de comunicación (a web e a Axenda Cultural da AELG, o xornal dixital Sermos Galiza, o blog de teatro “O Galiñeiro” do xornal dixital Praza Pública, o programa “Diario Cultural” da Radio Galega do día 4 de novembro) e a través das redes sociais.

ASISTENTES
Afonso Becerra (Dramaturgo e director de escena. Profesor da ESAD de Galiza. Coordinador da Sección de Literatura Dramática da AELG)
Xavier Castiñeira (Director de escena. Profesor da ESAD de Galiza)
Rafael Catoira (Empresario xubilado)
Xoán Carlos Corredoira (Director de escena)
Raúl Dans (Dramaturgo)
Moncho Iglesias (Actor e director de escena do Cadro de Teatro de Cantigas da Terra)
Carlos Labraña (Dramaturgo, director de escena)
Manuel Lourenzo (Dramaturgo, director de escena, actor)
Xesús Pisón (Dramaturgo)
Gustavo Pernas (Dramaturgo, director de escena, actor)
Cesáreo Sánchez Iglesias (Poeta. Presidente da AELG)
Paco Souto (Dramaturgo)
Noelia Toledano (Dramaturga, directora de escena, actriz)

Tamén asistiron 3 persoas máis, que non falaron na asemblea e que non temos identificadas.
O coordinador desta I Xornada da Sección de Literatura Dramática da AELG fixo especial fincapé en convidar mulleres, dramaturgas, literatas e estudosas das artes escénicas, pero malia á insistencia a porcentaxe de participación de mulleres na asemblea non foi a desexada e necesaria, dado o seu peso no sistema literario galego.

ALGÚNS DOS ASUNTOS TRATADOS
A invisibilidade do xénero da literatura dramática en lingua galega debido á escasísima edición, tradución, estudo, escenificación e presenza nos foros sociais ou nos medios de comunicación.
Isto deriva no pouco incentivo de cara á súa creación e desenvolvemento plenos. Tamén na dificultade de que as persoas que poidan estar interesadas (para a lectura e para a escenificación, como poden ser os grupos de teatro amador ou de teatro escolar ou as mesmas compañías teatrais) teñan problemas de acceso ao corpus da literatura dramática galega. Textos clásicos desaparecidos, non editados. textos contemporáneos inéditos ou en edicións minorizadas e minoritarias.
As institucións culturais públicas, autonómicas e estatais, con responsabilidades neste ámbito, teñen demostrado a súa ineficacia e a súa falta de acción. Tampouco as institucións académicas, as tres universidades, a excepción da ESAD de Galiza, teñen plans específicos de estudo e promoción do xénero da literatura dramática galega. E no ámbito da crítica literaria e teatral acontece o mesmo, a excepción da Revista Galega de Teatro e das recensións sobre o libro teatral e a literatura dramática que fai periodicamente, desde hai moitos anos, Manuel F. Vieites no suplemento “O Faro da Cultura” do xornal Faro de Vigo e a cobertura que se lle dá á escasa edición teatral no “Diario Cultural” da Radio Galega que dirixe Ana Romaní, ou nos suplementos culturais dos diarios dixitais Sermos Galiza e Praza Pública, ou nas revistas Tempos, Luzes e Grial.
A necesidade de buscar o mínimo común múltiplo, que nos axude a multiplicar as forzas para emprender accións conxuntas que saquen a literatura dramática en lingua galega deste ermo no que se ve confinada.
A necesidade de xuntarnos periodicamente, nun foro permanente, que sirva para coñecernos mellor e para realizar actividades que nos sexan de proveito.
A necesidade de coordinar e unirnos, a Sección de Literatura Dramática da AELG, desde a atención máis directa aos aspectos literarios relacionados coas artes escénicas, e DramaturGA – Asociación de Dramaturxia Galega, máis aberta ao oficio e ás funcións do dramaturxismo e das composicións e deseño de accións para espectáculos diversos. Estamos nun ámbito no que hai moito traballo por facer desde diferentes frontes, por iso é moi útil contar con esta Sección de Literatura Dramática dentro da AELG e por iso celebramos a existencia doutra asociación centrada especificamente na Dramaturxia, como oficio imprescindible dentro dos oficios teatrais. E por iso a nosa relación é fluída, comezando porque moitas persoas somos socias tanto da AELG como de DramaturGA.
Entre os asistentes á asemblea coincidimos tanto na análise como no diagnóstico da situación na que se acha a literatura dramática en lingua galega e, por extensión, tamén o teatro galego. Manuel Lourenzo fixo unha recapitulación de como estaban as cousas antes e como están agora e puidemos observar que non houbo mellora na visibilización ou na incidencia da literatura dramática a nivel social, académico, teatral, malia a que artisticamente se acadaran cotas de calidade que homologan a nosa literatura dramática coa de calquera outro sistema cultural.

ALGUNHAS CONCLUSIÓNS E AS ACCIÓNS QUE NOS COMPROMETEMOS A REALIZAR
O grande reto desta xuntanza consistía en que non ficásemos na xeneralidade dos problemas que atinxen ao estado da literatura dramática en lingua galega, nomeadamente a actual, nin en formular un abano demasiado amplo de necesidades e obxectivos que non fósemos capaces de concretar e de intervir directamente na súa solución.
Así pois, centrámonos en decidir unhas tarefas moi concretas que puidésemos comprometernos a realizar, desde a Sección de Literatura Dramática da AELG.
Unhas tarefas que respondan á solución dos desacougos manifestados na asemblea e que supoñan un pequeno paso para cambiar o panorama no que nos atopamos.

XANELA DE LITERATURA DRAMÁTICA NA WEB DA AELG
– Nunha primeira fase, abrir unha nova xanela na páxina web da AELG na que se inclúan as dramaturgas e dramaturgos, así como un catálogo das obras de literatura dramática.
– Tamén incluír enlaces a outros sitios de internet relacionados coa literatura dramática.
– Nunha segunda fase, buscando a axuda pertinente, realizar unhas fichas que axilicen a busca de obras segundo “dramatis personae” (o reparto de personaxes), o xénero e a extensión aproximada (pezas breves ou extensas, comedia, drama, traxedia, farsa, cabaré…), a sinopse ou resumo argumental, os temas e outros detalles que colaboren nunha busca áxil por parte das compañías de teatro e das persoas interesadas.
– Esta iniciativa é de suma importancia debido a que a web da AELG ten un fluxo de visitas, a nivel internacional, que a converten no sitio de referencia das letras galegas.

ANUALIDADE DOS PREMIOS DE TEXTOS TEATRAIS CONVOCADOS POLAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E INCLUSIÓN DA SÚA ESCENIFICACIÓN.
– Solicitar á Consellería de Cultura recuperar a anualidade dos premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde.
– Solicitar á Deputación da Coruña a anualidade do premio Rafael Dieste.
– Solicitar a ambas administracións que se inclúa nos premios a garantía de escenificación dos textos galardoados.

AUMENTO DA PUNTUACIÓN NOS BAREMOS DE AXUDAS E SUBVENCIÓNS Á PRODUCIÓN TEATRAL, POR PARTE DA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA, CANDO OS PROXECTOS SE BASEEN NUNHA OBRA DA LITERATURA DRAMÁTICA GALEGA
– Solicitar á AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) que aumente a puntuación, nos baremos das axudas e subvencións á produción teatral, para os proxectos artísticos das compañías de teatro que escollan para realizar o seu espectáculo un texto de literatura dramática galega. Sen que isto prexudique ou vaia en detrimento das puntuacións nos baremos para proxectos de teatro que non basean os seus espectáculos nun texto literario (ou sexa, sen que vaia en detrimento dos proxectos de teatro-danza, novo circo, teatro físico ou calquera modalidade espectacular que prescinda da palabra como centro xerador).

VOLUME I DE ESTUDOS SOBRE A LITERATURA DRAMÁTICA GALEGA ACTUAL
– Buscar o apoio económico para editar un primeiro volume que recolla os estudos e artigos sobre a literatura dramática actual que se atopan dispersos en revistas, actas de congresos ou en libros de difícil acceso.
– Se conseguimos este obxectivo, o paso seguinte sería intentar que cada un tempo determinado se sacase un volume (VOLUME II, III, IV…) cos últimos traballos de análise e estudo das obras actuais.
– Estes volumes facilitarían o acceso ao coñecemento e a dignificación da nosa literatura dramática actual, ademais de contribuír a un maior afondamento nela e ao conseguinte progreso da mesma, xa que o ámbito teórico, a partir da práctica, sempre abre canles para medrar.

INTERCAMBIO CO TEATRE NACIONAL DE CATALUNYA (TNC) DUN CICLO DE LECTURAS DRAMATIZADAS E DE TRADUCIÓNS GALEGO-CATALÁN E CATALÁN-GALEGO
– Xavier Albertí, director do Teatre Nacional de Catalunya (TNC), despois da súa clase maxistral nesta I XORNADA DA SECCIÓN DE LITERATURA DRAMÁTICA DA AELG, titulada “O proxecto dun teatro nacional, nunha nación sen estado, e o papel da literatura dramática nese proxecto”, ofreceunos unha posibilidade de colaboración coa institución que dirixe. Trataríase de articular un intercambio de tres textos actuais da literatura dramática galega e tres textos actuais da literatura dramática catalá, que se traducirían para un ciclo de lecturas dramatizadas dos textos galegos, en catalán, dentro da programación do TNC, e dos textos cataláns, en galego, nun espazo axeitado de Galiza, que colabore nesta iniciativa.

En datas próximas iremos organizándonos, desde a Sección de Literatura Dramática da AELG, para realizar, do mellor xeito que poidamos, as tarefas citadas que se decidiron nesta reunión asemblea. Despois iremos dando conta dos resultados das xestións que nos comprometemos a facer. Agardamos que todas elas sexan frutíferas.

A Coruña, 5 de novembro de 2016.

Asdo. Afonso Becerra de Becerreá.
Doutor en Artes Escénicas.
Dramaturgo, director de escena. Profesor da ESAD de Galiza.
Coordinador da Sección de Literatura Dramática da AELG.”

Raúl Dans gaña o Premio SGAE de Teatro Jardiel Poncela 2015

DesdeRaúl Dans a SGAE:
“O dramaturgo Raúl Dans (A Coruña, 1964) é o gañador do XXIV Premio SGAE de Teatro Jardiel Poncela 2015 pola súa obra Las canciones que les cantaban a los niños, orixinalmente escrita en galego. O autor acada así o galardón dotado con 8.000 euros, inclusión da obra no Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas e a publicación do texto dramático na Colección Teatroautor.
O escritor declara sentirse “moi honrado e feliz”: “Polas características do galardón, coa dotación económica, a publicación do texto e a lectura dramatizada, o Jardiel Poncela é un auténtico agasallo e un berro de ánimo”. Dans engade que “cando escribes unha obra desexas que goce dunha vida longa e plena, que alcance o seu lugar natural, a escena, e este recoñecemento supón un inicio francamente esperanzador”.
Trátase dunha obra de carácter humano, na que Raúl Dans explora temas como o perdón, a culpa e a redención. A acción desenvólvese nas cidades de Vigo e Santiago de Compostela durante a primavera do Movemento 15 M, meses antes de que ETA anuncie, en outubro de 2011, o cesamento definitivo da actividade armada, e remóntase á década dos 80 do século pasado, os anos do terrorismo máis duro e dos GAL. Na obra hai dúas tramas principais que se entrelazan a medida que avanza a acción. Por unha banda está a historia dunha presa de ETA que vén de saír de prisión despois de cumprir a súa condena e, paralelamente, a dun mozo que desexa sabelo todo sobre a súa nai -ausente da súa vida dende que era un neno- para acabar descubrindo o terrible segredo que se agocha trala súa desaparición. “A idea do texto xurde dos encontros que promove a Vía Nanclares entre presos de ETA e familiares de vítimas do terrorismo. Preguntábame como se desenvolverían estes encontros, qué se di nun momento así, con qué palabras, e decidín poñerme a escribir sobre iso”, explica o autor.
O xurado do Premio SGAE de Teatro Jardiel Poncela 2015, a que concorreron un total de 187 obras, estivo presidido por Alfonso Plou e composto por Eduardo Alonso, Guillem Clua, Verónica Fernández, Eva Hibernia, Natalia Menéndez, Marta Torres e Paco Zarzoso.”

Raúl Dans: “Parece que non es escritor se escribes teatro”

EntrevistaRaúl Dans de Carlos Loureiro a Raúl Dans en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Ti mesmo nesta última década de século decides dar un paso fundamental para o teu teatro: pasar de actor a autor. Foi dura esta decisión? E por que ter que emigrar (?) na procura dun maior afondamento na escrita deste xénero literario?
– Raúl Dans (RD): Daquela, no ano 1990, en Galicia non había onde formarse no eido da escritura teatral e cinematográfica. E case tampouco no resto do estado, a verdade. As publicacións tamén eran moi escasas. Os primeiros ensaios de David Mamet editáronse en España por eses anos. Merquei o volume Escrito en restaurantes estando en Barcelona, onde asistía ao Seminario de Dramaturxia Textual que impartía Sanchis Sinisterra na Sala Beckett e no que coincidín con Lluïsa Cunillé. Tamén asistín ao primeiro curso que Robert McKee impartía en España sobre guión cinematográfico. Aínda non sabía ben que ía facer coa miña vida nese momento, porque os papeis que me ofrecían para actuar no teatro non acababan de convencerme e eu necesitaba comprometerme de verdade cos personaxes que interpretaba. Por outro lado, había uns anos que me integrara no colectivo de profesionais da dobraxe na Coruña e aquel oficio apaixonábame. A dobraxe de películas e series satisfacía dalgunha forma os meus anceios de actuar e procurábame estabilidade económica. Entón Manolo Lourenzo faloume dunha convocatoria de bolsas para estudos artísticos da Deputación da Coruña e do seminario de Sanchis Sinisterra e… En fin. Máis ou menos, así foi a cousa.
– NG: E incidindo neste cambio, será que te decataches de que o que realmente perdura no tempo é especialmente o texto?
– RD: Si. Había tamén algo diso. Era desolador pensar en ter que actuar cada noite para que ao final todo esvaecese e cunha pouca de sorte quedase algo na memoria dos espectadores. Tamén había algo de vaidade, a vaidade da sinatura. E tamén desa vaidade que fai que penses que hai cousas por facer e que ti podes facelas. Pero sobre todo había, cada día máis, un medo incontrolable a subir ao escenario e enfrontarme ao público. Sabía que o teatro era a miña vida e necesitaba atopar unha forma de manter o meu vínculo coa escena. Escribir textos teatrais pareceume unha boa opción. (…)
– NG: Se a calidade dos textos teatrais en galego nada ten que envexar á existente noutros idiomas, que falta, que ten que ocorrer, para que esta calidade se vexa enriba dos escenarios?
– RD: Estréanse bos textos galegos, aínda que na meirande parte das ocasións teña que ser o propio autor quen monte a obra no seo da súa compañía teatral. Tamén ocasionalmente un autor sen compañía chega aos escenarios, pero non é o habitual. Cómpre máis apoio institucional, máis compromiso por parte das compañías subvencionadas. Aínda que está claro que non lle podes obrigar a ninguén a montar un texto que non lle gusta, tampouco se pode permitir que un dos piares fundamentais de calquera sistema teatral –o autor- permaneza na invisibilidade. (…)
– NG: A túa forte irrupción na autoría temos que situala na obra Matalobos. Espazo galego, temática puramente galega… e unha boa cantidade de personaxes… e premiada. Sentiches que a pasaxe de actor a autor estaba máis que xustificada? Por que esta temática, este espazo…?
– RD: Con Matalobos quixen escribir un western. A idea xurdiu en Barcelona, vendo unha reportaxe sobre caseiros galegos, unha xente que non tiña nada, nin a terra que traballaran durante décadas e mesmo xeracións. Pensei que alguén pode chegar a morrer e a matar loitando contra unha inxustiza tan grande. Así naceu Pedro Matalobos, o protagonista da obra. Seica durante a reunión do fallo do Rafael Dieste daquel ano -refírome a 1993, o ano que Matalobos recibiu o galardón-, un membro do xurado dixo que se notaba que o autor da obra mamara a vida no campo. Trabucábase. Pero ese comentario fíxome sentir verdadeiro orgullo, fíxome pensar que realmente si podía converterme en escritor, porque conseguira dar vida a un mundo que non era o meu. Pasados eses primeiros momentos empezaron as dúbidas. Por iso escribín a miña seguinte obra, Lugar: para disipar as dúbidas sobre as miñas capacidades como dramaturgo. E así sucesivamente. Con cada nova obra trato de quitarme da cabeza a idea de que en realidade non sirvo para isto. (…)”

Raúl Dans: “O verdadeiramente tráxico sería deixar de intentar unha e outra vez que todo funcione”

Entrevista de Montse Dopico a Raúl Dans no Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Como en Chegamos despois a unha terra gris, en Unha corrente salvaxe hai unha relación construída desde a mentira e un segredo que se quere agochar. Volves a vellos temas, mais algo mudou no xeito de contalos, non si?
– Raúl Dans (RD): Todos agochamos algo, todos temos segredos. Todos temos unha face escura que non queremos que ninguén vexa, que nin sequera nós queremos ver. Pero ás veces sucede que esa face oculta acaba facéndose visible. Esa é a idea de inicio de Unha corrente salvaxe. Con esta obra quixen explorar ese momento, o momento no que se ilumina a zona de sombra dun ser humano sobre o que pensabas que o sabías todo e cambia a perspectiva que adoptaras para observalo e xulgar os seus actos.
Supoño que si, que os temas son os de sempre: a forza do destino, o fracaso, a procura da felicidade… Pero aquí quería sobre todo contar unha historia que enganchase, e que todas esas reflexións e todos ese temas quedasen nun segundo plano. Sempre tento facelo así, por outra banda. Gústame que o discurso e o pensamento queden diluídos na trama, procuro ser o máis sutil que podo nese aspecto. (…)
– MD: Un mosquito de nome Henri é, contas no propio libro, unha promesa que lles fixeras ás túas fillas… hai anos. Como foi enfrontarse a unha historia para público infantil?
– RD: Non foi unha promesa exactamente. Eu nunca expresei cando eran pequenas esa vontade de escribirlles algo para elas. Pero leslles contos todas as noites e ves canto lles gustan esas historias de outros. E sentes algo de envexa. Como escritor, quererías ser ti quen enchese por completo eses momentos felices, non ter que compartilos con outra persoa, co tipo que escribiu o conto que lles estás a ler. Resulta un pouco doloroso que as túas fillas citen a Roddy Doyle e a Roald Dahl como os escritores da súa infancia, en lugar de citarte a ti. Hai uns anos presentóuseme a oportunidade de cambiar esa situación. Carlota e Ángela eran xa mozas. O caso é que unha tarde a miña filla Ángela lle puxo nome a un mosquito que andaba sobrevoando as nosas cabezas, e empezamos os tres a tirar do fío. E logo retáronme a que escribise toda a historia dese mosquito de nome Henri. Foi unha experiencia moi divertida. (…)”

Compostela: presentación dos catro textos galardoados nos premios de literatura dramática do AGADIC

O martes 3 de decembro, ás 19:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntanse os catro últimos textos galardoados cos premios de literatura dramática do AGADIC:
Isóbaras, de Gustavo Pernas Cora, Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais 2012, editado por Edicións Xerais de Galicia.
A cegueira, de Marcos Abalde Covelo, Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais 2011, editado por Edicións Xerais de Galicia.
Un mosquito de nome Henri, de Raúl Dans, X Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques (modalidade infantil) 2012, editado por Baía Edicións, e
O refugallo, de Paula Carballeira, VI Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2011, editado por Edicións Xerais de Galicia.
No acto participan Jacobo Sutil, Manuel Bragado, Belén López, Gustavo Pernas Cora e Marcos Abalde Covelo.

Radiocrítica, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Dou comezo hoxe a unha nova sección do Criticalia á que decidín chamar Radiocrítica. Nela irei recuperando as emisións que se inseriron no espazo de comentario de libros de Ames Radio (107.2 FM).
En conversa coa xornalista Nazaret López e baixo o control técnico de Juan Luis Silva, en luns alternos co bo amigo e investigador Xosé Antonio López Silva, trazo unha panorámica do máis salientable, para o meu gusto, entre os títulos recentes e, cando a actualidade así o demanda, comento tamén outro tipo de circunstancias literarias
Desta volta, na emisión do 11 de novembro, quixen determe en textos de Manuel Álvarez Torneiro, Berta Dávila (Parte I, 7’), Olalla Cociña (I, 8’15), Xavier Seoane (I, 9’20), Luís Rei Núñez (I, 9’50), Miguel Anxo Fernández (I, 12’30), Manuel Veiga (II, 0’45), Raúl Dans (II, 2’10), Xosé Ramón Pena (II, 3’25), Suso de Toro (II, 4’15), Valente (II, 5’), a revista Oink! (II, 6’15), Ramón Caride Ogando (II, 9’20) e Antonio García Teijeiro (II, 10’).”

Raúl Dans: “Hai que animar a ler teatro como outro xénero”

Entrevista de Camilo Franco a Raúl Dans en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Como se escribe teatro para públicos novos?
– Raúl Dans (RD): Henri naceu como un conto que quería escribir para a miña filla e que acabou como obra de teatro. É unha historia alegre, optimista e moi fácil de representar. Os rapaces están desacostumados a ler teatro ou a ir ao teatro. Por iso esta é unha peza simpática, incluso moi posibilista, que ten en conta todas as circunstancias de agora.
– LVG: ¿Cales son as características do texto?
– RD: É moi viable de producir, para títeres e bonecos, cunha historia optimista. Considero que é un texto divertido e fácil de representar. Está escrito pensando en facilitar a súa montaxe, sendo consciente das dificultades que pode haber agora para montar obras.
– LVG: No caso do texto para adultos Unha corrente salvaxe, ¿que vida escénica espera que teña?
– RD: Seguramente é o texto meu máis asequible. Creo que ofrece moitas posibilidades para ser montado e que ten atractivos para os directores. Ten unha trama con moitas sorpresas, con misterio. E creo que os personaxes da obra poden ser atractivos. Incluso diría que é teatro comercial de calidade, escrito para todo tipo de público. Pensando tamén no traballo dos actores.
– LVG: ¿Publicar teatro segue sendo a única alternativa a representar?
– RD: Facelos públicos quere dicir que poden ser lidos e coñecidos polas compañías. Por outra parte, creo que tamén é importante lembrar que o teatro tamén se pode ler, que tamén é texto. Creo que hai que animar á xente a que lea teatro como calquera outro xénero.”

Quiosco: Revista Galega de Teatro, número 75

Desde Cultura Galega:
“A Revista Galega de Teatro ten xa na rúa o número 75, o de verán, que este ano inclúe o texto Unha corrente salvaxe. Trátase da peza coa que Raúl Dans (A Coruña, 1964) gañou o do XXXVII Premi Born de Teatre (que convoca e resolve o Cercle Artistic de Citadella de Menorca). Neste número, a directora e dramaturga María Armesto e a titiriteira Amparo Ibarra reflexionan sobre a situación das mulleres nas artes escénicas e o teatro como unha ferramenta para a igualdade. Ademais, na sección RVB: Furia e razón, creada co galo do Ano Roberto Vidal Bolaño, este número inclúe un traballo do escenógrafo Eufrasio Lucena sobre a montaxe de Días sen gloria na República Checa. Críticas, análises e entrevistas completan o último número dunha publicación que edita a Asociación Cultural EntreBambalinas.” Máis información aquí.

A Consellería de Cultura e Baía Edicións coeditan a obra de Raúl Dans para teatro de monicreques “Un mosquito de nome Henri”, X Premio Barriga Verde

Desde a Consellería de Cultura:
“A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Baía Edicións publicaron en réxime de coedición a obra de Raúl Dans Un mosquito de nome Henri, título que fora galardoado na modalidade infantil do X Premio Barriga Verde de Textos de Teatro para Monicreques. A obra fai o número 11 da colección que reúne todas as pezas recoñecidas con este galardón convocado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
Un mosquito de nome Henri é unha historia de superación e de aprendizaxe protagonizada por un personaxe visionario e inconformista que soña con ser aviador pese a ser miope e ás múltiples dificultades coas que se topa. Dela valorara o xurado do premio o seu ritmo áxil e a claridade da estrutura, así como a abundante comicidade nos textos e súa profundidade conceptual.
O ditame fixera referencia tamén aos numerosos e variados personaxes, coas súas singulares características, que conforman un conxunto harmónico no cal se adoptan comportamentos e emocións propias dos seres humanos, de xeito que mosquitos, avespas, formigas e outros insectos se teñen que enfrontar a alegrías, frustracións, medos, ilusións e desenganos.
No texto, que supón a primeira incursión de Dans na literatura dramática infantil, pódese entrever tamén unha crítica á sociedade de hoxe en día, ao tempo que se aprecia unha valoración positiva da vontade, a perseveranza e a realización persoal como obxectivo principal. (…)”.

O premio Álvaro Cunqueiro pasará a ser bienal

Desde La Voz de Galicia, por Camilo Franco:
“Os premios escénicos que ata agora convocaba anualmente a Axencia Galega das Industrias Culturais pasarán a organizarse cada dous anos, de xeito que as próximas edicións do Álvaro Cunqueiro, do Manuel María e mais do Barriga Verde se realizarán a finais deste ano para que sexan resoltas durante o 2014.
Segundo a Agadic, a convocatoria bienal destes premios é o xeito de mantelos en época de restricións. Para a axencia, coa convocatoria para o vindeiro ano 2014, o premio Álvaro Cunqueiro quedará sincronizado co Rafael Dieste que acaba de fallar a Deputación da Coruña e que tamén se celebra de xeito bienal. Segundo a Agadic, o Cunqueiro e o Dieste alternaranse ano con ano, de xeito que todos os anos haberá en Galicia un premio importante para textos teatrais convocado institucionalmente.
No caso dos outros dous galardóns convocados pola Agadic, o Manuel María de teatro infantil e o Barriga Verde de textos para monicreques, a axencia tivo en conta que nos últimos anos os xurados deixaran desertas algunha das edicións e que o ritmo bienal pode ser axeitado para ambos os dous xéneros.
Ademais da redución orzamentaria, a Agadic ten previsto utilizar os anos en que non se organice o premio para editar os textos dos gañadores. Neste sentido, a Agadic pretende aproveitar este 2013 para publicar os textos distinguidos nos seus premios desde o 2011 para acá e que aínda non foron editados, entre eles A cegueira, de Marcos Abalde; O refugallo, de Paula Carballeira; Isóbaras, de Gustavo Pernas; e Un mosquito de nome Henri, de Raúl Dans. (…)”