“Vivimos unha época na que o poder tenta que os parias sexan máis parias e máis derrotados”

Desde Praza:
“”Canto se bota de menos a Vidal Bolaño! Porque dende logo el non ía estar calado diante desta situación nin ía deixar de facer teatro. E se cadra sacaba o nariz de pallaso que lles di aos poderosos o que os demais calamos”. Fala Belén Quintáns, unha das impulsoras da Asociación Roberto Vidal Bolaño que se presentará publicamente este marrtes ás oito da tarde no Teatro Principal de Compostela. Estamos no ano Vidal Bolaño, no que se lle dedica a celebración das Letras Galegas, e un ano ademais no que a lingua e cultura galegas e as artes escénicas se revolven contra os ataques e o trato inxusto recibido dende o Goberno galego.
A asociación leva meses traballando na súa posta en marcha, da man de Roi Vidal, Rubén Ruibal, Antón Dobao, Francisco Macías, Xosé Manuel Fernández Castro, Camilo Franco e a propia Belén Quintáns. Nesta segunda fase incorpóranse Antonio Durán “Morris”, o titiriteiro Jorge Rei, Antón Dobao, Luis Rei e Luciano Fernández -en representación do colectivo Land Rober de programadores culturais-, Roberto Pascual -xefe de estudos da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia-, Manuel Guede -director do CDG-, Laura Ponte e un representante da Federación Galega de Teatro Amateur. A asociación nomeará Presidente de Honra da Asociación ao estudoso do teatro e da obra de Roberto Vidal Bolaño Manuel Quintáns Suárez.”

Ribadavia: Xornada de Crítica e Teatro, o xoves 26 de xullo

En Ribadavia reuniranse os nomes máis sobranceiros da crítica teatral nos nosos medios de comunicación e debaterán cos artistas escénicos sobre aspectos vencellados aos xéneros, á actividade profesional, á relación cos medios de comunicación ou, en definitiva, o propio exercicio da crítica.
No marco da Xornada de Crítica organizada pola Sección de Crítica da AELG, quixemos nesta ocasión atender a crítica teatral a través da reunión de críticxs e artistas das artes escénicas. Así, tratarase de reflexionar sobre a presenza e ausencia da crítica nun ámbito artístico heteroxéneo e dinámico, onde se reflicten coma en ningún outro espazo cultural as particularidades dun contexto emerxente como é o galego.

– Coordinada por Inma López Silva e Roberto Pascual.
– Lugar: Ribadavia (Mostra Internacional de Teatro) Salón de actos do Concello. Praza Maior.
– Data: Xoves, 26 de xullo de 2012.
– Hora: 10:00 h.

Apertura da sesión: Presentación da xornada e estado da cuestión, por Roberto Pascual e Inma López Silva.

O gran ausente da crítica: teatro para a infancia e a mocidade

Montse Pena Presas (Investigadora USC).
– Paula Carballeira (Escritora, actriz).
– Gonçalo Guerreiro (Elefante Elegante).
– Modera: Blanca-Ana Roig (Profesora USC).

Teatro e literatura dramática ante a crítica

Dolores Vilavedra (Profesora USC).
– Santiago Cortegoso (Actor, director e dramaturgo).
– Francisco Pillado (Editor).
– Modera: Roi Vidal Ponte (Director de escena).

A crítica teatral nos medios de comunicación

– Mónica Caamaño (Plataforma das Artes Escénicas).
– Comba Campoy (Xornalista).
Ana Romaní (Radio Galega).
Camilo Franco (La Voz de Galicia).
– Manuel Xestoso (Revista Galega de Teatro).
– Modera: Inma López Silva (Revista Tempos Novos).

13:30 h. Clausura e acto de entrega do Premio de Honra Abrente a Francisco Pillado Maior.

Santiago: presentación do número 70 da Revista Galega de Teatro

O martes 27 de marzo, ás 10:30 horas, na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, terá lugar a presentación do número 70 da Revista Galega de Teatro, con traballos de Joan Giralt, Roberto Pascual, Manuel Lourenzo, Pedro Pablo Riobó, Afonso Becerra e Abel González Melo.

Vanesa Martínez gaña o Premio Abrente de Textos Teatrais con Campo de covardes

‘Un xurado composto pola profesora Dolores Vilavedra, o actor Jouse García, o crítico teatral Manuel Xestoso e o director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT), Roberto Pascual, concedeu por unanimidade o 6º Premio Abrente de Textos Teatrais a Campo de Covardes, de Vanesa Martínez. O xurado destacou “a eficacia dramática, a calidade do texto e a capacidade tan grande e xenerosa que a peza lle concede ao posterior traballo actoral”. A peza será editada na colección Abrente de textos teatrais da editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas e a autora recibirá unha estatuíña do artista Manuel Rodríguez Alonso (Sampedro) xunto a unha dotación económica de 3.000 euros.’ Vía Cultura Galega.

Vigo: mesa redonda A formación nas artes performativas en Galicia

O xoves 25 de novembro, a partir das 19:00 h., no Verbum Casa das Palabras (Avenida de Samil, 17) de Vigo, terá lugar a mesa redonda A formación nas artes performativas en Galicia, na que participan: Roberto Pascual, xefe de estudos da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia; Nuria Tobío, xefa de estudos da Escola Audiovisual de Vigo; Mar Caldas, artista plástica e profesora da Facultade de Belas Artes, un representante da Asociación Profesional de Danza Escénica de Galicia; Salvador del Río, actor e profesor da Aula de Teatro do Campus de Vigo e Pontevedra, e Escola Municipal de Teatro de Cangas; e Gema Pérez García, da Central Folque, AFI e o laboratorio de Sons. A partir das 20:30 h. haberá unha nova sesión do Proxecto 6×6 punto de encontro coa palabra imaxe como eixe central da actuación.