O
sábado 19 de outubro, no Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer o ditame da trixésimo sexta edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais.
Baixo o lema Auga limpa en fresca fonte, recollido dun verso de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, xuntáronse trescentas cincuenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación e Cultura; Manuel Santalices, vicepresidente do Parlamento de Galicia; Anxo Lorenzo Suárez, secretario xeral de cultura; María José Bravo Bosch, delegada da Xunta de Galicia en Vigo; José Ramón Gómez Besteiro, presidente da Deputación Provincial de Lugo; Ana Isabel Vázquez, delegada de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra; Antonio Coello, subdelegado do Goberno en Pontevedra; Xavier Vence, portavoz nacional do BNG; Iolanda Veloso, voceira do BNG no concello de Vigo; Xesús Alonso Montero, presidente da RAG; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Luís González Tosar, presidente do PEN Club e Francisco Castro, presidente de GALIX, entre outros.
Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abríu o acto, conducido por Inmaculada López Silva, saudando aos asistentes e lembrando a singularidade desta triséxima sexta edición, que coincide co sequiscentenario da publicación en Vigo de Cantares gallegos e coa homenaxe a Roberto Vidal Bolaño.
– O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Agustín Fernández Paz, Antonio García Teijeiro, Marta Neira, María Xesús Nogueira Pereira, Chus Pato Díaz, Cesáreo Sánchez Iglesias e María do Cebreiro Rábade Villar, que actuou como secretaria, acordou declarar finalistas as obras A noite branca de Francisco X. Fernández Naval (Xerais), Morgana en Esmelle de Begoña Caamaño (Galaxia) e transmuta de Xabier Cordal (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a transmuta de Xabier Cordal editada por Edicións Xerais de Galicia.
O xurado quere salientar a capacidade do libro para conciliar a lealdade á linguaxe poética coa expresión de contidos de fondo alento humano. transmuta anoa a intimidade e o sentido comunitario. A súa dignidade e a súa altura emanan da potencia de lle dar voz á vida núa, á vida que resiste sendo pura existencia.
– O xurado da modalidade de Investigación, formado por Patricia Fra López, Eulalia Agrelo Costas, Xosé Luís Axeitos, Francisco Campos Freire, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, María Pilar García Negro e María López Sández, que actuou como secretaría, acordou declarar como finalistas as obras Murguía de Xosé Ramón Barreiro Fernández (Galaxia), Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás (Xerais) e Artigos sobre Rosalía de Castro de Francisco Rodríguez. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a Murguía de Xosé Ramón Barreiro Fernández editada por editorial Galaxia.
O xurado salientou a súa relevancia, o rigor metodolóxico, a combinación do traballo de investigación co atractivo da dimensión narrativa dunha biografía necesaria que apela tanto ao estudoso como ao lector/a non especializado. Constitúe, pois, unha achega decisiva á cultura galega, á reflexión e aos estudos rosaliáns e á reconstrución dun período e unha figura esenciais para comprender a historia e a cultura galegas.
– O xurado da modalidade de Música, formado Margarita Viso, Felipe Agel, Lorena López Cobas, Marta Fernández Pan, Raquel Gamallo, Belén Regueira e Xavier Senín Fernández, que actuou como secretario, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Cantigas de Mulleres, Mercedes Peón e Taller Atlántico Contemporáneo. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar o premio a Taller Atlántico Contemporáneo. O xurado quere salientar que o Taller Atlántico Contemporáneo durante o 2012 ofreceu o ciclo “Os seráns do TAC” na Cidade da Cultura, unha aposta interdisciplinar na que se aglutinaron teatro/humor, música e gastronomía. O interesante desta agrupación é que está a innovar constantemente na procura da normalización da escoita da música contemporánea, que durante moito tempo permaneceu nun eido marxinal e elitista. Cos seus espectáculos conseguen aproximar a todo tipo de público propostas de autores galegos do último século xunto ás doutros compositores consagrados do mundo contemporáneo.
– O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por Margarita Vázquez Corbal, Isabel Mociño González, Xaime Domínguez Toxo, Branca Novoneyra, Sergio Lago, Encarna Lago e Marcos Lorenzo, que actuou como secretario, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Editorial Kalandraka e Culturgal. Feiras das Industrias Culturais de Galicia. Tras as derradeiras deliberacións e logo de ausentarse Sergio Lago, acordou outorgar por maioría o premio a Culturgal. Feira das Industrias Culturais de Galicia.
O xurado fundamenta a súa decisión no papel que o Culturgal está a ter na profesionalización das industrias culturais galegas, no fomento da cooperación intersectorial, no empoderamento cultural da sociedade civil, e por conformarse como o principal espazo de encontro e reflexión da cultura galega, así como polo esforzo que implica o seu mantemento malia a crise económica actual e a conseguinte redución de apoio institucional.
– O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais, formado por Carmen Nogueira, Antón Castro, Pilar Corredoira López, José Manuel García Iglesias, César Portela, Enrique Velasco e Antón Pulido Novoa, que actuou como secretario, tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por unanimidade o premio a Xulio Gil, tendo en conta a calidade e orixinalidade da súa obra fotográfica, no marco dun longo proxecto de corenta anos que sigue vivo.
– O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais, formado por Nuria Sotelo, Roberto Pascual Rodríguez, María Yáñez, Camilo Franco, Ramón Rozas, Sabela Hermida e Antón Sobral, que actuou como secretaria, acordou acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Voadora, Arraianos de Eloy Enciso e Quico Cadaval. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por unanimidade o premio a Voadora polos seus espectáculos Waltz e Tokio 3. O xurado quere salientar a súa linguaxe escénica asentada na musicalidade, pola búsqueda de novos públicos, polas novas formas de produción e pola capacidade de unir diferentes sistemas culturais tendendo pontes. Mais tamén pola capacidade de asumir riscos e ademais por ser simpáticos.”
Arquivos da etiqueta: Rosalía de Castro
Entrevistas e reportaxes destacadas do Diario Cultural da Radio Galega, do 14 ao 18 de outubro
Deixamos
aquí as ligazóns ás máis destacadas entrevistas e reportaxes da semana do 14 ao 18 de outubro no Diario Cultural da Radio Galega relacionadas coa literatura. Agradecemos a Ana Romaní a información:
– Obradoiro de tradución poética Con barqueira e remador.
– Publícase o primeiro tomo da Historia da literatura galega.
– Crítica literaria de Chus Nogueira / Ningún precipicio, de Olalla Cociña.
– Páxina de narrativa desta semana: O corazón da Branca de neve, de Francisco Castro.
– María Reimóndez presenta tres novos poemarios.
– Páxina de poesía desta semana: A guerra, de María do Cebreiro e Daniel Salgado.
– De Cantares hoxe. Susana Sánchez Arins.
– De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI.
Noia: Rosalía nos 150 anos de Cantares, conferencia de Helena Villar
Vigo: presentación de Cantares gallegos, hoxe, de Pilar García Negro
O
venres 18 de outubro, ás 19:45 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, preséntase o libro Cantares gallegos, hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro, de Pilar García Negro, publicado en Alvarellos Editora. No acto participa, xunto á autora, Henrique Alvarellos.
Gondomar: homenaxe do Instituto de Estudos Miñoranos a Rosalía de Castro
O
venres 18 de outubro, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Gondomar Lois Tobío terá lugar un espectáculo musical en homenaxe a Rosalía de Castro. O acto contará coa participación do escritor Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía e a intervención dos grupos musicais: 2naFronteira, Son do Val, Kogito-Ska feito na Galiza, Conservatorio de Música do Concello de Gondomar, Xardín Desordenado e o Coro Tradicional Cantares do Brión. Conducirán o acto Marta Dacosta e Rexina Vega. Por razóns de seguridade, a organización foi requirida para que garanta que non se superará o número de prazas habilitadas no local referido. A tal efecto, os asistentes deberán retirar unha entrada, no propio auditorio, nos momentos previos ao comezo da función, entrada que será indispensable para acceder ao local. Estes boletos irán numerados correlativamente, pero iso non significa unha reserva de asento, senón só unha reserva de praza. Unha vez completa a cabida, non poderá acceder ningunha persoa máis. Esperamos e desexamos que estas medidas esixidas non entrañen ningunha molestia. A actividade enmárcase nas homenaxes preparadas polo Instituto de Estudos Miñoranos a Rosalía de Castro, as que inclúen a celebración do Xantar Rosaliano (de prazas limitadas) a desenvolverse o sábado 20 nas instalacións do Pazo da Escola en Mañufe.
Taboleiro do libro galego (XV), por Ramón Nicolás
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí, unha quincena máis, os libros máis vendidos en lingua galega segundo os datos obtidos das seguintes librarías galegas: Trama, Casa do Libro de Vigo, Á lus do candil, Andel, Couceiro, Pedreira, Aira das Letras, Torga, Paz, Sisargas, Libros para Soñar, Livraria Suévia, Carricanta e Biblos Libraría.”
NARRATIVA
1º-. Bícame, Frank, de Miguel Anxo Fernández, Galaxia.
2º-. Cadeas, de Xabier López López, Edicións Xerais.
3º-. Os xornalistas utópicos, de Manuel Veiga, Edicións Xerais.
4º-. Dióxenes en Dolorida, de Ignacio Vidal, Edicións Xerais.
5º-. Todo se esfarela, de Chinua Achebe (tradución de Saleta Fernández), Rinoceronte.
POESÍA
1º-. Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias, Edicións Xerais.
2º-. Raíz da fenda, de Berta Dávila, Edicións Xerais
3º-. Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure, Através.
4º-. Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro, Faktoría K de Libros.
5º-. Na lingua que eu falo, de Najla Shami e Rosalía de Castro, Editorial Galaxia e. Presente continuo, de María Reimóndez, Edicións Xerais.
ENSAIO-TEATRO
1º-. Historia da Literatura Galega. I, de Xosé Ramón Pena, Edicións Xerais.
2º-. Historia de Galicia, Anselmo López Carreira, Edicións Xerais.
3º-. Pontevedra nos anos do medo, de Xosé Álvarez Castro, Edicións Xerais.
4º-. Leda m´and´eu. Erótica medieval galaica, de Olga Novo, Toxosoutos.
5º-. Outra idea de Galicia, de Miguel Anxo Murado, Debate.
INFANTIL-XUVENIL
1º-. Dragal III. A fraternidade do Dragón, de Elena Gallego, Edicións Xerais.
2º-. Ámote, Leo A., Rosa Aneiros, Edicións Xerais.
3º-. Os Megatoxos e os templarios da luz, de Anxo Fariña, Xerais.
4º-. Todos somos, de Marcos Calveiro, Edicións Xerais.
ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. Pan de millo, de Migallas, Kalandraka.
2º-. Bicos de música, de Mamá Cabra, Editorial Galaxia.
3º-. Rosalía pequeniña, de Uxía Senlle, Editorial Galaxia.
4º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
5º-. A nena á que non deixaban ser feliz, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, A Porta Verde e Rosa caramelo, de Adela Turín, Kalandraka.
BANDA DESEÑADA
1º-. Vida de nai, por Gemma Sesar e Ramón Marcos Ferreiro, El Patito Editorial.
2º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
3º-. Palestina / Goražde, zona segura, de Joe Sacco (tradución de Rafael Salgueiro), Rinoceronte.
4º-. Oink, varios autores, Agalip.
Santiago: concerto presentación do disco Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Músicas para o 150º aniversario da súa publicación
A cantar os Cantares
Desde
Cultura Galega:
“O 150 aniversario de Cantares Gallegos está a deixar un ronsel inédito de novidades discográficas. Músicos de diversos estilos réndenlle homenaxe a Rosalía de Castro a reinterpretar os seus versos. Desde cancións para nenos ata o rock, as referencias multiplícanse e amosan o orixinalidade dos músicos do país. Repasamos estes lanzamentos nunha serie de dúas reportaxes.
É ben certo que unha obra fundacional para as letras galegas como é Cantares Gallegos só cumpre 150 anos unha vez. No entanto, e aínda que pode ter influído, este aniversario non explica por si só a proliferación de versións musicais da poeta. O interese editorial nunhas hipotéticas boas vendas apóiase nun público que semella ter interese na música en galego e nos seus intérpretes. Canda a isto, cómpren tamén músicos dispostos a lle meter man a uns versos moitas veces xa cantados e tentar achegar algo novo. Deste xeito, Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, recoñece a pegada dos editores e dos axentes culturais nesta xeira de lanzamentos, pero insíreos tamén nun maior interese xeral da sociedade pola autora. “A conmemoración de Cantares foi decisiva. Toda a sociedade, aínda que xa o estaba a facer, puxo de novo os ollos sobre Rosalía con máis intensidade. Fixérono por exemplo desde a creación literaria, pero de xeito especial, a creación musical voltouse con Rosalía”. (…)”
A literatura galega ábrese paso en Bulgaria
Reportaxe de Xesús Fraga en La Voz de Galicia:
“Cinco títulos de catro autores galegos xa están ao dispor dos lectores búlgaros na súa propia lingua. A Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, e O lapis do carpinteiro -edición xa esgotada- de Manuel Rivas, veñen de sumarse Que me queres, Amor?, do mesmo autor, a Poesía completa de Lois Pereiro e Aire negro, de Agustín Fernández Paz.
Todos eles aparecen en Small Stations Press, o selo do tradutor Jonathan Dunne, e que tamén ten versións inglesas de títulos galegos no seu catálogo. Dunne subliña a acollida que están a ter os libros, en boa medida polo interese da comunidade lectora e unha tradición de respecto polas traducións, que arranca dos anos do socialismo. «En Bulgaria están afeitos a outras culturas, a leren traducións, non representa ningún problema para eles», resume Dunne.
Ademais, Small Stations continúa co labor de difusión da literatura galega en inglés. Dunne quere poñer o foco sobre a literatura infantil e xuvenil, empezando por títulos de Fina Casalderrey, Fernández Paz, Elena Gallego e Marcos Calveiro. Tamén pretende ampliar a colección Galician Classics con Nimbos, de Díaz Castro, unha obra de Novoneyra e continuar coas traducións de Rosalía, despois do «éxito considerable» de Cantares gallegos en versión de Erín Moure.
Ademais, nas vindeiras semanas aparecerá Poesía última de amor e enfermidade, de Lois Pereiro, en edición bilingüe galego-éuscaro, preparada por Joxemari Sestorain para Cenlit-Denonartean. «Es una poesía fuerte, poderosa, dramática, muy sentida y sincera», explica o tradutor. Tamén destaca a orixinalidade da voz de Pereiro, quen nas numerosas referencias da súa poesía tamén incluía a ría do Nervión. Sestorain cita os congresos de Galeusca como exemplo do interese dos lectores en éuscaro pola literatura galega, ademais da súa condición de linguas minorizadas: «Hay un interés, que nace de una solidaridad y una simpatía, por ver qué se hace en Galicia, sus mundos y su expresión».”
Taboleiro do libro galego (XIV), por Ramón Nicolás
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Retorna, tras o período estival e uns días en que esta bitácora non actualizou os seus contidos, a sección do Taboleiro do libro galego recollendo os libros máis vendidos en lingua galega na derradeira quincena do mes de setembro. O meu agradecemento, outra vez, ás librarías colaboradoras que foron nesta ocasión: Casa do Libro de Vigo, Á lus do candil, Andel, Couceiro, Pedreira, Aira das Letras, Torga, Paz, Libros para Soñar, Livraria Suévia, Carricanta e Biblos Libraría.”
NARRATIVA
1º-. Aquel neno, de Xosé Neira Vilas, Embora e Bícame, Frank, de Miguel Anxo Fernández, Galaxia.
2º-. Os xornalistas utópicos, de Manuel Veiga, Edicións Xerais.
3º-. As vidas de Nito, de Xabier Paz, Edicións Xerais.
4º-. Días que non foron, de Luís Rei Núñez, Edicións Xerais.
POESÍA
1º-. Raíz da fenda, de Berta Dávila, Edicións Xerais.
2º-. Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure, Através.
3º-. Carne de Leviatán, de Chus Pato, Editorial Galaxia.
ENSAIO-TEATRO
1º-. Historia de Galicia, Anselmo López Carreira, Edicións Xerais.
2º-. Historia da Literatura Galega. I, de Xosé Ramón Pena, Edicións Xerais.
3º-. Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, Edicións Xerais.
INFANTIL-XUVENIL
1º-. Flor de area, de Manuel Lourenzo González, Edicións Xerais.
2º-. Verdedades, Yolanda Castaño e Xosé Tomás, Biblos.
3º-. Os Megatoxos e os templarios da luz, de Anxo Fariña, Xerais.
ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. Bicos de música, de Mamá Cabra, Editorial Galaxia.
2º-. Rosalía pequeniña, de Uxía Senlle, Editorial Galaxia.
3º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
BANDA DESEÑADA
1º-. Vida de nai, por Gemma Sesar, El Patito Editorial.
2º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
3º-. Palestina / Goražde, zona segura, de Joe Sacco (tradución de Rafael Salgueiro), Rinoceronte.


