Negruña, a nova novela de Xosé Duncan, sitúase na Coruña do século XXIV

DesdeXosé Duncan o Diario Cultural da Radio Galega:
“Unha distopía e unha fantasía histórica. Negruña, a nova novela de Xosé Duncan, sitúase na Coruña do século XXIV. “A fantasía é unha ferramenta para facer unha crítica do que acontece en realidade”. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Vilar de Santos: presentación de Negruña, de Xosé Duncan

OXosé Duncan sábado 4 de xuño, ás 20:00 horas, na Arca da Noe (Rúa do Forno, 13), en Vilar de Santos, preséntase Negruña, de Xosé Duncan, publicado por Urco Editora, coa presenza do auto, o editor Tomás González Ahola e Paula Fraga, de Octopus to the Party, e unha cata de Licores Ecolóxicos Alicornio.

Universo Pulp, por Armando Requeixo

DesdeArmando Requeixo 2015 Criticalia, de Armando Requeixo:
“O pulp define tanto un formato de edición coma toda unha estética que retrotrae as súas orixes aos finais do XIX. Entendido como un particular soporte de impresión, o pulp nace do emprego dun tipo de polpa de madeira que produce un papel amarelento, basto e de calidade ruinzalla, co que se confeccionan volumes sen guillotinar e de custo moi reducido. Ese foi o material co que comezaron a publicarse certo tipo de historias que tiveron moito éxito nos anos 20, 30 e 40 do pasado século e que hoxe continúan chegando ao público nunha sorte de revival neopulp. (…)
Na literatura galega tamén hai interesantes exemplos desta literatura da ‘polpa’. Unha sorte de pulp pioneiro teríano sido as coleccións Céltiga e Lar, tanto dende a súa materialidade (edicións populares, de baixo custo e materiais moi modestos) coma dende a súa intencionalidade (pénsese, por exemplo, que aquí apareceu Un ollo de vidro de Castelao, modelo de narrativa de ultratumba benhumorada).
Mais, alén de mostras puntuais, o pulp xenuíno toma corpo coa aparición no 2007 de Urco Editora como selo especializado. Ao seu esforzo editorial debemos a tradución ao galego de clásicos do pulp (Lovecraft, Howard), a aparición de colectáneas que seguen o ronsel das revistas pulp estadounidenses (velaí as diversas entregas dos volumes colectivos Contos estraños, un “steam-pulp da Galiza”, como a definen os seus responsables) e tamén a publicación de narracións de autoras e autores noveis que ofrecen produtos literarios encadrables nos eidos do terror fantástico ou da ficción científica en edicións de estética pulp.
Non xa pola súa textualidade senón polo seu formato habería que contar como parentela pulp unha colección como Xerais Peto e varias outras da división Alternativas. Tamén si, a máis recente Pulp Books, selo especializado na tradución de títulos galegos ao castelán e ao catalán no que teñen aparecido ben interesantes obras en edicións autenticamente populares, con deseño, maquetación e cubertas moi na liña do universo pulp, asinadas por autores como Iolanda Zúñiga, Diego Ameixeiras, Teresa Moure, Xabier López, Xosé Ramón Pena, Mario Regueira, Santiago Jaureguizar, Luís Rei Núñez ou Eva Moreda, entre outros.

[Faro de Vigo, 12-5-2016]”

Taboleiro do libro galego XLIV (maio de 2016), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Neste primeiro día de xuño velaquí unha nova entrega do Taboleiro do libro galego. Grazas, nesta ocasión, ás trece librarías colaboradoras: Paz de Pontevedra; Andel, Casa do Libro, Libros para Soñar e Librouro de Vigo; Aira das Letras, de Allariz; Miranda de Bueu; Biblos de Betanzos; Lila de Lilith (Compostela); Moito Conto e Suévia da Coruña; Trama de Lugo e, finalmente, Cronopios (Santiago e Pontevedra).
O Taboleiro do libro galego modifica, desde hoxe, a súa periodicidade e pasará a ter un carácter bimensual.

NARRATIVA
1º-. Manuel Rivas, O último día de Terranova, Xerais.
2º-. Francisco Castro, Amor é unha palabra coma outra calquera, Galaxia.
3º-. María Solar, As horas roubadas, Xerais.
4º-. Xavier Queipo, Os kowa, Galaxia.
5º-. María Reimóndez, A dúbida, Xerais.
6º-. Manuel Núñez Singala, Camiños na auga, Galaxia.
7º-. Carlos Meixide, Inge e Robbie, Ed. do autor.
8º-. Antón Riveiro Coello, Os elefantes de Sokúrov, Galaxia.
9º-. Xesús Constela, A rotura das paisaxes, Xerais.
10º-. Xosé Duncan, Negruña, Urco.

POESÍA
1º-. Manuel María, Antoloxía poética, Galaxia.
2º-. Manuel María, Os soños na gaiola, Xerais.
3º-. Manuel María, Terra chá,  Fundación Manuel María.
4º-. Manuel Veiga e Xosé Lastra, Manuel María. Versos e rebeldía, Xerais.
5º-. Manuel María, Poemas escollidos, Fundación Manuel María.
6º-. Antonio G. Teijeiro, Poemar o mar, Xerais.
7º-. Carlos Negro, Masculino singular, Xerais.
8º-. VV.AA., 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, Biblos.
9º-. Ismael Ramos, Os fillos da fame, Xerais.

ENSAIO-TEATRO
1º-. Isidro Dubert (ed.), Historia das historias de Galicia, Xerais.
2º-. Mercedes Queixas, Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María, Galaxia.
3º-. Emilio Xosé Insua, A nosa terra é nosa. A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), Baía Edicións.
4º-. Jorge Mira, María Canosa, Dani Padrón, ¿A que altura está o ceo?, Alvarellos.
5º-. Manuel Veiga, Manuel María buscando un país, Xerais.
6º-. Pablo Vaamonde, A comercialización da saúde, Laiovento.

XUVENIL
1º-. Andrea Maceiras, Europa Express, Xerais.
2º-. Carlos Vila, O enigma de Caronte, Galaxia.
3º-. Elena Gallego, Dragal IV, Xerais.
4º-. Francisco Castro, Tes ata as 10, Galaxia.

INFANTIL
1º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Esmeraldina, a pequena defunta, Xerais.
2º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Escarlatina, a cociñeira defunta, Xerais.
3º-. Justin Richardson e Peter Parnell, Con Tango son tres, Kalandraka.
4º-. Mariana Ruiz, A viaxe de mamá, Kalandraka.
5º-. Érica Esmorís – Dani Padrón, Nena e o mar, Xerais.
6º-. El Hematocrítico, Feliz Feroz, Xerais.
7º-. Patacrúa & Javier Solchaga, A princesa do Caurel, OQO.

LIBROS CD-DVD
1º-. Uxía, Uxía canta a Manuel María, Casa-Museo Manuel María.
2º-. Uxía e Magín Blanco, Canta o cuco, Galaxia.
3º-. Nani García / Manuel María, A berenguela, Galaxia.
4º-. Pirilampo, Teatro de Guiñol, Galaxia.

BANDA DESEÑADA
1º-. Miguelanxo Prado, Presas fáciles, El Patito Editorial.
2º-. Luís Davila, O bichero VI, Edición do autor.
3º-. Jacobo Fernández Serrano, Marcopola 3, Xerais.”

Xosé Ballesteros, novo presidente da Asociación Galega de Editoras

AAGEdirectiva Asociación Galega de Editoras (AGE) vén de renovar a súa xunta directiva. O novo presidente, Xosé Ballesteros, director de Kalandraka, releva no cargo a Laura Rodríguez, de Hércules de Edicións, no remate do seu mandato.
A renovación produciuse no marco dunha asemblea extraordinaria celebrada en Santiago, e convocada con esa finalidade. A lista encabezada por Xosé Ballesteros foi a única candidatura presentada e resultou elixida por unanimidade. Previamente, a presidenta saínte fixo balance da xestión da súa executiva nos dous últimos anos, polo que recibiu o recoñecemento dos asistentes.
Canda Xosé Ballesteros, a actual dirección da AGE complétase con Henrique Alvarellos, de Alvarellos Editora, como vicepresidente; Belén López, de Baía Edicións, como secretaria; María Xesús Gómez, de Editorial Rodeira, como tesoureira; e como vogais, Laura Rodríguez, de Hércules de Edicións, Fran Alonso, de Edicións Xerais, Xulio Amigo, da Editorial Galaxia, e Tomás González, de Urco Editora.
Trátase dunha directiva integradora que inclúe membros da anterior etapa e suma tamén novas incorporacións. Destaca ademais pola variedade das editoras representadas, tanto na súa procedencia xeográfica -Pontevedra, Santiago, A Coruña e Vigo- como na temática das súas respectivas producións: literarias e xeralistas, libro de texto, grandes proxectos e literatura infantil-xuvenil.
OBXECTIVOS
O principal obxectivo do novo equipo é poñer en valor o papel das editoriais dentro do sector do libro galego, pola importancia que este ten na preservación do patrimonio cultural do país.
Outros retos que debe afrontar teñen que ver coa necesidade de que o libro galego incremente a súa cuota de mercado, que actualmente só acada o 17% no conxunto das vendas de libros en Galicia. Desenvolver novas estratexias de internacionalización figura, asimesmo, entre os propósitos iniciais desta xeira.
O grupo que preside Xosé Ballesteros aspira a abrir canles de interlocución con todos os colectivos que teñan que ver co libro, a lectura e a cultura en xeral, ademais de normalizar a relación existente coas Administracións públicas.
A partir dunha proposta da nova directiva, a asemblea da AGE aprobou mudar o nome da entidade, que pasa a denominarse Asociación Galega de Editoras.