Persoas gañadoras do IV Certame Vilariñas 2020

“Xa se coñecen as persoas gañadoras do IV Certame Vilariñas 2020:
1- Pilar Alonso, de Ponteareas coa Vilariña titulada Acougo. Pilar pertence ao colectivo poético de base Versos de area de Ponteareas.
2- Andrea Fernández Maneiro de Vilagarcía coa Vilariña Elas.
3- Suso Bahamonde, de Cee, cunha Vilariña sen título.
@s gañadores/as recibirán unha peza feita a man da artista de Muxía Viki Rivadulla, xa característica destas 4 edicións, que representa a unha muller galega co paxaro da criatividade na cabeza.
O acto de entrega está este ano condicionado pola evolución da pandemia do coronavirus, polo será anunciado máis adiante.”

Concurso de micropoesías Vilariñas de Poesía 2020

“Convócase o Concurso de micropoesías Vilariñas 2020, no que poden participar todos @s escritores/as que queiran.
A participación neste concurso é completamente de balde.
Os micropoemas presentados ao concurso serán inéditos, orixinais e non premiados nin publicados. @s autores/as son responsables tanto deste punto como da autenticidade dos seus propios datos.
A temática será “libre”. Cada participante poderá enviar un máximo de un micropoema que debe estar escrito en GALEGO en calquera das normativas ou en portugués e presentarase ao concurso a través do correo electrónico dosvilares@gmail.com ou npggazeta@gmail.com en formato Word e coa referencia de CERTAME VILARIÑAS 2020 no título do correo. Cada vilariña terá o nome ou o alcume d@ autor/a. Tamén no correo deben figurar os datos de contacto d@ autor/a co nome completo e un número de contacto.
Os micropoemas terán una extensión mínima de 2 versos e máxima de 3 versos sen incluír o título. Cada poeta poderá presentar un máximo de un micropoema a concurso e cada un deles será xulgado individualizadamente por un xurado composto por poetas da NPG Nova Poesia Guitirica. A organización non correxirá nin modificará os textos dos poemas. Poderán cada un deles ir acompañado de imaxe se así o quixese @ autor/a.
Admitiranse obras desde o 15 de Febreiro até o día 30 de Marzo arzo de 2020, ás 23:59 horas.
A organización do concurso resérvase o dereito a eliminar aqueles micropoemas que podan ir en contra da protección da infancia, do respecto, ou induzan ou promovan actos delictivos, denigratorios ou violentos en cualquera das súas formas.
O xurado terá en conta a orixinalidade, técnicas empregadas, calidade e contido do poema. Os integrantes da NPG só poderán colaborar quedando SEMPRE fóra de concurso, por formaren parte do xurado e do grupo poético organizador. O fallo do xurado será inapelable e farase público a través dos distintos soportes dixitais de Os Vilares, lareira de soños, e da NPG Nova Poesía Guitirica nas duas semanas posteriores ao peche do concurso.
Os micropoemas participantes, integrarán unha antoloxía, e entre eles escollerase aos tres gañadores do premio que consistirá no trofeo VILARIÑA deseño exclusivo da artista Viki Rivadulla e edición das obras presentadas na web poético-literaria e outros soportes dixitais. A edición da antoloxía na web poética será segundo criterio da NPG Nova Poesía Guitirica e Os Vilares, lareira de soños. Farase un acto poético público cos/as premiad@s e poetas convidad@s.
Polo feito de participar, @s premiad@s autorizan a NPG Nova Poesía Guitirica e á Lareira de soños a editalos nos soportes fisicos e dixitais que considere oportunos.”

Gañadoras/es da III edición do Certame Vilariñas 2019

“Xa hai gañadores/as da terceira edición do #CertameVilariñas2019 de micro-poemas na súa terceira edición.
O 1° Prémio corresponde ao poema VOLTA, da viguesa Beatriz Coira Rico.
O 2° clasificado foi SIXILO, de Manuel González Prieto.
A terceira Vilariña premiada é DESEXO, de Ana García Rivas.
@s tres poetas recibirán as <VILARIÑAS> deseñadas pola artista Viki Rivadulla nun acto que se realizará pasado o verán e que servirá tamén de homenaxe á poeta Marica Campo, moi vinculada á Terra Chá, a Guitiriz e aos Vilares de Díaz Castro.
Preséntaronse máis de 120 vilariñas, cunha alta calidade, o que contribúe consolidar o certame cada ano.

A Coruña: Xuntas pelas artes. Encontro artístico Portugal-Galicia

– 17:00 h. Inauguración do acto. Espazo para a pintura / escultura.
– 18:00 h. Espazo infantil, música, obradoiros…
– De 19:00 a 21:00 horas, aproximadamente, espazo para a poesía e a música.
Con Adias Machado, Silvia Mota Lopes, Álvaro de Oliveira, Lídia Borges, José Moreira da Siva, Jorge Braga, Pinto de Matos, Maribel Valdivieso, Pilar Pallarés, Belén Pedreira, Bea a de Estrella, Roberto Castro, Dores Polo -TallerdePolo-, Xosé de Cea, Toño Núñez, Viki Rivadulla, Marité Prieto, Marta Pedrosa, Irene Fernández, Yeiko Solo, Primates Metálicos, Natalia Navaza, Marcos Mella, Antom Laia, Sonia Andrade, Laura Rey Pasandín e Teresa Ramiro.

Coñécense as gañadoras do Certame Vilariñas 2018

A segunda edición dos “haikus” galegos, as Vilariñas, xa ten gañadoras:
– BEATRIZ DOURADO gaña o Certame Vilariñas 2018 de MICROPOESÍA DA CHAIRA coas <vilariñas> DECLARACIÓN e 360° (ámbalas dúas as máis votadas)
– MILA VILLANUEVA, Milagros Pérez Villanueva, de Valencia, acada o 2° posto pola <vilariña> HAI UN CORAZÓN VERMELLO, e Cris Amoedo (C.E A.R.) de Vigo, recibe o 3° premio pola <vilariña> MÁIS QUE A DESOLACIÓN DO ERMO.
A entrega dos prémios realizarase no mes de Febreiro na Casa das Palabras de Guitiriz nun acto poético de homenaxe a Alfonso Blanco Torrado pola súa contribución ao coñecemento de Díaz Castro e o impulso á poesía chairega. Neste acto anunciarase tamén a convocatória do certame para 2019 no que agardamos aumentar novamente a participación.
Con 200 <VILARIÑAS> presentadas procedentes de diferentes lugares de Galiza, Portugal, Asturies, Catalunya e Italia, a segunda convocatória resultou un éxito xa que case duplicou a participación a respeito de 2017.
O Certame Vilariñas debe o seu nome a Díaz Castro, polo lugar do Vilariño no que está a sua casa e porque as Vilariñas pretenden beber do concepto de valoración das cousas pequenas, como falaba o poeta das “herbas pequerrechiñas” no seu poema A Espada. Todas as <vilariñas> presentadas serán editadas en varios soportes dixitais para a súa descarga gratuita en PDF a primeiros de Febreiro.
As <VILARIÑAS> son esas herbas pequerrechiñas da poesía que non por pequenas son menos importantes e o noso certame pretende ademais que toda aquela xente que sinta o pulso poético poda participar nun concurso aberto, fácil e orixinal no que poetas consagrados e novos se atreven con estes “haikus” galegos.
O premio é unha simpática figura orixinal da artista Viki Rivadulla, feita a man, pezas únicas que representan a unha muller galega co paxaro da inspiración poética na cabeza, unha peza singular e artesanal. (…)”

Lugo: crónica fotográfica da Homenaxe a Isidro Novo

Estas son algunhas das fotografías da Homenaxe a Isidro Novo que tivo lugar en Lugo o pasado sábado 3 de novembro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Lugo: Homenaxe a Isidro Novo, o 3 de novembro

A Homenaxe a Isidro Novo terá lugar o 3 de novembro de 2018. A AELG fai parte da comisión organizadora da homenaxe.

Sábado, 3 de novembro de 2018
ENTRADA LIBRE
Auditorio do Centro Cultural Vello Cárcere (Lugo)

Programa

Simposio Isidro Novo
Auditorio do Centro Cultural Vello Cárcere (Lugo)
10:30-10:50 Intervención de J. Luis Calvo: Isidro Novo: retrato robot.
10:50-11:10 Intervención de Xosé Ramón Freixeiro Mato: Isidro Novo no ronsel das palabras fuxidías.
11:10-11:30 Intervención de Yago Rodríguez Yáñez: Unha achega intimista á narrativa de Isidro Novo.
11:30-11:50 Intervención de Marica Campo: A poesía de Isidro Novo.
11:50-12:15 Pausa café.
12:15-13:30 Alén da escrita. O outro Isidro.
Faladoiro coa participación de Cesáreo Sánchez Iglesias, Darío Xohán Cabana, Paco Martín e X. Henrique Rivadulla Corcón.
Presentan e moderan: Lois Pérez e Antonio Reigosa.

Descuberta placa-homenaxe
Rúa Bispo Aguirre, 10
13:45 Descuberta da placa-homenaxe a Isidro Novo por parte da Asociación de Escritoræs en Lingua Galega (AELG) na que foi última morada de Isidro Novo.

Recital poético-musical
Patio do Centro Cultural Vello Cárcere (Lugo). Entrada libre
17:30 Intervencións de:

Música

  • Tundal
  • Minhotos
  • Pilocha

Presentan Lois Pérez e Antonio Reigosa.

Exposición: Tocar as mans de Isidro Novo
Durante a xornada e no mesmo espazo (patio central e celas do Vello Cárcere) poderá contemplarse unha exposición con libros, fotografías, ilustracións e outros obxectos vinculados ao labor creativo e vivencial de Isidro Novo.
Comisaria: Viki Rivadulla.

Malpica: I Feira do Libro de Poesía “Paco Souto”

Entrega do I Certame Vilariñas 2017

Nova e fotografía enviadas por Martiño Maseda Lozano:
“O pasado sabado, 2 de decembro, na igrexa dos Vilares, ese home coñecido coma Pepe do Vilariño, ou mellor dito, ese gran poeta chamado Xosé María Díaz Castro, estaría compracido co acto que argallou a boa xente da NPG Nova Poesía Guitirica e dos Vilares, Lareira de soños para celebrar a entrega do I Certame VILARIÑAS 2017, e que, asemade, serviu para honrar a súa persoa.
Ante case un cento de persoas alí presentes (entre elas familiares do propio Xosé María Díaz Castro), sucedéronse distintas intervencións, ás que foi dando paso o poeta vilalbés Martiño Maseda. A primeira correu a cargo de Regina Polín como alcaldesa de Guitiriz; seguida por Alfonso Blanco Torrado, ben coñecedor da persoa do poeta vilarego, e en representación de Xermolos, como depositarios do legado da súa obra, o que os levou a teren emprendido iniciativas con resultados positivos, como a declaración do Día das Letras para o poeta do Vilariño no 2014 ou a fase inicial de recuperación da súa casa natalicia.
Tras as palabras de Alfonso Blanco Torrado, dous integrantes do grupo poético “Voces Poéticas do Mandeo” (Moncho Bouzas e María Pereira) deleitaron aos asistentes co recitado duns poemas.
No cerne cenital do acto tivo lugar o momento da entrega dos galardóns aos premiados na 1ª edición do Certame VILARIÑAS. Ditos galardóns consistiron nunha peza única elaborada pola artista da Costa da Morte, Viki Rivadulla. Comezou recollendo o seu premio o poeta naviego Toño Núñez, que coa vilariña “Abrín os ollos” acadou o terceiro premio, o cal lle foi entregado pola cantautora e profesora Sandra Tenreiro Doldán. Deseguido, tocoulle o turno a Pedro Rielo Lamela, quen non puido asistir, e levoullo no seu lugar Xelo Teijido, membro da NPG, o segundo premio pola vilariña “Gran carballo”. E xa para sentirse agasallada polo primeiro premio, grazas á vilariña “Teño un pintor”, acudiu a guardesa Andrea Araújo Alonso, que con grande ilusión recibiu a figura de Viki Rivadulla de mans de Antón de Guizán, presidente da Asociación Os Vilares, Lareira de Soños e membro da NPG.
Rematou o acto as verbas intensas e luminosas da integrante máis nova da Nova Poesía Guitirica NPG, Fátima Fernández.
A continuación, a festa poética proseguíu nun comedor do bar Korreo de Guitiriz.
Medre a Poesía!”