Arquivos da etiqueta: Xavier Seoane
A Coruña: presentación de Espiral de sombras, de Xavier Seoane
Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro “resucitan” a revista Luzes
Desde Sermos Galiza:
“O escritor e xornalista Manuel Rivas non tardou na presentación do novo proxecto editorial na Feira do Libro da Coruña en evocar o espírito de Loia. Tendo a Xosé Manuel Pereiro á beira era fácil que a memoria persoal remitise a aquel momento inicial na que os dous, en Madrid, botaban a andar aquela revista literaria-cultural de poucos números e moito entusiasmo. Son outros tempos, pasaron anos, mais Rivas e Pereiro volven animar a saída dunha nova cabeceira, como cando eran estudantes, como cando o xornalismo non era só un desexo senón tamén un proxecto de futuro. “O fracaso é non facer nada, non fracasa quen non se arrisca” dixo Manuel Rivas e esa é explicación que xustifica idear un proxecto en papel, en galego e para ler de vagar en tempos nos que a crise convida ao pesimismo.
Loia na memoria, mais tamén, e de maneira especial, Luzes de Galicia, aquela revista dirixida por Rivas que tiña sede no Centro de Información de Isaac Díaz Pardo e que estaba conducida polo seu mesmo espírito libertario e “conservador” -de conservar o bo, o patrimonio, o medioambiente, a lingua…-, como a revista defendera na súa liña editorial. Referencia de igual maneira á desaparecida sección cultural da edición galega de El País, con que compartía iluminador título.
Presentouse na Coruña o número 0 que definiron como un exemplar inicial particular que non queren considerar definitorio. Sen embargo, apunta maneiras. Tratarase dunha revista mensual, con xornalismo de calidade e demorado, non para facer e ler ás presas, sen os límites que fragmentan e reducen os textos. Se unha reportaxe ou unha entrevista merece oito páxinas, pois terá oito páxinas afirmaron os promotores. “Trátase dun primeiro paso dun proxecto a construír entre todos, xornalistas, libreiros, inversores e sobre todo lectores” comentou Xosé Manuel Pereiro para quen Luzes responde á “perda de autoestima e confianza do xornalismo” e buscará convencer a quen quere “que lle conten cousas distintas”.
“Non estamos pretendendo encher ningún grande baleiro. Queremos intervir no proceso fronte á fatalidade, ao pesimismo aportando os nosos depósitos de esperanza” dixo o autor de A corpo aberto, o seu libro de xornalismo “indie” que ten na edición en español unha capa ilustrada cunha foto de Manuel Vilariño da mesma serie que a portada do número 0 de Luzes. Nos dous casos, unha muller co torso núo mirando á fronte de maneira decidida e porta sobre a súa cabeza material de traballo, na maneira tradicional de trasladar pesos. Para o escritor, o xornalismo non está en crise e diso dará conta Luzes, unha aposta por “combater a suspensión das conciencias”, explicado en vocabulario propio de Rivas.
Se Rivas e Pereiro se presentan como directores da nova publicación, o coordinador é o xornalista Iago Martínez, director tamén do programa radiofónico cultural Disimulen. Martínez falou do número 0 como “prototipo” co que se está a testar case todo, desde os materiais á organización dos contidos. Será unha revista de información xeral cunha importante sección de cultura que responde ao título de República.
Contan que as subscricións, as vendas, o apoio publicitario e a colaboración dalgunhas empresas abonden para que a conta de resultados permita longa vida a Luzes. O que si quixeron deixar claro é que a eles tres, o proxecto lles “presta”, teñen “alegría” de botalo a andar e, cos tempos que corren, iso é, ao seu ver, un valor en alza.
Luzes nace cun consello de redacción no que se atopan, entre outros, Tati Mancebo, Manuel M. Barreiro, María Yáñez, Juan Janeiro, Antón Lado ou Julio Gómez e un consello editorial con Antón Patiño -tamén “descendente” de Loia-, Xoán Antón Pérez-Lema, Fermín Bouza, Lino Braxe, Xavier Seoane, Jonathan Dunne, Martine Siber, Ramón Chao, Débora Campos ou Suso Iglesias.”
A Coruña: homenaxe a Felipe Criado, o venres 3 de maio
Santiago: V Bienal Literaria Internacional De pedra e de palabra
O venres 15 e sábado 16 de marzo, na Aula Seminario do Museo Centro Gaiás (Cidade da Cultura) de Santiago de Compostela, terá lugar a V Bienal Literaria Internacional De pedra e de palabra, organizado polo Centro PEN Galicia, coa colaboración da Fundación Cidade da Cultura. O programa é o seguinte:
Venres, 15 de marzo
11:30 hs.- Palabras de benvida: Xabier Castro Martínez (Director do Centro PEN Galicia).
11:45 hs.- Ramón Nicolás e Román Raña: Sobre pedras e poetas.
12:45 hs.- Massimo Saltafuso: In cammino fra le pietre della letteratura italiana. Presenta: Manuel Outeiriño.
13:30 hs.- Percorrido pola exposición Gallaecia Petrea.
17:00 hs.- Lecturas comentadas: Contan as pedras?.
Modera: Inma López Silva.
Interveñen: Clara Usón, Bieito Iglesias e Diego Ameixeiras.
18:30 hs.- Acto inaugural. Con Luís González Tosar (presidende do Centro PEN Galicia) e Jesús Vázquez Abad (Conselleiro de Cultura e Educación).
19:00 hs.- Luis Mateo Díez: Contar la vida. Presenta: Alfredo Conde.
Sábado, 16 de marzo
12:30 hs.- Músicas e palabras.
– Presentación de Sinfonía Atlántica. Antología general de la poesía gallega, edición bilingüe (Eneida, 2012). Palabras de Carlos Clementson (antólogo) e Miro Villar
– Recital poético con Xosé María Álvarez Cáccamo, Marica Campo, Manuel Forcadela, Luís González Tosar, Xulio L. Valcárcel, Cesáreo Sánchez Iglesias e Xavier Seoane.
– Actuación do Grupo de música tradicional do AGADIC, formado por José Ramón Bugliot, Juan Carlos Rilo, Daniel Romero e Carlos Taboada.
A Coruña: Medre o mar!, homenaxe a Bernardino Graña, o sábado 1 de setembro
Medre o mar! é o título dunha homenaxe nacional a Bernardino Graña que se celebrará na Coruña o sábado 1 de setembro, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e o Colectivo ArTeu, coa colaboración da Universidade da Coruña e a Real Academia Galega. O programa está composto polas seguintes actividades:
MIRANDO O MAR. No Parque da Torre de Hércules, zona dos menhires.
– 11:00 h. Os artistas crean arredor da obra do poeta, sendo expostas pola tarde no patio da Reitoría (Maestranza) da Universidade. Con: Carlos Botana, Carmen Cierto, Alfonso Costa, Suso Cubeiro, Inma Doval, Rubén Mariño, Martazul, Miguel Melero, Augusto Metztli, Mercedes Molares, Begoña Pastoriza, Ánxela Pérez Meilán, Isabel Pintado, Soledad Pite, Tino Poza, Mely Secas, Nolo Suárez e Begoña Tojo.
– 12:00 h. Contacontos e lecturas dramatizadas, a cargo de Ana Hermida e Zezilia Meléndrez.
– 12:45 h. Outras voces, recital. Con Natalia Concheiro, Berta Dávila, François Davo, Alfredo Ferreiro, Nolim González, Denís Graña Fernández, Tati Mancebo, Mou de Lugh, Alexandre Nerium, Begoña Paz, Alexandre Ripoll, Dores Tembrás e Ramiro Torres.
PASAR A MAROLA. Na Dársena.
– 16:45 h. Travesía polo mar da Coruña. Con Anxo Angueira, Xabier P. DoCampo e Luís Dopico. É preciso reservar previamente no correo oficina@aelg.org ou no teléfono 981-133233, de 10:00 a 14:00 h. As prazas son limitadas, e o prezo é de 5 euros.
– 18:00 h. Marcha gaiteira en louvanza do poeta, con Maghúa, Peixe e amigos e Os Vicentes de Elviña.
MEDRE O MAR!. Paraninfo da Universidade da Coruña, na Maestranza.
– 18:30 h. Acto poético-musical, con proxeccións audiovisuais. Coa participación de: Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, Marica Campo, Marta Dacosta, Lois Diéguez, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Millán Otero, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xavier Seoane, Xulio L. Valcárcel, Diana Varela Puñal, A Quenlla, Pablo Coello e Xacobe Meléndrez Fassbender, TingaLaranga Audiovisual, Coro mar das Acentes, Xurxo Souto e María José Martínez López, Vicerreitora de Estudantes, Deporte e Cultura da Universidade da Coruña.
A Coruña: A Arte e a Literatura, con Miguelanxo Prado e Xavier Seoane, nos V Encontros Cidade da Coruña: As artes e a literatura
O mércores 11 de abril, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), comezan os V Encontros Cidade da Coruña, baixo o título As artes e a literatura, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, cunha mesa redonda sobre A Arte e a Literatura, onde participan como relatores Miguelanxo Prado e Xavier Seoane. No acto intervirán, previamente, Ana María Fernández Gómez, concelleira de Cultura, e o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
V Encontros Cidade da Coruña: As artes e a literatura
Chegan os V Encontros Cidade da Coruña, baixo o título As artes e a literatura, que se desenvolverán no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) os mércores 11, 18 e 25 de abril, ás 20:00 horas, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
No desenvolvemento creativo de toda cultura sempre estiveron presentes as máis diversas formas de colaboración entre a artes e a literatura.
É intención desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) facer unha aproximación a esta relación que, da man da literatura galega, as artes plásticas o cinema, a música, tiveron e teñen na cultura galega dentro dun mesmo contexto sociocultural como resposta a unha mesma realidade nun mesmo período temporal.
Ao longo de tres mesas redondas, compartidas por escritores, cineastas, deseñadores e compositores, falaremos da súa relación, das formas de comunicación ou de influencia entre elas e dos froitos que finalmente resultan destas formas de colaboración ou de tan só ter compartido un mesmo tempo histórico.
O programa é o seguinte:
– 11 de abril. Mesa inaugural: A arte e a literatura. Con Miguelanxo Prado e Xavier Seoane.
– 18 de abril. A literatura e o cinema. Con Carlos Amil e Margarita Ledo.
– 25 de abril. A literatura e a música. Con Paulino Pereiro e Margarita Viso Soto.
A Coruña: actos do xoves 22 en CoruñaMayúscula
O xoves 22 de marzo, no Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n.) da Coruña, dentro de CoruñaMayúscula, terán lugar as seguintes actividades con presenza galega:
– 11:00-12:00 h. No Auditorio, recital poético de Ángel Petisme, Estíbaliz Espinosa e Sofía Castañón.
– 18:30 h. No mesmo Auditorio, diálogo entre Chantal Maillard, Javier Pintor e Xavier Seoane.
– 22:00 h. No Auditorio, palabras de clausura a cargo de Luz Pozo Garza.
Escola de Escritores/as da AELG: Obradoiro de creación literaria a cargo de Xavier Seoane en Perillo, Oleiros
O día 14 de febreiro, ás 18:30 horas, na Biblioteca Central Rialeda (Perillo, Oleiros), comezará un Obradoiro de creación literaria impartido polo escritor e profesor Xavier Seoane, dentro do programa de Escolas de escritores-as da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Está dirixido a mozas/os (a partir de 15 anos) e adultas/os, realizarase os martes e terá unha duración de dez sesións (até o 8 de maio).
Debido a que son prazas limitadas é imprescindible inscribirse na biblioteca chamando ao teléfono 981 639 511 ou a través do correo electrónico biblioteca.rialeda@oleiros.org
Esta actividade ten prezo público para as persoas non empadroadas en Oleiros.
É unha iniciativa da Concellería de Cultura de Oleiros e da Asociación de Escritores en Lingua Galega e con ela preténdese animar a escribir textos literarios mediante a manipulación de formas lingüísticas e a imitación de modelos expresivos da nosa tradición literaria, aos que podemos chegar mediante o xogo e a descuberta da nosa propia creatividade.
Máis información aquí: Escola de escritores-as Obradoiro de creación literaria Concello de Oleiros.