Vencerse é cousa de se tratar. Lectura de textos de Xela Arias, o 16 de maio na Coruña

O sábado 16 de maio ás 12:30 horas, diante do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, terá lugar unha lectura de textos de Xela Arias, actividade da AELG en colaboración coa A. C. Alexandre Bóveda.
Contaremos coa actuación musical de César Morán, autor da música para o poema de Xela Arias Non é xusto do poemario Tigres coma cabalos, que forma parte do seu disco, Río de son e vento.
As persoas que queiran participar no recital poético deben confirmar asistencia no correo electrónico nesta ligazón. Agradécese que se confirme tamén o título do poema que se vai ler, para así non repetir ningún. Debido ás restricións derivadas da pandemia da Covid-19, deberase indicar tamén o voso nome, apelidos e número de teléfono, para cumprir coa lexislación sanitaria vixente.

Ribadeo: Letras no campo. VII Feira Ribadense do Libro

O XXX Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo aumenta a contía dos premios que entregará o próximo 14 de Maio

Reunido o xurado o pasado 18 de abril por vía telemática, a organización do Certame Manuel Murguía anuncia os finalistas e céntrase na cerimonia de entrega de premios que se celebrará o próximo 14 de maio, venres, ás 20:00 no Centro Cívico e Cultural de Arteixo.
Reunido o xurado, composto por Álex Mene Pazos (terceiro gañador da 29ª edición), Beatriz Maceda Abeleira (escritora representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Inma Otero Varela (crítica representante da Asociación Galega da Crítica) e Alfredo Ferreiro Salgueiro (director literario do Certame, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), decidiu por unanimidade conceder os tres premios ás seguintes obras finalistas (neste caso por orde alfabética de título):
A caverna de Lara, presentado baixo o lema “Moura do Bosque”
As orfas daquel verán, presentado baixo o lema “Maggie Moon”
Xanelas, presentado baixo o lema “Rosalía Pousada”
De todos os relatos recibidos, 70 foron admitidos a concurso por cumpriren as bases. Os premios, que se coñecerán durante a cerimonia, contan coa seguinte dotación: 4.000 € para o primeiro, 2000 € para o segundo e 1000 € para o terceiro. Aumentan, por tanto, o segundo premio en 500 € e o terceiro en 400 €.
A organización agradece de novo as colaboracións da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Asociación Galega da Crítica para a constitución do xurado, o que non deixa de consolidar o rigor do Certame no contexto sistema literario galego.
O acto de entrega contará coa actuación musical de Xurxo Souto, quen ademais conducirá o acto. O evento incluirá tamén unha lembranza da figura de Xela Arias, escritora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.
Previamente inaugurase o Paseo das Letras, unha homenaxe a todos/as as persoas gañadoras destes 30 anos de galardón mediante a súa propia placa conmemorativa; tamén será plantada unha árbore, como vén sendo habitual en cada aniversario. Por outra parte, aquelas que acudan ao evento poderán desfrutar dunha escultura de Dores Polo e Benito Freire situada perante a fachada do Centro Cívico Cultural de Arteixo, que foi instalada o pasado 13 de novembro de 2020 co gallo do 30 aniversario do Certame de narracións breves Manuel Murguía.