Parlamento das Letras: Xoán Abeleira

Entrevista de Armando Requeixo a Xoán Abeleira no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Xoán Abeleira (XA): Faltar, fáltalles o recoñecemento que merecen, principalmente, a nivel estatal e internacional, e, asemade, fáltalles terminar de normalizarse, no sentido de que o mundiño literario galego —especialistas incluídos— é moi endogámico. Está moi ben que haxa un cento de ensaios sobre Rosalía de Castro, pero por que non tamén sobre Emily Dickinson ou sobre Joyce Mansour?
Sobrar, sóbralle xente desexosa de medrar. Pero esa xente —normalmente sen talento ningún— sobra en todas as letras. Máis aínda nas españolas, que están peor ca nunca, nese aspecto. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XA: Mentiría se dixese que o coñezo en profundidade, porque non é así. Daquela, non podo responder. Teño inmensas lagoas. E laméntoo de verdade, pero… Estou tan metido na miña propia pescuda —precisamente porque son consciente de que podo finar esta mesma noite— que non acho tempo para ler todo o que se está a publicar. Secasí, sei que hai xente, abonda, ben valiosa. E non só no ámbito poético —o que menos mal coñezo. (…)”

Santiago: recital Picaversos, Os Mortais, con Antía Otero, Iván Marcos e Xoán Abeleira

O martes 29 de xaneiro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Os Mortais, coa participación de Antía Otero, Iván Marcos e Xoán Abeleira.

A Coruña: actividades destacadas do xoves 2 na Feira do Libro

Continúa a XLI Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns da Méndez Núñez), aberta até o venres 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas. As actividades máis destacadas do xoves 2 de agosto son:

18:00 h.: Antonio Piñeiro asinará exemplares da súa novela As fiandeiras, publicado en Galaxia. Paula Carballeira fará o propio co seu libro O principio, publicado en Kalandraka. Posteriormente levará a cabo unha sesión de contacontos.
19:00 h.: Presentación do libro Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de implantación, de Carlos Arias e Mariña Pérez Rei, publicado pola editorial Bubela. Xunto cos autores do libro, participarán no acto Yolanda Castaño, Eva Veiga e Francisco X. Fernández Naval.
20:00 h.: Conversa de dous músicos de Berrogüetto con Francisco Castro arredor da súa biografía musical Berrogüetto. O pulso da terra, publicado en Galaxia.
21:00 h.: Presentación da tradución de Illuminations/Iluminacións, de Arthur Rimbaud, obra de Xoán Abeleira. No acto participan, xunto ao tradutor, François Davo e Manuel Rivas.

A Coruña: presentación de Guía viva de ortodoxos y heterodoxos en la poesía contemporánea gallega

A Coruña: recitado poético en homenaxe a Antón Avilés de Tamarancos e ao Día Internacional da Poesía

O mércores 21 de marzo, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos) da Coruña, terá lugar un recitado poético organizado pola A. C. Alexandre Bóveda co que se conmemora o Día Internacional da Poesía e tamén homenaxear a Antón Avilés de Taramancos. No acto participan, entre outros, Miguel Mato, Henrique Rabunhal, Olga Patiño, Lino Braxe, Dores Tembrás, Xulio López Valcarcel, Diana Varela, Xoán Abeleira ou Xosé Manuel García.

Aberta a inscrición para o obradoiro de escrita poética Eu é un outro, impartido por Xoán Abeleira

Todos Xoán Abeleiraos xoves 2 de febreiro ó 19 de abril do 2012, no Centro Psicosom (Rúa Federico Tapia, 43, 2º esquerda) da Coruña, de 19:30 a 21:00 horas ou de 20:00 a 21:30 horas (consonte a conveniencia da maioría da xente interesada), terá lugar o obradoiro de escrita poética Eu é un outro. Introdución á poesía moderna. A creación como método de coñecemento e de (pro)cura interior, impartido por Xoán Abeleira. O prezo é de 150 euros en total -50 euros ó mes -a pagar consonte as posibilidades de cada quen. O número máximo de prazas é de 15, cunha duración de tres meses (unha clase á semana, dunha hora e media de duración), con posibilidade de prolongar o curso. Máis información e reservas no teléfono 686397847 e/ou no correo xabeleira@mundo-r.com Este é o seu programa: “No obradoiro mesturaremos a teoría coa práctica poética. Por unha banda, e tomando o poeta francés Charles Baudelaire como punto de partida, percorreremos o desenvolvemento da poesía moderna universal, dende o simbolismo ata as vangardas de principios do século XX, lendo, analizando e comentando os textos claves das súas principais figuras: Charles Baudelaire, Arthur Rimbaud, Jules Laforgue, Walt Whitman, Emily Dickinson, Stéphane Mallarmé, Guillaume Apollinaire, T. S. Eliot, Ezra Pound, os poetas expresionistas alemáns, os poetas cubistas, os poetas futuristas, os poetas superrealistas, etc, ocupándonos especialmente da influencia de todos eses autores e movementos na poesía galega e española daquelas épocas. Por outra, e partindo de exemplos concretos dos tipos de técnicas, estruturas, ritmos, recursos… poéticos inventados e/ou desenvolvidos polos autores estudados, os e as participantes no obradoiro escribirán e comentarán os seus propios textos, realizados consonte os modelos analizados en clase: poemas en verso medido, poemas en verso libre, poemas en prosa, poemas cubistas, poemas expresionistas, poetas superrealistas, etc. Así mesmo, e ó fío de cada un dos autores estudados, abordaremos distintos temas vencellados co feito da creación en si (coma, por exemplo, a relación entre a arte e a meditación, a arte e o xamanismo, a arte e a psicoloxía, a arte e a indagación no inconsciente colectivo e persoal, etc), facendo especial fincapé nas distintas vías en que a creación poética, como método de coñecemento e de sanación, nos axuda a medrar no camiño da sabedoría, revelándonos a realidade última das cousas e, xa que logo, de nós.”

Vilaboa, Culleredo: obradoiro sobre tradución e creación O trasvase das augas, a cargo de Xoán Abeleira

Todos os martes do 15 de novembro do 2011 ó 3 de xaneiro do 2012 (con posibilidade de prolongación), de 19:00 a 21:00 horas, na Biblioteca de Poesía Uxío Novoneyra, Pazo de Vila Melania (Vilaboa, Culleredo), terá lugar un obradoiro sobre tradución e creación, baixo o título de O trasvase das augas, impartido por Xoán Abeleira.
O curso consta dun total de 16 horas presenciais, repartidas en 8 clases de dúas horas de duración. O prezo do obradoiro –material didáctico incluído– será de 100 euros (50 euros ó mes), a ingresar ó principio do mesmo. Está destinado a calquera persoa, en xeral, e estudantes ou afeizoados á tradución, en particular. É recomendable (mais non imprescindible) ter certos coñecementos de galego, castelán, inglés e francés, linguas que manexaremos durante o obradoiro, aínda que tamén analizaremos algunha tradución feita dende o italiano (Cesare Pavese) e o alemán (Rainer Maria Rilke). As prazas teñen un límite máximo de 15 alumnas/os. Para máis información e reservas, poden contactar co autor no número de teléfono 686397847, ou no correo xalundes@mundo-r.com.
O programa do obradoiro será enimentemente práctico, co obxectivo claro de constatar o feito de que o tradutor é tamén, e sobre todo, un creador. A partir dos seus máis de trinta anos de experiencia, tanto en galego coma en castelán, o poeta, narrador e tradutor Xoán Abeleira irá poñendo exemplos concretos de todas as clases de problemas cos que pode bater un tradutor-creador de poesía ou de prosa, e das distintas maneiras nas que estes se adoitan e/ou se poden resolver. Asemade, a segunda hora de cada clase estará dedicada a analizar e comentar as traducións que os asistentes ó obradoiro realizarán tanto individual coma colectivamente –xa que ámbalas dúas fórmulas de achegamento á tradución serán abordadas durante o cursiño.
Aquí pode descargarse a información en .pdf: O trasvase das augas, obradoiro de tradución.

A Coruña: actuación do proxecto de fusión artística Fuso Negro

O martes Fuso Negro28 de xuño, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1) da Coruña, terá lugar unha nova actuación do proxecto de fusión artística Fuso Negro, no que Xoán Abeleira (voz e percusión), Karlos Barral (percusión), Bruno Couceiro (batería), Julio Cuns (guitarra) e Kale Thunström (baixo) e Tono Galán (obras, escenografía, fotos, vídeos…), fusionan música, teatro e poesía de vangarda.