Compostela: presentación da tradución de Vinte poemas de amor e unha canción desesperada, de Pablo Neruda

Medulia trae ao galego os vinte poemas de amor de Neruda

Desde Nós Diario:
“O pazo de San Roque, en Compostela, acolleu a presentación de Vinte poemas de amor e unha canción desesperada, o poemario de Pablo Neruda que vén de editar Medulia Editorial, nunha coidada tradución realizada polos profesores Amancio Liñares e María Rey.
Trátase da primeira vez que este clásico da poesía se verte ao galego e conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.
Nós Diario quixo conversar con María Rey sobre este traballo para contar que aos dous tradutores “esta obra emblemática nos gustaba e nos parecía que tiña peso suficiente, e ese carácter universal, que a converte en digna de estar tamén en galego”.
Compañeiros desde os anos de instituto e amigos, “a idea primixenia” foi de Amancio Liñares, pois a María Rey “a poesía de primeiras dábame medo, mais coidamos que entre os dous poderiamos contrastar achegas e aproveitamos o confinamento para facelo”, explica.
Un traballo no que “quixemos traducir tentando ser o máis fieis posíbel ao que cada poema dicía e transmitía, tratando de conservar a rima, o verso alexandrino, o ritmo…”, explica Rey.
“A dificultade que teñen este tipo de textos coido que está moi ben expresada nunha cita e Umberto Eco”, que a parella incluíu neste Vinte poemas de amor e unha canción desesperada e que di que “nas traducións hai que entender que non se expresa o mesmo senón case o mesmo, a elasticidade dese ‘case’ é fundamental” porque, di Eco, “só quen traduce con mestría sabe como se pode explicar nunha tradución esa elasticidade”.
Para María Rey, se algún libro amosa de modo que todas entendamos “as situacións propias do amor” é este que vén de traer ao galego. Unha experiencia que os tradutores “defensores do idioma e comprometidos” non descartan repetir no futuro.”

IIIº aniversario de Avelino Pousa Antelo, o xoves 20 de agosto

OAvelino Pousa Antelo xoves 20 de agosto terá lugar o III aniversario de Avelino Pousa Antelo, coas seguintes actividades:

12:00 h. Homenaxe na casa do Concello de Teo. Posteriormente, acudirase ao paseo Avelino Pousa na urbanización Os Verxeis.
15:00 h. Xantar de irmandade en Barcala (Casa Salvador). Hai que avisar previamente a este mail: erdao@hotmail.com ou no teléfono 636032750, antes do 15 de agosto.
18:30 h. Homenaxe en Negreira a Avelino Pousa. Intervén, entre outras persoas, Amancio Liñares Giraut.

Rianxo: curso Ó redor de Castelao, dirixido por Carlos Mella, do 28 ao 31 de xullo

O curso da Universidade de Santiago Ó redor de Castelao terá lugar entre o 28 e o 31 de xullo, no Auditorio do Pazo de Martelo en Rianxo, sendo cofinanciado pola Deputación da Coruña, o Concello de Rianxo e a Fundación Castelao.
Tendo como director a Carlos Mella, e secretario a Marcial Gondar, contará cun total de 15 horas lectivas, co seguinte programa:

28 de xullo
11:00 h. Inauguración do curso.
12:00 h. Castelao e a política, por Xusto Beramendi.
13:30 h. Coloquio.
17:00 h. Mesa redonda: A visión política de Castelao, moderada por Amancio Liñares Giraut, cos relatores Carlos Mella, Marcial Gondar e David Otero.
18:30 h. Ruta guiada polos lugares máis importantes na vida de Castelao.

29 de xullo
10:00 h. Castelao e o home galego, por Marcial Gondar.
12:00 h. Castelao e o mundo da muller, por Encarna Otero.
13:00 h. Coloquio.
17:00 h. Mesa redonda sobre os retratos de negros, moderada por Miguel Anxo Seixas, cos relatores Amancio Liñares Giraut, David Otero e Anxo Tarrío
19:00 h. Ruta guiada pola ría.

30 de xullo
10:00 h. A manifestación artística en Castelao, por Miguel Anxo Seixas.
11:30 h. Coloquio.
12:30 h. Mesa redonda sobre o relato curto en Castelao, moderada por Esperanza Mariño Dávila, cos relatores Carlos Mella, Marcial Gondar e Encarna Otero.
17:00 h. Ruta guiada polos museos de Dieste e Manuel Antonio.

31 de xullo
11:00 h. A visión económica de Castelao, por Carlos Mella.
11:30 h. Coloquio.
13:00 h. Clausura do curso.

Negreira: presentación de O fiadeiro, de X. Amancio Liñares Giraut

O xoves 27 de decembro, ás 20:00 horas, no Auditorio da Casa da Cultura (Carreira de San Mauro) de Negreira, preséntase O fiadeiro, de X. Amancio Liñares Giraut, publicado por 3C3 Editores. No acto intervirán, xunto ao autor, José Antonio Ponte Far, Adelino Pose Reino, Ignacio Carballo González e José Blanco Pazos. Haberá tamén unha actuación musical do guitarrista Xosé Guzmán.

Santiago: presentación do número 5 da revista Roteiros. Arumes de pensamento crítico

O mércores 7 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o número 5 da Revista-Anuario de Filosofía Roteiros. Arumes de pensamento crítico, editada por 3C3 Editores e a Asociación Cultural de Pensamento Filosófico. No acto intervirán os profesores e membros do Comité de Redacción Manuel Rivas García e Moisés Lozano Paz, Manuel Dios Diz e X. Amancio Liñares Giraut. O volume con artigos de Manuel Dios Diz, Miguel Á. Martínez Quintanar, Luís G. Soto, Moisés Lozano Paz, Manuel Rivas García, X. Luís Martínez Costas, Gonzalo Navaza e María Bascuas.

Santiago: presentación do libro Premios Pedrón de ouro 2010-2011

“O xoves 25 de outubro, ás 19:45 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Premios Pedrón de Ouro, publicado por Toxosoutos, volume que engloba os relatos premiados nas edicións correspondentes aos anos 2010 e 2011. No acto intervirán Agustín Agra, Xosé Alfredo Naz, Amancio Liñares, David Otero e Xosé Ramón Fandiño, e posteriormente haberá unha sesión de contacontos con Celso Fernández Sanmartín.” Desde Fervenzas Literarias.

Santiago: presentación de A nena levantadora de pedras sagradas, de Cipriano Fernández

O xoves 26 de xullo, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago, preséntase o libro A nena levantadora de pedras sagradas. Seis pezas de teatro para nenos, de Cipriano Fernández Fernández, publicado por 3C3 Editores. No acto, xunto ao autor, intervirán Manuel Guede e Xosé Amancio Liñares Giraut.