Lugo: Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2025, dedicada a María da Vrea e ao Equipo Chaira

A Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2025 é unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana AcuñaFélix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros SollaXurxo Souto, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xosé Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñecer como Mestra e Mestras/es da Memoria 2025 respectivamente a María da Vrea e ao Equipo Chaira, polas súas achegas á mesma ao longo das súas vidas, contribuíndo así a manter viva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e o saber popular.

As distincións entregaranse no marco da X Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, a celebrar en Lugo, co apoio do Concello de Lugo, que terá lugar o 24 de outubro, no Centro Cultural O Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n), a partir das 18:00 horas, con entrada libre até completar capacidade.

No acto, conducido por Lois Pérez, participarán Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, Calros Solla, quen vai ler a laudatio de María da Vrea, e Xosé Miranda, quen lerá a laudatio do Equipo Chaira.

A actividade contará tamén co compañamento musical de Sés e a intervención de María da Pontragha.

O acto pode ser seguido en directo nesta ligazón.

María da Vrea
Folgoso (Cerdedo-Pontevedra), 1933

Centos de coplas, cancións, adiviñas ou trabalinguas que superan o milleiro adornan o percorrido vital de María da Vrea, veciña natural da parroquia de Folgoso (Cerdedo, Pontevedra), María Fraíz Canaval (María da Vrea), de noventa e dous anos. María naceu na casa da Vrea e lugar de Covas o 3 de agosto de 1933. A máis nova de catro irmáns, María é filla de Ramiro Fraíz Iglesias (A Insua-Castrelo) e de Xosefa Canaval Matelo (Folgoso). O seu nome de pía enféitase co chamadeiro da Vrea –locativo–, xa que a casa familiar se ergue ao pé da Vrea Vella (Verea Vella), unha ancestral vía de comunicación que atravesaba, de oeste a leste, o sur do territorio de Cerdedo (hogano, só se conservan retallos). María foi un case nada á escola «Aprendín as catro reghras e pouco máis», porén soletreou dende cativa un moito do catecismo do labrego, é dicir, da vida suxeita e sacrificada do agro. Ela mesma recorda o que se dicía daquela: «O traballo do neno é pouco, e quen o desproveita é un louco». O migallo que asistiu á escola rendeulle ben, pois, amais da lectura, da escritura e dos rudimentos matemáticos, boa parte do seu repertorio en castelán (romances, cancións, oracións…) deprendeuno na unitaria de Folgoso (escola mixta con tabique segregador), ao coidado da mestra Manuela Cachafeiro: «Liamos esas poesías nos libros, e a min quedábanme». Se había que atender a visita do inspector e María non estar presente, a mestra non dubidaba en ila buscar á casa, para deixar a institución docente en bo lugar. A memoria da cativa era un valor seguro.

Equipo Chaira
Provincia de Lugo, 1992

O Equipo Chaira comezou a súa andaina en 1992, hai máis trinta anos. Os integrantes, entón persoal adscrito ao Museo Provincial de Lugo, Mercedes Salvador, Ofelia Carnero, Xoán R. Cuba e Antonio Reigosa, comezaron a súa actividade co obxectivo de facer un inventario exhaustivo, o máis completo posíbel da literatura de tradición oral dos concellos da Terra Cha. Recolleron inxentes testemuños das 68 parroquias dos  concellos de Abadín, Begonte e Vilalba. O resultado daquelas campañas foron moitas horas de gravacións en cintas magnetofónicas, horas dedicadas ás transcricións que se arquivaron e numerosos textos dos que se chegaron a publicar unha pequena parte baixo o título Da fala dos brañegos. Literatura oral do concello de Abadín, en 2004.
Máis aló do proxecto Terra Cha, o Equipo Chaira seguiu o seu camiño realizando traballos de campo en varios lugares da provincia de Lugo, como é o caso do feito, este tamén intensivo, no concello da Pontenova a partir de 1996, e outros con menor alcance xeográfico en Candelos, Arroxo, na Fonsagrada, e varias sesións na Casa da Fonte de Esmeriz, en Chantada. O resultado do recompilado no concello da Pontenova editouno o Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo en 1998, e reeditouno en 2004, co título Polavila na Pontenova. Lendas, contos e romances.

Crónica fotográfica do Roteiro As vellas de Mens na cidade da Coruña, con Icía Varela e Xosé Manuel Varela (28 de setembro)

Estas son algunhas das fotografías do Roteiro As vellas de Mens na cidade da Coruña, con Icía Varela e Xosé Manuel Varela, celebrado o pasado 28 de setembro. A crónica fotográfica completa (obra de Beatriz Maceda Abeleira) pode verse aquí. Tamén se poden ver aquí varios vídeos da actividade. Esta é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña.

Roteiro As vellas de Mens na cidade da Coruña, con Icía Varela e Xosé Manuel Varela, o 28 de setembro

O Roteiro As vellas de Mens na cidade da Coruña, guiado por Icía Varela e Xosé Manuel Varela, é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña, que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria.

Un paseo por tres espazos coruñeses de vinculación artística coas Vellas de Mens, engalanado con interpretación colectiva do seu enxebre legado musical con pezas como a «pandeirada», o «maneo», o «pasodobre de Mens» ou a «muiñeira punteada» xunto cun «valse» e «chotis», este moi descoñecido.

Terá lugar o o domingo 28 de setembro, a partir das 12:00 horas, na cidade da Coruña. O punto de saída será o Teatro Colón. Non é necesaria inscrición previa. Admítese que o público asistente leve instrumentos de percusión con ferreñas.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

A Coruña: actividades do 1 de agosto na Feira do Libro 2025

Coñécese o programa do Festiletras 2025, os 23 e 24 de agosto

Carballo: Praza dos Libros 2025

Negreira: presentación e coloquio arredor de catro libros “cantareiros”