Arquivos da etiqueta: Xulio Pardo de Neyra
Mondoñedo: relatorio de Xulio Pardo de Neyra sobre Pero Pardo de Cela
O
sábado 10 de decembro, ás 17:00 horas, no Centro Comarcal de A Mariña Central (Rúa Julia Pardo-Montenegro, s/n), en Mondoñedo, Xulio Pardo de Neyra impartirá o relatorio Pero Pardo de Cela, Mariscal de Castela: O Home e o Símbolo. Percurso pola entidade nacionalista dunha idealización, acto organizado pola Assembleia Nacional Galega.
Lugo: presentación conxunta de Corazón e demais tripas, de Emma Pedreira, e Literatura galega e pornografía, de Xulio Pardo de Neyra
O
sábado 5 de novembro, ás 12:30 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21), en Lugo, terá lugar unha presentación-vermú de Corazón e demais tripas, de Emma Pedreira, e Literatura galega e pornografía, de Xulio Pardo de Neyra, publicados en Positivas. No acto participa, xunto aos autores, Marica Campo.
Xulio Pardo de Neyra escribe a primeira achega á presenza da pornografía na literatura galega
Desde
La Voz de Galicia:
“O escritor e profesor universitario Xulio Pardo de Neyra (Lugo, 1968) é autor da primeira novela pornográfica galega, Intensa e quente é a túa humidade azul, publicada por Positivas, selo que vén de editar unha achega ao xénero dende un punto de vista ensaístico e académico: Literatura galega e pornografía. Mentres o primeiro concepto está asociado á elegancia, «suxire e non mostra», o pornográfico asóciase «ao baixo, o soez». Porén, segundo o autor, a pornografía non é máis que «imaxes de sexo entre persoas, polo que non ten porque ter ningún compoñente de inaceptación social». Na súa opinión, a pornografía ten o obxectivo de «incitar e excitar» sendo unha «copia do que se produce, sen eufemismos nin cortapisas».
Xulio Pardo de Neyra dedica un capítulo do seu libro á Idade Media, un período áureo, na súa opinión. «A cultura galega no Medievo é unha cultura adulta, hábil en todas as ordes, e sen estar suxeita aos desexos de ningunha outra cultura, cunha liberdade absoluta». (…)”
A Órrea, Riotorto: presentación de Eloxio da Terra de Miranda, de Xulio Pardo de Neyra
Compostela: Romaría dos Libros de Verán 2016
O
domingo 24 e luns 25, na Praza de Mazarelos de Santiago de Compostela, terá lugar a Romaría dos Libros de Verán 2016, con horarios para o domingo 24 (de 13:00 a 21:00 h.) e o luns 25 (de 11:00 a 21:00 horas), cos seguintes actos destacados:
Domingo 24
– 18:00 h. Café/caña con autoras: Séchu Sende. Máximo 5 persoas, previa inscrición no mail romariadoslibros@gmail.com.
– 19:00 h. Trivial Literario dinamizado por Andrea Barreira. Premio dun lote de libros.
– 20:00 h. Café/caña con autoras: Carlos Quiroga. Máximo 5 persoas, previa inscrición no mail romariadoslibros@gmail.com.
Luns 25
– Todo o día: A Sega. Plataforma de Crítica literaria feminista: Preparando o III Día das Galegas nas Letras, dedicado a María Xosé Queizán.
– 16:00 h. Café/caña con autoras: María Lado. Máximo 5 persoas, previa inscrición no mail romariadoslibros@gmail.com.
– 17:00 h. Conto por Conto. Intercambio de contos infantís. Coordina: Compostela Miúda.
– 18:00 h. Café/caña con autoras: María Reimóndez. Máximo 5 persoas, previa inscrición no mail romariadoslibros@gmail.com.
– 20:20 h. Presentación do libro Literatura galega e pornografía, de Xulio Pardo de Neyra, editado por Edicións Positivas.
Xulio Pardo de Neyra: “Calquera obra pornográfica pode ser igual de exquisita e grandiosa que calquera aposta erótica”
Entrevista
a Xulio Pardo de Neyra en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Dis que es o autor da primeira novela pornográfica galega. Cales son os antecedentes da pornografía na nosa literatura?
– Xulio Pardo de Neyra (XPN): Dígoo, si; e non só o digo eu: mesmo algún “crítico literario” que se alporizou, escandalizado, pola miña aposta, apuntou este extremo. Con efecto, Intensa e quente é a túa humidade azul constitúe o primeiro exemplo de romance pornográfico na literatura galega, unha literatura incardinada nunha cultura especialmente atenta cara a todo tipo de manifestacións e novidades, mais por veces, e moitas, conscientemente tradicionalista e covarde debido á súa situación como espazo minorizado—e non só iso, senón que menoscabado, aldraxado e capado polo unitarismo, o centralismo e o imperialismo que, desde o españolismo, rexe non só fóra do que hoxe son as fronteiras da nosa casa—dentro do insistente proxecto, agora seica europeísta, que a sociedade galega ten aprendido dos ditados da ideoloxía española máis restritiva. Daquela, é certo —e ben rechamante contodo— que Intensa e quente sexa a primeira novela dunha literatura que, non en van e sobre todo no eido do acervo oral, conta con innúmeras probas de xorne pornográfico e que, ademais, se orientou atentamente cara á expresión do erotismo en chave literaria. Deste xeito, os antecedentes da literatura galega, como a maior parte dos nosos antecedentes culturais, áchanse na nosa traxectoria medieval: e non é nada curioso. (…)
– SG: Que persegues coa publicación de Literatura galega e pornografía?
– XPN: Perseguir non persigo nada. Gozo co meu traballo e, como crítico e analista literario, gozo con todos e cada un dos proxectos aos que me entrego, ben sexa o estudo da literatura infantil galega, o do vangardismo histórico da Galiza do novecentos, o da literatura barroca ou, por caso, o do tratamento da imaxe da muller acuática no espectro de literaturas europeas. Con este último ensaio, portanto, amais de encher una afección persoal —sempre dixen que son un grande amante da pornografía en case todas as súas direccións, canles e formatos— tratei de reflexionar sobre da liña temática pornográfica que habita na literatura da Galiza de todas as épocas. O que ocorre é que, tras terme eu posicionado publicamente no grupo dos e das pornógrafas —algo do que me sinto especialmente honrado—, este novo ensaio meu, que vén ser o trinta e tantos dunha serie iniciada aló por 1988 cando tan só era un adolescente; preocúpase dun tema proscrito na sociedade do noso Occidente—porque seica foder fódese, mais como que non se debe dicir cando, onde, con quen e como se fai—, o da esculca na dimensión literaria pornográfica galega. E se o considero como adoito xulgar todos os meus traballos, con Literatura galega e pornografía penso que podería contribuír á normalización da pornografía na nosa sociedade, en especial na literaria por suposto; a indicar outravolta a importancia de analizármonos nós mesmos e mesmas, a apostar de novo polo estudo do que ninguén antes afrontara e, en consecuencia, a dignificar o estudo da literatura galega, e facelo amais nuns especialísimos, por desgrazados, momentos. (…)”
Burela: actos destacados na Feira do Libro
O
sábado 29 e domingo 30 de agosto comeza a Feira do Libro de Burela, cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
Sábado 29
– 13:00 h. Presentación de Galicia Encantada. O pais das mil e unha fantasías, de Antonio Reigosa, publicado en Xerais.
– 20:15 h. Presentación de De punta a chicote. Dicionario de expresións mariñeiras e Traca-traco, de Paco Rivas, publicados por Edicións do Cumio. Participa, xunto ao autor, Alfonso Otero Regal.
Domingo 30
– 13:00 h. Presentación de O Tesouro do Monte, de Ramom Reimunde, publicado pola Academia Galega da Língua Portuguesa. Participa no acto Bernardo Penabade.
– 18:30 h. Presentación de Intensa e quente é a túa humidade azul, de Xulio Pardo de Neyra, publicada por Positivas.
Xulio Pardo de Neyra: “Escribir literatura pornográfica é un acto de rebeldía, de valentía, que incide na liberdade humana”
Entrevista
de Montse Dopico a Xulio Pardo de Neyra en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): En O nome do arrecendo, o teu libro anterior de narrativa, estaban presentes aspectos que se desenvolven en Intensa e quente é a túa humidade azul: a exaltación dos sentidos, por exemplo. Cal é a continuidade entre ambas?
– Xulio Pardo de Neyra (XPN): A continuidade, loxicamente, vén dada por unha temática semellante, mais non coincidente. Unha temática que dá contas da miña afección e/ou interese pola literatura erótica e pornográfica, que xulgo que non é o mesmo. Os relatos que conforman O nome do arrecendo, escritos hai máis de vinte anos e que despois recuperei do fondo dunha gaveta, veñen expresar unha voz narrativa diversa e diversificada que non entende de xéneros (as voces narrativas son ora masculinas, ora femininas) e que falan, en concreto, sobre do olor, especialmente no espazo do sexual. Son narracións breves eróticas, algunha talvez cunha pouca máis cor polo que ás descricións de actos sexuais se refire, cuxo eixo vertebral é a excitación sexual através do olor.
Si, por suposto, constitúen unha exaltación dos sentidos, e en suma unha exaltación do encontro sexual, onde creo que se deberían pór en xogo todos os sentidos. A continuidade estriba en que se n’ O nome do arrecendo apostaba pola expresividade do sexo non moi convencional, en ‘Intensa e quente é a túa humidade azul’ esta aposta cristaliza plenamente cara á narración dun mundo sexual anti-convencional, e xa non falo de non-convencionalidade, senón de contra-convencionalidade. Non gusto dos convencionalismos, que creo que a todos e todas tentan absorbernos para restarnos calidade e individualidade, para facernos pequenos e ridículos elos dunha cadea minúscula e sen valor que semella estar pendurada do pescozo dun magnate. Xa que logo, particularmente opino que escribir literatura erótica, e moito máis pornográfica, é un acto de rebeldía, de valentía, que unicamente incide na liberdade humana, iso tan difícil de achar e gozar, mais que se pode adquirir con conciencia, creme.
– MD: Como distinguir o erótico do pornográfico? ‘O nome’ sería máis o primeiro, e ‘Intensa e húmida’ máis o segundo. Ou non importan tanto as etiquetas?
– XPN: As etiquetas importan do punto de vista dese ánimo clasificatorio que caracteriza o labor das persoas, si. Con efecto, penso que O nome do arrecendo pertence máis ao erotismo, heteroerotismo, erostismo lésbico e homoerotismo, isto é, todo o erotismo que se resume no maxín dunha persoa. Intensa e quente… é, embora, pornografía literaria, si. Como distinguir unha achega da outra? Eu xulgo que cando en literatura se atende a actos sexuais de forma explícita e co léxico que adoitamos usar nun encontro sexual, estamos de fronte a algo pornográfico. O erótico recréase máis en mornedades, en suavidades, é máis pacato do punto de vista de que trata asuntos sexuais sen mostralos tal cal son, sen deixar libre a excitación que todos e todas sentimos cando fodemos e sen, claro, se valer do código que prima nos encontros artellados en redor do sexo. (…)”
A Coruña: presentación de Intensa e quente é a túa humidade azul, de Xulio Pardo de Neyra
O
xoves 27 de novembro, ás 20:00 horas, na Linda Rama (Rúa Porta de Aires, 4, baixo) da Coruña, preséntase Intensa e quente é a túa humidade azul, de Xulio Pardo de Neyra, publicada por Positivas. No acto, xunto ao autor, participa Francisco Macías.

