Santiago: recital Picaversos sobre as viaxes

O martes 13 de marzo, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Viaxes, coa participación dos poetas Juan Carlos Valle “Karlotti” e Yolanda Castaño e a cantante Najla Shami.

Santiago: presentación de A cidade na poesía galega do século XXI

O xoves 8 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro A cidade na poesía galega do século XXI, publicado en Toxosoutos. No acto interveñen Yolanda Castaño e Manuela Palacios.

A Coruña: Estíbaliz Espinosa e Yasuhiro Yotsumoto no ciclo Poetas Di(n)versos

O luns 6 de febreiro, ás 20:30 horas, na Sala Polivalente do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n., continuación da Rúa Mosteiro de Caaveiro) da Coruña, terá lugar unha nova edición de Poetas Di(n)versos, ciclo dirixido por Yolanda Castaño, no que participarán Estíbaliz Espinosa e o poeta xaponés Yasuhiro Yotsumoto (Osaka, 1959), quen ofrecerá distintas mostras de recitado clásico nipón seguidas de traducións ao galego.

Recoñecemento internacional para tres libros de cociña

“O libro coordinado por Yolanda Castaño Cociñando ao pé da letra, coas fotografías de Andrea Costas, vén de ser nominado aos prestixiosos GOURMAND WORLD COOKBOOK AWARDS 2011, uns premios que recoñecen os mellores libros de cociña editados do mundo. A categoría na que se conseguiu a nominación é na de Best Cookbook Photography, algo que non nos sorprende pois ademais da altura das literarias receitas que os cociñeiros escribiron, o traballo de Andrea Costas brilla por si mesmo. Os resultados anunciaranse o mércoles 6 de marzo de 2012 no teatro Les Folies Bergère de Paris. Por outra banda, o segundo dos libros de Benigno Campos, Novas receitas da cociña de Larpeiros está entre os finalistas na categoría de Best TV Celebrity Western Europe.” Vía Galaxia. Desde a Asociación Galega de Editores informan que a obra Guía secreta da gastronomía de Galicia: Lugo de Miguel Vila Pernas, publicada o pasado mes de agosto por Alvarellos Editora, foi recoñecida como Mellor guía de viaxe gastronómica e competirá agora na fase final do concurso onde se medirá cos gañadores da mesma categoría doutros países e linguas.

Rafa Vilar gaña o Premio Arume de poesía para nenos/as con Patente de corso

“No día de onte, 28 de novembro de 2011, reuniuse na sede da Fundación Xosé Neira Vilas, o xurado designado para o fallo do VI Premio Arume de Poesía para nenos/as.
O Xurado, composto por D. Xosé Neira Vilas, D. Valentín García Gómez, D. Xoán Andrés Fernández Castro e D. Luís Reimóndez Fernández, acordou por unanimidade conceder o premio á obra presentada baixo o título Patente de corso (pequeno dicionario pirata), que unha vez aberta a plica resulta ser da autoría de D. Rafa Vilar. En opinión do xurado, Patente de corso, composición poética con piratas bos, xoguetóns e atractivos para o público infantil. Non son corsarios violentos senón máis ben inxenuos, que mesmo esquecen cargar os canóns para librar así unhas batallas nas que ninguén se magoa. Estruturada en estrofas de 2 a 4 versos octosílabos, o autor logra imprimir un ritmo rápido e un estilo lixeiro, non por iso baleiro de contido, pois hai referencias ao galego Benito Soto, aos Camiños da Vida e mesmo á Internacional por resaltar algúns exemplos. Destaca tamén o seu léxico coidado que mestura termos tradicionais con termos piratas conseguindo un ambiente literario lúdico e apacible.
Así mesmo, o xurado acordou facer dúas mencións de honra ás obras presentadas baixo os lemas:
Verdedades, da autoría de Dona Iolanda Castaño. Constitúe un canto á natureza e ás variedades botánicas feitas con cuartetas octosílabas na súa maioría nos que os pares riman en asonante. Trátase dunha composición de tipo popular para aprender poñendo en valor as grandes posibilidades que ofrece o noso medio natural.
Flores de Abruñeiros, que unha vez aberta a plica resultou ser da autoría de D. Alberto Calvín Corredoira. Destacouse dela unha estrofa corrida con verso popular, moi coidado na súa edición que contén dialectalismos e mesmo castelanismos que son aclarados con notas ao rodapé. Constitúe así un método instrutivo e didáctico que achega a tradición popular aos nenos/as.
O premio, está dotado con 1.000 € e a publicación da obra premiada. Entregarase o no mes de decembro de 2011 nun acto público na Sede da Fundación Xosé Neira Vilas, o que se confirmará con anterioridade.

Gres, Vila de Cruces, 29 de novembro de 2011″

Allariz: presentación de Cociñando ao pé da letra

O sábado 12 de novembro, ás 18:30 horas, na librería Aira das Letras de Allariz (Rúa Emilia Pardo Bazán, 5), terá lugar a presentación de Cociñando ao pé da letra, coordinado por Yolanda Castaño e Andrea Costas. No acto participan Francisco Castro, Teresa Devesa e Yolanda Castaño.

Múnic: actuación de Tender a man, espectáculo multiartístico con Yolanda Castaño

O martes 25 de outubro, ás 20:30 horas, no Club Ampère de Múnic, dentro da programación das Xornadas de literatura galega organizadas polo Instituto Cervantes desa cidade, Yolanda Castaño fusionará os seus versos cos músicos Isaac Garabatos e Jesús Andrés Tejada, a cantante Mónica de Nut e a danza de Branca Novoneyra no espectáculo Tender a man.