Vigo: comeza a Feira do Libro 2011

Comeza a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta do venres 1 ao domingo 10 de xullo, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas.

As actividades máis destacadas do venres 1 son as seguintes:
19:30 h. Pregón da Feira, a cargo de Iolanda Zúñiga.
20:30 h. Presentación de Cociñando ao pé da letra, publicado en Galaxia, coa participación de Xosé María Álvarez Cáccamo, Fina Casalderrey, Yolanda Castaño, Francisco Castro e Andrea Costas.

Santiago: presentación de Cociñando ao pé da letra

O martes 14 de xuño, ás 20:00 horas, no Casino de Santiago, preséntase o libro Cociñando ao pé da letra, publicado en Galaxia. No acto participan as autoras, Yolanda Castaño e Andrea Costas, o editor, Francisco Castro, e dous dos escritores que participan no libro, Anxos Sumai e Xabier P. DoCampo.

Yolanda Castaño: ‘Cociñar e escribir teñen moito que ver’

Entrevista a Yolanda Castaño publicada en Galaxia:
“- Galaxia (G): -¿Cómo naceu a idea deste libro [Cociñando ao pé da letra]?
– Yolanda Castaño (YC): Naceu coa idea de trocar a imaxe tradicional que tiñamos dos escritores e escritoras: dogmatizando fronte a un atril, sentando cátedra tras dunha mesa presidencial, sempre moi graves e serios/as, para velos agora amasando, picando cebola ou pelando patacas, imaxes tan próximas e nas que todas e todos nos recoñecemos. Naceu da miña constante teima por achegar a escrita á sociedade, amosándoa coma unha parte moito máis achegada e imbricada na realidade do que talvez se pensa. Un convite a penetrar na fascinante literatura galega actual a través dun fío conductor co que todos e todas temos que ver, tan doméstico e íntimo, tan sinxelo, suxestivo e delicioso coma o da cociña. Naceu da miña absoluta fe na potencia creativa dos escritores e escritoras deste país e da gana por contaxiar ese entusiasmo a través dunha proposta que resultase fresca, orixinal, fluída e sobre todo alegre, incidindo no contacto entre disciplinas e nese trasvase tan contemporáneo. Naceu alentada tamén pola magnífica rede de blogs gastronómicos que existe en Galicia e España, traballos dos máis honestos aos que me asomei na internet e absolutamente inspiradores. (…)
– G: E que arte vén sendo máis difícil, despois de todo o que tes visto, ¿a escrita ou a cociña?
– YC: Supoño que todo dependerá das habilidades da persoa na que se poña o foco, do nivel de esixencia que esteamos demandando… Todo ten tamén a súa complicación. Ás veces é tan difícil escribir un texto memorable como conseguir que non se pegue o arroz.”

Indignadas contra a Real Academia Galega

‘Outro dos rostros visibles do manifesto pola entrada das mulleres na Real Academia Galega, a poeta Yolanda Castaño, considera “unha mágoa” que a RAG “non aproveite este momento para tratar de reflectir un pouco mellor a realidade da sociedade no seu seo”. Para ela, unha vez que non se conseguiu o obxectivo, pode que a solución “estea na ampliación do número de cadeiras, ao estilo da Real Academia Española, pois as actuais son escasas”.
Por último, a profesora María Xesús Nogueira, tamén asinante d’O xogo das cadeiras, pensa que “non se trata dunha persoa, senón dun problema estrutural da Real Academia”, e considera que dende a RAG “se fan oídos xordos” ao sentir da sociedade galega.’ Desde (Xornal). Tamén neste medio aparece un artigo de Helena González.

A Coruña: recital Poetas Di(n)versos, con Carlos Marzal e Ana Romaní

O luns 23 de maio, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10, baixo), celébrase, baixo a dirección de Yolanda Castaño, e organizado pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, o último dos recitais Poetas Di(n)versos antes da súa interrupción durante os meses estivais. O broche de ouro desta programación poética mensual estable porano dous poetas nacidos nos anos 60:
Ana Romaní naceu en Noia en 1962. Escritora e xornalista, dende 1990 dirixe o programa Diario Cultural da Radio Galega, unha completa e puntual axenda cultural diaria con máis de 20 anos de traxectoria, recoñecido xa con diversos galardóns. É autora dos poemarios Palabra de Mar (1987), Das últimas mareas (1994), Arden (1998), Love me tender. 24 Pezas mínimas para unha caixa de música (2005) e o aínda recente Estremas (2010), co que conseguiu o Premio AELG 2011 de poesía. A súa obra está ademais recollida en diversos libros colectivos e antoloxías. Creou e participou en distintos proxectos artísticos interdisciplinares, entre eles Son Delas coordinado por Uxía Senlle, O outro extremo do paraíso e Lob*s (1998) con Antón Lopo, Estalactitas (2002) con Anxos Romeo e Lupe Gómez, Catro poetas suicidas. Intervención poética contra a levidade (2002) en solitario, e A voz e o poema. Os periplos de Avilés de Taramancos (2003) con Anxo Quintela. Todos eles supoñían novas maneiras de achegar a palabra ao público a través da música ou da escena. Realizou a Antoloxía de Antón Avilés de Taramancos (2003). Ademais, cooordina e promove o volume de relatos Narradio. 56 historias no ar (2003) do Diario Cultural da Radio Galega e o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico organizado pola Radio Galega e o Centro Dramático Galego dende o ano 2006.
Carlos Marzal naceu en 1961 en Valencia e licenciouse en Filoloxía Hispánica –sección de Literatura- pola universidade da mesma cidade. Ademais de poeta é narrador, ensaísta e tradutor. O seu primeiro libro de poemas foi El último de la fiesta (1987), logo virían La vida de frontera (1991) e Los países nocturnos (1996). A consagración chegaría da man de Metales pesados (2001) –Premio da Crítica Española e Premio Nacional de Poesía- seguidos máis tarde por Fuera de mí (2004) –galardoado co Premio Loewe de Poesía- e Ánima mía (2009). El corazón perplejo reunira a súa poesía en 2005. Do mesmo xeito, en 2002 e 2003 editáronse dúas antoloxías da súa obra poética: Poesía a contratiempo (Poéticas y prosas) e Sin porqué ni a dónde. Coa súa primeira novela, Los reinos de la casualidad (2005) obtivo o Premio da Crítica Valenciana, o pasado ano publicou tamén un libro de relatos: Los pobres desgraciados hijos de perra, e proximamente verá a luz un volume de aforismos, La arquitectura del aire. Ademais, é autor de dous libros de ensaio, El cuaderno del polizón (Apuntes sobre arte) (2007) e Los otros de uno mismo (2009). Conta tamén cunha traxectoria como tradutor de autores de lingua catalá, tales como Enric Sòria, Pere Rovira, Miquel de Palol, Joan Vinyoli ou Màrius Torres, para varias editoriais de prestixio. Foi co-director da revista de literatura e touros Quites durante a súa primeira década de existencia, e hoxe é colaborador habitual de revistas literarias tanto como columnista ou crítico literario en diarios como ABC, Levante ou El Mundo.
Dende que botara a andar en outono de 2009, este ciclo achegou ao público coruñés e galego un total de 26 dos máis salientables poetas nas 5 literaturas da Península: castelán, catalán, éuscaro, galego e portugués. Os actos, que sempre superaron o centenar de asistentes, significaron un xeito directo de achegar a escrita contemporánea máis diversa e de calidade a un constatable público interesado na poesía. Neste arquivo en .pdf pódese descargar máis información: Programa Poetas Di(n)versos maio 2011.

Tokio: actuación do colectivo artístico Tender a man, no Día das Letras Galegas

O martes 17 de maio, ás 19:00 horas, na sede do Instituto Cervantes en Tokio, actuará o colectivo artístico Tender a man, unha atractiva proposta de fusión de poesía, música en directo e danza contemporánea que integran os músicos Isaac Garabatos e Jesús Andrés Tejada, a cantante Mónica de Nut, a bailarina Branca Novoneyra e a poeta Yolanda Castaño. O espectáculo multidisciplinar abrirase cunha interpretación de textos de Lois Pereiro, e continuará máis adiante co repertorio propio do grupo, apoiado nos textos de Yolanda Castaño. Durante o recital poderanse seguir traducións ao castelán e ao xaponés dalgúns dos poemas, no que será unha ocasión histórica de celebración da literatura galega no Xapón. Na actividade colaboran a Dirección General del Libro, Archivos e Bibliotecas do Ministerio de Cultura, a Embaixada de España en Tokio e o propio Instituto Cervantes.

Lalín: actividades do xoves 12 de maio na Feira do Libro

Ábrese a Feira do Libro de Lalín (na Praza da Igrexa) con horarios de 10:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h. Das actividades do xoves 12 destacamos as seguintes:
11:30 h. Participación na feira do libro da escritora Tere Fernández, autora dos libros A funámbula e Viaxe a Terranova, publicados por Edicións A Nosa Terra.
19:00 h. O escritor Xosé Neira Vilas asinará exemplares dos seus libros.
20:00 h. Pregón a cargo da escritora Yolanda Castaño. Ao remate do acto, a escritora asinará exemplares dos seus libros.

IV Encontro de Pintura e Poesía de Culleredo

O venres 6 de maio, de 10:00 a 20:00 horas, na Aula de Natureza do Xardín Botánico do Burgo (Culleredo), celébrase o IV Encontro de Pintura e Poesía de Culleredo, organizado pola Concelleria de Cultura do Concello de Culleredo, no que participan 50 artistas, poetas, pintores, escultores, acuarelistas e fotógrafos que traballarán sobre pintura e poesía. A xornada está dedicada á Pintura e poesía diante da situación social (cambio climático, revoltas sociais, guerras, abusos, desigualdades, maltrato, fame, etc.). De xeito individual e colectivo os artistas traballarán sobre un poema inedito coa temática anterior, feito para a ocasión polos recoñecidos poetas galegos: Miguel Anxo Fernán-Vello, Yolanda Castaño, Xulio L. Valcárcel, Eva Veiga, Dores Tembrás, Luz Campelo, Pablo Bouza, Diana Varela, Carlos Pereira, Olga Patiño e Lino Braxe. Os artistas plásticos participantes son: Alfonso Costa, Ali Ali, Antón Sobral, Pedro Bueno, Alfredo Erias, Emilio Celeiro, Luísa Valdés, Ramón Astray, Gosia Trebacz, Manuel Gandullo, Isabel Pintado, Manuel Suárez, Lola Beade, Óscar Cabana, Marta Pardo de Vera, Raúl Álvarez, Victoriano Fernández, María Martínez, Nito da Vila, Miguel Melero, Laureano Vidal, José Juncosa, Teresa Faginas, Begoña Tojo e Paco Ascón; os escultores Manuel Patinha, Francisco Escudero, Iria Rodríguez e Enrique Tenreiro; e os fotógrafos Luis Gabu e Fran Torrecilla.