Xosé Ricardo Losada recibe o premio Antón Avilés de Taramancos de relato de aventuras

Desde Nós Diario:
Xosé Ricardo Losada, profesor e escritor do municipio de Rianxo (O Barbanza), recibiu este sábado en Noia (comarca homónima), o premio do XXII Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos polo seu traballo Un inferno frío.
No concorrido acto, que tivo lugar na Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos, foi presentado o libro co mesmo título, editado por Toxosoutos e coas ilustracións a cargo do artista noiés Xosé Luís Veiras Manteiga.
Alén da publicación do libro, que foi entregado a Losada por Veiras Manteiga e que forma parte do premio, o gañador recibiu os 3.000 euros nos que está valorado o certame por parte do concelleiro de Cultura da localidade, José Pérez. Ademais, recibiu unha escultura realizada polo coñecido artista local Alfonso Costa da man do escritor ribeirense Antonio Piñeiro.
Segundo sinalou Xosé Ricardo Losada, o libro trátase dunha homenaxe a Faustino Rey Romero, crego de Rianxo que emigrou a Bos Aires (Arxentina) e do que el mesmo fixo unha biografía. Así mesmo, o libro tamén trata de facer tributo a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Virxinia Pereira.
Nesta ficción con personaxes que foron reais, Castelao e Virxinia tratan de desentrañar a verdade sobre o asasinato en Bos Aires de Don Faustino, segundo relatou o autor durante a súa intervención, na que non faltou a lembranza e a poesía de Avilés de Taramancos. Neste sentido, o acto tamén estivo acompañado pola actuación de Serafín Marcos, tamén ao redor da obra de Antón Avilés. (…)”

Emma Pedreira gaña o XIX Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos

Desde a Concellería de Cultura do Concello de Noia informan que o 22 de decembro, ás 12:30 h., tivo lugar o acto de dar a coñecer, ante os medios de comunicación, a decisión do xurado do XIX Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos.
A obra gañadora resultou ser Cicatrices do aire, de Emma Pedreira.
No acto estiveron o concelleiro de cultura, José Pérez Martínez, e os representantes do xurado Xavier Castro Rodríguez (profesor no IES Virxe do Mar de Noia e codirector da revista Casa da Gramática); Antonio Piñeiro Fernández (escritor e profesor) e Mariña Pérez Rei (escritora e profesora).
Nesta ocasión o xurado estivo integrado, ademais das persoas nomeadas, por Agustín Agra Barreiro (escritor e profesor) e Oliva Fraga Lombardía (secretaria do xurado e traballadora municipal).

Decisión do xurado do Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos

O xurado do Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos, premio convocado polo Concello de Noia e a revista cultural “Casa da Gramática”.
O xurado do premio constituído por:
D. José Pérez Martínez alcalde do Concello de Noia, presidente.
Dona Mariña Pérez Rei, profesora e escritora.
Dona M Concepción Allut VIdal, traballadora do Concello de Noia
D. Agustín Agra Barreiro, profesor e escritor
D. Xosé Lastra Murais, profesor e escritor
D. Xavier Castro Rodriguez, profesor e codirector da revista Casa da Gramática do IES “Virxe do Mar” de Noia-
Reuníronse o 19 de maio e rematadas as deliberacións e por UNANIMIDADE, o xurado decidiu deixar deserto o premio deste Certame correspondente á edición décimosexta.”

Coñécese a gañadora do XV Certame Literario Relato de Aventuras

O venres 13 de maio, o xurado do XV Certame Literario Relato de Aventuras, organizado polo Concello de Noia e a revista de creación literaria e cultura do IES “Virxe do Mar” de Noia, fallou o premio do Certame.

O xurado estivo composto por:
– Don José Pérez Martínez, concelleiro de cultura, en calidade de presidente.
– Dona Mercedes Queixas Zas, profesora e escritora.
– Dona Oliva Fraga Lombardía, traballadora do Concello.
– Don Baldo Fernández Ramos, profesor e escritor.
– Don Antonio Piñeiro Fernández, profesor, editor e escritor.
– Don Xavier Castro Rodríguez, profesor e co-director da revista de Creación Literaria e Cultura “Casa da Gramática” do I.E.S. “Virxe do mar” de Noia.

Dos 10 traballos presentados resultou gañador o presentado co título Tom, Huck e o misterio da trabe de ouro, da autoría de Alexandra Martínez Martínez, coñecida polo nome de Alex Bayorti.