Román Raña no ciclo-homenaxe a Ramiro Fonte (IES Castelao)

Desde o Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Celebrouse o 29 de xaneiro a primeira sesión do ciclo-homenaxe a Ramiro Fonte que organiza o Departamento de Lingua Galega e Literatura do IES Castelao. Tras unhas introdutorias palabras de Agustín Nieto sobre a dinámica e concepción do ciclo, o profesor e escritor Román Raña realizou unha suxestiva intervención baixo o título de “Poesía da experiencia. Experiencia da poesía”.
Nela debullou elementos vinculados, inicialmente, coa denominada Xeración dos 80, á que pertence, a carón de Ramiro Fonte ou o tamén malogrado Eusebio L. Baleirón. Alén de sinalar as figuras de Ferrín e Cunqueiro como referentes nas máis das voces desta xeración, apuntou tamén outras lecturas que deixaron pegada nos seus constituíntes como foron obras de Eliot, Pound, Éluard, Pessoa ou Paul Celan. Situou, asemade, os alicerces xeracionais como respostas á poesía panfletaria que se atopaba nos ecos do social-realismo para analizar, posteriormente, os ecos que a produción poética dos 80 xerou en diversos ámbitos críticos, con lugares comúns que seguen a reiterarse como o do célebre “culturalismo”, alén de subliñar os elementos que deron cohesión ao grupo.
A figura de Ramiro Fonte foi aparecendo ao entender que a do autor de Capitán Inverno foi, xustamente, unha poesía da experiencia persoal que chega a “transmutarnos”, que repara nos grandes temas de sempre -o paso do tempo, o amor, a morte, a infancia…-, sostida na sinxeleza expersiva, no relato de fragmentos da vida cotiá e na configuración dun lector ou dunha lectora cómplice. Tamén subliñou que en Fonte se atopan os ecos da “experiencia da poesía” en tantas composicións nas que podemos atopar unha reflexión sobre o labor do poeta. Neste sentido, Pasa un segredo, para Raña o mellor libro de poemas de Fonte, é un volume no que fala dos “adentros” do autor, do seu lado máis íntimo.
A lectura dalgúns poemas de Pasa un segredo e un breve comentario posterior de cada unhas das composicións, alén dun breve diálogo sobre diversas cuestións vinculadas coa memoria de Ramiro Fonte e outros xuízos poéticos, concluíron o que valoro como unha excelente apertura deste ciclo. (…)”

A Coruña: Nunca morreu o mar. Centenario de Miguel González Garcés

15253414_339255259778054_6308126736552533080_nHomenaxe ao poeta Miguel González Garcés no seu centenario. Interveñen Luz Pozo, Xavier Rodríguez Baixeras, Medos Romero, Paulino Vázquez, Román Raña, Xavier Lama, Marta Dacosta, Estevo Creus, Pepe Cáccamo, Xulio Valcárcel, Manuel Álvarez Torneiro e Lorena Conde. Coa música de Alba María.

Compostela: inauguración da exposición Librosconversos, con recital poético de Pepe Cáccamo e Baldo Ramos

12976928_10205127362098493_1097779045758038372_oNo recital poético participarán: Xulio L. Valcárcel, Alfredo Ferreiro, Gonzalo Navaza, Vítor VaqueiroXurxo Alonso, Carlos Fontes, Marga do Val, Ana RomaníRomán Raña, Olalla Cociña, Eduardo Estévez, Alba Cid, Celso Fernández Sanmartín, Carlos Negro, Luís Valle, Xerardo Quintiá, Eva Veiga, Salvador García-Bodaño e Mariña Pérez Rei.