Entrevista a Ramón Vilar Landeira en Crónicas, desde Xerais:
Arquivos mensuais: Xullo 2014
Actividades literarias destacadas no Festigal 2014
Na Galería das Letras do Festigal 2014, que se celebrará no Campus Universitario Sul de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias destacadas o venres 25 de xullo:
PRESENTACIÓNS
– 16:30 h. Espelho de mim mesma, de Cruz Martínez, publicado por Círculo Edições. Presentación da revista literaria Elipse. Interveñen: Alexandre Insua, Cruz Martínez e Rosanegra.
– 17:00 h. 50 preguntas, 50 argumentos para a soberanía, Fundación Bautista Álvarez. Interveñen: Mª Pilar García Negro, Néstor Rego e Bautista Álvarez.
– 17:30 h. A Unión Europea como problema. Reflexións desde Galiza. Interveñen: Xavier Campos López (director da Fundación Galiza Sempre), Carlos Aymerich (coladorador do libro) e María do Carme García Negro (colaboradora do libro).
– 20:00 h. Uma Mãe tão Punk, de Teresa Moure, Chiado Editora. Interveñen: Carlos Quiroga e Teresa Moure.
– 20:30 h. Contos do mar de Irlanda, Xurxo Souto, Edicións Xerais. Interveñen: Manuel Bragado e Xurxo Souto.
– 21:00 h. 55, Xavier Queipo, Xerais. Interveñen: Manuel Bragado e Xavier Queipo.
– 21:30 h. Autores e autoras para o 25 da patria (presentación dos libros de autopublicación Alén do silencio e Un libro de libros). José Estévez, Autoedición. Interveñen: Eva Xanín e José Estévez. A continuación recital a cargo de: Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Rosalía Fernández Rial, Iria López (“Ika”), Rochi Nóvoa, Guillerme López Sueiro, Irene Fernández, Cruz Martínez, Luísa Arias, Alexandre Brea, Beti Arias, Lorena Rei, Isidro Rajo “Isidrez”, Xurxo Valcárcel, Luz Fandiño, Iolanda Aldrei, Ana Pérez Croas, Estela Dopazo, Catarina Laxe, Alexandre Insua e Rosanegra, Victoria Esteban, Chus Amieiro, Maria José Castelo, Mar Romero, Silvia Castiñeiras, Carlos Neira Suárez e Anxo Angueira.
A partir das 18:00 horas, no Espazo Sinaturas:
– Afonso Eiré, Eu estaba alí, Hércules Edicións.
– María Reimóndez, A alternativa está aquí, Xerais.
– Henrique del Bosque, E logo, temos razóns para ser nacionalistas?, Xerais.
– Rodri Suárez, Non temos medo, Nicetrip Edicións.
– Xavier Vence & Xan Carballa, Temos dereito a un futuro distinto, Engaiolarte.
– Bautista Álvarez, Retallos daquela infancia, Xerais.
– Eduardo S. Maragoto, Como ser reintegracionista sen que a familia saiba, Ed. Cumio
e todos/todas os/as que presenten libros.
Rianxo: actividades destacadas do sábado 26 e domingo 27 na Feira do Libro
O sábado 26 e domingo 27 de xullo finaliza a Feira do Libro de Rianxo (na Praza de Castelao), con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 19:00 a 23:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:
Sábado 26
– 13:00 h. Presentación, na casa do concello, do libro As crónicas de Bran, Vol. II: A porta de Annwn, de Xosé Duncan. Xunto co autor, participará no acto Adolfo Muíños.
– 19:30 h. Presentación do libro disco Brinca vai!, de
Paco Nogueiras, con ilustracións de David Pintor, publicado por Kalandraka. Na Biblioteca
da feira.
– 20:30 h. Presentación, na casa do concello, do primeiro número do proxecto
Caderno de Literatura popular de Rianxo, adicado a Francisco Rodríguez Gey. Participarán no acto Eulalia Agrelo Costas, Carla Morano e Adolfo Muíños.
– 21:30 h. Concerto na Praza Rafael Dieste. Presentación do traballo discográfico Toc Toc, a cargo de Pablo Díaz e Banda. (Programa Rede Cultural Deputación da Coruña).
Domingo 27
– 13:00 h. Presentación da Antoloxía Poética de Evaristo Martelo, a cargo de Pepe Blanco Alborés, responsable de Plan B Editora e presentado por Adolfo Muiños.
– 19:30 h. Presentación, na Biblioteca Infantil, do álbum ilustrado O libro dos bicos, de Xosé Luna e Nuria Díaz.
– 20:30 h. Presentación, na Biblioteca Infantil, do libro Salseiros, de Suso Lista, publicado por Edicións Embora.
Celia Díaz: “Os nenos len moito pero despois na adolescencia en moitos casos deixan de facelo”
Entrevista a Celia Díaz en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): E como valoras os certames literarios en canto ó seu papel para a normalización da lingua e a literatura? Unha lingua con actividade neste senso é unha lingua viva?
– Celia Díaz (CD): É o que falabamos, os certames literarios danlle visibilidade aos textos literarios e facilitan o seu achegamento aos lectores. Nese sentido, os premios literarios en lingua galega contribúen a normalizar a nosa lingua e tamén a incrementar a presenza das obras literarias. Por iso é importante que existan certames para todos os xéneros, non unicamente para a narrativa, que son os que máis abundan.
– NG: Poderíamos dicir que a literatura infantil é o mellor garante que ten unha literatura para a súa persistencia? É a maneira de crear lectores futuros?
– CD: Os nenos len moito pero despois na adolescencia en moitos casos deixan de facelo porque descobren outros intereses e teñen acceso a outros medios, cada vez a idades máis temperás. É importante contar con bos textos literarios e con historias potentes para que non decaia o interese dos rapaces. É fundamental que existan edicións de calidade destinadas aos máis novos, porque nesas idades os libros entran sobre todo polos ollos. E como non, actualmente cómpre tamén unha presenza no ámbito dixital, no libro electrónico, así como a difusión a través do medio audiovisual, estou pensando nos booktrailers, por exemplo, que son un magnífico medio para a promoción das obras literarias. (…)
– NG: Como valoras a situación da literatura que ti máis coñeces, da literatura infantil? Como se atopa a literatura galega neste senso?
– CD: Temos unha moi boa literatura infantil e xuvenil, extraordinariamente rica e variada. Contamos con escritores de prestixio dentro e fóra da nosa terra, cunha obra importante, en moitos casos recoñecida internacionalmente. E tamén con editoriais que publican obras de gran calidade, especialmente para os lectores máis novos. Hai abundancia de propostas literarias. A literatura infantil e xuvenil é ademais o motor de moitas editoriais, grazas á que sobreviven e poden levar adiante outros proxectos. (…)”
Rianxo: actividades destacadas do venres 25 na Feira do Libro
O venres 25 de xullo continúa a Feira do Libro de Rianxo (na Praza de Castelao), con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 19:00 a 23:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:
– 13:00 h. A escritora María Reimóndez presenta o seu libro A alternativa está aquí, publicado por Xerais. Na Casa do Concello.
Xinzo de Limia: acto de homenaxe a Antón Riveiro Coello
Eva Veiga: “A poesía é o testamento máis verídico dun pobo”
Entrevista a Eva Veiga en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): O seu libro A distancia do tambor foi publicado pola editorial Espiral Mayor como parte do premio de poesía Fiz Vergara Vilariño que gañou o ano pasado, ¿é difícil hoxe en día encontrar editoriais dispostas a publicar poesía?
– Eva Veiga (EV): Non é sinxelo, xa que non lles é doado. Coa poesía xa se sabe que non se gañan cartos. Publicar poesía é un acto de amor, esixe traballo e xera poucos beneficios.
– LVG: Como definiría a súa obra e en que se inspirou para escribila?
– EV: A obra naceu da toma de conciencia da situación das mulleres en debilidade. Na rodaxe do largometraxe A cicatriz branca, o cal protagonicei, tiven tempo para pensar e poñerme na pel desas mulleres. Existen milleiros de mulleres e nenos que deben percorrer mundo sen saber onde ir, expostos á crueldade dos homes.
A obra é unha proxección ética sobre o social e o ser da linguaxe, neste caso a poesía. (…)
– LVG: Que futuro lle augura á poesía galega, cree que se seguirá apostando por este xénero?
– EV: É imposible que desapareza, é unha necesidade vital para a xente. A poesía é o testamento máis verídico dun pobo, transmite os sentimentos e o seu sentir xeral.”
Os Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, en Bueu
Desde o blogue de Manuel Bragado, Brétemas:
“Cheo histórico no salón de actos do Museo Massó de Bueu para asistir á presentación de Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto organizada pola libraría Miranda. Máis dun cento de persoas vibramos durante unha hora cos relatos, coa música e coa emoción dun serán no que se viviu a épica dos mariñeiros galegos que máis alá do paralelo 48 procuraron os camiño do mar.
Comezou Xurxo Souto a súa intervencion confesando que este libro «era unha ousadía, xa que xeralmente as cousas do mar se calan en terra, ninguén nos aprendeu nada do mar». «Pretendín transcribir as historias dos mariñeiros que foron máis aló do paralelo 48, que entraron nos mares de cuberto e máis da parte de fóra, Os tres codillos, O calcetín, O Gran Sol, ou aqueloutros máis afastados do Volcán de Porcupine ou do Rocal do Con, esa illa entre Irlanda e Islandia». Falou despois Souto de que «Irlanda foi sempre unha obsesión para a cultura galega, sobre todo na música, o que non é estraño xa que os portos galegos de Irlanda, como Bantry, Dingle ou Galway, son a periferia da periferia, onde mellor se conserva a lingua gaélica». Defendeu Xurxo Souto que Vigo e A Coruña, onde están os portos do Berbés e do Muro, epicentros do mar de Galicia, «son a mesma cidade e que rabeen os repunantes».
Relatou Xurxo Souto, con algunha cantarea polo medio, as historias referidas a Bueu, desde a das botas de Riobó, as mellores do mercado, tan importantes para o pé do mariñeiro, famosas dende san Pedro de Miquelón a Trintxerpe, pasando polas de José de Loira de Cela e de Benito Estévez, até a de Lito Gago, un dos gaiteiros do mar, fundador da banda de gaitas Manxadoira de Bueu. A intervención espontánea do propio Lito relatando unha nadal en Terranova foi un dos momentos máis emocionantes do serán. Antes, Xurxo gabara ben chufados aos gaiteiros do mar, «levar un gaiteiro a bordo é unha regalía». A intervención de Rubén Bastón, compañeiro daquel programa inesquecible, Mil Ribeiras da Radio Galega, salientou a importancia destes músicos, que chegaron a gravar un LP no Gran Sol, e o traballo de Xurxo Souto na recpueración e conservación da súa memoria.
No treito final da presentación, antes das repichocas de Xurxo e de Miguel de Cela, Souto advertiu que «este non é un libro de naufraxios, o naufraxio non é épica, é un accidente laboral que debería ter sido posible evitar contando con máis medidas de seguranza marítima,» «máis seguranza e menos épica dos naufraxios», reclamou. »Este é un libro de aventuras, un libro de amor, un libro de descubertas, un libro de pintura, un libro de música, un libro do século vinte, mais tamén un humilde manifesto de futuro. Galicia é o centro do mar, a nosa principal industria, somos a maior potencia pesqueira de Europa. O libro pretende apenas poñer en valor aos galegos como centro do mar.»”
Rianxo: curso Ó redor de Castelao, dirixido por Carlos Mella, do 28 ao 31 de xullo
O curso da Universidade de Santiago Ó redor de Castelao terá lugar entre o 28 e o 31 de xullo, no Auditorio do Pazo de Martelo en Rianxo, sendo cofinanciado pola Deputación da Coruña, o Concello de Rianxo e a Fundación Castelao.
Tendo como director a Carlos Mella, e secretario a Marcial Gondar, contará cun total de 15 horas lectivas, co seguinte programa:
28 de xullo
– 11:00 h. Inauguración do curso.
– 12:00 h. Castelao e a política, por Xusto Beramendi.
– 13:30 h. Coloquio.
– 17:00 h. Mesa redonda: A visión política de Castelao, moderada por Amancio Liñares Giraut, cos relatores Carlos Mella, Marcial Gondar e David Otero.
– 18:30 h. Ruta guiada polos lugares máis importantes na vida de Castelao.
29 de xullo
– 10:00 h. Castelao e o home galego, por Marcial Gondar.
– 12:00 h. Castelao e o mundo da muller, por Encarna Otero.
– 13:00 h. Coloquio.
– 17:00 h. Mesa redonda sobre os retratos de negros, moderada por Miguel Anxo Seixas, cos relatores Amancio Liñares Giraut, David Otero e Anxo Tarrío
– 19:00 h. Ruta guiada pola ría.
30 de xullo
– 10:00 h. A manifestación artística en Castelao, por Miguel Anxo Seixas.
– 11:30 h. Coloquio.
– 12:30 h. Mesa redonda sobre o relato curto en Castelao, moderada por Esperanza Mariño Dávila, cos relatores Carlos Mella, Marcial Gondar e Encarna Otero.
– 17:00 h. Ruta guiada polos museos de Dieste e Manuel Antonio.
31 de xullo
– 11:00 h. A visión económica de Castelao, por Carlos Mella.
– 11:30 h. Coloquio.
– 13:00 h. Clausura do curso.