Fernando Castro Paredes gaña o Premio García Barros

Desde Faro de Vigo:
“A Estrada ten xa un nome e un título para asinar unha nova páxina na historia do Premio de Novela Manuel García Barros. A obra Entomoloxía para misioneiros, do tapiego Fernando Castro Paredes foi escollida na xornada de onte polo xurado encargado de fallar este prestixioso galardón, un dos de máis tradición e peso nas letras galegas contemporáneas co que se honra a memoria do célebre Ken Keirades.
O xurado estivo integrado por Iria Collazo López, Patricia Arias Chachero –presente a través de videconferencia–, Marcos Sánchez Calveiro, Armando Requeixo Cuba e Carlos Loureiro Rodríguez. Todos eles reuníronse onte na sala de xuntas do Concello da Estrada para deliberar sobre cal sería a peza vencedora na trixésimo quinta edición do certame.
Unha vez valoradas as 22 obras presentadas, a decisión do tribunal foi concederlle o premio por maioría á novela de Castro Paredes, da cal destacaron “a ambición estética dunha narración que conxuga a fórmula do relato de aventuras cunha historia de procuras interiores na que se torna esencial o contraste dos mundos de Occidente e Oriente”.
Tamén se puxo en valor a súa arquitectura “moi elaborada que inclúe epístolas, informes e outras modulacións do discurso”. “Entomoloxía para misioneiros ábrese á reflexión sobre grandes cuestións como a oposición fe/ciencia, a problemática da identidade ou a realidade da (in)comunicación entre outros asuntos palpitantes, que fan desta novela un artefacto literario de xenuína e poderosa voz”, destacou o xurado.
O edil de Cultura, Juan Constenla, aproveitou a ocasión para remarcar “a calidade de todas as propostas presentadas na presente edición” e puxo en valor a realización dun certame que supón –dixo– “un fantástico escaparate para moitos escritores e escritoras ao mesmo tempo que mantén vixente a figura dun dos grandes literatos estradenses como é Manuel García Barros”. (…)”

Crónica fotográfica da homenaxe A Escritora na súa Terra – Letra E 2023, dedicada a Fina Casalderrey (I)

A Homenaxe A Escritora na súa Terra – Letra E, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chegou este ano á súa XXIX edición, recaendo na figura de Fina Casalderrey, que foi homenaxeada en Pontevedra o 10 de xuño de 2023, nunha actividade que contou co apoio do Concello de Pontevedra, CEDRO e Xunta de Galicia
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida da homenaxeada ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritoras/es procurando o contacto directo coa autora e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritora (unha peza escultórica), a plantación dunha árbore simbólica e a colocación dun monólito conmemorativo.

Aquí pode verse a crónica fotográfica, da que publicamos a continuación unha pequena escolla:

Vigo: actividades do 25 de xuño da Feira do Libro 2023

Vigo: actividades do 24 de xuño da Feira do Libro 2023

Amoeiro: Festa Literaria do Premio Trasalba 2023

Vigo: Esmorga Literaria, o 24 de xuño


O próximo sábado 24 de xuño de 2023, os que lles guste a literatura en lingua galega actual terán oportunidade de se encontrar con sete autor@s de Vigo e arredores.
Cada un deles terá unha hora marcada para os atender, para intercambiar experiencias de lectura, para ler os seus textos de prosa, para responder ás preguntas eventuais.
A orde de intervención é correlativa, ou sexa que comezará a rolda  con Xabier Paz de 1 a 2 da tarde (13-14 h) e rematará con Alfonso A. Cáccamo de 7 a 8 do serán (19-20 h).
Neste caso a lista de autor@s inclúen a Xabier Paz, Xavier Queipo, Iolanda Zúñiga, Xina Vega, Xesús Constela, Lara Dopazo Ruibal e Alfonso A. Cáccamo.

OBXECTVOS
Non é frecuente que os lectores adultos poidan dialogar cos autores. Nas presentacións dos libros, que adoitan ser entendidas case sempre como unha palestra dirixida aos lectores potenciais, resultan en certo modo redundantes. Hai, ás veces espazo para un par de preguntas, mais nin sempre se dan as condicións para un diálogo pausado.
Ende máis, os autores de narrativa, raramente len os seus textos, pois, si ben existen innúmeros recitais poéticos, non é frecuente no noso sistema literario a lectura pública da prosa. O obxectivo, enténdase é duplo: a) o encontro cara a cara entre os lectores e os autores e b) a lectura pública de prosa.
Estas intervencións teñen vocación de continuidade, por varias razóns: a) para combater esa idea pesimista de que a literatura está en declíneo e vai camiño de desaparecer, b) para contribuír á devolver o prestixio á literatura e os seus actores, c) para dinamizar a vida literaria e d) para restabelecer un diálogo entre os lectores adultos de prosa e os autores, que agora só existe e non sempre no eido do ensino secundario ou nos recitais de poesía.

CONTACTO
Correo electrónico: riolagares16@gmail.com
Teléfono: 690132828