Arquivos mensuais: Xuño 2023
O escritor Fran Fernández Davila gaña o premio de novela curta Antón Risco
Desde Faro de Vigo:
“O premio de novela curta Antón Risco da Fundación Vicente Risco de Allariz recaeu este ano no escritor vigués afincado en Nigrán Fran Fernández Davila pola obra titulada Primavera. A camareira, o cuarto e o libro de poemas. O galardón está dotado con 3.000 euros e inclúe a publicación do traballo no selo editorial Doutor Alveiros.
Así o acordou o xurado do certame, que salientou o “lirismo, ritmo e musicalidade da súa prosa, así como a curiosidade que suscita en quen a le.” O tribunal considera que “a obra amosa unha gran sensibilidade tanto no relativo á situación social que reflicte coma cara á literatura como elemento curativo”. E incide en que os personaxes están ben perfilados, especialmente o protagonista. (…)”
Crónica fotográfica do Roteiro Literario pola provincia de Pontevedra con Xurxo Alonso
Estas son algunhas das fotografías do Roteiro Literario Vilagarcián, enmarcado nos Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2023, que guiou Xurxo Alonso o domingo 11 de xuño. A crónica fotográfica completa pode verse aquí:
Compostela: actividades do 18 de xuño na SELIC 2023
Lira, Carnota: presentación de Ser cetáceo, de Francisco X. Fernández Naval
Redondela: actividades do 18 de xuño da Feira do Libro 2023
Bases do XXIII Premio de Ensaio Ramón Piñeiro
Desde Galaxia:
“A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e a Editorial Galaxia, coa colaboración de Caixa Rural Galega, convocan o XXIII Premio de Ensaio Ramón Piñeiro.
Este premio convócase en memoria do escritor e filósofo Ramón Piñeiro, na tradición do pensamento literario e o xénero de ensaio, e acóllese ao espírito que inspirou a traxectoria intelectual da persoa á que se honra, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega, o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo.
1. Poderán participar todas as persoas que o desexen, sempre que os orixinais sexan inéditos e estean escritos en lingua galega; e o/a autor/a non fose distinguido/a nas últimas cinco convocatorias do certame.
2. A extensión dos orixinais abranguerá entre 150.000 e 300.000 caracteres, incluídos espazos, aínda que o xurado poderá considerar flexiblemente esta condición, conforme a calidade obxectiva da obra seleccionada. Deberanse presentar cinco copias dos orixinais en formato DIN A4 mecanografados a dobre espazo e por unha soa cara.
3. O tema dos ensaios será libre mais os traballos deberán evitar, na medida do posible, o enfoque propio da investigación especializada ou un excesivo carácter académico. A exposición do tema do ensaio deberase realizar exclusivamente mediante a escritura, sen empregar gráficos, cadros, fotografías ou elementos semellantes.
4. Os orixinais deberán enviarse por correo certificado, baixo plica, a: Editorial Galaxia, Avenida de Madrid, 44, 36204 Vigo, e indicando no sobre XXIII Premio de Ensaio Ramón Piñeiro.
5. O prazo para a recepción de orixinais rematará o 1 de outubro do ano 2023 e a decisión do xurado, que terá carácter inapelable, darase a coñecer no transcurso do mes de decembro.
6. Establécese un único premio de 3.000 euros (suxeito aos impostos que lle sexan de aplicación), que será outorgado ao ensaio que, en opinión do xurado, posúa maior fondura e orixinalidade e reúna suficientes méritos estilísticos e literarios.
7. Se ningún dos orixinais presentados reunise estes méritos ou o xurado así o considerase, o premio poderase declarar deserto.
8. A contía do premio inclúe os dereitos de autor da primeira edición da obra gañadora. A partir da segunda, a explotación comercial do libro premiado xerará o 10 por cento de dereitos sobre o prezo de capa sen IVE, para o/a autor/a ou para quen el/a libremente determine.
9. A Editorial Galaxia publicará e comercializará o libro na súa colección Ensaio e na cuberta salientará, ao par da editorial, a Xunta de Galicia, e na contracuberta os logotipos das entidades colaboradoras: Xunta de Galicia, Caixa Rural Galega e Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
10. As copias dos orixinais non premiados e as súas correspondentes plicas serán destruídas.
11. A interpretación destas bases corresponderalle exclusivamente ao xurado, cuxos membros, en número de cinco, nomearanse de común acordo entre as entidades convocantes.
12. A presentación ao premio supón a conformidade con estas bases por parte dos participantes.”