Compostela: “Galego Vivo, Galiza Viva. Maniféstate pola Lingua!”, desde Queremos Galego, o 17 de maio

MANIFESTO

“En setembro de 2024 faranse 20 anos da aprobación por unanimidade parlamentar do Plan Xeral de Normalización da lingua galega. Elaborado coa participación de máis de 1000 persoas de todos os ámbitos, con 400 accións e medidas concretas en cada un deles, non só non se desenvolveu senón que se produciron importantes retrocesos.

Para unha Galiza viva, activa e  consciente das súas capacidades, precisamos dun goberno realmente comprometido coa súa obriga de promover o uso, presenza e disposición do idioma, cun galego vivo.

Vivo nun ensino en galego, que garanta a competencia no noso idioma permitindo a incorporación de novos falantes e o coñecemento da nosa realidade fronte ao actual modelo desgaleguizador.

Vivo nun audiovisual que, como reclama a Iniciativa Xabarín, garanta a oferta en versión orixinal ou lexendada e cumprimento dos mínimos que estabelece a lei para menores de 12 anos.

Vivo na administración, nos servizos públicos, na sanidade, na xustiza, nas relacións e información comercial, onde a atención inicial en galego -oferta positiva- que indicaba o PXNLG debe ser garantida incluíndo a disposición da lingua nas xestións telefónicas, telemáticas ou presenciais. 

Vivo na pegada da lingua sobre o territorio en todos os seus espazos e lugares, a que de novo pretenden borrar e perseguir coa permisividade dos gobernos central e autonómico.

É hora de os gobernos asumiren a súa responsabilidade legal e moral co idioma, a comezar pola Xunta de Galiza, e acompañar á sociedade que actúa e se mobiliza  día a día para termos o galego vivo, Galiza viva.”

Máis información aquí.

Premio CEDRO 2024 á escritora Gemma Lienas, coa presenza de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, e membro da Xunta Directiva de CEDRO


Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, estivo presente, como membro da actual Xunta Directiva de CEDRO, na entrega do Premio CEDRO 2024 á escritora Gemma Lienas, en recoñecemento ao seu labor na defensa colectiva dos dereitos de propiedade intelectual do sector da cultura escrita.
A presidenta de CEDRO, Carme Riera, afirmou que “a Xunta Directiva quixo recoñecer a Gemma Lienas o traballo que levou a cabo sempre para promover un ámbito donde escritores, escritoras, tradutores, tradutoras e editoriais poidamos recibir o recoñecemento legal e social axeitado e unha compensación xusta polo noso traballo”.”

Silvia Penas Estévez gaña o 27º Premio de Poesía Concello de Carral coa súa obra A pel do exilio

Desde o Concello de Carral:
“A forza da voz poética manifesta a súa furia a través do ritmo e da limpeza das imaxes”. Esta foi unha das razóns polas que a viguesa Silvia Penas Estévez (Vigo, 1980) se fixo co 27º Premio de Poesía do Concello de Carral. Coa súa obra A pel do exilio, a autora conquistou ao xurado de xeito unánime.
O poemario de Penas Estévez foi escollido entre un total de 94 obras presentadas, o cal supón un novo récord para este certame, que medra ano tras ano en cifras de participación. De entre todos os traballos, o xurado elixiu o da viguesa salientando o seu ritmo e a súa “vocación de mediar co mundo, traspasando o texto na procura da reflexión metapoética e identitaria”.
O xurado estivo composto polo presidente; o alcalde Javier Gestal Pose, por Inma Otero, Tamara Andrés, Ciro Briones, e actuando como secretario, con voz e sen voto, o técnico de Cultura, Carlos Lorenzo.
O premio, que conta coa colaboración anual da Xunta de Galicia, está dotado con 3.500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
A entrega do premio Concello de Carral está prevista para o venres, 31 de maio, na Casa da Cultura e servirá, así mesmo, para presentar o libro Oídos de espeleóloga, co que Ciro Briones gañou a 26ª edición do certame. (…)”

Xosé Ricardo Losada recibe o premio Antón Avilés de Taramancos de relato de aventuras

Desde Nós Diario:
Xosé Ricardo Losada, profesor e escritor do municipio de Rianxo (O Barbanza), recibiu este sábado en Noia (comarca homónima), o premio do XXII Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos polo seu traballo Un inferno frío.
No concorrido acto, que tivo lugar na Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos, foi presentado o libro co mesmo título, editado por Toxosoutos e coas ilustracións a cargo do artista noiés Xosé Luís Veiras Manteiga.
Alén da publicación do libro, que foi entregado a Losada por Veiras Manteiga e que forma parte do premio, o gañador recibiu os 3.000 euros nos que está valorado o certame por parte do concelleiro de Cultura da localidade, José Pérez. Ademais, recibiu unha escultura realizada polo coñecido artista local Alfonso Costa da man do escritor ribeirense Antonio Piñeiro.
Segundo sinalou Xosé Ricardo Losada, o libro trátase dunha homenaxe a Faustino Rey Romero, crego de Rianxo que emigrou a Bos Aires (Arxentina) e do que el mesmo fixo unha biografía. Así mesmo, o libro tamén trata de facer tributo a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Virxinia Pereira.
Nesta ficción con personaxes que foron reais, Castelao e Virxinia tratan de desentrañar a verdade sobre o asasinato en Bos Aires de Don Faustino, segundo relatou o autor durante a súa intervención, na que non faltou a lembranza e a poesía de Avilés de Taramancos. Neste sentido, o acto tamén estivo acompañado pola actuación de Serafín Marcos, tamén ao redor da obra de Antón Avilés. (…)”

Compostela: palestra arredor dos campos de refuxiados en Europa e a obra Serei os teus ollos en Idomeni, de Exidio Cuíñas

O 7 de maio, ás 20:30 horas, no Espazo Enocultural Vide Vide (Rúa da Fonte de Santo Antonio, 10), en Santiago de Compostela, con entrada libre ata completar capacidade, a editora Lobisome Producións organiza unha palestra arredor dos campos de refuxiados en Europa, na cidade de Santiago. O drama de miles de persoas atrapadas polo peche da ruta dos Balcáns, é vista dende os ollos de dous voluntarios galegos desprazados á vila grega de Idomeni para axudar aos refuxiados sirios e afgáns acampados alí: Azucena e Xabier. O acto realízase con motivo do lanzamento da obra baseada en feitos reais do escritor cambadés Exidio Cuíñas, titulada Serei os teus ollos en Idomeni en conversa a tres voces, as das persoas voluntarias, os composteláns Azucena e Xabier, e o autor da obra, co editor Antón Mascato.