Entrevista a Ánxela Gracián sobre Memoria iluminada

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Hoxe coñecemos o libro-cd de poemas Memoria iluminada que vén de publicar Edicións Fervenza. Nel debúxase o universo de vivencias na aldea que se conservan na nosa memoria a través dos versos de Ánxela Gracián e a voz de Emilio Rúa. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Homenaxe A Escritora na súa Terra a Pilar Pallarés: discurso da presidencia da AELG no acto de entrega da Letra E

“Amigas e amigos,
Señoras e señores representantes das institucións sociais, culturais, políticas e sindicais da nosa Nación e da corporación provincial e municipal da Coruña,

Convócanos este acto de celebración da Escritora na súa Terra, para lle entregar a Letra E á poeta Pilar Pallarés. É un acto de recoñecemento da súa obra poética e literaria, e da súa longa traxectoria cultural, tamén nas plataformas cívicas ou culturais nesta cidade e en toda a Galiza. É un acto de recoñecemento da súa obra solidaria coa súa terra e co seu tempo e cos que nela moramos.
Estamos neste lugar que é Ágora que chama por nós, que convoca. Estamos no lugar da Escritora na súa Terra, que cada escritor ou escritora elixe como suma de xeografías persoais que levan a un centro de gravidade dende o que convocar outros lugares da propia biografía. Un lugar crisol de lugares e persoas queridas, portadoras de anacos dese tempo que vén da infancia e chega até hoxe e que a poeta fai vivir nos seus poemas.
Convócanos pois, nesta Ágora a palabra de Pilar, a palabra precisa na súa beleza, pois a súa é palabra creadora de afectos, palabra fundadora do poema, palabra de claridade interior ao tempo, que posuidora do fulgor nos leva a coñecer a alma humana. A palabra que creou e crea a súa obra e que abre en nós as portas ao coñecemento de todo aquilo que ela convoca na escrita e na vida.

Aproximarse á obra da nosa poeta homenaxeada é un acto fermoso ao tempo que rico e complexo, pois complexa e rica é a súa obra poética e esoutra obra, cun profundo e insubornábel contido ético, que vai tecendo social e culturalmente Pilar Pallarés, na súa relación cos que dun xeito ou doutro, persoal ou colectivamente, forman parte da súa vida no seu transcorrer nesta terra e no seu tempo.
A súa obra ten raíces que coinciden coas desta terra, que afondan na noite do tempo -dinos Francine Sucarrat no limiar ao seu primeiro libro de poemas no ano 1980. Son moitos os camiños culturais e sociais que transitou e transita a nosa poeta (fixo parte do Consello Directivo da AELG cando era presidido polo poeta Antón Avilés de Taramancos e era vicepresidenta María do Carme Kruckenberg), e diversos son os labores nos que realizar o ser coas súas incandescentes sombras.
Celebrámola no ensino, celebramos a que foi a súa traxectoria profesional como ensinante de lingua e literatura galega e non só. Sempre foi importante para Pilar Pallarés a súa relación cos alumnos e alumnas nas aulas e posteriormente fóra delas. A súa capacidade de comunicación co evoluir do tempo da mao dos máis novos, sempre lle deu a capacidade de ler os seus soños á luz do presente e a súa secreta floración do tempo.
A súa obra tamén forma parte da construción dunha sociedade galega dona do seu futuro que teña capacidade para se autodeterminar. Ao tempo, dialoga co propio ser que busca como poeta as certezas non visíbeis na incerta realidade do visíbel, doloroso, tantas veces tanto.
No centro das preocupacións humanas e sociais sempre estivo a defensa dos socialmente máis vulnerábeis, mulleres e homes desta terra e non só, tamén dos homes e mulleres que teñen a nosa terra como fogar, dos que a nosa terra fai seus como terra tamén acolledora. O que nos fai lembrar que son moitos os fillos e fillas de noso que andan polo mundo expulsados do arrimo desta a súa terra, da súa xente.
Este é tamén un acto de celebración da amizade como ben prezado que ela, como no verso oriental, fai certo que

«a amizade é un camiño onde non debe medrar a herba»

A amizade que ela valora como un ben, pois o fraterno abrazo axuda a navegar os propios enigmas dende a palabra amiga. Nunha amizade na que sempre hai algo de mutua aprendizaxe, de mutuas reflexións, do común diálogo sempre na raíz do ser. Esa amizade que a min hoxe me pon pudor á hora de falar sen exceder a discreción con que Pilar vive os seus días, as súas ledicias e as súas dores, cando a vida é río estreito, en sombra, e no ceo aínda non saíron as estrelas.
A quen lles fala, permitídeme, Pilar tenlle axudado a descubrir unha outra masculinidade, pois o feminismo de Pilar, na súa radical verdade, é clarificador na súa humana profundeza, é esperanza liberadora, tamén para os homes, é transformadora e faime convocar canda ela a Luísa Villalta. Creo que o verso liberador de Xohana Torres, «eu tamén navegar», forma parte consubstancial da súa biografía existencial.
Atreveríame a me achegar aos territorios sempre inexplorados da creación tan próximos á vida e que para toda poeta son misterio. A vida, que como a maré deixa as crebas nos areais e é materia para a creación. E, creo, como Pilar xa ten escrito hai mais de trinta e cinco anos: «poesía e vida son dúas voces que se acompañan e apoian, nun interminábel dúo de raiva e de amor». Con ela van da mao, nun diálogo fértil nunca acabado, a poesía e a vida.
A vida e a obra de Pilar Pallarés son verdade e teñen as asas transparentes da libeliña, capaces de soster a eternidade da palabra poética.
Así vexo a súa obra, non só a poética: Ser poeta como unha maneira de ser e estar no mundo. Ser poeta como nos pide Marguerite Yourcenar: darlle á súa poesía toda a verdade que hai na súa vida. Só entrando á súa obra para coñecela na súa verdade, é posíbel entrar á revelación do poético. Esa verdade que, como di o verso do querido e admirado Manuel María, nace cando

«Cada un vai arando en si todos os días para atopar só unha terra cativa.»

A obra de Pilar é acrisolada experiencia poética, a un tempo que é o froito da soidade intransferible na que todo toda poeta fai arder a súa vida, aquela que deixa pegadas indelébeis do seu acontecer.
Permítanme unha aproximación a algún dos territorios físicos da súa biografía que, creo, teñen importancia na súa vida e que poden ser como almeiros dos que nace o poético, lugares que son conformadores de sosego na vida de a diario, ou de encontro, de relación social e que, creo, poden habitar no substrato máis fondo da súa poesía.
Son pequenos territorios que a cidade non ama e que habita a nosa Poeta cos seres que neles se acollen. Lugares onde reborda a luz e seguen a ter alma labrega nos que non ficou roto o cordón umbilical cos eidos das aldeas e vilas de onde viñeron os que hoxe viven os bairros da cidade. Pilar vive estes bordes interiores da cidade, lugares que aos ollos da xente hoxe están a ermo, mais son lugares cheos de vida, nos que Pilar Pallarés lles dá centralidade humana, polos seres que a habitan, os que vemos e os que non vemos porque son criaturas da noite.
Son espazos que se vertebran como espazo social onde se manteñen relacións de veciñanza. É a cidade dos humildados. Os humildados que a cidade nega. Pilar Pallarés vive e busca nestes territorios, onde humanos e animais de humilde especie conviven e a cidade abandona e marxinaliza, mais que son lugares para a poeta nos que o solidario é o grande valor humano. Lugares dos que nos falara nos oitenta, no seu libro A cidade do capital, Marino Foli que nos dicía: «A xente quere recoñecerse na identidade do lugar onde vive.»
Outros, os lugares que conforman a biografía de toda persoa, especialmente o fogar da infancia. Sempre nos acompañará aínda que non exista xa fisicamente. No caso de Pilar, a casa, o fogar que foi, vive na memoria dos que a coñecemos. Vive nos poemas de Pilar que a conteñen como un tempo que ficou parado no sen tempo.
Pilar busca coma poeta tamén nos lindes do ser humano, do radicalmente humano, onde o poema con leve mao se abre paso ao centro imposíbel de desvendar.
Pilar Pallarés, como moitos e moitas de vós sodes coñecedoras, é dunha grande humanidade mais non é nada antropocéntrica. A súa relación cos seres vivos ten todos os irisados matices do arco da vella. Con eles busca as pegadas ocultas do tempo na súa densidade, pois todo leva a camiñar os inescrutábeis camiños interiores do que alenta de vida, alí onde se crea o poema.
As poéticas de Pilar van abríndose, diversas como gallas dun delta, para sumar as súas augas en ritmos espirais, para así crear os lugares íntimos do pensamento. A súa biografía poética é unha coa das poéticas que dan a rica complexidade da súa obra.
É filla dunha terra e dun tempo, mais camiña adiantada a el. E nela é cidadá do país da intelixencia, da cálida e poética intelixencia. Valora, intelectual e emocionalmente, coñecer ao outro, ao diferente, ao radicalmente outro. Ten a capacidade de se achegar a outras culturas para facelas propias coas súas fondas simboloxías. Como exemplo, a cultura africana, non para transitar a forma, senón para habitala, para ser nela o humano que busca no descoñecido e abisal. A nudez, a desposesión, o desexo, van na súa poesía á busca da raíz que atopa mesmo na máis antiga mornura de outras culturas, que fai raíz tamén nosa.
Lendo a Pilar, entrando para ser vulnerado pola poesía de Pilar Pallarés, podemos achegarnos á afirmación de Gamoneda de que a poesía non é literatura: é unha outra cousa que busca outra alta esperanza para o ser humano, neste tempo de deserción do humano.
Querida Pilar, es capaz de nos apreixar no teu sentir e así lévasnos a misterios que habitan a túa poesía. Lévasnos a nos desvendar o descoñecido de nós, abres a porta aos nosos propios segredos. Lévasnos, querida Pilar, con leve mao ao noso centro imposíbel de alumar, só co poema.
Ao nos dar de nós o que non sabemos nomear, dasnos arrecendos de nós nunca escoitados.
Bicos e xasmíns para ti.

Cesáreo Sánchez Iglesias,
presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
Centro Ágora, A Coruña.
29 de xuño de 2019

O discurso pode descargarse aquí.

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2019 para o 5 de xullo

O 5 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

11:00 h. Daniel Ugarte Otero asina O coala, na caseta da Libraría Nobel.
18:00 h. Concerto-presentación de Cantamos, de Luís Vallecillo, publicado por Guindastre Edicións. Posterior sinatura na caseta da Secretaría.
19:00 h. Daniel Asorey asina exemplares da súa obra na caseta da Libraría Pedreira.
19:00 h. Xosé Manuel González “Oli” asina Ratos de viaxe, na caseta de Libros para Soñar.
19:15 h. Presentación de Actrices secundarias, de Clara do Roxo, publicado por Elvira. Participa Xabier Romero.
20:00 h. Presentación de Versos e viceversos, de Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos, publicado por Kalandraka. Coa participación de An Alfaya.
20:00 h. María Xosé Porteiro asina exemplares de Sándalo, publicado por Galaxia, na caseta de Librouro.

Xosé A. Neira Cruz gaña o II Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro

Desde Galaxia:
“Reunido nas dependencias municipais da Pobra do Caramiñal a mañá do 3 de xullo de 2019, un xurado composto pola escritora Patricia Mallo, a vogal da Asociación Cultural Barbantia Pilar Sampedro e o director xeral da Editorial Galaxia Francisco Castro, decidiu por unanimidade declarar gañadora do II Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro a obra O enigma do baúl pechado de Xosé A. Neira Cruz.
O xurado destaca a fermosura da linguaxe poética empregada polo autor, malia tratarse a temática dunha cuestión dura e difícil como son as dificultades que moitas veces teñen as persoas inmigrantes para se integrar entre nós, tanto dende o punto de vista social como cultural. Ao tempo, o libro destaca por abordar a trama dende unha proposta que se achega ao realismo marabilloso que entronca perfectamente coa vella e fecunda tradición literaria que vén dende Cunqueiro ata os nosos días. Finalmente, salienta a habilidade narrativa para ter pendente ao lector ou á lectora durante todo o libro ao redor dun baúl e o enigma que agocha. O xurado coida que é un libro que pode servir, tamén, para sensibilizar ás lectoras e lectores sobre a importancia da defensa da igualdade e a loita contra dos prexuízos.”

O Centro Dramático Galego remata mañá no Teatro Afundación de Vigo a xira do espectáculo Neorretranca e posmorriña

Desde o Agadic:
“O espectáculo de Centro Dramático Galego (CDG) Neorretranca e posmorriña remata a súa xira mañá venres ás 20:30 h. no Teatro Afundación de Vigo, onde se despedirá do público tras ter ofrecido unha trintena de funcións en oito escenarios galegos.
Tras a súa estrea o pasado 11 de abril no Salón Teatro, sede do CDG en Santiago de Compostela, onde levou a cabo dúas quendas de representacións, a compañía pública viaxou coa súa última produción propia a Tui, Pontevedra, A Coruña, O Barco de Valdeorras, Rianxo e Ourense. Para este derradeiro pase en Vigo, as entradas poden adquirirse xa a través da web entradas.ataquilla.com.
Dez actrices poñen en escena as dúas pezas arredor das que se constrúe esta proposta: Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte. A través delas, o CDG ofrécelle ao público dúas olladas moi diferentes arredor da identidade galega, tema que é o punto de partida común de ambos os textos.
Este fío condutor compartido é o resultado da participación de ambos os autores na primeira edición do grupo de traballo DramaturXa, do que formaron parte xunto a outros 10 integrantes e baixo a coordinación do escritor e director teatral Manuel Lourenzo. A compañía da Xunta puxo en marcha esta nova iniciativa a primeiros de 2018 no marco do seu programa Dramaturxente de apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea, en colaboración coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGa.
Sinopses
A linguaxe corporal e o xogo escénico son os eixos arredor dos que se desenvolveu a montaxe Fantasía nº 5 en sol ou non, definida por Gena Baamonde como unha colaxe, un “catálogo-secuencia de múltiples imaxes dunha terra por facer”. A partir deste traballo de movemento grupal, o texto vai poñendo o foco en tópicos e prexuízos, que se abordan desde a ironía, o humor e a crítica.
Pola súa banda, Boisaca ou a divina desgraza reflicte outra visión da dramaturxia contemporánea, cun fío narrativo máis recoñecible e cargado de retranca a través de personaxes moi caricaturizados. O propio Roi Vidal, encarnado nunha actriz veterana, é un dos personaxes da obra, na que –coa encarga de escribir un texto sobre a identidade galega como escusa– emprende unha viaxe polo máis alá na procura do seu pai, Roberto Vidal Bolaño. Neste camiño, irase atopando con algunhas figuras emblemáticas do imaxinario galego como Isaac Díaz Pardo, Castelao ou Rosalía, ademais de contar coa axuda de Mary Shelley, a autora de Frankenstein, para intentar encaixar cada unha das pezas desa idea de Galicia.
Varias xeracións de actrices en escena
Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabel Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde son as 10 intérpretes de Neorretranca e posmorriña, conformando un elenco no que teñen cabida varias xeracións de mulleres con formacións e traxectorias artísticas moi diversas en ámbitos como o teatro, as artes do movemento ou o audiovisual.
O resto do equipo artístico tamén é maioritariamente feminino, con Marta Pazos a cargo do deseño da escenografía; Alicia e Lola Dapena (Saturna), do vestiario; Esther Quintas, da caracterización; Wilma Moutinho, da iluminación; Ailén Kendelman, da música orixinal e do adestramento vocal; María Cabeza de Vaca, da coreografía e do adestramento físico; Rosa Moledo, da asesoría lingüística, e o Mago Teto, da asesoría de maxia. Ademais, Iria Azevedo traballou na asistencia de dirección; Carmen Triñanes, de escenografía; María Alonso Velázquez, de música, e Hugo Torres, de produción.”

Manuel Portas: “Ensínasenos a procurar no amor unha sorte de solución a todos os nosos males”

Entrevista de Montse Dopico a Manuel Portas en Praza:
“(…) – Praza (P): O narrador [Por puntos] parece ás veces un romántico e outras semella que ri duns personaxes a miúdo un pouco patéticos. Persoas que se senten soas e que tentan -quizais de xeito absurdo- curar as súas carencias emocionais cumprindo coa norma social: buscando unha relación de parella. Hai unha intención de crítica social aí?
– Manuel Portas (MP): Por aí van os tiros. Pero en moitos personaxes hai xogos arquetípicos e histriónicos. Aínda que o narrador, que se mantén nunha omnisciencia aséptica e ás veces cruel, con quen marca máis distancias é co personaxe do profesor da autoescola, o representante da “autoridade”, que esconde unha angustia vital moi forte. Mais si: é un xogo traxicómico. Eu procurei, iso si, tratar cun delicadeza, con sensibilidade, uns personaxes que, como dis, poden resultar patéticos.
Por unha banda porque non teño intención moralizadora ningunha, e por outra porque penso que, sendo como son, resultan moi humanos e non é difícil poñerse no seu lugar. Si é certo que, como dicía, hai tipoloxías, arquetipos… Coma os mozotes do Barbanza, por exemplo. Ou Tupé, tan macholo, que sofre tamén unha tremenda soidade. E si, a novela ten que ver con como están estruturadas as relacións humanas, como se nos ensina que a solución á soidade é a procura dunha relación de parella, como se iso fose unha sorte de solución a todos os nosos males. Despois tamén hai un certo xogo coas convencións da novela policiaca, cos seus arquetipos: un caso a resolver, un investigador… (…)
– P: Tamén Marité e Adela -que, sendo máis nova, non é unha muller moi empoderada- representan un pouco o mesmo, en distintas xeracións. Esa socialización que fai depender a autoestima de ter “pretendentes”…
– MP: A de Marité a min paréceme unha existencia dramática. Acaba de casar, despois dunha primeira experiencia sexual traumática queda sen parella e non volve ter outra relación. Garda o seu equilibrio levando unha vida recollida e metódica, refúxiase no alcol, no que atopa momentos de pracer solitario… A súa é unha tremenda soidade ontolóxica…
Adela é capaz de sobrepoñerse tras o remate, tamén traumático, dunha relación, e mesmo se rebela contra a nai cando esta a chama a resignarse, porque non está disposta a aguantar: ten polo menos o seu amor propio. Mais si que é verdade que, como dis, atopa un reforzo da súa autoestima ao saberse considerada como obxecto de desexo sexual por parte dos homes. Os personaxes van avanzando ao longo da novela e é o lector, o lectora, quen ten que valorar como evolúen. (…)”