Homenaxe A Escritora na súa Terra – Letra E a Pilar Pallarés: discurso da presidencia da AELG na descuberta do monólito e a plantación da árbore

“Amigas e amigos,
Autoridades das institucións culturais políticas e sociais,

Querida Pilar Pallarés,

Facemos nacer da terra fértil a pedra para así crear o lugar do poema, para que soñe e se faga substancia, ánima da pedra.
Chantamos a pedra para que o sen tempo chame polo poema, chame e fale en emocionado diálogo cos libros da biblioteca como corazón colectivo no que cabe o latexar das personaxes que os Escritores e Escritoras crearon e que nela moran para estas se recoñeceren nos versos do poema de Pilar Pallarés e crearen outros poemas, outro tempo. Eles darannos a capacidade de nomear o tempo que aínda non existe.
A pedra da poeta que vén buscar achego perto dos lectores e lectoras, que tamén darán acougo a estes versos insculpidos na pedra. A insculpida pedra que o canteiro Domingos tallou con sabia e cálida mao.
Chantámola nun lugar de tránsito entre a cidade e a memoria de cidade verde onde as veciñas e veciños creando hortas salváronse das ás veces frías xeometrías urbanas.
Este xardín futuro da poesía, este anaco da natureza que na soia humilde centralidade é un cosmos onde o confluír en irmandade da biblioteca pública, do centro escolar, coas hortas dos mariñeiros, coas casas mariñeiras, fainos lembrar que está cidade ten unha antiguísima alma mariñeira. As hortas aínda teñen memoria da humildade do eido fértil onde reborda a vida, teñen unha alma na que habita a natureza como eco non moi lonxincuo dunha alma anterior á cidade, que era o eido a ser traballado polo home e a muller para o seu sustento.
Como nos versos da nosa poeta homenaxeada, furtamos hoxe silabas súas ao silencio para as traer a aquí e sexan elas bolboretas de luz, para que sexan hoxe presente, e tamén o lonxincuo da memoria colectiva que se chanta na terra fértil. Chantamos a pedra da escritora, facémola pedra fita, nosa, que chanta a raíz do poema, que enuncia e canta neste lugar que dende hoxe é xardín da poesía, onde o carballo entregará as súas sombras e se fará tempo vedraio, tempo antigo, amada caracocha onde naza o canto rumoroso do chover e diga delicadas sílabas do verso en namoro, a rula.
Aquí cantará de mañanciña clara a luz que vén do mar, e acariñará a pedra que pide tempo para ser memoria, eco antigo, para facer tremer de beleza o poema.
A árbore da poeta, o carballo, será sólida columna e sosterá o centro: un dos cinco puntos cardinais que nos di o pensamento do lonxincuo oriente, neste doce día de xuño, nun verao acabado de nacer que foi preguizoso en nos dar a súa mornura.
Chantamos a árbore na súa raíz, o carballo, o símbolo desta terra que é folla acharoada no chover e cae na terra para se facer fértil humus.
El daranos a sombra na súa rotación estacional pola que seguirmos o paso do tempo que tamén é arbore, daranos na mao o tempo circular, a luz a tecer a súa infinita espiral. Será acougo no verao co seu reloxo de sombra, para que a luz aconteza. A palabra que agarda polos soños.
Agardamos que este lugar sexa Ágora de comunicación poética e siga a dar fe da alma das cousas, dos sons da chuvia. Lugar onde reborda a luz para nos desvendar o misterioso que habita a realidade no idioma que é a memoria, que somos o Nós que contén o eu e os estremecementos desta clara luz de xuño.

Cesáreo Sánchez Iglesias
Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
Xardíns do Centro Ágora
A Coruña, a 29 de xuño de 2019

O discurso pode descargarse aquí.

Pontevedra: recital exposición de poesía, arte e ciencia do Obradoiro A Ciencia das Letras, conducido por Estíbaliz Espinosa

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2019 para o 4 de xullo

O 4 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. Presentación de As nosas letras de Muller a Muller, de María Eiras.
18:30 h. Ledicia Costas asina na caseta da Secretaría.
18:30 h. Roteiro con Pedro Feijoo polos lugares recollidos no seu libro Camiñar polo Vigo vello. Organizado pola Feira do Libro de Vigo. Previa inscrición, posterior á compra dun libro na Feira. Prazas limitadas a 25 persoas.
18:45 h. Daniel Landesa presenta Penumbra, publicado por Xerais. Participa María Lado. Ao remate, sinatura na caseta de Secretaría.
19:00 h. Xosé Manuel González “Oli” asina Ratos de viaxe, na caseta de Libros para Soñar.
19:30 h. Presentación de Os días felices de Benvido Seixas, de Eduard Velasco, publicado por Xerais. Participa O Leo i Arremecághona. Ao remate, sinatura na caseta de Secretaría.
19:30 h. Ana Fontenla asina exemplares de Números vermellos, publicado por Galaxia, na caseta da Libraría Pedreira.
20:00 h. Ana Cabaleiro asina exemplares de As ramonas, publicado por Galaxia, na caseta da Libraría Cartabón.
20:00 h. Antonio García Teijeiro asina Pasando as follas do tempo, publicado por Belagua, na caseta de Librouro.
20:15 h. Presentación de Galileo no espello da noite, de Xabier Paz, publicado por Xerais, en conversa con Ana Ulla. Ao remate, sinatura na caseta de Secretaría.

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2019 para o 3 de xullo

O 3 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. Obradoiro arredor de Quokka Mokka, de María Solar, ilustrado por Víctor Rivas, publicado por Xerais. Ao remate, sinatura de exemplares na caseta de Secretaría.
18:00 h. Mónica Penas Vázquez asina Ovo de paspallás, na caseta da Libraría Nobel Gran Vía.
18:30 h. Roteiro con Pedro Feijoo polos lugares recollidos no seu libro Camiñar polo Vigo vello. Organizado pola Feira do Libro de Vigo. Previa inscrición, posterior á compra dun libro na Feira. Prazas limitadas a 25 persoas.
18:30 h. Anxo Fariña asina na caseta de Secretaría.
18:30 h. Luís Davila asina O bichero, na caseta de Librouro.
19:00 h. Contra todo isto. Vivir sen permiso. A literatura e o pensamento en liberdade”, por Manuel Rivas. Ao finalizar, sinatura de exemplares na caseta da Secretaría.
19:00 h. Manuel Esteban asina na caseta da Secretaría.
19:45 h. Presentación de Rosalía feminista, de Helena González Fernández, publicado por Xerais. Participa Nuria Vil, recitadora. Ao rematar, sinatura de exemplares na caseta de Secretaría.
20:00 h. Iolanda Zúñiga estará asinando exemplares de Natura, publicado por Galaxia, na caseta da Libraría Cartabón