Redondela: acto destacado do 7 de xuño na Feira do Libro 2019

O 7 de xuño continúa a Feira do Libro de Redondela (na Alameda, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

19:00 h. Presentación de Pelo de nube, de Dani Viéitez e Iria Iglesias, publicado por Embora.
20:45 h. Presentación de As Penlas de Redondela, de Telmo Crespo Tojeiro, publicado por Imprenta Amador Pérez.

Morre aos 96 anos a “indómita” escritora portuguesa Agustina Bessa-Luís

Desde Sermos Galiza (foto: www.blogletras.com):
““Indómita”, “rebelde”, “perversa”, “insolente” son algúns dos adxectivos escollidos pola prensa portuguesa para retratar a escritora Agustina Bessa-Luís, vulto ineludíbel da literatura do país que morreu esta segunda feira, 3 de xuño en Porto, aos 96 anos. A autora da fundamental A Sibila (1953) deixa unha valoradísima obra narrativa.
“Unha das primeiras e máis feroces obras feministas da literatura portuguesa”, a dicir da crítica Joana Emídio Marques, A Sibila é o romance que consagrou a Bessa-Luís. “O humor e a intelixencia unidos teñen todo para resistir ao tempo”, dixo no limiar á última edición do libro, en 2017, o escritor Gonçalo M. Tavares. Novela de iniciación protagonizada por unha adiviña, hai estudosos que lle atribúen a superación do enfrontamento entre neorrealismo e modernismo que, na altura, estruturaba as letras lusas.
Mais non foi esa a única peza fulcral da autora. A súa traxectoria, recoñecida con innúmeros galardóns -aínda que chegou a afirmar irónica preferir o Nobel da Paz ao de Literatura-, inclúe As Fúrias (1977), Fanny Owen (1979), Vale Abraão (1991) ou a triloxía O Princípio da Incerteza (2001-2003).
O labor literario de Bessa-Luís serviu en varias ocasións de materia ao cinema do se cadra máis importante cineasta portugués, Manoel de Oliveira. Francisca (1981), O Convento (1995) ou Espelho Mágico (2005) foron tres das sete longas que o director apoiou nos libros de Bessa-Luís. Aínda este ano Rita Azevedo estreou A portuguesa, adaptada dun relato de Robert Musil pola propia Agustina Bessa-Luís.
Irredutíbel e nada obvia, á marxe de correntes dominantes, enigmática, a escritora trazou unha vía propia que lle valeu a admiración e respecto das últimas promocións literarias de Portugal. “O presidente da República cúrvase perante o seu xenio”, expresou Marcelo Rebelo de Sousa nun comunicado de condolencias. Bessa-Luís nacera en Amarante en 1922.”

Redondela: acto destacado do 6 de xuño na Feira do Libro 2019

O 6 de xuño comeza a Feira do Libro de Redondela (na Alameda, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, co seguinte acto literario destacado para este día:

20:00 h. Coloquio entre María Eiras (autora de As nosas letras de Muller a Muller -a exposición co mesmo nome estará aberta durante toda a feira-) e Elba Pedrosa, moderado por Teresa París Blanco.