Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Boiro: presentación de A Cova da Moura, de Natalia Carou
O martes 16, ás 20:30 horas, na Pousada das Ánimas (Rúa Pablo Iglesias, 14), en Boiro, preséntase a novela A Cova da Moura (editada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira e ilustrada por Jose Gimeno), de Natalia Carou Figueira. No acto, ademais da autora, intervirán Suso Santamaría, Xoán Pastor Rodríguez e Belén López Vázquez, e contará co acompañamento do grupo musical Barahunda, integrado por Helena Alfonso e José Lara Gruñeiro, que interpretarán algunhas das pezas medievais incluídas no seu último álbum, Múdanse os Ventos.
Paseo pola Coruña Literaria con Francisco X. Fernández Naval, o sábado 13 de maio
Paseos pola Coruña literaria – Primavera 2017 é unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.
Hai moitas formas de pasear pola cidade. Nesta ocasión, seguirémolo facendo a través de paseos pola Coruña da man das propias autoras e autores que escribiron obras ambientadas na cidade:
Sábado 13 de maio (12:00 h – 13:30 h): paseo con Francisco X. Fernández Naval.
A Coruña: feminina e plural. Dous serán os fíos condutores: a particularidade de ser A Coruña unha cidade que deu, ou na que viviron, mulleres transcendentes no seu pensamento e nos seus feitos e, tamén, o de ser de sempre cidade liberal. Pasaremos por lugares vinculados a María Casares, María Miramontes, María Pita, Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Herrera Garrido, Luísa Villalta. Falaremos do mito do nome da cidade, da razón da rúa das Damas, e invocaremos a Juana de Vega, Concepción Arenal, Isabel Zendal ou Eugenia Osterberger, sen deixar de atender ás referencias liberais que atoparemos camiño.
A inscrición previa, obrigatoria e gratuíta, pode facerse na conserxería do Centro Ágora (Lugar da Gramela, 17) ou chamando ao 981 189 888 (a partir das 9.00 h, en calquera dos casos), ou en lingua@coruna.es, a partir das seguintes datas:
Para este Paseo con Nacho Taibo a inscrición está aberta desde o martes 2 de maio. Actividade dirixida a persoas maiores de 16 anos. 55 prazas por paseo.
Lugo: Xoán R. Cuba e Xosé Miranda participan no Clube de Leitura Cultura do País, arredor de Contos colorados
(No Carril das Hortas, Lugo)
Santiago: actos propostos por Compostela Literaria
“Compostela Literaria propón á cidadanía e ao comercio unha acción arredor do 17 de maio para visiblizar e vindicar unha das nosas grandes riquezas: as nosas letras, a nosa lingua.
A idea é sinxela:
Que as letras galegas se vexan pola cidade, principalmente durante a semana do 17 de maio, mostrando libros escritos en galego nos escaparates, nas xanelas, nos portais, nos coches… Onde nos preste ou se nos ocorra!
Logo, agardan unha foto, que se pode enviar á páxina do Facebook, ou ao mail compostelaliteraria@gmail.com
Convidan a toda a sociedade compostelá a participar desta acción: hostelaría, comercio, particulares, asociacións, empresas, centros de ensino, institucións… En definitiva, a calquera que habite esta cidade, capital de Galicia e das letras…
Na páxina de Facebook irán actualizando a información desta actividade.”
Tamén, no mesmo día 17, na Praza de Mazarelos:
Entrevista a Miguel Anxo Fernández, premio Blanco Amor de novela longa
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O escritor e investigador cinematográfico Miguel Anxo Fernández visita o estudio do ‘ZigZag Diario’ para falar dun dos seus traballos máis recentes Blues para Moraima, premio Blanco Amor de novela longa na 35 edición dos galardóns. O libro traslada unha visión do exilio próxima á experimentada polo autor de A Esmorga, achegándolle ao lector a historia dun cineasta exiliado que traballa nunha serie sobre a memoria histórica, para tratar ademais temas como a Guerra Civil, o exilio ou a diáspora. Pode accederse á entrevista aquí.”
Celia Parra: “Algúns dos pioneiros da videopoesía son galegos. Aquí xa había este xénero nos 80”
Entrevista de Montse Dopico a Celia Parra en Praza:
““O primeiro documental sobre o panorama internacional da videopoesía”. Así se presenta Versogramas, un proxecto da produtora Celia Parra e os directores Belén Montero e Juan Lesta que iniciou hai unhas semanas unha campaña de micromecenado en Verkami. Os seus obxectivos son partillar o “abraio” ante o traballo dos creadores e creadoras deste formato e reivindicalo como xénero independente, ademais de axudar a derrubar os mitos que poidan quedar sobre a poesía como arte seria e difícil. Falamos con Celia Parra, coprodutora executiva de Versogramas, -que naceu como unha idea súa-, e con Belén Montero, guionista do mesmo, e codirectora, xunto con Juan Lesta. Esferobite asina a produción, e Isaac Garabatos a música orixinal.
– Praza (P): Xa faciades videopoemas. Como chegades ao proxecto do documental, desde a vosa experiencia?
– Celia Parra (CP): A idea naceu hai xa anos como un proxecto de mestrado, no que tiven como titora a Fernanda del Nido. Xa entón contactei con Esferobite -Belén Montero e Juan Lesta- para ir máis alá do proxecto de máster, e comezamos a traballar xuntos. Eu xa era poeta pero foi daquela cando descubrín o mundo da videopoesía, que me apaixonou. Belén e Juan eran, ademais, os compañeiros ideais, porque fixeran videocreación e algúns videopoemas moi interesantes…
– P: O documental forma parte dun proxecto máis amplo, que inclúe un libro+DVD que publicaría Galaxia. En que consiste?
– CP: É un proxecto transmedia. Primeiramente pensamos só no documental, pero despois engadimos outros formatos para tratar o tema dun xeito máis amplo. Versogramas é, así, un documental, un webdoc, unha exposición, unha longametraxe experimental que recolla a nosa visión sobre a videopoesía e un libro+DVD que incluirá o documental e textos arredor dos videopoemas de autores e autoras galegos, en principio… A peza central de Versogramas é o documental, que se ramifica no resto dos produtos.
– P: Que é o webdoc?
– CP: A idea é que calquera persoa poida experimentar coa videopoesía. A través dunha plataforma que é coma un xogo, no que o usuario ou usuaria poida crear o seu videopoema, subindo os seus propios materiais, buscando materiais online ou escollendo materiais da biblioteca do webdoc. Despois, a plataforma proporciona unhas guías que van levando á persoa por todo o proceso: análise do texto, uso de metáforas, traballo coas imaxes, selección de música… O obxectivo é que a persoa cree o seu propio videopoema, que despois pode compartir nas redes sociais, e que quedará na base de datos do webdoc. O webdoc é un proxecto que levariamos adiante coa axuda de A Navalla Suíza. (…)”
O cuarto de… Mercedes Queixas
Desde A Sega:
“Eu non nacín cun cuarto propio. Tiven que o inventar na primeira casa. Ás veces era a cama, antes de durmir, algo ás agachadas semiescuras; outras, era a mesa do comedor entre cadernos de deberes escolares e libros de texto. Aínda outras tiña que ser a mesa da cociña, fuxindo doutros labores e responsabilidades da casa, como filla primoxénita, propios do xénero, e acompañando coas mans a escrita e a lectura entre texturas e aromas dunha pota que puntualmente douraba rixóns para a economía familar.
O meu cuarto propio naceu canda todos os demais metros cadrados da casa de meu. Tiven que o pintar na segunda casa na que continuei a medrar até o de agora coas tres voces compañeiras que me amplifican todos os mundos. Puiden soñalo nos marcos do papel para a vida. Expoñer necesidades e reparto do espazo para o traballo profesional, para a escrita e a lectura. Valorar a entrada de luz natural para aproveitar a súa oportunidade. Ollar directamente a porta para vixiar idas e vindas das crianzas. E calcular a mesa curva para aproveitar ben o espazo de traballo.
Nos últimos vinte anos fóronme acompañando continuos saúdos e recepcións a novas lecturas que me rodean neste espazo compartido entre lembranzas fotográficas persoais, familiares e profesionais. Rosalía de Castro, Alexandre Bóveda, Manuel María, Lois Pereiro, Agustín Fernández Paz, Mª do Carme Kruckenberg, Begoña Caamaño van compoñendo, cara a cara, o mural iconográfico de pousos literarios. E, ás veces, no reparto equilibrado da mesa de cerdeira, retello columnas de folios e cadernos do meu alumnado xunto ás partituras da miña violínista preferida que me acompaña en ensaios descuberta.
A vista do traballo diario coas palabras, de tempos irregulares e condicionados, bate de fronte cun pequeno andel que, onda a chave da luz do cuarto, recolle os volumes propios que naceron, ao longo dos últimos vinte anos, para a lectura de ollos alleos e tactos prestados xenerosamente.
Porque, aos poucos, eu nacín ao meu cuarto propio.”